AO PLENO DO CONCELLO DE FERROL
A Asociación Comuneir@s do Chá, formada por veciños e veciñas das parroquias de Brión e Doniños, é a entidade xestora e usufrutuaria dos aproveitamentos do Monte do Chá tal como establece a Ordenanza Municipal reguladora dos aproveitamentos comunais do Monte do Chá, aprobada o 28 de marzo de 2019.
Na Asemblea Xeral Anual celebrada o sábado 6 de marzo do 2021 acordamos expresar o noso rotundo rexeitamento á pretensión da empresa privada Lan2030 S. L. de instalar un parque eólico (P.E. Brión) no monte do Chá e montes privados lindeiros.
Non estamos en contra das enerxías renovables pero si de que macroparques eólicos de alto impacto ambiental se impoñan de costas á veciñanza en lugares que deberían conservarse polos seus valores naturais, patrimoniais, sociais e paisaxísticos só para beneficio de empresas privadas.
Galiza xa alberga 4000 aeroxeradores, capaces (xunto coa hidroeléctrica) de fornecer de enerxía eléctrica renovable o consumo doméstico galego. O actual pelotazo eólico responde unicamente ós interese especulativos de empresas privadas de lucrarse espoliando os recursos naturais dos nosos montes e costas, así como os fondos públicos europeos de recuperación económica NEXT Generation que deberan destinarse ós sectores populares empobrecidos polas medidas tomadas pola pandemia.
Ante a falacia da creación de emprego, estes proxectos non crean durante o seu funcionamento un volume de emprego estable na zona que xustifique o seu grave impacto.
Denunciamos que o P.E. BRIÓN forma parte dun macroparque que ocuparía a maioría dos cumes dos montes do termo municipal de Ferrol, este macroparque de máis de 100 MW foi artificialmente fragmentado pola mesma empresa promotora en tres parques distintos (P.E BRIÓN, P.E. MONTEVENTOSO e P.E. FERROL) para poder tramitalo a través da Xunta e non do Ministerio, como corresponde ós parques eólicos de máis de 50 MW.
O monte do Chá alberga un patrimonio arqueolóxico de primeira orde, unha necrópole neolítica formada por 39 mámoas catalogadas por Patrimonio que a Asociación de Comuneir@s xa comezou a acondicionar para preservalas e divulgar este patrimonio. Nese sentido acabamos de asinar un convenio coa UDC para a investigación e posta en valor dese patrimonio.
É importante entender o valor das mámoas non como un conxunto de elementos illados, senón pola relación que establecen coa paisaxe e o entorno natural do monte. A preservación e posta en valor deste conxunto é incompatible coa implantación no monte do Chá dun parque eólico que a propia promotora recoñece no documento ambiental de inicio que afectaría a 33 mámoas, entrando en contradición coa protección das mesmas recollida no PXOM, polo que a autorización do parque eólico incorrería en prevaricación.
O P.E. FERROL tamén afectaría ó conxunto de 21 mámoas dos montes de Mougá – Campaíñas e ós acuíferos, fontes e traídas veciñais de Vilasánchez e Viladóniga.
A asociación Comuneiros do Chá estamos tamén traballando nas melloras medioambientais do monte mediante plantacións de frondosas e outros proxectos produtivos, esas melloras no non só repercuten na veciñanza das parroquias de Brión e Doniños, xa que o monte do Chá é frecuentado por moita veciñanza de Ferrol que desfruta a paisaxe tranquila e as magníficas vistas do monte para rutas de sendeirismo, bicicleta, cabalo, etc.
Non é lugar para instalar un parque eólico, o que implica desmontes, pistas de acceso e movementos de terras, que afectarían a 15 Ha da area de protección das mámoas, á lagoa da Cova do Barro e ós acuíferos dos que se abastecen os núcleos de Liñares, Martín e o Espiño.
Así mesmo os parque eólicos implican liñas de alta tensión, ruído constante das palas, efecto sombra e interferencias nas telecomunicacións para as aldeas veciñas.
O artigo 21 da Ordenanza establece que o Concello de Ferrol velará pola mellora e aproveitamento do Monte Brión, polo seu carácter social. Entregalo a unha empresa privada para o seu lucro non é fomentar o carácter social do monte.
Non estamos a falar dos eólicos que se instalaron hai vinte anos, senón de torretas de 130 metros con aspas de 150 metros de diámetro de xiro; en total instalacións de 200 metros de altura sobre os montes que bordean a ría. O impacto visual dos aeroxeradores sería visible non só dende as parroquias rurais, senón dende as praias e a propia cidade.
A costa ferrolá foi declarada LIC Costa Ártabra e forma parte da Rede Natura 2000 polos seus valores naturais e paisaxísticos excepcionais a nivel europeo, os parques proxectados sitúanse fóra dos límites da Rede Natura pero o seu impacto visual ou sobre a avifauna afectan directamente ó LIC Costa Ártabra.
Non entendemos as declaracións do alcalde Ángel Mato na prensa, declarando o apoio do Concello a ese proxecto, sen ter informado previamente do mesmo ós lexítimos xestores e usufrutuarios do monte, é dicir, a veciñanza; nin entendemos que antepoña o lucro dunha empresa foránea ó desfrute por parte da cidadanía de Ferrol dos valores patrimoniais e medioambientais do monte.
Por todos eses motivos solicitamos do pleno que asuma o rexeitamento ós proxectos de parques eólicos no termo municipal de Ferrol polo seu inasumible impacto no patrimonio arqueolóxico, natural e na paisaxe da costa ferrolá, sen xerar beneficios ningúns para o conxunto da cidadanía e a veciñanza.
Este texto é respaldado polas seguintes entidades reunidas en Doniños o 23 de abril de 2021:
AV Castelao de Brión
AV de Prioriño
ADEGA
Asoc. Cultural Fuco Buxán
Asoc. Cultural Medulio
Asoc. Cultural Ferrolterra Antiga
Asoc. Custodia do territorio BETULA
Grupo de Arqueoloxía terra de Trasancos
Marcha Mundial das Mulleres Ferrolterra
VerdeGaia
---
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon