xoves, xuño 04, 2020

A Sección Sindical de CCOO de Navantia Ferrol sobre a proposta maioritaria de emprego


COMUNICADO DA SECCIÓN SINDICAL DE CCOO DE NAVANTIA FERROL SOBRE A PROPOSTA MAIORITARIA DE EMPREGO 03/06/2020

Dende a Sección Sindical de CCOO de Navantia Ferrol queremos trasladar o enorme malestar presente na nosa organización como consecuencia das manifestacións vertidas por outras organizacións sindicais, terxiversando e intentando influír negativamente en calquera solución que se acade en Navantia-Ferrol.

Que o camiño para chegar a entendernos é longo e tortuoso non o pode poñer en dúbida ninguén, soamente con votar unha ollada a historia da nosa Factoría para entender a incapacidade que teñen algunhas organizacións para chegar a acordos, e non nos referimos coa Dirección, senón coas demais organizacións sindicais. Dubidando constantemente da boa fé das nosas propostas.

Mostra do anterior foi a necesidade de levar a pleno o acordo en materia de emprego que vos enviamos este luns dia 1 de xuño, proposto por CCOO e respaldado por unha amplia maioría dos e das delegadas do Comité de Empresa (16 delegados e delegadas avalaron a proposta e 6 non estiveron de acordo), e o conseguinte escrito da CIG non asumindo o resultado e difamando contra as organizacións que o apoiaron.

Podemos dicir con orgullo que dito acordo, de materializarse cando se de a discusión coa Dirección, debería de traducirse na incorporación de toda a convocatoria do ano 2019.

A intención de dita proposta é esixir a recuperación das capacidades que tiña a parte técnica na nosa Factoría, priorizando a contratación en ditas áreas, e complementando dita convocatoria con persoal eventual si fose necesario en lugar de optar pola subcontratación. Non esquecemos áreas que a curto e medio prazo semellan as únicas que xerarán emprego como son a Fábrica de Turbinas, o Departamento de Reparacións e a Eólica Mariña.

Queremos enviar unha mensaxe de tranquilidade a tódolos operarios e operarias que trala firma do Plan Industrial agardan con ilusión a oportunidade de incorporarse ao noso plantel. É un compromiso das organización sindicais que respaldan esta proposta que as prazas de operarios e operarias que non se convoquen, se recuperarán nas vindeiras convocatorias.

Por último CCOO quere mandar unha mensaxe clara e contundente a tódalas organizacións que están a facer do inmobilismo a súa estratexia sindical. O esforzo de CCOO e doutros sindicatos por chegar a entendernos na Comisión de Emprego foi evidente, case tan evidente coma a comodidade que sinten o resto de organizacións presentes en dita Comisión coa confrontación permanente. Continuaremos plantexando tódolos temas que a nosa afiliación considere beneficiosos para o conxunto de traballadores e traballadoras e para Ferrolterra en xeral, intentaremos formar maiorías para defendelos, pero non estamos dispostos a esperar por organizacións que non teñen vontade de formar unha fronte común e que non teñen interese por construír por medio do consenso.

A esas organizacións só dicirlles que cando deixen de priorizar a súa estratexia sindical por riba dos intereses dos e das traballadoras, CCOO sempre terá a capacidade de dar un paso atrás si con iso chegamos a un punto de encontro.

Ferrol, a 3 de xuño, de 2020.

Sección Sindical de CCOO en Navantia Ferrol

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
3 de junho de 2020 17:05

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon