mércores, novembro 20, 2019

A Plataforma rexeita os argumentos da sentenza do TSXG, para non ter en conta o recurso de apelación do Concello de Ferrol, no asunto da suspensión da Taxa de Depuración e chama aos grupos municipais para que acorden interpoñer recurso ante o Tribunal Supremo - Mais reitera que o conflito que xera o cobro da Taxa de Depuración, dun período onde non se prestaba o servizo (31 meses e 7,1 millóns de euros) ven xerado pola propia presencia de Emafesa como xestora do sistema de saneamento e depuración, e que a solución a ese conflito é política


A Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remuniciplización rexeita os argumentos da sentenza do TSXG, para non ter en conta o recurso de apelación do Concello de Ferrol, no asunto da suspensión da ordenanza que regula a Taxa de Depuración e chama aos grupos municipais para que acorden interpoñer recurso ante o Tribunal Supremo. A Plataforma reitera, que o conflito que xera o cobro da Taxa de Depuración, dun período onde non se prestaba o servizo (31 meses e 7,1 millóns de euros) ven xerado pola propia presencia de Emafesa como xestora do sistema de saneamento e depuración, e que a solución a ese conflito é política.

Foi o mal goberno dos anteriores alcaldes, o que provocou a situación actual de inxustiza e inestabilidade na prestación do servizo. Un, Rey Varela, por recibir unha infraestrutura que non funcionaba e impoñer unha taxa para un período onde non se prestaba o servizo, mesmo que era imposíbel presta-lo por non estar finalizada a construción dos interceptores e colectores; por entregar a xestión da depuradora de carácter supramunicipal a Emafesa, encadeando unha serie de encomendas, mesmo deixando ao marxe ao Concello de Narón, e aumentando en máis dun 20% o volume de negocio da empresa privada que a xestiona, transgredindo o disposto na LCSP [1]. E outro, Jorge Suárez, por non cumprir o acordado polo seu propio goberno en agosto de 2015 despois de constatar o engano de Emafesa e o anterior goberno, na inspección realizada onde se atoparon cunha depuradora que non funcionaba, sen persoal contratado, sen subministro eléctrico, con fisuras, ... Acordo de agosto de 2015, onde se aprobou, entre outras medidas, derogar a ordenanza, entregar a depuradora a Augas de Galicia, acudir á fiscalía, realizar unha auditoría a Emafesa.

Posición ante esta nova sentenza

En primeiro lugar manifestar a desconformidade co argumento do TSXG de que a suspensión supoñía, de facto, a derogación da ordenanza e que o Concello debeu de seguir os trámites, como afirma a Sentenza, dos preceptos correspondentes do TRLHL [2], para a derogación ou modificación da ordenanza, argumento que cae polos acontecementos posteriores, ao seguir a ordenanza en vigor, dado que non foi derogada. A proba foi o acordo plenario do Concello de Ferrol do 15 de novembro de 2017 onde se declarou finalizada a suspensión da aplicación da Ordenanza, dado que xa se estaba producindo o feito impoñíbel. Isto foi constatado por un informe do enxeñeiro municipal. Mesmo a Comisión Mixta de Seguimento do sistema de interceptores e colectores, confirma, como é público, documentado e notorio, que foi o 3 de abril de 2017 cando se conectaron os interceptores ao sistema e comezou o bombeo das augas residuais á depuradora de Cabo Prioriño. De feito é a data na que o Concello de Narón comeza a cobrar a Taxa aos seus veciños e veciñas. Non é de recibo, cando se menciona na sentenza a falta de tempo explícito da suspensión, por falta de límite temporal, cando queda explicito que o período de tempo, pódese determinar diante dun acontecemento concreto, como así foi a conexión dos interceptores e colectores xerais ao conxunto do sistema de saneamento e depuración, feito contrastábel. O Concello de Narón aprobou a taxa de depuración no Pleno do 30 de xuño de 2016 e só a comezou a cobrar desde o 3 de abril de 2017, data na que se comezou a dar o feito impoñíbel.

En segundo lugar, máis aló de quen sexa responsábel e das circunstancias que tiveron lugar na execución das obras e do deficiente estado das instalacións, como o atraso no remate da construción do sistema de interceptores que impediron que o servizo de depuración e tratamento de augas residuais non se puidera prestar até abril de 2017, manifestamos que a veciñanza de Ferrol, non ten obriga de pagar a taxa até ese momento, que foi cando comezou a dar-se o feito impoñíbel, como así se lles aplicou á de Narón e se lles está a aplicar as veciñas e veciños da conca d'A Malata que aínda non teñen rematadas as obras de intercepción (colectores, interceptores, tanques de tormenta, aliviaderos, ...), mais si a EBAR e a EDAR, como emisarios terrestre e submarino.

Sen entrar na imposición, no seu momento, dunha ordenanza coa que non estabamos de acordo, non participada, inxusta e avultada, e que só beneficiaba aos intereses da parte privada de Emafesa (Socamex), como no transcurso do tempo así se demostrou, non entendemos como se pode aplicar durante un período tan prolongado no tempo sen que realmente se dera o feito impoñíbel, aínda que Emafesa alegue que non foi imputábel a ela, sinalando ás diferentes administracións polos defectos de construción na infraestrutura e a ACUAES polo atraso na execución do sistema de interceptores. No importe da Taxa que contempla a citada ordenanza, recóllense os custos de arranque e posta en servizo e funcionamento, pois así figura no expediente administrativo da elaboración da mencionada ordenanza. Mais o Tribunal non argumenta o porqué as veciñas e veciños de Ferrol, suxeitos pasivos da taxa, temos que abonala aínda que a prestación do servizo público de depuración e tratamento de augas residuais non se puidera realizar á data de adopción do acordo, nin houbese lugar á efectiva posta en servizo das instalacións (como dispón no Artigo 7 da Ordenanza) [3]. Non é de recibo, para a veciñanza afectada, que teña que sufraga un custe que non lle corresponde (7,1 millóns de euros) porque o texto da ordenanza que regula a taxa recolle unha "pluralidade" de supostos suxeitos a tributación (Artigo 2 da ordenanza) [4] que na súa maioría non se dan até o mencionado 3 de abril de 2017 e un desenvolvemento "plurifásico" do servizo de recollida e tratamento das augas residuais ao longo dun período de tempo, que segundo a propia Emafesa, as diferentes fases sumarían 8 meses, mais a realidade constatou que foron 31 meses, polo simple feito de que as augas residuais non podían chegar até a depuradora. Son 23 meses máis do período "plurifásico" recollido no caducado (a principios de xuño de 2016) Protocolo de Execución Concertada acordado entre o Concello de Ferrol e Emafesa e comentadas nos informes de PROYFE [5].

A situación no sistema de saneamento e depuración das augas residuais, no momento de producir-se o acordo plenario de suspensión da ordenanza, en síntese era o que segue:

➤ Os defectos de construción e fisuras que presentaba a EDAR non foran reparadas.

➤ Os colectores xerais e os interceptores non estaban concluídos nin entregados.

➤ A EDAR non estaba posta en servizo nin explotando-se.

➤ As escasas augas residuais que chegaban á EDAR (un 1,5% da súa capacidade) non se depuraban.

Na reunión coa concelleira Ana Lamas e o concelleiro Germán Costoya, celebrada o 8 de agosto, expuxemos unha serie de alternativas para que a veciñanza de Ferrol afectada por estes cobros, non se vexa gravada na súa economía por un mal goberno e unha mala xestión. A concelleira pediu-nos un tempo prudente, para estudar as nosas propostas. Con posterioridade, o 18 de setembro solicitamos xuntanza co Alcalde, polo de agora non tivemos resposta de ningún tipo.

As nosas propostas actualizadas:

➮ Demandar do Concello que continúe co proceso xudicial, interpoñendo un recurso de casación ao Tribunal Supremo, contra a sentenza do TSXG do pasado 15 de novembro.

➮ Formar unha mesa de diálogo, para enfrontar este tema incluíndo ás asociacións veciñais, pedindo tamén o asesoramento de AEOPAS.

➮ Paralizar o cobro de recibos atrasados de depuración.

➮ Negociar coa empresa os pagos pendentes, con facturas presentadas de gastos nese período (que non se deran presentado cando se formou unha comisión para este tema na anterior corporación municipal), e no seu caso enfrontalos como subvención a través dos orzamentos xerais do concello.

➮ Realizar unha auditoría integral de xestión e económica que faga luz sobre a realidade da empresa e permita o rescate do servizo por parte do Concello.

Pola nosa parte, seguiremos co non pago dos recibos que EMAFESA presenta a cobro co concepto de “Facturación Servizo Depuración” do período onde aínda non se prestaba o servizo; iniciaremos todas as accións ao noso alcance para defendermo-nos deste atropelo con estafa, que a empresa Emafesa-Socamex impón á cidadanía de Ferrol, e seguiremos coa acción cidadá para acadar os nosos obxectivos.


Notas.-


[1] Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se transponen ao ordenamiento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.

[2] Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido de la Lei Reguladora das Facendas Locais.

[3] Artigo 7.- Obrigación de retribución.

a) Servizo de recolleita e depuración de augas residuais: esta taxa ten carácter periódico. Devéñase e nace a obrigación de pago cando se inicie a actividade que constitúe o seu feito impoñíbel, entendéndose iniciada a mesma desde que teña lugar a efectiva posta en servizo das instalacións de recolleita e depuración de augas residuais, nos términos establecidos no artigo 3 (...).

[4] Artigo 2.- Feito impoñíbel.

Constitúe o feito impoñíbel desta taxa a utilización ou prestación dalgún dos servizos seguintes:

a) A prestación do servizo de recepción obrigatoria de recolleita e depuración de augas residuais (servizo de saneamento en rede primaria, en -alta-, servizo de interceptación e depuración), que inclúe os seguintes conceptos:

a.1) Mantemento e explotación da EDAR de Cabo Prioriño e do emisario submarino (en diante, servizo de depuración).

a.2) Mantemento e explotación da EBAR da Malata, emisario terrestre de Brión, emisario submarino da Malata, colector-interceptor cos seus bombeos intermedios, tanques de tormentas e alivios (en diante, servizo de interceptación).

A taxa en concepto de servizo de depuración (2.a.1) e servizo de interceptación (2.a.2) será exixible a partir da recepción e posta en servizo e explotación das instalacións da EDAR de Cabo Prioriño que motivan a súa imposición.

[5] “Protocolo de execución concertado entre o Concello de Ferrol e Emafesa para a xestión, explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración”. Comentados nos informes de PROYFE, empresa consultora externa, contratada pola propia Emafesa.

PLATAFORMA NA DEFENSA
DOS SERVIZOS PÚBLICOS,
POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Abonda de saqueo! Hai outras alternativas!
Pódese, débese e precísase!
Correo-e: remunicipalizacion.plataforma@gmail.com
Web: https://plataformaferrol.blogspot.com.es/
Facebook: @RemunicipalizarFerrol   |  Twitter: @municipalizarFT

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon