venres, xullo 19, 2019

Seis entidades de dereitos de infancia e dereitos da muller piden a xuices e fiscais que apliquen todos os recursos legais para garantir a protección das vítimas menores de idade - A mantenta da nova coñecida esta semana sobre a entrega dunha nena de seis anos ao pai, denunciado por abusos sexuais, para o período de vacacións que lle corresponde - A entrega realizouse no xulgado de familia de A Coruña


Agamme, Rede de Mulleres de Vigo, Marcha Mundial das Mulleres, Asocim, Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Adavas Baixo Miño e a Asociación Cultural Fuco Buxán alertan do retroceso que se está a producir en dereitos de certos colectivos, como é o de nenos e nenas vítimas. Esta semana a prensa galega fíxose eco da situación dunha nena de seis anos que foi entregada ao proxenitor sobre quen pesan denuncias de abuso sexual que están a ser tramitadas por un xulgado de Málaga. A nena deberá pasar no domicilio do proxenitor o período de 15 días de vacacións que lle corresponde por sentenza. Nin o xulgado de civil nin o de penal consideraron necesaria ningunha medida de protección, o cal contravén as normas estatais e internacionais sobre os dereitos das vítimas do delito.


Sete entidades galegas de dereitos de infancia e dereitos da muller piden a xuíces e fiscais que apliquen todos os recursos legais para garantir a protección das vítimas menores de idade.

Segundo figura en prensa, este martes unha nena de seis anos foi entregada polo xulgado de familia de A Coruña ao pai para o cumprimento do período vacacional. O xulgado non considerou suficiente para establecer unha medida de protección o feito de que haxa en trámite denuncias por abusos sexuais contra o proxenitor. Sete entidades - AGAMME, Rede de Mulleres de Vigo, Marcha Mundial das Mulleres, ASOCIM, ADAVAS Baixo Miño, Asociación Cultural Fuco Buxán e Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego- reclaman a necesidade de que se garantan os dereitos dos nenos e nenas en procedementos xudiciais, especialmente cando acoden en calidade de vítimas. A lexislación vixente ofrece ferramentas xurídicas suficientes para que tanto na vía penal como na vía civil os xulgados poidan adoptar medidas de protección inmediatas, cando a urxencia da situación o requira. Do mesmo xeito, é potestade do Ministerio Fiscal interesar a aplicación destas medidas cando se observe un risco para a integridade ou o benestar do neno ou da nena. Habendo un procedemento aberto por abusos sexuais contra un proxenitor, permitir ou amparar o cumprimento dun réxime de estancia ten varias consecuencias prexudiciais: en primeiro lugar, a máis evidente, o risco dunha nova exposición á violencia que se está a investigar por parte dun xulgado de instrución de Málaga. Unha exposición por un período de quince días durante os cales as decisión sobre asistencia a servizos sanitarios, etc quedan en mans do proxenitor denunciado; en segundo lugar, como testemuño dun posible delito sexual, a nena debería ser protexida do contacto co presunto agresor, tal e como sinala toda a normativa internacional e estatal a respecto das medidas de protección de vítimas do delito; por último, para as vítimas é profundamente danoso verse desprotexidas pola administración, esa sensación de abandono causa unha segunda vitimización con consecuencias a curto, medio e longo prazo.

As entidades lembran que existe un informe da Axencia Europea de Dereitos Fundamentais que advirte de que a xustiza española non atende adecuadamente ás vítimas de violencia sexual e que isto é percibido de maneira moi negativa por parte das propias vítimas. Ademais o informe de Save the ChildrenOjos que no quieren ver” sinala que a violencia sexual ten unha taxa de sobresementos moi elevada. Tan só 3 de cada 10 casos denunciados chegan a xuízo, os 7 restantes morren na fase de instrución, habitualmente por falta de probas. Dese 30% de casos que van a xuízo, só o 15% levan a unha condena por delito sexual.

Estímase que o 85% do abuso sexual é totalmente invisible, nunca será denunciado. Entre o 80 e o 90%, dependendo dos estudos, o abuso prodúcense no propio ámbito familiar. Con todo este ronsel de datos desastrosos, certas accións por parte da xustiza española non só non contribúe a mellorar as cifras de denuncia senón que serven para alertar de que denunciar abusos cara un fillo ou filla comporta un risco real. Non se observa por parte dos executivos estatal e autonómico ningún interese en mellorar a calidade do sistema xudicial no que se refire á investigación de delitos cometidos contra nenos, nenas e adolescentes. Seguimos co mesmo tipo de equipos de hai dez anos, que seguen a ser seleccionados sen criterios específicos de formación en avaliación de maltrato infantil e abuso sexual e en avaliación do testemuño de menores de idade.No ano 2017 o Parlamento Europeo aceptou a trámite a petición presentada por AGAMME, a Rede de Mulleres de Vigo e o Grupo de investigación Antígona (UAB) en 2015. Fíxoo despois de que a Comisión Europea vise unha posible desconformidade entre a normativa europea relativa á investigación dos delitos sexuais contra menores de idade e a normativa española, así como a práctica levada a cabo por parte da administración e a xustiza españolas. A día de hoxe a investigación continúa aberta. En xaneiro deste ano, a Comisión Europea abriu expediente sancionador contra o Estado Español polo seu atraso en aplicar a devandita normativa europea.

As sete asociacións reiteran a súa preocupación pola situación de nenos e nenas que, como no caso presente, son entregadas a proxenitores sobre os que caen denuncias por presunta violencia. Pola dor que se causa innecesariamente a estes nenos e nenas e pola vulnerabilidade na que se lles sitúa. Ademais, indirectamente marca unha liña de pensamento arredor do abuso sexual infantil e da violencia dentro da familia, prexuízos contra os que o movemento asociativo leva décadas loitando e que dificultan ás vítimas atopar xustiza e protección. As entidades denuncian que no momento actual se está a producir un retroceso en dereitos dos colectivos menos favorecidos, entre eles nenos, nenas e adolescentes, e que se está a devolver ao ámbito do privado e á condena do silencio esta realidade dramática. Por último, anuncian que se dirixirán nos próximos días á Fiscalía Superior e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para pedir que se establezan protocolos garantistas dos dereitos das vítimas menores de idade.

18 de xullo de 2019

---






Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].

Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
18 de julho de 2019 18:52

______________________



Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon