As cidades galegas mobilízanse contra as agresións de Marrocos ao pobo saharauí. | Demandaron a inmediata intervención da ONU, da UE e do Estado español
Con mobilizacións nas sete cidades, convocadas pola SOGAPS e a Delegación Saharauí para Galiza -apoiadas pola CIG-, centos de persoas manifestaron o seu rexeitamento ás agresións de Marrocos contra a soberanía do Sáhara occidental. Ademais reclamaron unha actuación inmediata da ONU, da UE e do Estado español para frear o conflito armada e a convocatoria do Referendo de Autodeterminación, xa acordado, para acadar a independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
Ao remate das concentracións deuse lectura a un manifesto no que se lembra que o pasado mes de outubro, o Consello de Seguridade aprobou a súa Resolución 2548 (de 2020), a renovación do mandato da Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental (MINURSO). “Mais, dita Resolución, non contempla accións concretas que permitan á MINURSO cumprir ese mandato que lle foi encomendado no ano 1991, a celebración de dito Referendo sobre a Libre Determinación do Sáhara Occidental”.
Por iso denunciouse que esta falta de acción, xunto coa actitude observada na propia MINURSO en todos estes anos, máis de complicidade co estado ocupante, que de posta en marcha do proceso acordado, “foi mermando progresivamente a paciencia da poboación, que comezou a manifestarse pacificamente en todo o territorio, e de xeito especial na franxa ilegal que Marrocos instaurou na zona de Guerguerat, a carón do muro da vergoña que fractura o territorio Saharauí”.
Ruptura do Alto o Fogo
Diante destas lexítimas protestas, O Reino de Marrocos, sabedor da impunidade da que está a gozar ata o momento, irrompeu co seu exército e xendarmería nesa zona, para reprimir as protestas, o que supuxo unha clara violación das cláusulas do Acordo Militar nº 1 e, polo tanto, a ruptura do “Alto o Fogo”, tal e como proclamou o Presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Brahim Gali, na Declaración do pasado día 14 de novembro.
Estes feitos supoñen, tal e como se denunciou, un paso máis na escalada de inxustizas que o pobo saharauí vén soportando dende hai anos. Un pobo que leva vendo as súas terras ocupadas ilegalmente dende hai xa 45 anos, forzando a grande parte da súa poboación e varias xeracións a vivir lonxe do seu territorio, nos campamentos de refuxiados/as de Tinduf. Un pobo que padeceu 16 anos de guerra, que leva sufrindo represión, masacres como a de Zemlaou a desaparición de Basiri, con incontables mártires e persoas mutiladas polas minas de Marrocos, que foi bombardeada con Napalm e fósforo branco (ámbolos dous ilegais).
Un pobo que vén de sufrir as constantes violacións dos dereitos humanos, de desaparicións forzadas, de detencións e xuízos “farsa” contra os presos políticos torturados que seguen na cadea, ou de observar a construción nas súas terras dun muro de 2.720 quilómetros. Vendo como calquera misión independente era boicoteada por Marrocos. Anos observando como os seus recursos seguen a ser explotados polo estado colonial, a pesar de haber xa ata dúas sentenzas que condenan estas prácticas por parte de tribunais europeos.
Os fosfatos das súas minas, os seus produtos agrarios ou o polbo que se vende como galego polo mundo adiante son explotados ilegalmente por Marrocos e empresas europeas, mentres os seus donos lexítimos teñen que vivir da Solidariedade.
Por iso proclamaron que “Marrocos é culpábel", si, pero hai máis organismos e institucións responsables desta situación:
En primeiro lugar, a ONU, que non cumpriu co seu cometido de facer que a MINURSO levara a cabo obxectivo polo que foi creada, e vén actuando en conivencia co estado incumpridor dos acordos.
En segundo lugar, a Unión Europea e, moi especialmente, algún dos seus Estados, que non respectan as decisión dos seus propios tribunais, nin están interesados en resolver o problema, ao antepoñer os seus intereses comerciais ou de control da emigración desde África, que teñen acordado con Marrocos, ante os dereitos soberanos do pobo saharauí.
E o principal culpábel é o Estado Español, potencia administradora do territorio logo da descolonización, e os seus sucesivos gobernos durante todos estes anos. Comezouse polo total esquecemento e o abandono á súa sorte deste pobo, por parte dun rei agora fugado por corrupción, cando a Marcha Verde e, seguiron os gobernos alternativos do PP e do PSOE, e agora, tendo un goberno autodenominado “progresista e conformado por algunhas forzas políticas que se teñen pronunciado a favor da causa saharauí, adopta unha incomprensíbel actitude de silencio e inacción, incluso diante da gravidade que supoñen os últimos acontecementos”.
Inmediata intervención
Desde Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), xunto con todas as organizacións que apoian estas demandas na Galiza, fixeron un chamamento á ONU, á Unión Europea e, por suposto, ao Goberno de España; para que interveñan de inmediato pola vía diplomática e poñan unha xusta solución a este conflito:
1º) Instando a Marrocos a que retire de inmediato as súas forzas militares e policiais dos terreos ocupados.
2º) Esixindo o escrupuloso respecto polos dereitos humanos para a poboación saharauí, incluíndo a inmediata liberación de todos os presos políticos.
3º) Que se poña fin á explotación ilegal dos recursos do Sáhara Occidental, e por riba do coñecemento e acordo da Fronte Polisario, representante lexítimo do pobo saharauí.
4º) Que, en definitiva, se poña en marcha dunha vez por todas, o Referendo de Autodeterminación do Sáhara Occidental, tal e como está contemplado nos acordos asinados no 1991, e que culmine coa Independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
GALIZA CO SÁHARA!
SÁHARA LIBRE!
Fonte: Avantar.
Manifesto 26 de Novembro de 2020, por un "Sahara Libre". | Acceder/Baixar.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon