xoves, setembro 09, 2021

O gaseiro 'Rias Baixas Knutsen' atracou, no peirao de Punta Promontorio (Mugardos), para descargar miles de toneladas de GNL para Reganosa, aumentando o potencial perigo da manobra de descarga, ao estar atracados no mesmo porto os buques 'Norma' e 'Elisalex Schulte' - O que aumenta exponencialente o potencial perigo da regasificadora que ameaza, de noite e de día, á poboación que mora na contorna da Ría de Ferrol



O gaseiro que arribou hoxe á Ría de Ferrol, chama-se 'Rias Baixas Knutsen', procede de Cove Point (Lusby, Maryland, Estados Unidos), onde cargou gas natural licuado, extraído por medio da destrutiva técnica do fracking (fracturamento hidráulico), técnica de extracción moi daniña para a saúde e o medio ambiente, onde se libran grandes cantidades de metano á atmosfera, e inxectan no subsolo grandes cantidades de sopa química moi tóxica, contribuíndo deste xeito ao cambio climático, e a contaminación das augas subterráneas e o subsolo.

O 'Rias Baixas Knutsen', é un buque gaseiro de grande porte, con 299 metros de eslora por 48 de manga, que navega baixo bandeira española, construído en 2019. O LNG 'Rias Baixas Knutsen' arribou ao peirao de Punta Promontorio (Mugardos) na tarde de hoxe mércores 9 de setembro de 2021, para descargar decenas de toneladas de GNL para Reganosa, proceso que vai durar unhas unhas 24 horas. No momento do atraque do gaseiro están outros dous buques no peirao de Punta Promontorio: o 'Norma' (Navegando baixo bandeira de Malta), un cargueiro, de 108,2 metros de eslora por 18,2 de manga, realizando manobras de carga/descraga e o quimiqueiro 'Elisalex Schulte' (Navegando baixo bandeira de Singapur), de 145 metros de eslora por 23 de manga, probabelmente realizando un proceso de deslastre/degasificación, para entrar a reparar nos estaleiros. Unha vez máis incumprindo a regasificadora a normativa de seguridade de navegación dentro da Ría de Ferrol. Esta situación é un perigo potencial, aumentado ao que xa supón a planta regasificadora, construída no Corazón da Ría de Ferrol. Planta de gas localizada á beira do complexo petroquímico, onde están presentes sustancias perigosas, inflamábeis e tóxicas para as persoas e para os organismos e animais mariños. Un complexo conformado por Forestal del Atlántico e Imegasa, afectadas ambas as dúas, polas disposicións do Real decreto 840/2015, de 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan sustancias perigosas, sumado ás cisternas de Reganosa cargando GNL e ás de Forestal cargando fuel-óleo, metanol e formol.

A situación actual coas manobras que se están producindo no peirao e complexo de Punta Promontorio, aumentan exponencialmente as probabilidades de risco para a poboación que moramos na contorna da Ría. Para o holding gasista de Reganosa supón un grande negocio.

Cando ocorra una desgracia, ninguén se sentirá culpábel de estar sempre mirando para outro lado en beneficio dos intereses dunha empresa, cuestionada por cinco sentenzas do Tribunal Supremo, perigosa, deficitaria e innecesaria e dunhas personaxes que levan 20 anos beneficiándose do diñeiro público, e de todas as trampas e ilegalidades, a costa da nosa seguridade.

Planta de Gas: Peche Xa !!
#GasNoneSolucion
#PlataDeGasForaDaRia


Gas: os excesos dun sistema que pagas na factura. Un especial dixital realizado por "Ballena Blanca".

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_______

1 comentarios so far

A chorar a Cangas


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon