sábado, decembro 12, 2020

Concello de Vigo e Vitrasa negan a tarxeta social ás perceptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV) - Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza


Levamos seis meses de Ingreso Mínimo Vital (IMV) e o Concello de Vigo aínda non foi quen de garantir que as beneficiarias desta renda accedan á tarxeta social de VITRASA. Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza.

Neste intre, quen cobra a RISGA ou unha Pensión Non Contributiva (PNC) pode acceder á tarxeta social, mentres que as -escasas- beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital teñen que pagar o transporte público.

Montar nun vitrasa custa 1'35€ por viaxe, 0'89€ para quen teña a passvigo. Existen bonificacións para algúns colectivos: universitarias (0'67€), estudantes (0'87€), perceptoras de subsidios por desemprego ou RAI (0'69€). As pensionistas non pagan.

Dentro do colectivo de pensionistas atopamos ás perceptoras da RISGA, así como ás beneficiarias da extinta prestación por filla á cargo da Seguridade Social que desapareceu coa chegada do IMV. Para acceder a tarxeta social as solicitantes teñen que acudir ás instalacións de VITRASA ou á casa do concello e presentar a documentación requirida. Cada ano teñen que renovar a tarxeta entregando os documentos pertinentes.

O rebumbio no lanzamento do IMV deu paso a unha chea de atrancos que apagaron as boas expectativas iniciais: demoras, denegacións, silencio administrativo, requirimentos incomprensibles, etc. O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecía que 7.210 fogares galegos percibían o IMV, no mes de outubro, dos cales 2.278 estaban na provincia de Pontevedra. Tirando polo alto, ao redor de 2.000 beneficiarias viven en Vigo e non poden acceder á tarxeta social do autobús por mor da desidia, desinterese ou xa non sabemos como tachar a postura do goberno municipal.

A inacción do goberno de Caballero neste asunto choca co apuro que tiveron (no mes de xuño días antes da entrada en vigor do IMV) para prorrogar a concesión do transporte público durante cinco anos máis a VITRASA. Á calada e sen elaborar un novo prego que dera solución ás moitas eivas do transporte público.

Non esquecemos que quen enche a boca falando de “Vigo” está a convertela nunha cidade “friendly” para os negocios dos grandes capitais: Aqualia FCC enche os petos coa auga de todas, Servisar (do grupo Domusvi) xestiona o servizo de axuda no fogar e MOBILITY ADO xestiona o transporte público. Coller os orzamentos municipais é atopar unha relación de contratos con empresas transnacionais coas súas gadoupas en todas as concellerías.

Retomando a cuestión da mobilidade, reclamamos a urxente modificación da ordenanza. Esiximos que as beneficiarias do IMV poidan acceder á tarxeta gratuíta de autobús. Aproveitamos para reclamar que “quen non ten, non paga”. Reclamamos que este lema fágase extensivo a todas as políticas municipais: actividades deportivas, taxas, servizos...

Coia, decembro 2020

ODS-Coia

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon