Na foto pode-se apreciar como Reganosa deita na Ría a sopa química a base de hipocloritos |
Hoxe pola mañá atracaba no porto de Mugardos, en Punta Promontoiro, dentro da Ría de Ferrol, o buque gaseiro, "Maran Gas Alexandria LNG Tanker", na actualidade navegando baixo bandeira grega, con miles de toneladas de gas natural licuado, para a perigosa e ilegal Reganosa. Un buque de grande porte con 289 metros de eslora, por 45 de manga. Xa son 263 os buques que entraron na Ría de Ferrol cargados con GNL. Mentres se produza a descarga, perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna. Este é o primeiro gaseiro que descarga desde o confinamento obrigatorio nas casas, mais non por iso a protesta debe parar, seguimos denunciando unha vez máis a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas e contribúe ao deterioro da Ría, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa, e está última ditada en xullo do pasado ano, onde tumba a resolución do anterior Goberno Español de Mariano Rajoy, dun partido corrupto até o espiñazo, que eximiu a Reganosa de ter que someter-se a avaliación ambiental, intentando chulear deste xeito as sentenzas condenatorias que declaran ilegal, á perigosa planta regasificadora.
A sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019, anulou o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos [Sentenza].
A pesares de se demostrar a ilegalidade e a mentira coa que se construíu a planta de Reganosa, esta segue contando cos apoios económicos, políticos e mediáticos que fan que poda funcionar sen os permisos e licenzas necesarios, mesmo sen o permiso de construción, prolongando-se no tempo esta provisionalidade, mais sen perder tempo nunha campaña mediática e política, de busca de apoios institucionais, intentando facer ver o "imprescindíbel da planta regasificadora", para unha comarca en crise permanente. Un despropósito que se apoia nas miserias que nos fan padecer nunha comarca en declive industrial e socioeconómico, para que admitamos o "inevitábel deterioro da nosa Ría", a corrupción e o potencial perigo de vivir con unha enorme planta de gas coa potencial capacidade explosiva de varias bombas atómicas como as que se lanzaron en Hiroshima e Nagasaki.
---
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.
O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA
NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E
ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon