No día de onte, domingo 24 de outubro, varios medios de comunicación fixéronse eco da sentenza ditada por unha xuíza da cidade de Marbella a través da cal, en sentenza de medidas provisionais, lle retira a unha muller a custodia do seu fillo por considerar que as condicións de vida no seu lugar de residencia non garanten que o neno medre “nun ambiente feliz”. Segundo se extrae dos contidos da sentenza que transcenderon aos medios de comunicación, o motivo para dubidar da adecuación do lugar de residencia sería que se atopa no que a xuíza considera que é “a Galiza profunda”.
As entidades abaixo asinantes non podemos se non amosar a nosa máis absoluta repulsa ante este acto xudicial no que, segundo se desprende do recollido en prensa, se vulnerarían dereitos do neno e da nai en base a prexuízos ligados a un concepto estereotipado e pexorativo do rural galego, incumpríndose así o dereito fundamental enunciado no artigo 14 da Constitución. Do mesmo xeito, o auto amosaría unha absoluta ignorancia sobre a realidade xeográfica, cultural e demográfica do noso país. Ao respecto debemos dicir que a comarca de Noia se atopa a uns 30 minutos da capital de Galiza, que conta cunha densidade de poboación de 103 habitantes por km2 así como unha serie de núcleos urbanos nas súas proximidades que aseguran o acceso a todos os servizos necesarios. Non se pode falar, polo tanto de Galiza profunda, que faría referencia a municipios illados, con moi pouca poboación e dificultades para acceder a servizos.
Máis aló desta aclaración, asentar xudicialmente que os nenos e nenas de zonas rurais galegas non teñen garantidas as necesidades básicas por mor das características socioeconómicas e de distribución da poboación no noso ámbito xeográfico, significaría crear unha situación de vulnerabilidade para todos aqueles menores de idade residentes en municipios rurais, dado que se cuestionaría a capacidade dos seus proxenitores e proxenitoras para asegurar o seu benestar en base a un principio discriminatorio e non obxectivo.
Por este motivo consideramos imprescindible que os organismos públicos galegos publiquen nos próximos días declaracións institucionais ao respecto e realicen cantas accións estean na súa potestade para que se depuren responsabilidades e se garanta unha actuación da xustiza consonte ao marco de Dereitos Humanos e en especial da Convención dos Dereitos do Neno e da Nena.
Ferrol, a 25 de outubro de 2021
AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores)
AGAFEM (Asociación Galega de Acollemento de Familia Extensa do Menor)
ALVIXE (Asociación para a Loita contra a Violencia de Xénero)
ASOCIM (Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller)
Asociación Cultural Fuco Buxán
Colectivo Feminista As Pontes
Marcha Mundial das Mulleres
Maternidades Feministas
Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo
Sindicato Labrego Galego
Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
25 de outubro de 2021 21:39
_______
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Posts filed under Xustiza
Amosando publicacións coa etiqueta Xustiza b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xustiza b>. Amosar todas as publicacións
martes, outubro 26, 2021
Comunicado a raíz da sentenza do xulgado de Marbella que retira a custodia a unha muller por vivir 'na Galicia profunda'
mércores, outubro 13, 2021
Cunha xustiza clasista e partidaria a democracia non pode ser plena, ... Por André Abeledo Fernández
Por André Abeledo Fernández [*]
13.10.2021
A inxusta sentencia contra Alberto Rodríguez, o deputado de Podemos sentenciado sen probas pola declaración dun policía sobre unha suposta patada durante un desafiuzamento que ninguén viu, pon sobre a mesa a realidade dunha xustiza inxusta que para nada é igual para todos.
Recordemos sin ir máis lonxe casos como o do neto de Franco que tentou atropelar a dous Gardas Civiles, ou a Esperanza Aguirre dándose a fuga tras desobedecer a Policía Local, dous casos onde a xustiza decidiu deixar impunes os delitos flagrantes.
As sentenzas xudiciais por indicios, sin probas ou baseadas soamente na palabra dun policía non son ningunha novidade, este é o sistema xudicial que tenmos, un sistema inxusto e parcial que sentencia segundo a clase social ou a ideoloxía do acusado.
Namentres que a carreira xudicial sexa case un imposible para as fillas e os fillos dos traballadores por motivos económicos, o poder xudicial non será un poder realmente democrático e polo tanto non representará a sociedade no seu conxunto, é máis, non representará a maior parte da sociedade.
O que está sucedendo a día de hoxe con sentencias xudiciais claramente politizadas, ó meu entender, e cun tribunal supremo tomado pola dereita, cun mandato caducado e en rebeldía fronte á obriga constitucional de renovarse, é a proba de que a xustiza no Estado español non é xustiza porque é parcial, fai política e toma partido.
[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.
Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
9 de outubro de 2021 12:29
_______
sábado, xullo 17, 2021
A xustiza ten que ser xusta e ten que ser útil, ou non é xustiza, ... Por André Abeledo Fernández
Por André Abeledo Fernández [*]
17.07.2021
A xustiza ten que ser xusta e ten que ser útil, ou non é xustiza
Vivimos nun Estado onde os xuíces son un problema engadido ata nunha pandemia, os xuíces fan política e dedícanse a poñer paus nas rodas.
A constitución e o tribunal constitucional estanse amosando obsoletos e un problema máis que unha solución, as herdanzas dunha ditadura non serven para construír democracia.
O Tribunal Constitucional co seu 6 a 5 amosa a súa su división, o seu partidismo, a súa politización, a súa u falta de empatía.
Amósase como un problema, como un órgano que solo representa os intereses dunha parte da sociedade, algo obsoleto que pon negro sobre branco as carencias da xustiza no Estado español.
Nunha Pandemia necesitamos unidade, non é un asunto político, é de sentido común tentar salvar vidas, é de psicópatas poñer obstáculos para provocar o caos.
É vergoñento ver como a ultradereita española (Vox, Ciudadanos e PP) abónanse ao canto peor mellor tamén ca pandemia.
É moi grave que se poña a economía por enriba da vida e do sufrimento das familias.
Pero é terrible que se utilice como arma expulsiva todo ese sufrimento e que se pretenda poñer paus nas rodas ás medidas para vencer o Covid-19.
[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Membro da Sección Sindical da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.
Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
15 de julho de 2021 13:52
_______
luns, xuño 14, 2021
Campaña da Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres: Se é Machista Non É Xustiza! - Enlace para asinar e compartir a experiencia - Materiais da Campaña
Se é Machista Non É Xustiza!
Campaña da Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres
Nos últimos anos constatamos o incremento da toma de conciencia feminista das mulleres e dos avances formais que o feminismo organizado impulsou e conseguiu trasladar ás institucións en materia de violencia machista. Hoxe temos en marcha algunhas políticas públicas que hai 10 anos eran impensábeis, as campañas institucionais cada día avanzan na mellora da caracterización da violencia, algúns medios visibilizan as violencias con discursos non revictimizadores e as rúas énchense de mobilizacións sinalando a opresión das mulleres e a necesidade de transformar a sociedade para pórlles fin.
Mas todos estes avances resultan insuficientes cando profundizamos neles e analizamos a súa aplicación. Moitos, ademais, están reproducindo violencias contra as mulleres que temos a obriga de visibilizar e denunciar para non ficarmos nun feminismo cómodo que mire ao lonxe as grandes transformacións lexislativas ignorando a súa aplicación e a consecuencias que esta ten para a vida das mulleres.
Queremos neste 25N colocar o foco sobre a violencia xudicial que reproduce cada día no noso país violencias contra as mulleres e as crianzas
As leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non se esta facendo efectivo na súa aplicación. Campañas e chamados a denunciar a violencia machista con promesas de protección, atención e axuda do aparato institucional ás mulleres móstranse na práctica, e no mellor dos casos, baleiras de contido. No peor, a reprodución das violencias durante os procesos xudiciais remata por facer que as mulleres se cuestionen o feito mesmo da denuncia machista.
Cada día nas comisarías e xulgados da Galiza mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, á protección das súas fillas ou á protección fronte aos seus agresores. Falta de asesoramento cando se decide denunciar e no momento da denuncia e do atestado policial que as acompañará durante todo o proceso posterior, medidas cautelares que na mesma orden se dita afastamento para os agresores e vistas do agresor ás súas crianzas, réximes de visitas para agresores sexuais das crianzas, informes que culpabilizan, xulgan ou revictimizan ás mulleres, unha xudicatura machista empeñada en que os maltratadores poden ser bos pais para crianzas que a lexislación xa define como vítimas de violencia machista, falta de formación, falta de empatía e implicación dos axentes que interveñen nos procesos xudiciais, falta de xulgados específicos de violencia machista, …
Todo isto sucede cada día no noso país, marcando a vida de mulleres e crianzas para as que a violencia nunca remata coa denuncia senón que pasa do ámbito máis privado ao público, engadindo á violencia machista a institucional.
Non se trata só de que se emitan sentenzas machistas; trátase de todo o proceso xudicial que lonxe de protexer ás mulleres e ás crianzas acaba por sometelas a máis violencias.
A responsabilidade de que isto remate é colectiva, comezando por todas e cada unha unha das persoas que interveñen no proceso: dende quen recibe á agredida cando vai denunciar, pasando por quen realiza os informes ignorando o benestar das mulleres e das crianzas, a quen dicta sentenza ou atende nos puntos de encontro familiar. Cada unha destas intervencións pode xerar unha violencia ou contribuír para acabar con ela.
Para frear esta violencia institucional no marco da xustiza é preciso coñecer e sinalar o que esta pasando, facernos conscientes de que de nada serve todo o traballo que facemos para que a sociedade tome consciencia, identifique e denuncie a violencia machista se o proceso de denuncia vai colocar ás mulleres e ás crianzas en situación de sufrir máis violencia.
Por isto reclamamos ás institucións:
➡ Información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres: a estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición.
➡ Formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a mulleres que sufren violencia machista en todos os níveis da administración pública: policial, xudicial, administrativo e social.
➡ Dotar aos CIMM da Galiza de medios suficientes para a atención e asesoramento de mulleres que sufran violencia e que ese persoal que acredite formación específica en violencia machista.
➡ Esixir que os recursos públicos postos a disposición da atención e o acompañamento das mulleres que sufren violencia machista mediante programas ou finanzamento público traballen de forma coordenada e se informe da disponibilidade dos mesmos a todos os axentes que interveñen. A violencia machista non sabe de horarios de oficina.
➡ Revisión da atención e servizo que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia: Incrementar o persoal do IMELGA e supervisar a súa formación en materia de violencia machista para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres.
➡ Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir formación específica sobre violencia machista ás traballadoras dos mesmos, garantir a protección das nenas e nenos e establecer un tratamento diferenciado para casos nos que exista sospeita de violencia machista e facelo con xestión pública e non privatizada.
➡ Modificar o decreto dos Puntos de Encontro Familiar para esixir que nos casos de viollencia machista non se empregue pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares.
➡ Solucións económicas reais para as mulleres que denuncian violencia machista que garantan a súa capacidade económica como incrementar o salario da liberdade en cuantía e duración.
➡ Esiximos á Xunta de Galiza instar ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a:
✔ Aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista retirando as visitas das crianzas a homes denunciados por agresións machista ate a existencia dunha sentenza firme.
✔ Retirar as visitas e patrias potestades das crianzas a homes denunciados por agresión sexual ou maltrato infantil ante a existencia de sentenza firme por violencia machista.
Reclamar o fin da imposición da custodia compartida imposta con maltratadores.
✔ Modificar a Lei 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para establecer medidas de protección das crianzas vítimas de violencia machista fronte ao agresor.
✔ Creación de máis xulgados específicos de violencia machista na Galiza con persoal especializado.
Resistimos para vivir, marchamos para transformar!!
Web da Campaña (Enlaces para asinar e compartir a experiencia - Materiais da Campaña):
http://feminismo.info/feminismo/nonaxustizapatriarcal/
_______
xoves, xuño 28, 2018
Os Tribunais volven a condenar á Xunta pola pésima xestión da Risga - Unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta
Unha moi interesante nova, envian-nos as compañeiras e compañeiros de ODS de Coia (Vigo) en referencia a unha nova sentenza, logo de gañar (En 23 de novembro de 2016) contra a Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia no Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo, unha moi importante sentenza onde lle daba a razón á persoa afectada (Lucia) por está negar-lle o Risga, por estar vivindo na mesma vivenda onde outra persoa cobraba a mesma renda de inxerción social. Despois de condenada a Consellaría de Política Social, Lucia "reclamou á Xunta os danos e prexuízos sufridos con esa decisión, tales como o aumento dos gastos que supuxo o cambio de vivenda, a mudanza... e sobre todo, o padecemento moral e a angustia psicolóxica que dita situación lle provocou… Coma sempre a Xunta negou dita responsabilidade, e Lucía tivo que volver aos Tribunais...". De novo unha sentenza da-lle a razón...
Hai pouco máis dun ano contábamos como Lucía, unha rapaza da nosa cidade, viña de gañar unha batalla persoal e xudicial coa Xunta [1].
Lucía recorreu no Xulgado a resolución da Xunta que a obrigaba á mudarse de domicilio por estar convivindo con outra perceptora da RISGA, baixo ameaza de retirarlle a prestación. Lucía levou dita decisión á vía xudicial e o Xulgado Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, deulle a razón e ditou sentenza anulando dita resolución por ser contraria a dereito.
Así a sentenza deixaba claro que a Xunta non pode prohibir a percepción de máis dunha RISGA por domicilio e literalmente sinalaba: “Sería INVEROSÍMIL que dúas persoas que perciben sendas prestacións para eludir a sua exclusión social tiveran que excluírse mutuamente, para non incorrer en esaxerada inclusión”.
Ante dita resolución xudicial, Lucia reclamou á Xunta os danos e prexuízos sufridos con esa decisión, tales como o aumento dos gastos que supuxo o cambio de vivenda, a mudanza... e sobre todo, o padecemento moral e a angustia psicolóxica que dita situación lle provocou… Coma sempre a Xunta negou dita responsabilidade, e Lucía tivo que volver aos Tribunais.
Novamente, o Xulgado do Contencioso Administrativo de Vigo volveu a darlle a razón a Lucía e ditou a sentenza nº 153/2.018 de 20 de xuño pola que se declara a responsabilidade da Consellería de Política Social e a condena a responder polo sufrimento e prexuízos causados á compañeira, por medio do aboamento dunha indemnización económica á mesma.
Unha pequena vitoria máis conseguida grazas ao esforzo e valentía dunha perceptora da RISGA cansa de ser obxecto de control e maltrato por parte da Xunta. Como a todas nós, Lucía estaba farta das políticas miserentas desta Consellería, incapaz de solucionar os problemas das persoas, e que lonxe de garantir unha vida digna para todas, afonda na exclusión e no empobrecemento.
Non podemos seguir soportando estas situacións. Compre dicir basta. Compre unha solución íntegra e digna para as persoas. Compre a Renda Básica das Iguais e moitísimo máis, xa!
Coia, xuño 2018
Documentación.
Sentenza 000153/2018 do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo nº1 do 20 de xuño de 2018. | Acceder/Baixar.
[1] Un xuíz recoñece que nun mesmo domicilio poden convivir varias perceptoras de RISGA. | Contencioso Administrativo nº1 de Vigo, na sentenza nº 389 de 23/11/2016. | Por ods de coia on Mar, 31.01.2017. | Ir á Web.
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).
xoves, abril 26, 2018
Porque non hai xustiza posíbel nunha sociedade machista, hoxe 26 de abril saímos ás rúas, en Ferrol, como en toda Galiza e no resto das nacións e territorios do Estado, terá lugar unha mobilización de protesta, ás 20:30hs, diante dos Xulgados - Contra a xustiza machista que volve golpear nos dereitos das mulleres
[ Mobilizacións ] HOXE 26 DE ABRIL / Contra a xustiza machista que volve golpear nos dereitos das mulleres. Porque non hai xustiza posíbel nunha sociedade machista, hoxe saímos ás rúas en todo o país. #querémonosvivas #feminismoparavivir #machismomata #nenunhamenos #xustizamachista
MOBILIZACIÓNS PREVISTAS PARA HOXE XOVES 26 DE ABRIL:
- Vigo, 20.30h no Marco
- Bertamiráns, 19.30h Praza da Mahía
- Compostela, 20h Praza 8 de marzo
- Lugo, 20.30h ás portas do Concello
- A Coruña, 20h no Obelisco
- Pontevedra, 20h na Audiencia Provincial
- As Pontes, 20.30h ás portas do Concello
- Ourense, 20h na Castañeira
- Noia, 20h ás portas do Concello
- Ferrol, 20.30h nos xulgados
- Vilagarcía, 20h ás portas do Concello.
- Cangas, 20h ás portas do Concello.
- Vilalba, 20.30h na Praza do Concello
- Cee, 20h na Praza 8 de Marzo
- Teo: 19.30h. Concello
- Viveiro: 20h. Praza Maior
- Burela: 20.30h. Praza do Concello
- A Estrada: 20.30 h. diante do Concello
- Monforte: 20h. Praza de España
- Sarria: 20h. Concello
- O Barco: 20.15 h. Concello
- Redondela: 20.30h. diante do xulgado
- Ribadeo: 21h Praza 8 de Marzo
- Ponteareas: 20h. diante dos xulgados
Documentación:
Texto integro da Sentenza 00038/2018 da sección Segunda da Audiencia Provincial de Navarra. | Procedemento sumario ordinario 0001670/2016 - 00 Xdo. Instrución Nº 4 de Pamplona/Iruña | Proc.: PROCEDEMENTO SUMARIO ORDINARIO Nº: 0000426/2016 | 371 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
______________
______________________
mércores, abril 22, 2015
A Marea Ártabra organiza estos días dous actos sobre asuntos de actualidade que afecta ás condicións de vida da veciñanza: un sobre o Sector Naval e outro sobre as consecuencias da privatización do Rexistro Civil
A Marea Ártabra organiza estos días dous actos sobre asuntos de actualidade que afecta ás condicións de vida da veciñanza. Unha sobre o unha charla coloquio sobre a situación do sector naval en Ferrol e a outra sobre as consecuencias da privatización do Rexistro Civil.
Mércores 22 de Abril, o sector naval a Debate.
Marea Ártabra organiza unha charla coloquio sobre a situación do sector naval en Ferrol, coa participación de Rafael Pillado, Moncho Yañez e Fernando Ramos. Dita charla tera lugar o próximo mércores 22 ás 20 horas no local electoral de Marea Ártabra sito na Rúa Rochel 14 con entrada tamén pola Rúa Magdalena 5
Xoves 23 de Abril, as consecuencias da privatización do Rexistro Civil.
Marea Ártabra organiza pora o vindeiro Xoves 23 ás 19 horas na Galeria Sargadelos unha charla coloquio a cargo de Pablo Valeiras Ríos, portavoz de Alternativas na Xustiza sobre as consecuencias da privatización do Rexistro Civil.
Mareaartabra.gal | #MareaArtabra | @mareaartabra | info@mareaartabra.gal | Facebook
A Marea Ártabra
é un proceso asambleario para acadar unha maioría social ferrolá, unha
candidatura de unidade popular para as eleccións municipais.
Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.
WEB: Mareaartabra.gal
TWITTER: @mareaartabra | #MareaArtabra
E-MAIL: info@mareaartabra.gal
FACEBOOK: Marea Ártabra
YOUTUBE: Marea-Ártabra
Local electoral:
Rúa Rochel, nº5 e Magdalena nº14.
Teléfono: 633 352 131
Enviado por:
Marea Ártabra
-mareaartabra@gmail.com-
20 de abril de 2015 22:46
21 de abril de 2015 13:20
_____________
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)