luns, maio 13, 2019

O cabeza de lista de Narón por Diante, André Abeledo, e o Portavoz Nacional de Anova Antón Sánchez, explicaron as propostas en materia de vivenda


ANTÓN SÁNCHEZ E ANDRÉ ABELEDO PROPOÑEN EN NARÓN UN PARQUE PÚBLICO MUNICIPAL DE VIVENDA EN ALUGUEIRO CON PREZOS SOCIAIS


O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez e o cabeza de lista de Narón por Diante, André Abeledo, compareceron hoxe en Narón para explicar propostas en materia de vivenda.

Lembraron o dereito da poboación a ter acceso a unha vivenda digna, un problema agravado nos anos da crise e que se trasladou ao eido do alugueiro con enormes dificultades para poder acceder a presos accesíbeis e normais. “A vivenda continúa a ser obxecto de especulación e de investimentos, de tráfico económico e non un dereito da xente”, afirmou Antón Sánchez, quen lembrou que o estado “resgaou aos bancos con miles de millóns de euros mais non se ocupou de crear un parque público de vivendas en alugueiro a prezos sociais mediante a Sareb”.

A nulidade de Feijoó para garantir o dereito á vivenda.

Neste sentido, salientaron que Narón tamén é un exemplo de todo isto. Puxeron sobre a mesa a necesidade de crear un Parque público de vivenda de alugueiro ao xeito do que existe noutros países europeos. Ademais, apuntaron cara o grande volume de vivendas baleiras existente que habería que xestionar. Nesa liña, Antón Sánchez reprochou á Feijóo que “a pesar dos seus anuncios e da súa propaganda non adoptou ningunha medida para liberar vivenda baleira”.

Sánchez e Abeledo explicaron que nun contexto de “consolidación dun modelo de traballo precario, salarios baixos, e desigualdade, con mocedade que non pode ter un plan de futuro. Non poden plantexarse mercar unha vivenda e trasladáronse ao eido do alugueiro onde a especulación e o aumento dos prezos é co que se atopan”. Sinalaron que aumentou exponencialmente a demanda de vivenda de alugueiro, especialmente nas áreas urbanas como é o caso de Narón. “Aquí tampouco se artellou unha política de vivenda centrada nas necesidades da xente”.

Parar os abusos e a especulación coa vivenda

Enfatizaron o papel que os concellos poden xogar nesta importante materia mediante a creación un Parque Público municipal de vivenda en alugueiro social, con prezos sociais, a implantación dunha política fiscal que desincentive a especulación e impulse a función social da vivenda. Demandaron medidas para rematar coa especulación de vivendas baleiras.

Puxeron de manifesto que nos últimos anos as zonas urbanas de Galiza tiveron aumentos anuais de máis do 10% no alugueiro.

O candidato á alcaldía de Narón, André Abeledo, propuso que no concello de Narón se fixe como repto prioritario o estabelecemento dun Parque público de vivenda en alugueiro. Asemade, explicaron a necesidades de pedir ao Goberno do estado a cesión de vivendas en propiedade da Sareb para que poidan ser incluídas nesta iniciativa. Unha proposta que debe ser dotada de suficiente orzamento e liñas de axuda destinadas aos sectores sociais máis desfavorecidos, familias monoparentais e a mocidade. Igualmente, consideran relevante que se implanten recargos no IBI á vivenda baleira sobre os grandes posuidores a fin de rematar coa política especulativa. Consideran tamén que se debe modificar a Lei de Arrendamentos Urbanos para estipular un límite ao incrementos dos prezos de alugueiro entre contrato e contrato.

Defenden que a Xunta teña un papel máis activo en materia de vivenda e por exemplo desenvolva, en coordinación cos concellos, un programa de prevención de desafiuzamentos e haxa alternativas de realoxo.

Narón, 13 de maio de 2019.


https://www.facebook.com/naronpordiante/

https://twitter.com/naronpordiante


NARÓN POR DIANTE- SON EN COMÚN



Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
13 de maio de 2019 14:02

_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon