sábado, marzo 13, 2021

Hai 20 anos que o feminismo deu nome á Praza Amada Garcia en Ferrol - Documento, Fotos e Vídeo - Letra de 'Adeus, Amada Garcia'


Este 8 de marzo, fixo 20 anos, desde que activistas feministas, puñan nome a praza pública localizada diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, co nome de Amada Garcia, a militante comunista e republicana, vítima  da barbarie fascista. Amada García Rodríguez, veciña de Mugardos, foi detida en 1937 e ingresada no cárcere acusada de rebelión militar. Cando a detiveran estaba en estado de xestación e non tardou en dar a luz ao seu fillo Gabriel [1]. Condenada a morte por un tribunal militar, foi levada co bebé á prisión no Castelo de San Felipe, na beira norte da canle de entrada á Ría. Tan só tiña 27 anos cando a fusilaron o 27 xaneiro de 1938, xunto a outros sete compañeiros [2].

Foi a organización feminista MNG (Mulheres Nacionalistas Galegas) [3] que formaba parte da Marcha Mundial das Mulleres, quen tomou a iniciativa de dar-lle o nome de Amada Garcia á Praza, xunto a unha serie de actos de homenaxe á republicana covardemente asasinada polas balas franquistas -muller silenciada perante máis de 60 anos. Sabendo que o Concello tiña pensado poñer o nome de Camilo José Cela á praza, as feministas reclamaron o nome de Amada Garcia para a citada praza, para a súa lembranza, recoñecemento e desagravio. As organizacións feministas consideraban a Camilo José Cela un machista e misóxino declarado. Ademais de ser unha persoa que se ofreceu como delator, de artistas e escritores republicanos do seu circulo, en plena represión fascista.


https://youtu.be/p5tcI3_knbg

A continuación transcribimos un emotivo e significativo comunicado da organización feminista, para o acto, fotos e vídeo, de pouca calidade, polos incipientes medios dixitais do momento, mais de alto valor simbólico e documental. A letra da canción interpretada polas Cantareiras de Trasancos e dun poema de Memela Ces Riobóo: "Adeus, Amada Garcia" [4].

8 de Março do 2001. Inauguraçom da Praça Amada García.

Queremos lembrar a umha mulher que no tempo da II República tivo os seus projectos, a sua actividade, a sua luita e os seus sonhos comunitários:

AMADA GARCÍA, ama de casa de Mugardos, era de esquerdas e era republicana, e como tal participava em comícios, em reunions, falava publicamente e mantinha umha organizaçom de mulheres en Mugardos. Era mui querida e respeitada, mas tambén odiada por alguns.

Os sonhos desta gente, os seus projectos para a comudidade ficárom rachados com o golpe de estado fascista.

AMADA GARCÍA, como outra muita gente, é acusada no tempo em que estava esperando o seu segundo filho. Sem importar esta circunstáncia é apressada e obrigada a fazer trabalhos forçados.

No momento de parir levam-na ao Hospital de Caridade onde as freiras lhe recordam que o seu filho devera morrer, pois vinha de “mal sangue”. Depois levam-na outra vez com o seu filho ao cárcere da avda. de Vigo, a actual comissaria de policía.

A 1 de dezembro do 37 celebra-se um conselho de guerra contra 45 republican@s de Mugardos, entre elas duas mulheres, umha delas é Amada García com o seu filho de dias nos braços, a sentença para ela é de morte, igual que para 37 pessoas mais.

O 26 de Janeiro levam a Amada e ao seu filho para o Castelo de S. Felipe. Metem-na numha cela onde Amada passa horas de pé porque nom quere que as chinches do camastro piquem ao neno, nom há outra cousa na cela.

Entre os pressos de ali houvo 25 companheiras que se oferecem a cambiar a sua vida pola de Amada mas nom o aceitam.

As 5 da manhá permíte-se-lhe a entrada ao seu home e a duas parentes para recolher o neno. Amada é valente e entom dá o seu legado ao seu filho: “o primeiro que lhe ensinaredes é o meu nome e porquê matárom a sua mai”.

Amada cai afusilada na 2º descárga de balas o 27 de Janeiro de 1938. Tinha 27 anos.

Com o passo do tempo as nossas nais ainda lembravam em voz baixinha a esta mulher: “os assassinos, esperárom a que parisse para matá-la. E esse filhinho, que será dele sem a sua nai?”

Em voz baixinha porque o silêncio estava imposto.

Agora o nome de Amada parece esvaer-se mentres os nomes dos fascistas ainda estám nomeando as nossas ruas.

Nós, hoje, queremos rescatar do silêncio da historia o seu fermoso nome e explicar por quê a matárom, mas desta volta, em voz mui alta.

MULHERES NACIONALISTAS GALEGAS. M.N.G.


Clicar acima da imaxe para ampliar
Clicar acima da imaxe para ampliar

O nome da praza no Consello Sectorial da Muller

A principios de outubro do pasado ano 2020, no Consello Sectorial da Muller do Concello de Ferrol, a Marcha Mundial das Mulleres propuxo formalizar institucionalmente o nome da praza como Praza Amada Garcia, aínda hoxe o Concello está pendente de aprobar en pleno dita proposta. Mentres o movemento feminista e social de Ferrol sigue chamando a praza: "Amada Garcia".

Adeus Amada Garcia, adeus Amadita, sempre na memoria e sempre no corazón.

Notas.-

[1] Gabriel Toimil Garcia, morreu o 2 de maio de 2014, os seus restos están xunto aos da súa nai Amada Garcia no cemiterio de Serantes.

[2] Os outros fusilados pola barbarie fascista o 27 de xaneiro de 1938, no Castelo de San Felipe: Juan José Teijeiro Leira (de 42 anos, mariñeiro, de Mugardos, militante do PCE); José María Montero Martínez (de 39 anos, de Mugardos); Ángel Roldós Gelpi (de 50 anos, de Mugardos, de Izquierda Republicana, comerciante); Ramón Rodríguez López (de 38, de Caamouco-Ares); Antonio Eytor Cañizo (de 57, concelleiro de Mugardos, de IR, carpinteiro); Germán López García (de 50 anos, de Ares, mariñeiro, presidente de Fraternidade Sociedad de Traballadores da Terra e Oficios Varios de Caamouco-Redes, de UGT); Jaime González Pérez (de 31 anos, de Ares, dependente de farmacia).

[3] Mulheres Nacionalistas Galegas - MNG, organización feminista com importante presencia en Ferrolterra, nace en 1986 e hoxe sigue presente no movemento feminista galego. | Ir á Web.

[4] Un Canto a Amada Garcia, letra de Memela Ces Riobóo, con música popular da Beira Baixa portuguesa recollida pola Ronda dos Catro Caminhos, adaptada e interpretada polas Cantareiras de Trasancos.

Canto a Amada Garcia

Letra de "Adeus, Amada Garcia"

Como a fouce sega a erva
A tua vida foi segada
junto a mulheres e homes
de Mugardos cae Amada

Justiza berram as gorxas
das que agora a ti te cantam.
Justiza berravam todas
a tua também berrava.

Junto a mulheres e homes
em Mugardos cae Amada.
Como a fouce sega a erva
a tua vida foi segada.

Ti loitaches contra a sombra,
a luz de ti se prendava,
por amor teu ao teu povo
ficaches presa, Amada.

Forom moitas, forom moitos,
quem a vida por ti cambiavam,
mas eram a ti a quem temiam
por mulher republicana.

Na prisiom nace o teu filho
e a morte ti condenada
disque lhe falem de ti,
Entregas com el a alma.

Quem seria deste povo
a quem lembrar numha praça?
A quem gustou da censura
ou a quem lhe plantou cara?

A lembrança é para ti
por mulher e camarada,
por nai, razom e caminho,
por mártir republicana.

Adeus, Amada Garcia!
Adeus, Amada Garcia!
Adeus e moito obrigadas,
Adeus e moito obrigadas.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon