venres, marzo 27, 2020

Coronavirus: Ertes e Inertes, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
27.03.2020


CORONAVIRUS: ERTES E INERTES

Ese cheeto atomatado do micromundo da familia coronaviridae que en vez dun guepardo antropomórfico con gafas de sol ten como mascota a un pangolin, vai ser quen veña fornecer a sopa de morcego do novo fascismo. Ao abeiro do Covid-19, as grandes empresas poñen as súas luvas de pel, non as de nitrilo, para asinar ERES e ERTES como se non houvera mañá. Toda esa grande forza de traballo que aínda nas rebaixas da reforma laboral lles estava sobrando, será reconvertida en materia inerte. Sabido é que o deus Capital nunca comparte beneficios e menos coas crises, cando máis plusvalía xera. Foron os primeiros en sair a choromicar e presionar nos medios de comunicación entrementres os sindicatos, tan pouco reactivos coma o nitróxeno e só inflamaveis a altísimas temperaturas, lles falla a porcentaxe de neón para iluminar de cor vermella esta pandemia.

Tampouco nos debería coller por sorpresa, sabidos de que os gases inertes empréganse como aillantes ou inhibidores, ideais para conter reaccións a controlar, evitando a súa propagación ou reacción en cadea. Pois anque todo gas nobre é inerte, non todo gas inerte é nobre. Sen esquecer que hai outros compostos de baixa reactividade, os políticos da esquerda doneada, que se adican a escrever lindo discursos infantilizadores para apuntalar os alicerces da unidade da patria.

Polo de agora xa estamos ben inertes, confinados nos nosos fogares a xustificar que o mundo funciona o mesmo, incluso pode que mellor, sen nós. Chega co teletraballo en pixama, con preescolar na casa, coa desescolarización de Illich (antes tan repudiada), co consumo de artigos de primeira necesidade e con toda esa cultura enlatada de plataformas dixitais que está disposta a consumir a clase ociosa ou a traballadora que vive das dévedas dos seus fillos e netos. Non importa, se para manter ese consumo superfluo, haxa que expor a traballadores que logo traerán a casa o virus aos confinados. Co que o confinamento muda nun instrumento experimental de escuro sentido. Ao fin, sempre é mellor coronarse na casa que en territorio comanche. Amazon, Inditex...teñen que seguir abastecemento o mercado mundial de falsos autónomos e máscaras. Namentres os traballadores son abocados a deixar aos fillos menores sós nas súas vivendas. Como en "O Anxo Exterminador" de Buñuel, os cordeiros son sacrificados para evitar a fame da burguesía. Ao tempo que as forzas represivas da Lei Mordaza reprimen as protestas e multan e deteñen entre batifondo de aplausos e caceroladas nas fiestras e balcóns. Asistimimos ao espectáculo de cidades e vilas pantasmas onde só ladran os cans dos desexos na caza do cabeza de turco que muta de veciño a nemigo a delatar, no que vai das palmas das oito aos insultos e gravacións de móbil. A loucura colectiva esperta coa clausura e o acirramento dos medios sensacionalistas. Cal tóxicos antisistema rodenticidas, as voces sotarregas, que a normalidade agochava, aboian en berros nos patios de luces. Berros que denuncian situacións abusivas e arrepiantes. Caseiros que alugan habitacións lúgubres a prezo de especulación. Mulleres que penduran a roupa dun maltratador. Mozos que pasean cans sen nome, mascotas emprestadas como salvoconducto. Nenos que choran porque queren ir ao parque mentres ven xogar, enfrente, aos nenos dos chalets. Dependentes que supoñen unha cárrega ainda meirande para as mulleres. Coidadores expostos ao contaxio por un salario de miseria. Velliños que conviven con mortos nos xeriátricos subvencionados. O covid fai emerxer o ludre das cloacas do neoliberalismo. E con elas os ratos que xa ven na pandemia outro nicho de mercado.

A Lei centralista do estado de alarma -que esborrelou os estados das autonomías e mudou as comunidades históricas en reservas do estado central-, conseguiu que o governo central, cunha coalición das chamadas esquerdas apoiada por nacionalistas, conseguira o que levan buscando os piolíns desde o referendum catalán. Así as cousas, aos galegos, no ano de Carvalho Calero, cos ollos postos na Lei Paz Andrade e o achegamento ao mundo da lusofonía, vemos como os portugueses féchannos as fronteiras mentres os madrileños téñenas espalancadas como se nada fora. E, por riba, entre os inmunes Gaioso e Jorge Javier, asistimos abraiados a un presidente da Xunta subtitulado na nosa propia lingua.

Como na nave dos tolos, os andeis dos supermercados baleiranse de cerveixas, papel hixiénico e lixivia cal se bébedos só nos dera por cagar e limpar. E o que aforramos en contaminación pola redución drástica da produción e consumo vaisenos nos milleiros de botellas e latas non reutilizaveis, no branquexo do papel e o desastre económico e ecolóxico das toalliñas húmidas e no verquido ás rías do hipoclorito sódico, innecesario para a desinfeción.

A sopa de morcego está arrefecendo e os día pasan sen solución de continuidade, entre wasaps e mesenger, entre muros de redes e fotos de instagram, entre películas xa vistas e triviais conversas nas ondas, entre telexornais neurótico-obsesivos e opinadores de corral.

Agora que temos só tempo, na obrigada espera, dásenos por repetir bulímicas miserias e lugares comúns. Nunha meditación rendibilizada como un resort do espírito. Agora, raros pangolins gregarios armados con escamas e fechados nunha bóla, como se a penas necesitaramos facer ruído para que alguén que non nos importa e ao que non importamos, saiba que existimos.


[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
26 de março de 2020 23:16
_______________ _____


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon