Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema. Mellor dito, a ausencia deles é a nosa enleada. Por iso alporiza escoitar o barullo constante de gobernantes que con diferentes gravatas contan trolas semellantes en cuestión de políticas sociais.
Nalgún intre saberemos onde mete a Xunta os millóns de euros que está a aforrar en RISGA desde a saída do Ingreso Mínimo Vital, mais hoxe preguntámonos onde van os cartos que o concello de Vigo deixa sen gastar en axudas sociais.
Hoxe recibimos un email do departamento de Política de Benestar Social do concello de Vigo coas bases reguladoras do programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social para o ano 2022. Segundo recolle o documento a finalidade desta axudas é “a de apoiar a aquelas persoas e familias que carecen de recursos económicos suficientes para afrontar unha determinada situación de emerxencia social relacionada coa súa vivenda, coa alimentación básica das persoas integrantes da unidade familiar/de convivencia e outras situacións debidamente acreditadas de necesidade que, de non ser atendidas, poderían derivar en marxinalidade ou exclusión social”. Con esta partida os servizos sociais municipais, por medio das Unidades de Traballo Social (UTS), do concello apoian a persoas/familias con euros para vivenda, alimentos, facturas...
O 17 de decembro de 2020 o alcalde da cidade anunciaba en rolda de prensa a aprobación das axudas de emerxencia, tal e como podemos ler na web do concello1 as axudas “non teñen límite orzamentario e xa parten de inicio dunha cantidade de 1.125.000 €, 200.000 euros máis que o ano pasado”. Retomando a lectura do documento recibido hoxe atopamos que “concedéronse con cargo a este Programa axudas por un importe total de 802.003,19 € (datos a 02/12/2021)”.
Entón, preguntamos: u-los máis de 300.000€ que ficaron sen gastar? Por que non se chegou nin a contía inicial?
Hai un par de semanas volvemos a escoitar o mesmo conto: “O Concello incrementa as contías das axudas de emerxencia, que non terán límite orzamentario” [2]. Incrementan en 50.000€ o importe inicial para 2022 e Caballero volve a sinalar que non haberá límite orzamentario.
Gustaríanos saber onde está o truco. Onde están estes cartos e/ou en que se van empregar? Tampouco temos aclaracións -igual nolas deron, mais xa sabedes que as empobrecidas non somos moi espabiladas así nos vai- de onde foron os cartos do coñecido como “cheque social” tal e como preguntabamos hai uns meses en: “As 'fake news' de Caballero sobre os orzamentos en Políticas Sociais” [3].
Coñecemos que o orzamento da cidade para 2022 vai ascender a 285,5 millóns de euros, dos cales 56 millóns son para “partidas de Bienestar y Servicios Sociales”. Repetimos -algúns din que facemos demagoxia- que a maior parte deses cartos van aos petos de empresas trasnacionais e fondos de investimento que fan negocio coas nosas necesidades. Así chamamos a que servizos municipais como “Axuda no fogar” ou o “Programa de Intervención Familiar” os xestionen -legalmente- unha empresa do grupo DomusVi e Clece. Non é teima só nosa, a plataforma SAF Galiza, na que se organizan traballadoras da axuda no fogar, veñen denunciando nas rúas as consecuencias de deixar en mans do mercado necesidades básicas.
Se queren falar do complexo que é dar respostas aos problemas sociais desde unha administración, falamos. Somos conscientes dos atrancos de malvivirmos neste sistema, por iso enchennos de carraxe as súas loiadas e máis cando levamos toda a vida estirando os escasos cartos que entran. Urxe crear xa alternativas, en lóxica de dereitos, fóra ou nas marxes do mercado para dar respostas a necesidades básicas.
Coia, xaneiro 2022
ODS-Coia
--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia) | odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).
Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
11 de janeiro de 2022 10:00
_______
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
IMV
ODS-Coia
RISGA
U-los cartos das axudas sociais que non se gastaron? - Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema
sábado, xaneiro 15, 2022
U-los cartos das axudas sociais que non se gastaron? - Doe estar na miseria. Incomoda ollar que pasan semanas, meses, anos, xeracións e ver que os cartos sempre son problema
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan sábado, xaneiro 15, 2022
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon