xoves, maio 23, 2019

André Abeledo candidato a Alcaldía de Narón por Diante, acompañado de Antón Sánchez, parlamentario de En Marea, rexistrou unha proposta de acordo sobre política de vivenda no Concello


Antón Sánchez e André Abledo explican que 10 anos despois do comezo da crise o problema de acceso á vivenda segue en Galiza.

O dereito recollido na Constitución a desfrutar dunha vivenda digna segue a estar tan lonxe coma nos peores anos da crise, cando miles de persoas eran expulsadas das súas casas por execucións hipotecarias.

Baixan os lanzamentos por execucións hipotecarias pero sube os derivados de non pagos de alugueiros.

Os desafiuzamentos e a exclusión do dereito ao acceso á vivenda de miles de persoas é algo estrutural e non conxuntural como nos pretenderon vender os gobernos durante estes anos.

É consecuencia de dous vectores. Un o modelo laboral do desemprego, da precariedade, da inestabilidade laboral, dos salarios de miseria que da lugar ás “pobrezas” sectoriais, denominación que buscan maquillar unha pobreza real, que son a pobreza, enerxética, alimentaria, ou a da exclusión do dereito á vivenda.

Outro vector é a política de vivenda, que no fundamental nada ten mudado nestes anos nos que supostamente os gobernos se preocuparon de atallar o drama da xente sen casa e das casas sen xente. Nada máis lonxe da realidade.

A vivenda segue a ser concibido como un ben de inversión, e non como un dereito.

O Estado español rescatou con miles de millóns, xa renunciou a recuperar 40.000 millóns dese rescate, aos bancos e mercoulles os “activos tóxicos” para sanear os seus balances, atopándose cunha boa oportunidade, nun momento en que miles de persoas estaban a quedar literalmente na rúa, de facer coas vivendas propiedade da SAREB un parque público de alugueiro a prezos sociais, e non se fixo.

Narón é unha cidade que sufriu tamén as consecuencias do modelo da burbulla inmobiliaria e do seu estoupido.

Os desafiuzamentos ou os problemas da xente para poder pagar a vivenda conviviron con promocións baleiras propiedade de grandes posuidores.

Nin unha medida de cambio de modelo a pesar da dramática experiencia destes anos. Só medidas de maquillaxe como reacción a un posible desgaste electoral, e pouco máis.

Ao contrario, a Lei de Arrendamentos Urbanos rebaixou o período mínimo de alugueiro de 5 a 3 anos, restando estabilidade aos inquilinos, sen introducir nin unha soa liña para a regulación dos prezos, duración de 5 anos recentemente restaurada vía RDL, medida positiva pero insuficiente para dar estabilidade ao arrendatario.

O Partido Popular e o PSOE incluso negáronse durante 15 anos a cumprir cun mandato lexislativo, para desenvolver regulamentariamente o concepto de vivenda baleira, paso indispensable para que os Concellos que así o desexen poidan aplicar recargos a esas vivendas que non se poñen a disposición da xente, en cumprimento do aprobado na Lei 2/2004 Reguladora de Facendas Locais.

Para as entidades financeiras ter un piso baleiro segue a ser tan barato coma antes da crise.

Un dos elementos reguladores do mercado e indispensables para unha política que defenda por riba de todo o dereito á vivenda é a creación dun Parque público de vivenda de alugueiro cunha dimensión axeitada.

Na maioría dos países europeos supera o 10 % do parque de vivendas, en Galiza e no Estado español non chega nin ao 1%.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo conta na actualidade cunhas 3.500 vivendas sobre un total de 1.600.000 vivendas que hai en Galiza, sendo a todas luces insuficiente, aínda máis si temos en conta que unha mala xestión nos procesos de adxudicación fai que haxa vivendas baleiras.

A pesar de anunciar con moita espectacularidade medidas que conducirían a liberar vivenda baleira para poñelas a disposición da xente, a Xunta de Galicia nos últimos 9 anos non incrementou ese parque, e non foi por falla de oportunidades, nun contexto onde se podía facer por varias vías; incorporación das vivendas da SAREB, de vivendas baleiras que se adquirisen, construción de vivenda nova, etc.

E con esta situación chega a chamada recuperación, que ven a consolidar o modelo da desigualdade, da perda de dereitos laborais, da precariedade e da miseria salarial.

Hai aproximadamente 300.000 traballadores e traballadoras que perciben menos do salario mínimo interprofesional.

Moitos deles mozos, que encadean traballos precarios e temporais.

A maioría das mozas e mozos, a diferencia de hai 10 anos, non poden acceder a unha hipoteca, e optan maioritariamente polo alugueiro.

En 2008 o 41% dos mozos que desfrutaban dunha vivenda o facían baixo a fórmula de alugueiro. No 2016 xa o fai o 71%.

Isto non tería porque ser malo si houbese un mercado de alugueiro público e privado que dotase de estabilidade e seguridade a estes mozos, cousa que non existe.

Aumenta a demanda de alugueiro, sobre todo nas áreas urbanas, e como non hai ningunha medida que regule prezos, e hai medidas que favorecen a expulsión dos arrendatarios, sube os prezos, como o fixeron en 2017 e 2018 onde medraron nalgunhas cidades de Galiza por riba do 10%.

Incluso, neste contexto, as axudas ao alugueiro contribúen a esta subida, ao carecer de elementos que limiten os prezos do mercado libre.

Os desafiuzamentos por impago de alugueiros sube, si non se quere remediar, seguirá subindo.

En Narón tampouco se artellou unha política de vivenda que atendese as necesidades de toda a sociedade desatendendo unha das cuestións prioritarias para clase traballadora.

Reivindicamos o papel central que deben de xogar os concellos, a administración máis próxima, na política de vivenda, a través da creación dun parque público municipal de vivenda en alugueiro social, da implantación dunha política fiscal que desincentive a especulación e incentive a función social da vivenda.

Dita política fiscal deberá de contar cos novos instrumentos que permite o RDL sobre medidas urxentes en materia de vivenda recentemente aprobado polo Estado, como é por exemplo o recargo no Imposto de Bens Inmobles á vivenda baleira dos grandes posuidores.

Ter a  vivenda baleira para especular non pode saír gratis.

Paralelamente estableceranse bonificacións en función da renda.

É preciso que Narón priorice a creación dun parque público de vivenda en alugueiro con prezos sociais para dar solución a aqueles colectivos con especiais dificultades económicas pero tamén que serva como elemento regulador do mercado da vivenda evitando a suba espectacular dos últimos anos nos prezos dos alugueiros, onde nas zonas urbanas de Galiza tiveron incrementos anuais de máis do 10 %.

O dereito a unha vivenda digna non está garantido neste país, e por elo compre mudar as políticas que nos trouxeron ata aquí.

A Moción solicita os seguintes acorgos ao Pleno do Concello, e pretende ser o primeiro paso para a creación dese parque de vivenda social que Narón tanto precisa.

➤ O Concello de Narón fixa como un obxectivo prioritario a implementación de políticas que incrementen substancialmente o parque público de vivenda en alugueiro, cunha intervención pública coordinada para a xeración suficiente de vivenda de promoción pública en alugueiro e desenvolver as posibilidades de incorporar ao patrimonio público de edificios e vivendas xa construídas de titularidade privada.

➤ Demande do Goberno do Estado a cesión das vivendas propiedade da SAREB en Galiza, para que se incorporen a dito Parque público de alugueiro mediante o oportuno convenio.

➤ A establecer os correspondentes orzamentos para as políticas de acceso á vivenda e liñas de axudas ás persoas economicamente máis vulnerables priorizando a xente moza, unidades familiares con baixos ingresos económicos e familias monoparentais con nenos a cargo.

➤ A implantar recargos no IBI á vivenda baleira sobre os grandes posuidores unha vez que entre en vigor o conceito de vivenda baleira definido pola Xunta de Galicia ou o Goberno do Estado como se determina no Real Decreto-ley 7/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes en materia de vivenda e alugueiro.

➤ Demande do Goberno español a iniciativa lexislativa para a modificación da Lei de Arrendamentos Urbanos que mellore a estabilidade dos contratos, limite o incremento dos prezos entre contrato e contrato, e limite as fianzas.

➤ Desenvolvemento, en coordinación coa Xunta de Galicia dun programa para prevención dos desafiuzamentos que sexa eficaz, que incremente a coordinación e conexión co sector do traballo social e, en última instancia que garanta o realoxo.

#AbrindoAsPortas
#AbrindoAsPortasDoRural
#AbrindoAsPortasDaIlusion

Programa Electoral 2019 de Narón por Diante. | Baixar/Acceder.

NARÓN POR DIANTE- SON EN COMÚN
Local de campaña
Praza de A Gándara (Rúa Vigo, 20, Narón).
Facebook | Twitter




Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
23 de maio de 2019 12:31

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon