mércores, maio 19, 2021

O desenvolvemento eólico na Galiza centra o nº 84 da Revista Cerna


O desenvolvemento eólico na Galiza centra o nº 84 da Revista Cerna


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) presentamos o número 84 da Revista Cerna, a publicación sobre ecoloxía e medio ambiente en Galiza. Ante o actual modelo de implantación de parques eólicos no noso territorio, o experto en enerxía Ramón Varela, analiza as potencialidades e riscos do seu desenvolvemento mariño e damos voz á iniciativa “Aldeas con Horizonte”, da que formamos parte e que reclama a urxente dos moratoria aos novos proxectos e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica.

En canto á cuestión forestal, coñecemos a iniciativa do concello de Teo para a inclusión das especies da familia eucalyptus no Catálogo Español de Exóticas Invasoras, o proxecto HabitaTeo para a defensa da biodiversidade e o exemplo de erradicación de eucalipto sen glifosato posto en marcha por unha comunidade de montes de Vilaboa.

A conservación e a biodiversidade, neste caso de especies do medio acuático, lévanos a coñecer o Proxecto 1MardeAlosas, orientado a evitar as capturas incidentais de zamborcas ocasionadas pola pesca. Por outra banda, activistas do ecoloxismo de Lugo presentan a batería de actuacións de impacto negativo para o medio que se están a desenvolver arredor do río Miño ao seu paso pola cidade.

A Covid-19 ten tamén espazo neste número de Cerna, reservándolle un artigo de opinión sobre os métodos para a súa contención e outros tres que dan a coñecer a súa incidencia na xeración de residuos, tanto en Sogama, como no Plan Revitaliza de Pontevedra e no Complexo Medioambiental do Barbanza.
Mantemos o compromiso co noso territorio

ADEGA, con máis de 40 anos de historia, mantemos o compromiso co noso territorio, hoxe aínda con maior convicción. Avogamos por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto, por un modelo de desenvolvemento sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre países. Centramos o noso traballo en Galiza sen por iso deixarmos de ter unha visión global da problemática ambiental e de exercermos na medida das nosas posibilidades a solidariedade coas loitas ambientalistas doutros pobos.

Revista Cerna Nº 84 . | 44 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Fonte: ADEGA.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza. | Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela. | Tlf/Fax: 981 570 099
Email: adega@adega.gal

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration
______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon