luns, maio 13, 2019

Presentada unha iniciativa veciñal de apoio à candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas ao Concello de Ferrol - Vídeo


Presentada unha iniciativa veciñal de apoio à candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas ao Concello de Ferrol


En rolda de prensa convocada no salón de actos do Ateneo Ferrolán, un grupo de veciños e veciñas de Ferrol de diferentes ámbitos, presentaron unha iniciativa para recadar apoios públicos á candidatura de Iván Rivas. Unha iniciativa que en menos de 48 horas conta con 61 apoios de persoas “que non sendo do BNG, e mesmo tendo apoiado noutras ocasións outros proxectos políticos, vemos na candidatura de Iván Rivas unha oportunidade para sacar a Ferrol do burato onde está, tirando muros físicos e mentais, e retirando privilexios aos grupos de poder que nesta cidade non se presentan ás eleccións pero ao final ditan as políticas de goberno” como aseguraba Lupe Ces, unha das integrantes desta iniciativa.

José Oreona, presidente da asociación veciñal de Brión, outro dos asinantes da iniciativa, recordaba que ante os problemas graves que ao longo destes catro anos sufriron na súa parroquia, sobre todo o relacionado co tren a Caneliñas, e o transporte público na zona rural. O grupo municipal do BNG, non só nos acompañou, senón que “nos facilitaron toda a información, axudáronos en todo momento, mentres outras portas sempre estiveron pechadas dándonos largas”.

Inácio Martínez, asegurou que pola súa actividade en distintas plataformas e movementos sociais, ten asistido a moitos plenos e “sempre Iván Rivas demostraba estar preparado para abordar os distintos problemas, vía-se que preparaba en profundidade as propostas que levaba a pleno, coincidindo coas alternativas que defendíamos desde os movementos, sobre todo no relacionado coa defensa dos servizos públicos”, “será un bo alcalde para esta cidade, porque mesmo se implicou en axudar a resolver casos de desafiuzamentos, e demostrou ao longo destes catro anos a firmeza necesaria para enfrontar obxectivos como a remunicipalización”.

Entre os asistentes tamén tomou a palabra Rafa Aguirrebengoa, coñecido pola súa actividade sindical na administración pública que valorou a coherencia da opción do BNG, e a necesidade de que a idea de nación galega estea representada no Concello.

Desde outro ponto interveu Fernando Armesto, que asegurou non ser nacionalista, pero nestes momentos ve na candidatura do BNG encabezada por Iván Rivas, a única que merece a confianza das xentes de esquerda, a única posibilidade de que se freen os abusos das grandes empresas contra a cidadanía de Ferrol, “unha alternativa que faga cambiar o paso tanto à Xunta de Galicia coma o Estado, para que apliquen en Ferrol as políticas de emprego que tanto precisamos, porque sen emprego non hai futuro”.

Próximo acto de apoio á candidatura do BNG

Esta iniciativa organiza un acto público poético-político-musical para este mércores 15 de maio, às 8 da tarde na Praza Rosalía de Castro no barrio de San Xoán.


https://youtu.be/e3n8GaTJ4T4

Blogue: https://apoiocandidaturaivanrivas.blogspot.com/

Correo-e: apoiocandidaturaivan@gmail.com

Enviado por:
Apoio a candidatura encabezada por Iván Rivas
-apoiocandidaturaivan@gmail.com-
11 de maio de 2019 11:11

______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon