xoves, marzo 11, 2021

Rebelión interna nun sector das bases e militantes feministas, con responsabilidades partidarias e institucionais, de Podemos e Esquerda Unida, contra a proposta de 'Lei Trans' da equipa da ministra Irene Montero


Pasado un mes desde a Declaración dun grupo de feministas de recoñecida traxectoria no movemento como persoas de referencia e prestixio, produce-se a rebelión interna nun sector das bases e militantes feministas, con responsabilidades  partidarias e institucionais, de Podemos e Esquerda Unida, contra a proposta de "Lei Trans" da equipa da ministra de igualdade, Irene Montero.


Hai uns días ante a difusión pública do borrador da "Lei Trans", que propón a equipa da ministra de igualdade, Irene Montero, un grupo de feministas, na súa maioría activistas e filósofas de longo percorrido na loita feminista, dicían que a proposta lexislativa se presentaba "como un suposto avance en dereitos humanos", mais que crían "que se trata, ben ao contrario, dun retroceso nas políticas de igualdade entre os sexos". Este grupo entre as que se encontran entre outras, Ángeles Álvarez, Laura Freixas, Marina Gilabert, Alicia Miyares, Rosa María Rodríguez Magda, Victoria Sendón, Juana Serna, Amelia Valcárcel, ... e que parte delas están ligadas ao PSOE, lanzou unha Declaración, o pasado 8 de febreiro, baixo a exclamación: "É aínda peor do que temíamos", contra a proposta de "Lei Trans" ou "Lei Montero" que nalgúns círculos feministas denominan "Lei Queer", por responder, segundo elas, no fundamental a formulacións que parten das teorías dese movemento global de importante influencia en parte do mundo LGTBI e á vista está que tamén no movemento feminista. Curioso foi que se filtraran, ao mesmo tempo, dous borradores de dous anteproxectos de lei diferentes, coa mesma data do 2 de febreiro de 2021: un de 30 páxinas (Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans) e outro de 80 (Lei para a igualdade das persoas LGTBI e para a non discriminación por razón de orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero ou características sexuais), mais seguindo a mesma formulación no principal que está en debate: a introdución na lexislación das teorías queer (sexo sentido, autodeterminación de sexo e identidade de xénero, ....). Desde moitos medios, interesadamente, aproveitou-se o asunto como unha nova fenda política dentro do goberno Sánchez/Iglesias, entre PSOE e Unidas Podemos. Mais á vista das últimas rebelións contra a "Lei Trans de Montero", tanto dentro das filas de Podemos como das filas de Esquerda Unida, o debate xa vai collendo forma e se presenta como a realidade que é: un debate de principios dentro do feminismo. Debate que se suma aos outros de vital importancia para o feminismo, como son o da legalización da prostitución; ventres de alugueiro; pornografía...

A Declaración de Ángeles Álvarez, Laura Freixas, Marina Gilabert, e o resto da feministas asinantes, critica con contundencia o borrador da citada Lei e din dela que: "Pon en perigo á infancia..., Reclama unha "despatoloxización" que medicaliza...; Dilúe a violencia de xénero...; Substitúe sexo por identidade de xénero...; Crea un suxeito xurídico ficticio..; É inconstitucional... En resumo, e volvendo á nosa declaración inicial, tal proposta de lei, lonxe de afianzar a igualdade entre os sexos, é un retroceso. Son moitas as súas insuficiencias que neste breve comunicado non podemos expoñer, pero sirva como conclusión xeral que cuestiona aspectos moi relevantes do noso sistema lexislativo".

A contestación dentro de Podemos

En Podemos máis de 1600 feministas das propias filas da organización esixen un debate interno sobre a polémica Lei. Protestan contra o contido do borrador, esixindo un debate que din "que non existiu". Desde as filas das diferentes organizacións de base e enlaces feministas responsábeis levan meses advertindo das consecuencias que tería para as mulleres a aprobación de dita proposta.

Así, estase movendo un documento que baixo o título: "En Podemos tamén hai feministas" que están asinando mulleres da organización que manifestan "a súa profunda preocupación polo xeito en que se está abordando a cuestión da mal chamada Lei Trans no partido".

Critican as asinantes do manifesto a falta de debate interno sobre esta cuestión, denunciando que a área de Feminismos impuxo unha posición "única e inamovíbel" e "que non é necesariamente coincidente coa de todo o partido nin coa de moitas mulleres á fronte das áreas de Feminismo(s) nos distintos territorios".

Móstranse sorprendidas co comportamento do Ministerio de Igualdade e de membros de Podemos "ante os ataques cara a mulleres que levantan a súa voz e expresan unha opinión contraria a este borrador de Lei", e advirten que "non podemos permitir que se poña en cuestión que somos nós, as mulleres, quen constituímos o suxeito político do Feminismo", algo posto en dúbida en varios ámbitos desde voces dirixentes da organización.

Entre as primeiras asinantes atópanse cargos públicos, militantes de base e responsábeis orgánicas do partido en todo o territorio do estado español.

A contestación dentro de Esquerda Unida

Un día despois de facer-se pública a contestación interna en Podemos contra  o borrador da "Lei Trans", militantes de Esquerda Unida decidiron seguir os pasos das feministas de Podemos para alzar a súa voz contra o citado borrador da lei que intenta aprobar o Ministerio de Igualdade.

Nun documento titulado "Retomar o feminismo" que xorde, segundo as súas autoras "da inquietude das militantes feministas que integran a coalición esquerda Unida e os seus partidos" denúnciase "o xiro ideolóxico que están tomando as políticas institucionais no área de Feminismo".

Recordan as feministas como a coalición liderada por Alberto Garzón fixo desaparecer a área da Muller, expulsou ao Partido Feminista das súas filas e impuxo a "Lei de Autoidentificación de Xénero ... sen un debate profundo, consensuado e tendo en conta todos os axentes sociais e cuestións xurídicas, educativas e de saúde implicadas".

Así, as feministas de Esquerda Unida denuncian "a deriva neoliberal da organización que ameaza con seguir coa regulación da prostitución ou dos ventres de alugueiro" e esixen que se "abra unha profunda reflexión, implicando a todas as partes, para que outras e outros militantes, simpatizantes e votantes poidan debater en sociedade sobre o momento no que nos atopamos en relación a estas políticas e a súa implicación no feminismo e resto de loitas sociais".

Na Galiza

O feminismo e as organizacións de mulleres conflúen desde hai uns anos na Plataforma Galegas8M, que non integra a todo o movemento feminista, mais si á maior parte do mesmo. Na preparación deste 8M afloraron certas diferencias que xa o anterior ano sucedera, mais agora co borrador da "Lei Trans" á hora da confección do manifesto, diferencias que non transcenden publicamente, mais aló dalgún comentario nas redes sociais. A revista Tempos Novos, no seu nº286, de marzo deste ano 2021, dedica a súa portada ao debate e no seu interior coa publicación dun artigo da feminista Carmen Adán co título "Lei Trans: debate e Ruído" e unha entrevista de Inma López Silva ao referente en políticas queer, Lucas Platero, activista LGTB e investigador.

Na Galiza hai desde a primavera de 2014 unha "Lei, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuales en Galicia" mais que non recoñece a "libre manifestación da identidade de xénero", (o mesmo que pasa coas leis LGTBI do País Vasco, Cataluña e Canarias, a diferencia doutras 8 comunidades que si o fan e 5 que non a teñen), no verán de 2017, toda a oposición presente daquela na cámara (En Marea, PSdeG-PSOE e BNG) fixo súa unha proposta de Lei dos colectivos LGTBI, mais esta foi rexeitada no Parlamento pola maioría absoluta do PP.

Nunha entrevista no xornal "El Salto" en referencia a este 8M de 2021, Pilar Estévez da coordinadora de Galegas8M, manifestaba sobre o borrador da "Lei Trans" estatal que provocou a reacción dun sector do feminismo que entende a consagración do dereito á identidade de xénero como un risco para o suxeito do feminismo, Pilar Estévez indica que "a Plataforma decidiu non apoiar de xeito expreso o borrador da lei trans coñecido o 2 de febreiro, pero si recoñecen no seu manifesto o apoio ás compañeiras trans e a un marco xurídico que as protexa". Mais aínda que esa era a intención, no manifesto presuntamente consesuou-se unha redacción próxima co contido expreso da mencionada Lei: "Iremos (a folga) porque perante a posibilidade histórica dunha lei despatoloxizadora, é necesario incluír de novo a demanda de despatoloxización e de autodeterminación de género, ...".

Documentación:

✔ Borrador da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans. | 02.02.2021 | 30 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

✔ Borrador anteproxecto de Lei para a igualdade das persoas LGTBI e para a non discriminación por razón de orientación sexual, identidade de xénero, expresión de xénero ou características sexuais. | 02.02.2021 | 80 páxinas e formato pdf. | Acceder/Baixar.

✔ Declaración "É aínda peor do que temíamos". 08.02.2021| Acceder ao documento.

✔ Manifesto "En Podemos tamén hai Feministas". 06.03.2021  | Acceder ao documento.

✔ Declaración "Retomar o Feminismo". 07.03.2021 | Acceder ao Documento.

Fontes: Contra el Borrado de Mujeres. | El Común. | Dirección General de Diversidad Sexual y Derechos LGTBi. | El Salto. | Wikipedia. | @igualdadgob. | Galegas8M. | Tempos Dixital. | BOE. | Praza Pública. | elDiario.es |
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon