venres, abril 03, 2020

Coronavirus: lavado de mans, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Mentres os tanatorios espallan as cinzas da pandemia, os cegos seguiremos culpando aos pangolíns, ás serpes, aos muricegos


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
03.04.2020


CORONAVIRUS: LAVADO DE MANS

Confinamento e lavado de mans. Eis a consigna, a orde, a advertencia. “Calar, calar que non se escoite o patuxar das víctimas no mar de xofre e sangue da escravitú caída”. Há que ver sempre o lado positivo. Só o positivo. Agora temos tempo para facer todo o que o traballo non nos deixava. O planeta mudou nunha esfera achatada polos polos e os miolos. É a ocasión de vivir vexetando. Sen pensamento proprio. Tabú. Deixade que a saiva percorra as vosas arterias e procurade unha raiola no balcón. A ser posibel cando as sereas agora que co cambio de hora aínda non vén o solpor. Temos sorte de estar vivos, de respirar. Nen se che ocorra laiar o máis mínimo, que hai moitas persoas a sofrer, a morrer e ti confinada a protestar. Xostregannos a dobre moral cristiá. Estamos en estado de alarma. Calar e lavar. Silenzo e xabrón. Ás oito aplaude desde a xanela. Fica na casa. Canta Resistirei en idioma patrio. Pega lindos cartazes cos eslogans da tele, con arcos da vella. Obedece cegamente aos corpos de seguridade do Estado. Estado de alarma. Todo está ben. Xa terás tempo de cuspir mañá. Non critiques ao governo porque da outra banda aínda é pior. Colabora coa policía. Todos unidos. Unidade ante todo. Solidariedade. Regálalle unha máscara de San Amancio á traballadora do fogar. E botade as mans á boca pasmados polo terror dos xeriátricos. Ao fin ninguén de nós sabía que estavan en mans de lobbys da terceira idade co traballo do precariado. Om mani padme hum. Sé feliz. Dopaminízate, endorfínizate. Exercita o corpo e a mente para non pensar. Acouga. Escoita música con sons naturais para esquecer que tras os derradeiros incendios mastodónticos de Australia e a Amazonía a penas fican ecosistemas. Respira fondo. Alomenos baixo a polución. Un hurra contra o cambio climático polos balcóns!. Estamos unidos nisto. Lava as mans con xabrón e con Pilatos. Ti non es responsabel de nada. Que pode un individuo contra o sistema? Non te queixes de vicio. Ao fin tes o supermercado cos repartidores bulindo coas súas luvas e máscaras. Estás a salvo. Que non fechen mercasur nin mercanorde. Señor, ti que todo o podes, ainda online. Non baixes a vista. Podes perder o equilibrio. Todos somos heroes. Os opinólogos dos platós, os futebolistas, os senadores a perpetuidade, os fascistas agochados e os nús, os nacionalistas que escreven lindos comunicados, os sindicatos pactistas, os esmoleiros, migrantes, amas de casa, desafiuzados, coidadores sen contrato, bispos con áticos no centro de Madrid... e os que máis os médicos e demais sanitarios, limpadoras, repartidores, caixeiras...Todos iguais e herois até que marche a parca coa súa gadaña a sementar máis do mesmo pero pior.

Aristófanes e as nubes. Outra primavera para ulir as flores dos campos cercados. Mentres os tanatorios espallan as cinzas da pandemia, os cegos seguiremos culpando aos pangolíns, ás serpes, aos muricegos. Cegos e mudos. Soldados sen galóns. Dispostos a representar  a traxicomedia de que somos unha colectividade, de que non somos egoístas, de que o individualismo era unha pexa do pasado. Amigos de esguello sempre prontos á delación.

Unidos venceremos. Quen dixo clases? Se até os ricos e famosos contáxianse. Eles viaxan máis. Corren máis riscos. Que máis ten. Vivimos no paradiso da posverdade, das fake news, dos parvos anglicismos innecesarios que dan un toque de sabedoría snob.

Confinamento e lavado de mans. Há que encher os encoros. Há que fabricar máis xabrón. Máis luvas, máis máscaras. Mans á obra, meniñas do sul! Que San Amancio nos colla confesados!

Cando saiamos do cativerio faremos aos sanitarios, siareiros do Real Madrid, os nenos vestirán camisetas dos seus herois de sempre e volveremos a consumir como se non houvera mañá.

E todos a lavar as mans, lavar as mans, as mans.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
1 de abril de 2020 20:29
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon