luns, abril 20, 2020

Coronavirus: O Estado larvario, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Tempo há que nos sabiamos ollapados polo gran ollo baixo a cutícula do grande irmao


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
20.04.2018


CORONAVIRUS: O ESTADO LARVARIO

Moitos agardavamola. Só descoñeciamos que traza havería ter. E a traza foi súpeta, como un verme roedor que todo o destrúe insensivelmente cunha renartería vil, a se mascarar de solidariedade. Como un animálculo intestinal, lombriga mastodóntica de corpo mol, larva metaforfoseada que simula nos protexer mentres nos vai engulindo e corroendo de vagar. Envoltos nuns aplausos teledirixidos, como vítimas propiciatorias que se autoinmolan, os hópedes do medo resignáronse a albergar as larvas nas súas proprias moradas. Lelos e ledos de ser farándula a representar o grande espectáculo planetario dun acuartelamento sen barrotes nin réxime de visitas, cunha liberdade condicional aproveitada para o avituallamento indispensabel e o rendemento da forza de traballo para as grandes empresas globais, esas que agasallan unhas pingas da suor proletaria en doazóns de luvas ou máscaras. Nos embigos da institución familiar, as xentes votan dende o encerramento os seus proprios grillóns de milicia voluntaria, engordando o nível de audiencia desta distopía real.

Moitos foron os síntomas ignorados pola parasitoloxía oficial. Tempo há que nos sabiamos ollapados polo gran ollo -como aquel do conto diesteano- baixo a cutícula do grande irmao. Os vermes roedores do big data a luir nos datos dos nosos periplos cotiás, físicos e virtuais, na voracidade da caza de tendencias. A axexar nas nosas cobizas moldeadas para nos vender os sucedáneos de desexos do mercado. Era o prezo que estavamos dispostos a pagar por adurmiñar o isolamento e o cansanzo das xeiras inútiles de escravos. O prezo por wasapear ou enredarmonos nesas redes que nos achegan na distancia a medida que nos arredan na cercanía. Tempo há que sofriamos esas súas células diferenciadas agrupadas en tecidos ao cárrego das forzas de seguridade do Estado, esas células que, co gallo de nos protexer, batían na moitedume mobilizada pacíficamente nas rúas, esa moitedume indignada que reclamava o cumprimento dos dereitos básicos da Constitución: pan, vivenda, traballo digno, educación, cultura, liberdade... Esas células parasitarias que batían sen arrubecer contra xubilados desafiuzados das súas vivendas, agora agasalladas a uns fondos avutres de metazoos parásitos, consanguíneos da clase dirixinte. As mesmas células que piolinizaran o porto de Barcelona co G-36-E, o novo fusil de asalto dos abandeirados do 155.

Havía tempo, si, e moito, que renunciaramos á nosa privacidade polo nudismo dixital, por un segundo de gloria nas redes sociais. Havía tempo que sabiamos das represalias dos Marlaskas e afíns, das leis antiterroristas lesivas cos dereitos fundamentais, das detencións irregulares de independentistas por motivos ideolóxicos, da tipificación de novos delitos como o autoadoutrinamento que permitían ás forzas heterótrofas espallar a helmintiase para disolver a capacidade crítica do corpo social que aínda tentava vivir ao abeiro deses parásitos hermafroditas.

Moitos agardavamola, mais todo foi en valuto. Non estavamos preparados. Escasas revistas de parásitos era quen de publicar as posibeis terapias para tratar as doenzas autoinmunes. E estas se perdían nun magma de datos combustibeis bradburiáns e duvidosos fakes a avivecer a indiferenza. No estado larvario, a verdade xa non precisava inquisitores tonsurados para se velar.

Así foi como as larvas foron infestando, casa por casa, a todos os hóspedes do medo aproveitando as baixas defensas que o pánico ía causando no espírito gregario. Cada casa tiña as xanelas abertas a estes gusanos prestos sempre á delación. De corpo mol, orgullosos títeres sistémicos dispostos a amosar diante das súas proprias gravacións o protagonismo na caída da presa, esa que antes fora o seu veciño. Somentes por un minuto de gloria nas pantallas.

O ministerio de transportes larvario parasita agora os nosos sangumiños, diagnostica o intestino cego para controlar as nosas feces xa antes de que cheguen ao recto coa coartada de nos facilitar unha dieta máis saudavel. Os militares, embutidos en batas brancas, diagnostican os nosos movementos nun reclutamento forzoso baixo a ameaza duns efectos secundarios que enchen todos os telexornais. Como sumisos soldados, heroicos voluntarios fabrican máscaras caseiras nun arrouto salvífico de redención cuaresmal. O mesmo ten o valor social. Nenos, xubilados, monxas ou ertes potenciais a producir o que San Amancio é quen de sobardar nun carismático mecenádego deslocalizado. Máscaras personalizadas con bandeiras, debuxos infantís, esponsorizadas ou esportivas. Máscaras dunha mascarada solidaria que pretenden medir o nível de cidadanía veciñal, namentres os traballadores da saúde, da alimentación e coidados, do transporte... arriscan a vida como uns herois obrigados no medio dun mar de aplausos. Máscaras en molde de xeso que se facían para conservar a faciana dos cadavres e que nesta pandemia deverían se elaborar nas residencias de anciáns.

Sairemos deste estado larvario inmunizados ao virus de Wuhan, afeitos xa á cesión dos nosos dereitos fundamentais, os de livre reunión e circulación, o dereito á intimidade, os dereitos laborais, os dereitos universais da infancia...en nome dun Estado paramilitar que nos acuartela nun estado de excepción, encuberto nun de alarma, suspendendo os máis elementais dereitos democráticos. E o máis abraiante, sen o menor chío de insumisión ou descontento. Nun isolamento paradoxal hipercomunicado. Sen nin sequera saber de certo se nestes tempos de confinamento, os okupas foron desokupados. Ou alerta por se o sorriso do outro agocha unha coitelada preventiva nas nosas costas.

As larvas da posmodernidade, que xa rillaran a fins do século pasado os alicerces ideolóxicos da xustiza social co seu rancio eclecticismo bursátil, confínannos nos nosos fogares para instalar neles as novas penitenciarías, oficinas de teletraballo, tendas online, bancas electrónicas, centros de teleensino, telemedicina, videoconferencias, teleocio... nun novo cercamento de pago fácil para espalancar as portas dun capitalismo totalitario máis velaíño e perigoso que aquel que cercou os campos ingleses, forzou o éxodo rural e deu lugar a acumulación orixinaria da que Marx xa alertava, esa que puxo en pé o sistema de explotación capitalista.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
17 de abril de 2020 18:55
______________

Foto: O 17 de marzo de 2020, o exercito pasea armado polas rúas de Vigo (Detalle dunha foto de Maite Gimeno).
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon