Ante os que consideramos graves acontecementos que se están a producir dende hai meses no marco do debate sobre os contidos da Lei Trans, dende AGAMME emitimos este comunicado.
En primeiro lugar, desexamos amosar noso apoio ás compañeiras pertencentes a diversos partidos e asociacións, universidades e profesións varias que están sufrindo represalias por exercer o lexítimo dereito de expresar libremente a súa opinión, polo simple feito de disentir, de argumentar en contra dalgúns dos puntos clave do texto da chamada Lei Trans. Asistimos a un deterioro continuado e acelerado dos principios democráticos, de tal forma que se chega a normalizar a negación da posibilidade da discusión argumentada como fonte de enriquecemento da política. O mesmo observamos no ámbito académico respecto ao coñecemento científico. Aséntase cada vez con máis intensidade o criterio de “comigo ou contra min”, eliminando a posibilidade de escoitar outras posturas, outros razoamentos. Independentemente de que unhas ou outras teñan a razón, permitir que se hostigue a compañeiras por ter expresado un punto de vista determinado é abrir a porta ao extremismo ultradereitista. Por iso é imperativo deter esta dinámica que está poñendo en serio risco o xa debilitado sistema democrático.
Por outra parte, AGAMME manifestou en repetidas ocasións a súa crítica a algúns aspectos do texto do Proxecto de Lei, que pasamos a resumir a continuación.
Para empezar, y para afastar calquera posibilidade de malentendido, AGAMME maniféstase plenamente respectuosa cos dereitos das persoas transexuais e defendemos o seu dereito a vivir libres de discriminación e violencia, en cumprimento de toda a normativa internacional, estatal e autonómica de Dereitos Humanos.
Unha vez establecido este punto de partida inamovible, ao noso parecer, a que se deu en chamar Lei Trans inclúe no seu articulado algúns contidos que supoñen un risco para a saúde das persoas menores de idade, poñéndoas a mercé dos intereses da industria farmacéutica e dos centros de cirurxía especializados. Pasamos a continuación a describir os nosos principais puntos de disensión co articulado do "Proxecto de Lei para la igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI":
PRIMEIRO. O concepto “identidade de xénero” como entidade xurídica.
O xénero é unha construción cultural a través da cal se atribúen ás persoas, en función do sexo, unha serie de cualidades conductuais, psicolóxicas, sociais, etc. É de feito a base sobre a que se asentan os postulados patriarcais e machistas que, como sociedade democrática, debemos rexeitar. Admitir que sexa precisamente o xénero o determinante para identificar ao individuo é reforzar un concepto contra o cal o feminismo vén batallando dende as súas orixes.
No ámbito de infancia e adolescencia, deben cumprirse os principios coeducativos, cuxo obxectivo é tirar as barreiras que dificultan o pleno desenvolvemento das persoas menores de idade, máis alá dos estereotipos de xénero. A lei non debe, pois, reforzar un concepto que é causante de discriminación e violencia contra mulleres e nenas.
DEBEN SER RETIRADAS DO TEXTO DA LEI TODAS AS EXPRESIÓNS NAS CALES, DIRECTA OU INDIRECTAMENTE, SE ASENTE O CONCEPTO DE IDENTIDADE DE XÉNERO. NO SEU LUGAR DEBE UTILIZARSE A EXPRESIÓN “IDENTIDADE SEXUAL”.
SEGUNDO. O cambio rexistral do xénero por autodeterminación.
Este é un punto difícil de abordar, dado que é comprensible o desexo de que non sexan necesarios informes médicos e trámites diversos. Non obstante, este cambio na normativa supoñería a eliminación do suxeito xurídico muller –xa que calquera podería selo tan só con declaralo- co cal, toda a loita feminista por lograr igualdade de condicións no ámbito laboral e familiar, para a erradicación da violencia de xénero, a recompilación de datos estatísticos en base ao sexo, o estudo das enfermidades femininas, a promoción do deporte femenino e un longo etcétera, quedaría en auga de borraxe.
Aínda que no plano teórico podemos formular o desexo de que se dilúan as diferenzas por razón de sexo, estas non desaparecen na vida real. A discriminación que sofre a muller segue sendo dramática e a lexislación e as políticas que se foron logrando tras décadas de loita feminista non poden perderse. De feito, seguen sendo insuficientes, debemos seguir promovendo cambios que avancen na eliminación das desigualdades e a violencia. No tocante á infancia e adolescencia, as nenas seguen sendo, con moito, as principais vítimas de violencia sexual e cada ano as cifras de violencia de xénero en parellas adolescentes son alarmantes.
POLO TANTO, DEBE PERMANECER A NORMATIVA ACTUAL, QUE EXIXE ALGÚNS REQUISITOS E TRÁMITES PARA A CONSECUCIÓN DO CAMBIO REXISTRAL DO SEXO E QUE DITO CAMBIO SE PRODUZA DE FORMA ESTABLE.
TERCEIRO. Tratamentos e intervencións en menores de idade.
Debemos partir de tres presupostos indiscutibles:
En primeiro lugar, non existe evidencia científica sobre os efectos a medio-longo prazo de someter a persoas a tratamentos hormonais dende idades temperás e de por vida.
En segundo, estase esquivando, por ser tema tabú, os efectos que as cirurxías en xenitais e mamas poden ter sobre o pracer sexual e en consecuencia sobre a vida sexual, de forma irreversible.
Por último, a adolescencia caracterízase por ser unha etapa de cambios e de autocoñecemento, non é estática e a súa duración é variable en cada caso.
Por todo isto, pedimos con toda a contundencia posible, que se estableza normativamente:
1.- Que non se someterá a ningunha intervención cirúrxica nin tratamento hormonal a ningunha persoa menor de 16 anos, no marco dun proceso de cambio de sexo.
2.- Que non se someterá a tratamentos hormonais nin intervencións cirúrxicas a ningunha persoa de entre 16 e 18 anos se non é tras unha avaliación médica e psicolóxica que estableza a suficiente madurez e desenvolvemento da persoa así como a conveniencia de ditos tratamentos dende un punto de vista da saúde integral.
Por no estenderse máis neste punto, e dada a total concordancia co seu punto de vista, adherímonos ao manifestado recentemente sobre este tema pola Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria.
CUARTO. Sobre a adopción de medidas contra proxenitores-as que se opoñen á realización de tratamentos.
A Convención dos Dereitos da Infancia (CDN) establece no seu artigo 5 que, salvo que aqueles sexan prexudiciais para o benestar da persoa menor de idade, “Os Estados Partes respectarán as responsabilidades, os dereitos e os deberes dos pais (…)”. Polo tanto, salvo que atenten contra a súa integridade ou dignidade, se recoñecese aos proxenitores e proxenitoras a potestade para tomar as decisións que consideren aconsellables para o benestar dos seus fillos e fillas.
Como temos denunciado noutras ocasións, e segundo avalan informes do Valedor do Pobo de Galicia, por exemplo, o cal consideramos extensible a outros territorios, os equipos psicosociais dependentes dos gobernos autonómicos ou municipais (protección de menores, equipos municipais de servizos sociais, …) carecen de formación específica en materia de infancia. Polo tanto, tendo en conta ademais que este novo campo é un nicho de mercado suculento para a industria farmacéutica, ameazar a proxenitores e proxenitoras coa posibilidade de perdela custodia dos seus fillos e fillas por opoñerse a que se sometan a tratamentos agresivos, de efectos adversos e quizais irreversibles, ataca os dereitos enunciados na CDN así como a independencia (dentro de duns parámetros de coidados e respecto da liberdade sexual dos seus fillos e fillas) das familias para adoptar libremente as decisións que consideran son as que mellor se axustan ao interese superior do ou da menor de idade.
POLO TANTO, DADO QUE AS CONDUTAS VEXATORIAS, O MALTRATO EMOCIONAL, ETC XA ESTÁN REGULADAS NO CÓDIGO PENAL E EXISTE MARXE DE MANOBRA POR PARTE DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS PARA DESENVOLVER DISTINTOS TIPOS DE INTERVENCIÓN EN BENEFICIO DO BENESTAR INFANTIL, DEPENDENDO DA GRAVIDADE DE CADA CASO, ESTE CONTIDO DEBE DESAPARECER DA LEI.
QUINTO. Sobre todas aquelas medidas contempladas na lei que atentan contra a liberdade de expresión.
O Proxecto de lei contempla todo un aparato disciplinario que se aplicaría contra calquera persoa que disinta do seu articulado. Consideramos esta unha medida anticonstitucional e un perigo para a estabilidade da democracia o feito de que se inclúa nun texto lexislativo. A lei vixente xa contempla medidas contra aquelas persoas que atenten contra a dignidade das persoas, co cal é absolutamente innecesario establecer medidas disciplinarias e debemos entender estas como un intento de blindar a lei impedir calquera posibilidade de rexeitamento ou crítica da mesma.
ESTE CONTIDO É COMPLETAMENTE INADMISIBLE DADO QUE ATENTA CONTRA O DEREITO CONSTITUCIONAL DE LIBRE EXPRESIÓN.
SEXTO. Sobre a necesidade e o consenso social.
Como se evidenciou especialmente nas últimas semanas, existe unha clara desconformidade dun sector importante da sociedade sobre a necesidade e a conveniencia desta lei, ou ao menos dalgúns dos seus contidos. Polo tanto, dado que o poder lexislativo emana do pobo, os poderes públicos deben ser cautos na aprobación de leis sobre as cales existe un debate aberto e non concluído, cunha oposición clara dunha parte da sociedade.
Non existe suficiente coñecemento científico sobre os efectos a largo prazo de aplicar terapias de transición, non é pertinente asentar unha lexislación baseada na suposición. De feito, están empezando a transcender datos aportados por países que aplicaron leis trans con anterioridade e os resultados obtidos e os relatos de persoas que agora están en fase de detransición non son en absoluto tranquilizadores.
SOLICITAMOS, POIS, QUE SE PRORROGUE A SÚA APROBACIÓN, QUE SE ABRA UN PROCESO DE DISCUSIÓN, DE DEBATE RESPECTUOSO E ARGUMENTADO QUE NUNCA SE PRODUCIU PORQUE, DENDE O INICIO DA TRAMITACIÓN, SE CRIMINALIZOU O DISENSO E EVITOUSE TODA POSIBILIDADE DE DIÁLOGO.
FAISE NECESARIO O QUE NON SE PRODUCIU AO INICIO: UN PERÍODO DE REFLEXIÓN, DE ANÁLISE DE INFORMES E ESTUDOS A NIVEL INTERNACIONAL, DE ESCOITAR ÁS ENTIDADES SOCIAIS E PROFESIONAIS, NON SÓ AS AFÍNS, OS TESTEMUÑOS DE TODA A GAMA DE PERSOAS AFECTADAS POR ESTA CUESTIÓN, ANTES DE DAR O PASO DEFINITIVO QUE PODERÍA CONDUCIRNOS A UNHA SITUACIÓN NORMATIVA POUCO DESEXABLE NOS ASPECTOS QUE VIMOS DE SINALAR.
Xunta Directiva de AGAMME, a 29 de outubro de 2022
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].
Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
30 de outubro de 2022 09:40
_______