martes, maio 07, 2019

'O obxectivo do BNG é mudar a cidade Non aceptaremos chantaxes nin vetos a cuestións decisivas para os veciños e veciñas de Ferrol', di Iván Rivas en resposta as declaracións de Angel Mato e Jorge Suarez


Iván Rivas: “o obxectivo do bng é mudar a cidade Non aceptaremos chantaxes nin vetos a cuestións decisivas para os veciños e veciñas de Ferrol”


O candidato á alcaldía do Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, Iván Rivas, compareceu esta mañá en rolda de prensa para responder ás declaracións dos outros dous candidatos do PSOE, Ángel Mato, e de FeC, Jorge Suárez. “O señor Suárez pide unha tregua ao BNG despois de catro anos de mandato nos que pactou a taxa de saneamento co PP, de entregarlle ás mesmas empresas concesionarias o precario transporte público nesta cidade ou de acometer unha drástica redución do gasto público e dos investimentos”, apuntou Rivas. “Mentres, ao señor Mato, non se lle ocorre mellor idea que elaborar un decálogo de temas sobre os cales considera que non é importante ou non se debe falar en campaña electoral”, incidiu voceiro nacionalista.

Cuestións tan transcendentes para o Concello de Ferrol coma o convenio con Defensa, nunha cidade que ten ocupado o 20% do seu solo urbano e na que se pretende desenvolver unha operación especulativa no Sánchez Aguilera con 460 vivendas novas e un centro comercial, sen ter en conta que o 20% das vivendas que Ferrol ten na actualidade están baleiras. Temas tamén como que  as veciñas e veciños desta cidade están a pagar pola depuración de augas de chuvia a través dunha empresa transnacional ou que o Estado nos entregou unha infraestrutura que non podía entrar a funcionar e na que non puxo un só euro para a execución dunhas obras que acabou asumindo de maneira íntegra a veciñanza desta cidade.

O BNG considera que é unha moi mala maneira de comezar unha campaña electoral omitindo cuestións que afectan directamente aos veciños e veciñas de Ferrol. “Non é admisible este tipo de declaracións por parte de FeC e do PSOE, que o único que demostran é cales son os intereses que defenden e a súa querencia absoluta polo poder sen ningún outro tipo de motivación”, sostivo Rivas. “ Demostran tamén a grande distancia que hai entre a postura que mantén o BNG en relación a estas cuestións e estas dúas formacións políticas”, engadiu.

Unha querencia que tamén se manifesta noutro dos candidatos a álcaldía da cidade: José Manuel Rey Varela. “O PP está morto. O señor Rey Varela non se cansou de dicir que se non obtiña a maioría absoluta tería que abandonar a súa presenza no Concello de Ferrol. Isto demostra que o seu obxectivo é  acadar o poder polo poder”, indicou o voceiro nacionalista.

O obxectivo do BNG é mudar a cidade de Ferrol, polo que se FeC e o PSOE queren formar parte dun goberno con nós,  non só que teñan que mudar as súas posicións políticas ao respecto deste tipo de cuestións, senón que como mínimo deberían incrementar a súa tolerancia ao debate político. “Se temos que gobernar en solitario no próximo mandato municipal, farémolo, e se tempos que estar na oposición, farémolo tamén. Pero o que é evidente é que os problemas que non se falan son problemas que non existen.  O primeiro paso que debemos asumir para poder resolver este tipo de cuestións tan importantes é  poder falar delas”, sentenciou Rivas.

Ferrol, 06 de maio de 2019.

BNG - Ferrol

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol



Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
6 de maio de 2019 13:54

__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon