venres, maio 28, 2021

Un novo buque gaseiro, o 'Maran Gas Spetses' descargou GNL en Reganosa aumentando exponencialmente o perigo que xa de por si supón a localización da planta de gas no corazón da Ría de Ferrol


O "Maran Gas Spetses", buque gaseiro que estivo descargando en Punta Promontoiro, GNL para Reganosa durante as 24 horas que dura o transvase do GNL aos tanques, aumentou exponencialmente o perigo que xa de por si supón a localización da planta de gas no corazón da Ría de Ferrol, no concello de Mugardos.

O buque "Maran Gas Spetses", é un LNG Tanker, procedente de Gibraltar, onde estivo fondeado na espera dun comprador para a súa carga, de onde partiu o pasado 23 de maio. Gaseiro  que actualmente navega baixo bandeira de Grecia. Con antelación cargara o GNL na terminal africana "Punta Europa" na Guinea Ecuatorial. Un buque de grande porte, de 173.400 m3 de capacidade, con 295 metros de eslora e 46 de manga, construído en 2018. Este gaseiro fai o número 298 desde que en maio de 2007 entrara con forte oposición o "Galicia Spirit".

Foi onte 27 de maio, sobre as 4 da tarde, cando o "Maran Gas Spetses" arribou ao porto de Mugardos, no corazón da Ría de Ferrol, para descargar 138.700 m3 de gas natural licuado (GNL) en Reganosa.

O que é un negocio para Reganosa, supón un maior empobrecemento da Ría e un potencial perigo para as persoas que moran na súa contorna

O gaseiro atracou no peirao de punta Promontoiro para descargar decenas de miles de toneladas de gas natural licuado, na terminal de Mugardos. Unha vez máis negocio para ao holding multinacional do gas no que se converteu Reganosa e pobreza para a nosa Ría que vai sofrer o arrefriamento duns 2.500 millóns de litros das súas augas (entre 4 e 7°C), un proceso de esterilización das augas e a creación de Sopa Química. Son 2,5 millóns de toneladas de auga mariña, os que se van a utilizar na regasificación do LNG que descargou o buque gaseiro, por medio dos vaporizadores con auga do mar. E o mais grave foi o aumento exponencial do perigo para a vida e a seguridade da poboación que mora na contorna da Ría, perante o tempo que durou o proceso de descarga do gas licuado.

Foto: O "Maran Gas Spetses" atracado en punta Promontoiro o 27 de maio de 2021.

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon