➤ Sentimos-nos inquedos pola situación dunha parte importante da poboación, coa que compartimos situacións de incerteza e precariedade económica e social.
➤ A falta de previsión dos gobernos e as medidas de confinamento e distanciamento social, afectan de forma significativa ás persoas máis vulnerábeis, en especial ás máis pobres, dependentes e maiores.
➤ Necesitamos medidas urxentes para atender a aquelas persoas que están sufrindo de xeito especial por mor da pandemia... as persoas pobres, dependentes e empobrecidas, todas as que dormen nas rúas; as que precisan de entidades sociais para sobrevivir; así como aquelas que agardan pola resolución de axudas sociais.
➤ Preocupa-nos o asunto do peche dos comedores escolares, pois para moitos pais e nais, era unha garantía para que as súas crianzas tiveran ao menos unha comida garantida durante o día.
As persoas que participamos na Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra - Stop Desafiuzamentos, sentimos-nos inquedos pola situación dunha parte importante da poboación, coa que compartimos situacións de incerteza e precariedade económica e social. Pola falta de recursos económicos básicos ou a proximidade da perda do fogar, por desafiuzamento da vivenda en alugueiro ou lanzamento despois de poxa pública, vítima dos abusos bancarios. Situación agora agravada pola crise sanitaria e socioeconómica, provocada polo novo coronavirus e como afectan as medidas que está tomando o Goberno Español, a Xunta de Galicia e o gobernos municipais, a aquelas persoas que malviven sen teito; ou sen recursos económicos que non se lles concedeu a Risga ou se lle retirou inxustamente; ou con prestacións insuficientes (subsidios, Risga, Rai, pensións non contributivas, ...); ou mesmo empregos precarios, prestacións de desemprego; ou de pensións insuficientes. Por desgraza son moitas as persoas que están no límite da pobreza, mais tamén son moitas miles as que xa son pobres, vulnerábeis e excluídas. Ao que non tardaremos en sumar os despidos inmediatos do emprego temporal, permisos sen remunerar e os ERTEs (Expedientes de Regulación Temporais de Emprego).
A falta de previsión e as medidas de confinamento e distanciamento social, afectan de forma especial ás persoas máis vulnerábeis, en especial ás máis pobres, dependentes e maiores, todo isto sumado resulta unha situación que nos causa especial preocupación e non vemos que se estean tomando medidas que recoñezan esta realidade.
Necesitamos medidas urxentes para atender a aquelas persoas que están sufrindo de xeito especial por mor da pandemia.
Preocupa-nos en especial as persoas pobres e empobrecidas, todas as que dormen nas rúas; as que precisan de entidades sociais para sobrevivir; así como aquelas que agardan pola resolución de axudas sociais; necesitan de xustiza social, de medidas que "aproveiten esta crise para redistribuír a riqueza e poñela así ao servizo daquelas que sofren a precariedade e pobreza" formulan desde a ODS de Coia, palabras que facemos nosas.
As autoridades municipais son as que deberían de elaborar un plan de choque social en cada concello, para atender as necesidades de maiores en soidade e pobres. Por exemplo, en Ferrol, cancelaron os comedores de maiores. A Cociña Económica di que non pode deixar de dar as comidas, mais non deixan circular á xente pola rúa a non ser que vaia a traballar, comprar alimentos, medicamentos,... ou a algunha emerxencia. Hai xente sen teito que durme onde pode. No fogar de transeúntes por norma teñen que saír ás 8 da mañá e ate ás 8 da tarde non poden volver a entrar. Non sabemos se farán unha excepción ou os botaran á rúa até as 8 da tarde. E por outra banda está o asunto do peche dos comedores escolares, pois para moitos pais e nais, era unha garantía para que as súas crianzas tiveran ao menos unha comida garantida durante o día, pois sabemos que a situación económica de moitas familias é moi precaria.
En Ferrol o número de persoas, que viven soas son en total 8.600. Destas as mulleres maiores de 65 anos que viven soas son 3.460 e os homes 955, en total son son 4.415. Son moitas as persoas maiores que viven soas polo que na situación de crise por mor do novo coronavirus (Cevid-19), cumpre un plano municipal de choque para atender ás posíbeis necesidades deste grupo da poboación que grande parte dela, ten aos seus familiares emigrados ou están sen cobertura familiar e pensións moi baixas.
Os grupos municipais, deberían de actuar en consecuencia. Constituír unha comisión municipal social de emerxencia que atenda ás persoas máis vulnerábeis. Poñer á disposición destas, servizos de atención que garantan a alimentación, e a seguridade de todas as persoas maiores e menores, e que cubran as necesidades básicas. Teléfonos de contacto e zonas de atención directa, con recursos a súa disposición.
O estado de alarma e as medidas que se van acordando, se non hai planos de actuación de proximidade, precarizarán aínda máis a situación das persoas máis pobres e os máis vuneábeis; a confinación e o distanciamento social, provoca un maior illamento destes sectores. Necesitamos respostas colectivas dos sectores máis conscientes e implicados socialmente, para esixir con contundencia unha implicación real e efectiva dos poderes públicos locais para enfrentar estas urxencias sociais.
Ferrol, a 16 de marzo, de 20120
Desde Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra sumamos-nos á campaña, promovida polas nosas compañeiras de ODS-Coia de Vigo: Ante a crise do coronavirus: #FicoNaCasaMaisConRendaBasica.
#Coronavirus
#Covid-19
Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra - Stop Desafiuzamentos
→ Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
→ Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
→ No facebook
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra
Todos os martes (Menos festivos), vemo-nos en Caranza (Ferrol), pola tarde entre as 5 e 7 da tarde, no local da Fuco Buxán A.C. (Local Social Tino Deibe, na Rúa Armada Española, 32 Baixo). Se queres participar achega-te!
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon