Onte mércores 22 de outubro de 2020, arribou a Ferrol o buque "Christophe de Margerie LNG Tanker". Agora está atracado no porto de Punta Promontoiro (Mugardos), dentro da Ría. Un buque gaseiro construído en 2016 e navegando baixo a bandeira de Chipre, con miles de toneladas de gas natural licuado (pois ten unha capacidade de carga de 172.600 metros cúbicos de gas líquido), para a perigosa e ilegal Reganosa. Un buque de grande porte con 299 metros de eslora, por 50 de manga e un calado de 11,8 metros. Mentres se produza a descarga, perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna.
Sistema de vaporización do gas e calidade das augas da Ría
No procedemento de conversión de liquido a gas, para entrar no sistema de gasodutos da península, Reganosa utiliza vaporizadores que funcionan con miles de toneladas de auga do mar que sae arrefriada ate aproximar-se a uns 5°C [Ao baixar a temperatura da auga de mar (-4°C en 2017, -4,10°C en 2018 e -4,60°C en 2019 - segundo datos da propia Reganosa) xera o maior impacto ambiental do proceso, alterando o equilibrio ecolóxico das augas mariñas costeras, ademais da morte inmediata de calquera ser vivo que sexa succionado polas bombas] e con residuos de hipocloritos (0,033 mg/l en 2017, -0,022 mg/l en 2018 e 0,027 mg/l en 2019 - segundo datos da propia Reganosa) que se utilizan para inhibir o crecemento biolóxico no sistema no procedemento de vaporización, dunha capacidade de ate 480 t/hora (3 X 160t/hora de GN), producindo unha alta cantidade de intercambio de enerxía que require o vaporizador que é bastante alta, polo que precisa grandes cantidades e fluxos de auga de mar (millóns de m3: 29.042.650 en 2017, 29.370.211 en 2018 e 32.852.917 en 2019 - segundo datos da propia Reganosa), influíndo de xeito crítico nas condicións medio ambientais da Ría. O que con toda probabilidade, é un dos factores medioambientais que están deteriorando os bancos marisqueiros da Ría, ao ter aumentado de xeito significado o transporte e licuación de gas (LNG - GNL) na regasificadora de Mugardos, dado o aumento da produción, de enerxía eléctrica, dos ciclos combinados (Auga/Gas) de As Pontes e Sabón, en substitución da térmica de carbón, de As Pontes, que apenas funciona e a de Meirama que xa pechou. As cofradias de pescadores da Ría deberían de fixar-se neste problema medio ambiental que noutrora tiñan presente.
Cinco Sentenzas do Tribunal Supremo
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando unha vez máis a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas e contribúe ao deterioro da Ría, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa, e está última ditada en xullo do pasado ano, onde tumba a resolución do anterior Goberno Español de Mariano Rajoy, dun partido corrupto até o espiñazo, que eximiu a Reganosa de ter que someter-se a avaliación ambiental, intentando chulear deste xeito as sentenzas condenatorias que declaran ilegal, á perigosa planta regasificadora.
A sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019, anulou o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos [Sentenza].
Mais en Arxentina unha resolución xudicial federal clausura, de xeito preventivo, a regasificadora de Escobar
A regasificadora flotante de Escobar, na provincia de Bos Aires, foi clausurada de xeito preventivo, o pasado 16 de outubro, por resolución xudicial do Xulgado Federal de Campana que ordenou, o venres 16 de outubro, a clausura da terminal, onde esta localizado o buque regasificador de Gas Natural Licuado: "Polo grave perigo para a vida da cidadanía, a Xustiza Federal ordenou a clausura urxente do Porto Regasificador de Escobar, porque nunca debeu instalarse nese lugar de acordo ao estudo pericial, fai máis de 9 anos que a sociedade vive en risco permanente".
Apoios políticos, económico e mediáticos
A pesares de se demostrar a ilegalidade e a mentira coa que se construíu a planta de Reganosa, esta segue contando cos apoios económicos, políticos e mediáticos que fan que poda funcionar sen os permisos e licenzas necesarios, mesmo sen o permiso de construción, prolongando-se no tempo esta provisionalidade, mais sen perder tempo nunha campaña mediática e política, de busca de apoios institucionais, intentando facer ver o "imprescindíbel da planta regasificadora", para unha comarca en crise permanente. Un despropósito que se apoia nas miserias que nos fan padecer nunha comarca en declive industrial e socioeconómico, para que admitamos o "inevitábel deterioro da nosa Ría", a corrupción e o potencial perigo de vivir con unha enorme planta de gas coa potencial capacidade explosiva de varias bombas atómicas como as que se lanzaron en Hiroshima e Nagasaki.
---
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.
O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA
NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E
ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon