Na tarde de onte, 29 de marzo de 2021, arribaba ao porto de Mugardos o gaseiro "LNG Boris Vilkitsky" con miles de toneladas de gas natural licuado para a perigosa Reganosa. Un buque de 299 metros de eslora e 50 de manga, actualmente navegando baixo bandeira de Cyprus, construído en 2017.
Esa mesma tarde comezaba a descarga que durará ao menos unhas 24 horas. Perante ese tempo aumentará exponencialmente o xa de por si perigo que representa a planta regasificadora, localizada no corazón da nosa Ría. Ameazando a vida e seguridade das miles de persoas que moramos na súa contorna. Unha planta regasificadora construída a sabendas de que non se podía construír nesa localización de Punta Promontoiro. Localización que respondía só aos intereses económicos do Grupo Tojeiro que realizou un verdadeiro pelotazo económico [1] coas parcelas onde se asenta a planta de gas, parte da súa propiedade, e outros dos que é titular dunha concesión da Autoridade Portuaria, renovada por ducias de anos.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol denuncia que:
<<Reganosa é un produto continuado de corrupción político-financeira. A relocalización da Planta de Gas no interior da Ría, cando estaba prevista situala no litoral exterior, supuxo para o Grupo Empesarial Tojeiro un beneficio fraudulento duns 30 millóns de euros a través das transferencias da parcela e a cesión de concesión portuaria entre empresas do mesmo propietario. Esta operación foi posíbel pola implicación do Goberno da Xunta de Galicia (PP) e do seu anterior presidente Fraga Iribarne. Resaltamos a firma dun convenio con cláusulas confidenciais, onde o seu muxidor José Orza que era, ademais de Conselleiro de Economía e Facenda, un socio das empresas do grupo Tojeiro. O citado grupo empresarial aparece nos papeis de Barcenas y Crespo, como financiador do partido popular (PP). Logo de moitos anos do comezo da nosa loita contra a Planta de gas o Tribunal Supremo ditamina a ilegalidade da localización da planta pero, malia as catro sentenzas do T.S., o Goberno de España, en consello de ministros presidido por Mariano Rajoy, decide en maio do 2016 non acatar estas sentenzas do alto Tribunal eximindo a REGANOSA da esixencia de levar a cabo a preceptiva Avaliación de Impacto Ambiental (EIA nas súa siglas en español) para obter a correspondente DIA, que a faculta para poder continuar co proxecto e construción da planta de gas. En datas posteriores ao consello de ministros outorga-lle de novo e pola vía de urxencia, unha nova autorización (as segundas) para poder funcionar "dentro da legalidade".>>
Todo unha estafa.
Mais ante o recurso do Comité Cidadán de Emerxencia contra esa resolución do goberno de Mariano Rajoy, dita-se a sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019,
que anulou o Acordo dese Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que
se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental
aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de
gas natural licuado en Mugardos. Un logro xudicial confirmando a ilegalidade de Reganosa. Non só, senón que tamén quedaba ao descuberto a mentira á que nos estiveron sometendo por moitos anos a maioría de políticos, institucións e medios de comunicación. Xustificando en todo momento a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas e
contribúe ao deterioro da Ría, senón que foi construída ao amparo da
corrupción económica e política. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa.
Como era de agardar, o novo goberno agora progresista, non suspendeu a actividade da planta e deixou que funcionara sen os necesarios permisos legais, -na actualidade están en trámite- mesmo o de construción, tumbado por sentenza firme. Reganosa cos seus apoios políticos e económicos apurou-se en presentar a avaliación ambiental -que ate o de agora non a presentara porque sabía que a súa localización non pasaría a Avaliación de Impacto Ambiental, nin tan sequera o disposto no Rapinp (en vigor na Galiza ate 2008)- [2, 3 e 4] mais algo xa tiñan negociado coa nova administración que o novo goberno non tardou en dar o visto bon, mediante resolución o 20 de decembro do pasado ano 2020, estando neste momento tramitando as novas autorizacións administrativas (as terceiras).
Un dos aspectos máis significativos da resolución ministerial [5] coa que se lle facilita a concesión de permisos de construción e
funcionamento a Reganosa co trámite de formulación de Declaración de
Impacto Ambiental (DIA), é pasar como se nada houbera acontecido, sobre o fundamental da discusión, en sedes administrativas e xudiciais, a localización da regasificadora, a súa clasificación como actividade perigosa e o necesario de ser sometida esta, á propia avaliación de impacto ambiental.
Dan por imposíbel unha nova localización, alegado como feito consumado a
existencia da propia planta xa en funcionamento, aínda que fora
transgredindo toda a lexislación medioambiental, en referencia a súa perigosidade e
localización, próxima a núcleos de poboación consolidados. Foron e son
responsábeis desta situación, políticos, funcionarios, tribunais, xornalistas e medios,
... con nomes e apelidos, que se implicaron na fraude, para "legalizar" o despropósito
gasista. Ate, como xa mencionamos, existe un documento confidencial, onde a Xunta de Galicia,
presidida por Manuel Fraga, compromete-se a dar e axilizar todos
os "permisos" necesarios para que a planta regasificadora se puidera
construír e poñer a funcionar, sen cumprir a legalidade medioambiental
vixente.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, coñecía desde un principio a ilegalidade de situar a planta
regasificadora no corazón da nosa Ría, a poucos metros de núcleos de
poboación, a 80 metros de Meá e a Pedreira, a 500 do parque dos
carneiros (antigo poboado das vivendas sindicais), a 800 da vila de
Mugardos a 1000 metros de Navantia e o Arsenal Militar, a 1200 de Ferrol
Vello, a menos de 2000 metros, das oficinas de 'La Voz de Galicia', e actuou en consecuencia.
O Comité Cidadán de Emerxencia, consciente da fatal coincidencia co ano de pandemia de todo este último proceso -por mor do COVID-19- está a elaborar novas estratexias na actual conxuntura política, social e económica, para seguir a loita contra o despropósito gasista de Reganosa, cada vez máis poderoso, convertido na actualidade nunha corporación multinacional.
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
Notas.-
[1] 27.10.2007 - CCE. | O “Pelotazo” de Reganosa : A especulación no valor dos terreos. |
Continúan descubríndose datos e informacións evidenciando que non foron
nin o emprego nin a xeración de riqueza as verdadeiras motivacións do
Sr. Tojeiro e os seus apoios, para situar a Planta de Gas en Punta
Promontorio (Mugardos). | Agora descóbrese que o principal motivo é o
pelotazo económico-urbanístico. | A empresa “Forestal do Atlántico”,
propiedade do Grupo Tojeiro, do chan rústico que comprara a
particulares, segregou, en Febreiro de 2001, unha leira de 75.000 m2
rexistrándoa cun valor de 47.500.000 pesetas. Menos de dous meses
despois, Forestal do Atlántico S.A vendeuna a Reganosa en 737.000.000 de
pesetas. En menos de dous meses xerou unha plusvalía do 1.552 %. | Coa
participación de José Antonio Orza, entón Conselleiro de Economía, este “pelotazo”
inscríbese no marco do Convenio con cláusulas confidenciais asinado en
xullo do ano 2000 polo Sr. Fraga, entón presidente da Xunta de Galicia,
co Sr. Tojeiro e outros socios de Reganosa. José Antonio Orza era socio do Sr. Tojeiro na empresa Forestal do Atlántico S.A., encostada á Planta de Gas de Reganosa. | Comunicación do Comité Cidadán de Emerxencia. | Plano das instalacións. | Denuncia ante a Fiscalía do TSXG. | Certificación do Rexistro da Propiedade de Pontedeume.
[2]
RAMINP - Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o
Reglamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas. | Ir ao BOE.
[3] Disposición derogatoria única, da Lei 34/2007, de 15 de novembro,
de calidade do aire e protección da atmosfera. | Derrogación normativa.
|
1. Queda derrogado o Regulamento de actividades molestas, insalubres,
nocivas e perigosas, aprobado por Decreto 2414/1961, de 30 de novembro. |
No entanto, o citado Regulamento manterá a súa vixencia naquelas
comunidades e cidades autónomas que non teñan normativa aprobada na
materia, en tanto non se dicte dita normativa. |
Sen prexuízo do anterior, a regulación contida nos artigos 4, 11, 15 e
20 sobre emprazamentos e distancias que no Regulamento de actividades
molestas, insalubres, nocivas e perigosas establécese, non será de
aplicación ás instalacións de tratamento de augas, instalacións de
depuración de augas residuais, instalacións desalobradoras e
desalinizadoras, sempre que tal cuestión fose obxecto de análise e
corrección, no seu caso, mediante as medidas procedentes con arranxo ás
mellores técnicas dispoñibles ou que se axusten ao que respecto diso
determine a avaliación ambiental ou, no seu caso, a autorización
ambiental integrada correspondente ou título administrativo equivalente.
| Ir ao BOE.
[4]
Galicia. Incidencia ambiental (actividades clasificadas). 03.07.2008 |
Derrogación do RAMINP en Galicia polo Decreto 133/2008, de 12 de Xuño,
polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental (DOGA nº 126, de
1 de Xullo de 2.008) | Ir á web.
[5] Resolución de 2 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade e
Avaliación Ambiental, pola que se formula declaración de impacto
ambiental do proxecto "Planta de Regasificación de GNL de Reganosa en
Mugardos (A Coruña)". | Ir ao BOE.
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon