Amosando publicacións coa etiqueta Vigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vigo. Amosar todas as publicacións

sábado, decembro 12, 2020

Concello de Vigo e Vitrasa negan a tarxeta social ás perceptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV) - Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza


Levamos seis meses de Ingreso Mínimo Vital (IMV) e o Concello de Vigo aínda non foi quen de garantir que as beneficiarias desta renda accedan á tarxeta social de VITRASA. Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza.

Neste intre, quen cobra a RISGA ou unha Pensión Non Contributiva (PNC) pode acceder á tarxeta social, mentres que as -escasas- beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital teñen que pagar o transporte público.

Montar nun vitrasa custa 1'35€ por viaxe, 0'89€ para quen teña a passvigo. Existen bonificacións para algúns colectivos: universitarias (0'67€), estudantes (0'87€), perceptoras de subsidios por desemprego ou RAI (0'69€). As pensionistas non pagan.

Dentro do colectivo de pensionistas atopamos ás perceptoras da RISGA, así como ás beneficiarias da extinta prestación por filla á cargo da Seguridade Social que desapareceu coa chegada do IMV. Para acceder a tarxeta social as solicitantes teñen que acudir ás instalacións de VITRASA ou á casa do concello e presentar a documentación requirida. Cada ano teñen que renovar a tarxeta entregando os documentos pertinentes.

O rebumbio no lanzamento do IMV deu paso a unha chea de atrancos que apagaron as boas expectativas iniciais: demoras, denegacións, silencio administrativo, requirimentos incomprensibles, etc. O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecía que 7.210 fogares galegos percibían o IMV, no mes de outubro, dos cales 2.278 estaban na provincia de Pontevedra. Tirando polo alto, ao redor de 2.000 beneficiarias viven en Vigo e non poden acceder á tarxeta social do autobús por mor da desidia, desinterese ou xa non sabemos como tachar a postura do goberno municipal.

A inacción do goberno de Caballero neste asunto choca co apuro que tiveron (no mes de xuño días antes da entrada en vigor do IMV) para prorrogar a concesión do transporte público durante cinco anos máis a VITRASA. Á calada e sen elaborar un novo prego que dera solución ás moitas eivas do transporte público.

Non esquecemos que quen enche a boca falando de “Vigo” está a convertela nunha cidade “friendly” para os negocios dos grandes capitais: Aqualia FCC enche os petos coa auga de todas, Servisar (do grupo Domusvi) xestiona o servizo de axuda no fogar e MOBILITY ADO xestiona o transporte público. Coller os orzamentos municipais é atopar unha relación de contratos con empresas transnacionais coas súas gadoupas en todas as concellerías.

Retomando a cuestión da mobilidade, reclamamos a urxente modificación da ordenanza. Esiximos que as beneficiarias do IMV poidan acceder á tarxeta gratuíta de autobús. Aproveitamos para reclamar que “quen non ten, non paga”. Reclamamos que este lema fágase extensivo a todas as políticas municipais: actividades deportivas, taxas, servizos...

Coia, decembro 2020

ODS-Coia

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

_______

luns, febreiro 16, 2015

Colectivos e xentes de todo o Estado apoian a loita da xente de Coia contra o malgasto municipal e a represión do goberno socioliberal de Abel Caballero en Vigo


Colectivos e xentes de todo o Estado apoian a loita da xente de Coia. | Comunicado de apoio ás compañeiras detidas en Coia (Vigo).

Os colectivos que asinamos este comunicado condenamos o aumento da represión nas protestas sociais e amosamos, de xeito público, o noso apoio a unha loita fortemente reprimida por parte de Abel Caballero e do seu goberno que non dubidou en empregar á policía local en contra da veciñanza.

Por todo isto, queremos amosar o noso total apoio ás compañeiras detidas no barrio de Coia en Vigo por defender os dereitos sociais e o noso total rexeitamento ás políticas de represión exercidas neste caso e noutros de todo o estado español.

As veciñas de Coia (Vigo) levan dende o 4 de decembro tratando de impedir a instalación dun barco nunha rotonda no barrio que supón un gasto inxustificado e inmoral nunha cidade na que, como no resto do estado, a xente malvive nos barrios mentres ve proliferar no seu contorno obras faraónicas.

Abel Caballero, alcalde do PSOE de Vigo, puxo todo o seu empeño en criminalizar a protesta veciñal, empregando medios de comunicación afíns como altofalantes das súas falacias e terxiversacións. Ademais, co fin de acalar a protesta e violentar á veciñanza, non tivo o menor reparo en empregar a policía local como instrumento represor ao seu servizo: tres detencións arbitrarias e inxustificadas (S., Xurxo e Diego; este último membro da ODS-Coia e de Baladre, Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social), vinte e cinco persoas con supostos cargos perante a Fiscalía, numerosas multas,...

Mentres dirixentes e partidos políticos maniféstanse a favor da liberdade de expresión co gallo do atentado terrorista de París, a escalada de represión e criminalización da protesta social segue en aumento no estado español.

As loitas de pobos e barrios, así como as do sindicalismo combativo e de clase, están a ser duramente reprimidas por empresas e institucións públicas, a través das súas forzas de represión policiais, a xudicatura e unhas leis que, cada vez máis, póñense ao servizo dos intereses do capital e das oligarquías dominantes. O recente caso de Alfon, condenado a 4 anos de cadea pola súa participación na folga xeral do 14N no 2012 tras un xuízo cheo de irregularidades, súmase a unha longa lista de activistas condenadas pola súa militancia. É unha ofensiva en toda regra contra a lei de folga, o dereito de manifestación e de reunión e as leis que garanten a liberdade de expresión.

A vindeira aprobación da Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como Lei Mordaza, é un chanzo máis no entramado legal que se está a elaborar para silenciar a disidencia ideolóxica e reprimir a protesta social, sinal inequívoca da debilidade dun sistema que, a falta de argumentos e ante o incremento da contestación cidadá, unicamente sabe responder coa represión.

Reiteramos a nosa solidariedade cos detidos. As loitas das xentes de Coia son as nosas loitas.

Se nos tocan a unha, tócannos a todas!

  1. A Ría Non Se Vende
  2. Acción Verapaz
  3. Ambilokwoi Futebol Gaélico Mixto
  4. Anova-Irmandade Nacionalista
  5. Asamblea Canaria por el Reparto de La Riqueza (ACRR)
  6. Asamblea intercorralas de Málaga
  7. Asamblea de Gamonal (Burgos)
  8. Asdecoba (Salamanca)
  9. Asemblea de Movementos Sociais de Vigo
  10. Asociación contra la exclusión ALAMBIQUE (Xixón)
  11. Asociación de Vecin@s Santiago de Nuevo Gijón, Perchera y la Braña...
  12. Asociación Kanguras, criando en brazos (Galiza)
  13. Baladre, Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social
  14. Berri-Otxoak, Plataforma Contra la Exclusión Social y Por los Derechos Sociales (Euskadi)
  15. BNG
  16. CaMot (Xàtiva)
  17. Campamento Dignidad Mérida
  18. Ceivar, Organismo Popular Anti-repressivo
  19. Centro Social Okupado Taucho (Canarias)
  20. CIG
  21. CNT (Vigo)
  22. Colectivo IMAN (Galiza)
  23. Comités
  24. Confederación General del Trabajo (CGT)
  25. Consumo Consciente Árbore, Sociedade Cooperativa Galega
  26. Coordinadora de Barrios (Madrid)
  27. Coordinadora de Crentes Galegos
  28. Comité Oscar Romero
  29. Comunidad Parroquial de San Atanasio de Madrid
  30. Cova dos Ratos
  31. CP San Carlos Borromeo
  32. Distrito 9
  33. Entremos na Panificadora
  34. Erletxea (Irún)
  35. Esculca - Direitos e liberdades
  36. Espacio Sociocultural La Casa (Canarias)
  37. Espazo Aberto Antimilitar (Galiza)
  38. Esquerda Unida
  39. Foro Galego de Inmigración
  40. Galiza Contrainfo
  41. Galiza Nova
  42. G.A.S. (Galiza)
  43. Grupo Andarivel de Cantabria
  44. Inclusión Activa Boa Vida (Galiza)
  45. Isca!
  46. Liga Estudiantil Galega
  47. Marea roja Alacant
  48. MLP (Movemento Loita Popular) Coruña
  49. Movemento Cidadán “O noso barrio”
  50. No somos delito Alacant
  51. ODS-Coia (Galiza)
  52. Parroquia Cristo da Vitoria (Galiza)
  53. Parroquia de Santa María de Nazaret en el Barrio de Buenos Aires (Salamanca)
  54. Piratas de Galicia
  55. Radio Pimienta (Canarias)
  56. Rede Sementes Galega
  57. Redes Cristiás
  58. Stop desafiuzamentos Coruña
  59. Toma la Plaza Alacant
  60. Vangarda Obreira Coruña
  61. Verdegaia
  62. Zambra Cuenca
  63. Zambra Málaga
  64. 15M Monte Alto (Galiza)

Vigo, 14 de febreiro de 2015

--
Asemblea Aberta de Coia
nonarotonda@gmail.com  |  @AsembleaDeCoia  |  facebook.com/asembleaabertacoia
XUSTIZA SOCIAL. NIN CARTOS NA ROTONDA, NIN ESTADO POLICIAL!

Enviado por:
Asemblea Aberta Coia
-nonarotonda@gmail.com-
14 de fevereiro de 2015 10:08

Achegamos un comunicado de apoio aos detidos na loita en contra da instalación dun barco na rotonda de Coia apoiado por numerosos colectivos do Estado. | Colectivos, sindicatos, organizacións... entre os que se atopan nomes tan coñecidos como a xente de Gamonal, San Carlos Borromeo, Stop Desafiuzamentos Coruña, Imán... Preto de 70 sinaturas de apoio, ás que hai que engadir as de centos de persoas que tamén seguen a nosa loita polos dereitos sociais con especial agarimo. Seguimos na procura de apoios polo que esta lista en breve quedará pequena. | Pedimos á vosa axuda nesta loita que Abel Caballero e o seu goberno está a reprimir con man dura, espallar o comunicado para nós é moita axuda.

_______________

xoves, maio 15, 2008

O 25 de maio, manifestación contra a destrución da Ría de Vigo, defendamos o noso litoral

A Rede A Ría Non Se Vende, composta por 16 colectivos, ven de reunirse por terceira vez co presidente da autoridade portuaria de Vigo, Xesús Paz, esta vez para recibir explicacións sobre as propostas realizadas por dúas consultoras externas ao porto sobre zonificación de usos e posibles ampliacións do porto.

En xuntanza anterior, a Rede xa presentara as súas suxerencias destinadas á redacción do tan agardado Plan de Usos, e un informe detallando 14 puntos negros medioambientais da ría, tanto na xurisdición da APV como en outras xurisdicións.


Parte de estas novas propostas xa se coñecían pola prensa, a cal, alomenos a máis oficialista, parece empeñada en imaxinarse un amplo consenso ao redor delas, cando a realidade é que as informacións que corren son incompletas, non chegan a grande parte dos sectores con actividade económica dependente do estado ambiental da ría nin á poboación de a pé, e insisten na aburrida perorata de crecemento, progreso, etc.

A realidade, a pesares da aparente boa intención do actual presidente da APV, é que continuamos a asistir ao espolio e destrución da riqueza natural, de recursos e paisaxística dunha ría que, aparte dos postos de traballo que dependan da actividade portuaria, da sustento a 15.000 empregos directos, 9.991 na pesca, 1.124 no marisqueo, 2.373 na acuicultura e 2.109 nas actividades directamente relacionadas en terra.

Recoñecen o uso dos espazos portuarios para actividades que se poderían realizar en outras localizacións e deseñan un plan no tempo para retirar algunhas destas empresas, pero están atados por unha xestión nefasta ate o momento e estes traslados presentan grandes dificultades. O porto de Vigo é o único dos 28 pertencentes a Puertos de Estado que non ten aprobado un Plan de Usos, plan que xa era obrigatorio no ano 1993. E o caos continúa sen efectuar a intervención radical que se precisa.

Moi ao contrario, se prescinde de facer o análise global que a ría precisa e as propostas céntranse en contentar a intereses concretos, consolidando exemplos de corrupción e ilegalidade como o porto deportivo de Punta Lagoa, na Guía, de 350 amarres, que destruíu bancos marisqueiros e arrasou o hábitat do cabaliño de mar, e que ten resolucións de derrubo e xa catro sentenzas xudiciais que confirman as súas múltiples ilegalidades. E “premiando” ao seu promotor, o presidente de Pescanova, con 5.000 de recheos e 30.000 m3 de dragados nas instalacións da súa empresa en Chapela, lindantes con Rede Natura. Tamén aparecen 21.000 m2 de novo recheo en Punta Chapelisa, lindantes con Pescanova, xa dentro da propia Rede.

Citroen, unha firma que non ten nin un só metro cadrado de concesión portuaria, nin estes espazos aparecen asignados a ningún outro operador, beneficiase dunha ampliación da súa superficie dedicada a aparcadoiro mediante a realización de silos en altura e, a maiores, máis de 80.000 m2 de recheo extra en Bouzas. As oficinas de Zona Franca, un campo de fútbol e múltiples naves industriais permanecen no lucrativo (para o porto) recheo, situado enriba do que fora o banco marisqueiro máis produtivo da ría.

Abel Caballero utilizou seu paso pola APV como trampolín para a alcaldía de Vigo, convocando un concurso para remodelar o área central do porto, con unhas bases incongruentes coa lexislación de portos, e que se adxudicou a Jean Nouvel. As actuais propostas deixan o espazo en branco para ese proxecto, imposible de realizar segundo a lexislación vixente, pero que terían o suporte económico garantido coa creación de unhas 1.150 prazas de amarre no pleno centro da cidade. A privatización da ría sempre foi lucrativa para alguén. No Salgueirón, en Cangas se xoga cos mesmos ingredientes, ilegalidade, arquitecto de luxo, privatización e porto deportivo para proxectar 420 amarres nunha zona de gran riqueza natural. E os contenciosos que os paguen os afectados.

Na zona de Rande, en plena Rede Natura, se presentan dúas novas propostas de recheo, a antes citada de Punta Chapelisa, e 32.000 m2 máis ampliando a terminal de granito. Na xuntanza mantida, e preguntado polo tema, Xesús Paz se defende argumentando que a Rede Natura permite certos tipos de actividades dentro da súa xurisdición. Nós nos preguntamos si non falaría xa con Manuel Vázquez e este lle asegurou que recheos e nocivas actividades portuarias si poderán estar permitidas no PRUX, PORN ou Plan de Conservación do LIC Enseada de San Simón!. Non parece que tales minucias ou ningún principio de precaución sexan capaces de apartar a estas xentes dos seus obxectivos de beneficio.

Algo así nos tiñamos que imaxinar cando xa no 2005 a Fundación Provigo pechou o Observatorio Medioambiental da Ría de Vigo, ao parecer por non poder asumir os 70.000 euros do seu custe anual. Podería crerse esa razón se non fora porque dita fundación está formada entre outros polo Consorcio da Zona Franca, Caixanova, Deputación provincial, Citröen, a Cámara de Comercio ou o Club Financeiro de Vigo.

E non é so a APV a que ten un comportamento voraz coa ría, tamén a Xunta pretende promover nas instalacións da antiga ETEA, en Teis, un porto deportivo con 1.076 amarres, dentro dun plan director de portos deportivos que pretende crear máis de 4.000 novos amarres na ría; e o desastroso estado da rede de depuración fai rebosar todos os aliviadoiros do litoral con precipitacións absolutamente normais, producindo, xunto ao deficiente funcionamento das depuradoras, enormes concentracións de coliformes que se suman ás xa altas concentracións de metais pesados, clorobifenilos e hidrocarburos para afectar á calidade e o prezo dos produtos da ría e comprometer o seu futuro. Ao mesmo tempo, a consellería de medio ambiente ignora a avaliación ambiental dos plans xerais de Vigo e Moaña, que proxectan duplicar o número de vivendas. Imos ben cara a algún tipo de progreso?. Se opinas que non, acude o día 25 de maio, as doce, á Praza da Estrela de Vigo.

_________________

http://arianonsevende.org
_________