O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol diante das declaracións feitas esta mañá polo Alcalde considera que Ángel Mato está a eximir de responsabilidade, coas súas omisións, tanto ao Ministerio de Fomento como á Xunta, responsábeis principais dun sistema de saneamento inasimilable para a cidade.
O BNG censura que por parte do goberno municipal non se queira abordar o problema de fondo do saneamento e se limite a discutir a porcentaxe que debe pagar sen poñer en dúbida o modelo, nin a forma de xestión e indícalle que a mellor maneira de deixar de pagar o 100% polos custos de saneamento é devolverlle a EDAR ao seu propietario Augas de Galiza.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, indicou que o convenio con ACUAES debe rectificarse desde tres perspectivas. A primeira, a que ten que ver co computo das porcentaxes de consumo, nas que Ferrol está moi lonxe de supoñer o 70% destas.
A segunda , e que ignora o Alcalde da cidade, é que desde o Mº Fomento se pretende que os ferroláns e as ferrolás pasen a pagar o 25% dunhas obras que cando se asinou o convenio se limitaba ao 10% e que debería asumir integramente o Estado por tratarse dunha obra declarada de interese xeral en 1997.
Isto acontece por responsabilidade exclusiva de ACUES que rematou as obras en 2017, cando o seu compromiso era ter todo rematado en decembro de 2015, e produto deste atraso perdeu parte da financiamento da UE, algo que o goberno local obvia.
E a terceira, ten que ver con que o modelo de saneamento escollido incumpre todo o marco legal que existe ao redor dos sistemas de depuración, mesturando augas pluviais e fecais e que supón uns custes medioambientais e económicos que o actual Alcalde tamén ignora.
Para o BNG compre reclamar ao Ministerio de Fomento o firme compromiso económico para transformar a actual infraestrutura en separativa dado que foi exclusivamente o Estado o responsable da súa construción, pero que pretende que paguemos todos e todas as ferrolás.
Por outra parte hai que lembrar que ACUAES non ten ningún contrato para xestionar os interceptores e os tanques de tempestades e por tanto os importes a aboar deberían ser valorados por este concello previamente a facer efectivo o seu pago, tanto os derivados da construción das obras como os derivados da súa xestión.
Do mesmo modo a mellor maneira de resolver o conflito con Narón é entregar a depuradora ao seu lexítimo propietario, Augas de Galicia, deixando de pagar o 100% da depuración. Deste modo Augas de Galicia emitirá unha factura a cada concello de maneira independente. A partir de aí o concello de Ferrol decidirá aboar ou revisar esa factura pero cando menos pero deixaremos de pagar o 100% dos custes como acontece desde 2014.
Hai que lembrar que ademais de asumir o 100% dos custes de depuración , en base a este convenio eximimos do pago dos tributos correspondentes por esta infraestrutura ao seu propietario, Augas de Galicia e ao seu xestor, EMAFESA, e os veciños e veciñas pagan o custe da reparación dunha EDAR defectuosa que non podía funcionar cando se nos entregou.
O convenio con Augas de Galicia é anual, e por tanto compre que o goberno local deixe sen efecto este convenio o antes posible para evitar ter que seguir asumindo uns custes que non nos corresponden.
Ferrol a, 22 de outubro, de 2020.
Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
bng@ferrol.es
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
23 de outubro de 2020 11:07
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon