Se é Machista Non É Xustiza!
Campaña da Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres
Nos últimos anos constatamos o incremento da toma de conciencia feminista das mulleres e dos avances formais que o feminismo organizado impulsou e conseguiu trasladar ás institucións en materia de violencia machista. Hoxe temos en marcha algunhas políticas públicas que hai 10 anos eran impensábeis, as campañas institucionais cada día avanzan na mellora da caracterización da violencia, algúns medios visibilizan as violencias con discursos non revictimizadores e as rúas énchense de mobilizacións sinalando a opresión das mulleres e a necesidade de transformar a sociedade para pórlles fin.
Mas todos estes avances resultan insuficientes cando profundizamos neles e analizamos a súa aplicación. Moitos, ademais, están reproducindo violencias contra as mulleres que temos a obriga de visibilizar e denunciar para non ficarmos nun feminismo cómodo que mire ao lonxe as grandes transformacións lexislativas ignorando a súa aplicación e a consecuencias que esta ten para a vida das mulleres.
Queremos neste 25N colocar o foco sobre a violencia xudicial que reproduce cada día no noso país violencias contra as mulleres e as crianzas
As leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non se esta facendo efectivo na súa aplicación. Campañas e chamados a denunciar a violencia machista con promesas de protección, atención e axuda do aparato institucional ás mulleres móstranse na práctica, e no mellor dos casos, baleiras de contido. No peor, a reprodución das violencias durante os procesos xudiciais remata por facer que as mulleres se cuestionen o feito mesmo da denuncia machista.
Cada día nas comisarías e xulgados da Galiza mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, á protección das súas fillas ou á protección fronte aos seus agresores. Falta de asesoramento cando se decide denunciar e no momento da denuncia e do atestado policial que as acompañará durante todo o proceso posterior, medidas cautelares que na mesma orden se dita afastamento para os agresores e vistas do agresor ás súas crianzas, réximes de visitas para agresores sexuais das crianzas, informes que culpabilizan, xulgan ou revictimizan ás mulleres, unha xudicatura machista empeñada en que os maltratadores poden ser bos pais para crianzas que a lexislación xa define como vítimas de violencia machista, falta de formación, falta de empatía e implicación dos axentes que interveñen nos procesos xudiciais, falta de xulgados específicos de violencia machista, …
Todo isto sucede cada día no noso país, marcando a vida de mulleres e crianzas para as que a violencia nunca remata coa denuncia senón que pasa do ámbito máis privado ao público, engadindo á violencia machista a institucional.
Non se trata só de que se emitan sentenzas machistas; trátase de todo o proceso xudicial que lonxe de protexer ás mulleres e ás crianzas acaba por sometelas a máis violencias.
A responsabilidade de que isto remate é colectiva, comezando por todas e cada unha unha das persoas que interveñen no proceso: dende quen recibe á agredida cando vai denunciar, pasando por quen realiza os informes ignorando o benestar das mulleres e das crianzas, a quen dicta sentenza ou atende nos puntos de encontro familiar. Cada unha destas intervencións pode xerar unha violencia ou contribuír para acabar con ela.
Para frear esta violencia institucional no marco da xustiza é preciso coñecer e sinalar o que esta pasando, facernos conscientes de que de nada serve todo o traballo que facemos para que a sociedade tome consciencia, identifique e denuncie a violencia machista se o proceso de denuncia vai colocar ás mulleres e ás crianzas en situación de sufrir máis violencia.
Por isto reclamamos ás institucións:
➡ Información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.
➡ Formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.
➡ Dotar aos CIMM da Galiza de medios suficientes para a atención e asesoramento de mulleres que sufran violencia e que ese persoal que acredite formación específica en violencia machista.
➡ Esixir que os recursos públicos postos a disposición da atención e o acompañamento das mulleres que sufren violencia machista mediante programas ou finanzamento público traballen de forma coordenada e se informe da disponibilidade dos mesmos a todos os axentes que interveñen. A violencia machista non sabe de horarios de oficina.
➡ Revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia: Incrementar o persoal do IMELGA e supervisar a súa formación en materia de violencia machista para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres.
➡ Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir formación específica sobre violencia machista ás traballadoras dos mesmos, garantir a protección das nenas e nenos e establecer un tratamento diferenciado para casos nos que exista sospeita de violencia machista e facelo con xestión pública e non privatizada.
➡ Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir que nos casos de viollencia machista non se empregue pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares.
➡ Solucións económicas reais para as mulleres que denuncian violencia machista que garantan a súa capacidade económica como incrementar o salario da liberdade en cuantía e duración.
➡ Esiximos á Xunta de Galiza instar ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a:
✔ Aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista retirando as visitas das crianzas a homes denunciados por agresións machista ate a existencia dunha sentenza firme.
✔ Retirar as visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.
Reclamar o fin da imposición da custodia compartida imposta con maltratadores.
✔ Modificar a Lei 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para establecer medidas de protección das crianzas vítimas de violencia machista fronte ao agresor.
✔ Creación de máis xulgados específicos de violencia machista na Galiza con persoal especializado.
Resistimos para vivir, marchamos para transformar!!
Web da Campaña (Enlaces para asinar e compartir a experiencia - Materiais da Campaña):
http://feminismo.info/feminismo/nonaxustizapatriarcal/
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon