Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema. Mellor dito, a ausencia deles é a nosa enleada. Por iso alporiza escoitar o barullo constante de gobernantes que con diferentes gravatas contan trolas semellantes en cuestión de políticas sociais.
Nalgún intre saberemos onde mete a Xunta os millóns de euros que está a aforrar en RISGA desde a saída do Ingreso Mínimo Vital, mais hoxe preguntámonos onde van os cartos que o concello de Vigo deixa sen gastar en axudas sociais.
Hoxe recibimos un email do departamento de Política de Benestar Social do concello de Vigo coas bases reguladoras do programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social para o ano 2022. Segundo recolle o documento a finalidade desta axudas é “a de apoiar a aquelas persoas e familias que carecen de recursos económicos suficientes para afrontar unha determinada situación de emerxencia social relacionada coa súa vivenda, coa alimentación básica das persoas integrantes da unidade familiar/de convivencia e outras situacións debidamente acreditadas de necesidade que, de non ser atendidas, poderían derivar en marxinalidade ou exclusión social”. Con esta partida os servizos sociais municipais, por medio das Unidades de Traballo Social (UTS), do concello apoian a persoas/familias con euros para vivenda, alimentos, facturas...
O 17 de decembro de 2020 o alcalde da cidade anunciaba en rolda de prensa a aprobación das axudas de emerxencia, tal e como podemos ler na web do concello1 as axudas “non teñen límite orzamentario e xa parten de inicio dunha cantidade de 1.125.000 €, 200.000 euros máis que o ano pasado”. Retomando a lectura do documento recibido hoxe atopamos que “concedéronse con cargo a este Programa axudas por un importe total de 802.003,19 € (datos a 02/12/2021)”.
Entón, preguntamos: u-los máis de 300.000€ que ficaron sen gastar? Por que non se chegou nin a contía inicial?
Hai un par de semanas volvemos a escoitar o mesmo conto: “O Concello incrementa as contías das axudas de emerxencia, que non terán límite orzamentario” [2]. Incrementan en 50.000€ o importe inicial para 2022 e Caballero volve a sinalar que non haberá límite orzamentario.
Gustaríanos saber onde está o truco. Onde están estes cartos e/ou en que se van empregar? Tampouco temos aclaracións -igual nolas deron, mais xa sabedes que as empobrecidas non somos moi espabiladas así nos vai- de onde foron os cartos do coñecido como “cheque social” tal e como preguntabamos hai uns meses en: “As 'fake news' de Caballero sobre os orzamentos en Políticas Sociais” [3].
Coñecemos que o orzamento da cidade para 2022 vai ascender a 285,5 millóns de euros, dos cales 56 millóns son para “partidas de Bienestar y Servicios Sociales”. Repetimos -algúns din que facemos demagoxia- que a maior parte deses cartos van aos petos de empresas trasnacionais e fondos de investimento que fan negocio coas nosas necesidades. Así chamamos a que servizos municipais como “Axuda no fogar” ou o “Programa de Intervención Familiar” os xestionen -legalmente- unha empresa do grupo DomusVi e Clece. Non é teima só nosa, a plataforma SAF Galiza, na que se organizan traballadoras da axuda no fogar, veñen denunciando nas rúas as consecuencias de deixar en mans do mercado necesidades básicas.
Se queren falar do complexo que é dar respostas aos problemas sociais desde unha administración, falamos. Somos conscientes dos atrancos de malvivirmos neste sistema, por iso enchennos de carraxe as súas loiadas e máis cando levamos toda a vida estirando os escasos cartos que entran. Urxe crear xa alternativas, en lóxica de dereitos, fóra ou nas marxes do mercado para dar respostas a necesidades básicas.
Coia, xaneiro 2022
ODS-Coia
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).
Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
11 de janeiro de 2022 10:00
_______
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
sábado, xaneiro 15, 2022
U-los cartos das axudas sociais que non se gastaron? - Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema
mércores, xuño 23, 2021
O Círculo Podemos Ferrol vén de rexistrar unha moción para instar á Xunta de Galicia a facer compatible a RISGA e o Ingreso Mínimo Vital e que paralice así a reclamación da devolución desta axuda a dúas mil familias no país que durante as últimas semanas recibiron as cartas para o reintegro da mesma
O Círculo Podemos Ferrol insta á Xunta de Galicia a compatibilizar a RISGA co Ingreso Mínimo Vital
Xosé Iglesias, voceiro de Podemos Ferrol: “A Xunta tivo un ano para facer compatible a RISGA co Ingreso Mínimo Vital e agora a súa incompetencia pon en risco a dúas mil familias vulnerables en Galicia”.
O Círculo Podemos Ferrol vén de rexistrar unha moción para instar á Xunta de Galicia a facer compatible a RISGA e o Ingreso Mínimo Vital e que paralice así a reclamación da devolución desta axuda a dúas mil familias no país que durante as últimas semanas recibiron as cartas para o reintegro da mesma.
O primeiro que sinala a voceira/o de Podemos Ferrol, Xosé Iglesias, é que “a Xunta tivo un ano para facer compatible a RISGA co Ingreso Mínimo Vital e agora a súa incompetencia pon en risco a dúas mil familias vulnerables en Galicia”, e continúa dicindo que respecto a este tema “Feijóo preferiu confrontar co Goberno Central que garantir que as familias galegas que o precisen puideran percibir as dúas rendas, algo que si fixeron en comunidades como Pais Vasco, Aragón, Canarias ou Navarra”.
Podemos pide o acordo da corporación de Ferrol, porque considera que a reclamación da Xunta pon en risco extremo a economía xa precaria destas familias que, nalgúns casos, terán que recorrer ao propio Concello. Sinalan ademais que “se non poden integrar os cartos reclamados, perderán o acceso a outras axudas, como poden ser as relativas aos gastos de comedores escolares ou contra os desafiuzamentos”.
Xosé Iglesias recorda que a formación que encabeza aposta pola creación dunha “renda social municipal” como unha ferramenta fundamental para a protección das familias en situación de vulnerabilidade no Concello de Ferrol.
Moción modificación decreto 14/2019, de desenvolvemento da Lei 10/2013 de Inclusión Social de Galicia para compatibilizar o cobro da Risga co IMV. | Acceder/Baixar.
Ferrol, 18 de xuño, de 2021
Comunicación
Podemos Ferrol
ferrol@circulospodemos.info
Enviado por:
Podemos Ferrol
-ferrol@circulospodemos.info-
18 de junho de 2021 12:09
_______
sábado, decembro 12, 2020
Concello de Vigo e Vitrasa negan a tarxeta social ás perceptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV) - Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza
Levamos seis meses de Ingreso Mínimo Vital (IMV) e o Concello de Vigo aínda non foi quen de garantir que as beneficiarias desta renda accedan á tarxeta social de VITRASA. Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza.
Neste intre, quen cobra a RISGA ou unha Pensión Non Contributiva (PNC) pode acceder á tarxeta social, mentres que as -escasas- beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital teñen que pagar o transporte público.
Montar nun vitrasa custa 1'35€ por viaxe, 0'89€ para quen teña a passvigo. Existen bonificacións para algúns colectivos: universitarias (0'67€), estudantes (0'87€), perceptoras de subsidios por desemprego ou RAI (0'69€). As pensionistas non pagan.
Dentro do colectivo de pensionistas atopamos ás perceptoras da RISGA, así como ás beneficiarias da extinta prestación por filla á cargo da Seguridade Social que desapareceu coa chegada do IMV. Para acceder a tarxeta social as solicitantes teñen que acudir ás instalacións de VITRASA ou á casa do concello e presentar a documentación requirida. Cada ano teñen que renovar a tarxeta entregando os documentos pertinentes.
O rebumbio no lanzamento do IMV deu paso a unha chea de atrancos que apagaron as boas expectativas iniciais: demoras, denegacións, silencio administrativo, requirimentos incomprensibles, etc. O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecía que 7.210 fogares galegos percibían o IMV, no mes de outubro, dos cales 2.278 estaban na provincia de Pontevedra. Tirando polo alto, ao redor de 2.000 beneficiarias viven en Vigo e non poden acceder á tarxeta social do autobús por mor da desidia, desinterese ou xa non sabemos como tachar a postura do goberno municipal.
A inacción do goberno de Caballero neste asunto choca co apuro que tiveron (no mes de xuño días antes da entrada en vigor do IMV) para prorrogar a concesión do transporte público durante cinco anos máis a VITRASA. Á calada e sen elaborar un novo prego que dera solución ás moitas eivas do transporte público.
Non esquecemos que quen enche a boca falando de “Vigo” está a convertela nunha cidade “friendly” para os negocios dos grandes capitais: Aqualia FCC enche os petos coa auga de todas, Servisar (do grupo Domusvi) xestiona o servizo de axuda no fogar e MOBILITY ADO xestiona o transporte público. Coller os orzamentos municipais é atopar unha relación de contratos con empresas transnacionais coas súas gadoupas en todas as concellerías.
Retomando a cuestión da mobilidade, reclamamos a urxente modificación da ordenanza. Esiximos que as beneficiarias do IMV poidan acceder á tarxeta gratuíta de autobús. Aproveitamos para reclamar que “quen non ten, non paga”. Reclamamos que este lema fágase extensivo a todas as políticas municipais: actividades deportivas, taxas, servizos...
Coia, decembro 2020
ODS-Coia
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).
_______