É necesario considerar que a pensión é un dereito de cidadanía. É necesario pasar de ver a pensión como un salario diferido por traballar para vela como dereito de cidadanía. A reforma necesaria debe modificar o sistema de pensións cara a un sistema público, universal e non vinculado ao exercicio do traballo
Por Por Miren Etxezarreta [*]
11.11.2021
O tema das pensións está a ocupar espazos importantes nos medios. Que está a acontecer coas pensións? Que desde hai varios anos se puxo en cuestión o sistema de financiamento das pensións públicas, manifestando a preocupación de que non haxa diñeiro para pagalas no futuro -o que chaman a súa sostibilidade-. Din que agora vivimos máis que antes, e é necesario pagar as pensións durante moitos máis anos. E que, ademais, somos cada vez máis persoas para cobrar as pensións mentres que hai menos traballadores para financialas. Máis pensionistas, durante máis anos e menos traballadores por pagar as pensións... semella lóxico que non haxa diñeiro. Todo isto deu lugar a diferentes cambios no sistema, sempre para reducir as pensións, entre os que destacan dúas amplas reformas en 2011 (PSOE) e 2013 (PP). Isto levou a un amplo debate que segue actualmente.
Un gran número de pensionistas no Estado español non aceptan os termos propostos nas reformas anteriores e levan anos afirmando a súa sostibilidade, reivindicando que se eliminen as reformas de 2011 e 2013 e que se estableza un sistema de pensións seguro e que permita pensións decentes. Nunha loita permanente de gran vitalidade e orixinalidade coa que xeraron unha gran dinámica reivindicativa. O debate é agre e envelenado e pasaron moitas cousas que non podemos recoller aquí. Hai moitos materiais escritos sobre o tema, aos que remitimos o lector interesado, por exemplo o libro "El cuento de las pensiones", de Editorial Icària.
O actual Goberno volve propor unha nova reforma. Está a propoñela dividida en dúas etapas: a primeira, “Medidas en vigor antes de finalizar 2021”, nas que se incluíron as máis favorábeis aos pensionistas e xa foron aprobadas no Consello de Ministros do 17 de agosto de 2021, e a segunda “Medidas para 2022”, para a que se reservaron as máis duras.
Algunhas mudanzas -un caramelo que axude a tragar unha medicina amarga: grazas á loita que os pensionistas levan a cabo desde hai varios anos- foron froito desta loita. Entre as máis significativas, cómpre sinalar que, ante a continua afirmación de que as pensións públicas son insostíbeis, recoñécese explicitamente que poden ser sostíbeis, o que é máis relevante do que parece; que se afirmou que o mecanismo de revalorización permanente das pensións será o IPC de cada ano e que, se é negativo, as pensións non diminuirán (aínda que neste punto, a letra pequena dá lugar a certa inquietude, xa que se afirma que “se pode estudar a posibilidade de índices de revalorización das pensións distintas do IPC”, o que case sempre conduce a un índice de revalorización inferior a este. Conseguiuse que algúns gastos que satisfai agora a Seguridade Social (SS) e non corresponden ás pensións contributivas deixen de ser satisfeitos por esta institución (denomináronos como “gastos impropios”). Estes gastos recargan enormemente nos orzamentos da SS -estimáronse ao redor de 23.000 millóns de euros ao ano-, cando deberían ser satisfeitos polos orzamentos do Estado, e así o déficit actual da SS se reduciría moi considerabelmente.
Tamén se está debatendo acerca do que sucederá co denominado factor de sostibilidade que consiste noutro coeficiente redutor das pensións que se estableceu en 2013 por mor do aumento da esperanza de vida, ao considerar que, se se vai a vivir máis anos, é lóxico que se cobre menos cada ano para equiparar as pensións futuras coas actuais. É unha “equidade interxeracional” que prexudica seriamente os pensionistas porque “vivirán demasiado”, e que os pensionistas queren que se derrogue. Aínda non o conseguiron e o Ministerio afirma que se discutirá en breve para substituílo por outro factor de equidade interxeracional distinto, pero que, se non se chega a un acordo respecto diso, o establecerá o Ministerio.
Debátese así mesmo sobre o “Período de cotización para computar a pensión”. Aquí hai bastante confusión: na reforma de 2011 aumentouse o período para calcular o cómputo da pensión cos salarios de 15 a 25 anos e as recomendacións do Pacto de 2020 sinalaban que o pensionista podería elixir os mellores anos de cotización, mais esa recomendación non se plasmou. Co mercado de traballo existente agora, como serán os 25 anos do traballador? Poderá chegar aos 25 anos de cotizacións neste contexto de contratos laborais moi curtos?
Para engadir á confusión, filtrouse que, pola contra, para calcular a pensión o ministro propoñía que se pasase non só de 15 a 25 senón que se computasen de 25 a 35 anos dos salarios. O cambio, segundo El País, supoñería unha diminución das pensións en torno ao 8%. Esta proposta, que figuraba nos borradores previos, foi negada despois polo ministro, que alegou unha mala explicación e comprensión do tema, e finalmente non foi incluída na versión final.
Tamén se conseguiron outras vantaxes de interese, como as referentes a aumentar certos ingresos do sistema -o estado realizará transferencias ao redor do 2% do PIB cada ano á SS-; aumentarase o límite máximo das pensións, a loita contra a fraude, revisaranse as cotizacións e prestacións dos autónomos, o réxime de viuvez, os dereitos dos bolseiros, etc. Mais non se logrou que a actualización segundo o IPC se fixe permanentemente e se inclúa nos orzamentos ou na Constitución, segundo as reivindicacións dos pensionistas.
O conseguido até o de agora permite dicir que é principalmente a loita dos pensionistas o que levou a mellorar algúns aspectos importantes das pensións, o que mostra que unha actitude activa e enérxica é necesaria e útil. Pero faltan outros moitos aspectos que só se lograrán se se continúa co traballo para conseguilos. Para empezar, non se derrogaron as reformas de 2011 (PSOE) e a de 2013, pero ademais estase propoñendo outra serie de cambios que supoñen graves problemas para os pensionistas. Entre eles:
Prolongación voluntaria da idade de xubilación mediante incentivos económicos. Como anteriormente o aumento da idade de xubilación foi motivo de moitas loitas reivindicativas de rexeitamento, agora probarán de forma máis sutil: introducen o aumento da idade de xubilación voluntaria, proporcionando un incentivo económico para os que sigan traballando despois do idade de xubilación. Queren que os maiores sigan traballando voluntariamente despois dos 67 anos, que será a próxima idade de xubilación. Parecen esquecer que se trata dun país con máis de 3,5 millóns de parados, mozos maioritariamente!
Por iso, establecen como incentivo un plus do 4% sobre o importe da pensión correspondente por cada ano de atraso na xubilación. O incentivo poderase cobrar como unha porcentaxe adicional para sempre ou nun pagamento único ao xubilarse. Seica pretenden ir diminuíndo as pensións públicas e que os traballadores para poder vivir sigan traballando?
Ignoran totalmente o carácter do mercado de traballo. Consideran que o traballador é libre para elixir o que quere facer no traballo. Pero difire moito de ser así. O traballador dificilmente ten esa liberdade. Nun mercado de traballo desastroso para os traballadores, de postos de traballo en precario e de salarios baixos, con frecuencia a xubilación é a última saída que lles queda aos traballadores fronte ao paro. Non se pode ignorar a natureza do mercado de traballo para ver o que pode ocorrer nas pensións. De feito, as reivindicacións das condicións de traballo e salarios son as mesmas que as dos pensionistas. É necesario unir ambos os aspectos se se quere ter éxito e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e satisfactoria.
Ademais, as empresas aceptarán que os traballadores decidan permanecer nos seus postos de traballo? É de temer que só o farán se se lles proporcionan, por outra parte, outro tipo de beneficios: “Para evitar que as empresas recorran ás xubilacións anticipadas, estableceranse tamén beneficios para as que conserven nos seus cadros de persoal os traballadores de maior idade”. Esquecendo así as importantes exencións que xa están concedidas para as cotizacións dos traballadores maiores de 60/65 anos desde 2001.
Noutras palabras, que os xubilados -seguramente os que teñen pensións moi baixas- sobrevivan por medio de combinar as súas baixas pensións con salarios tamén moi baixos (porque a certas idades só se conseguen traballos deste tipo).
Non queda máis remedio que preguntarse pola razón dese intento con máis de tres millóns de parados no país. Onde está a liberdade do pensionista?, seguro que seguir traballando é “voluntario”? Tamén supón perder diñeiro respecto das cotizacións realizadas; pero e especialmente supón dividir os pensionistas entre quen terá pensións normais e quen as terá máis altas porque traballa máis anos, con graves divisións no movemento reivindicativo dos pensionistas. Ademais, se unha persoa traballou toda a vida, por que debe seguir traballando na súa xubilación? Só pode ser porque a pensión non é suficiente.
Estímulo ás pensións privadas de empresa. Para a parte de Reforma prevista para o próximo ano, proponse outra novidade moi grave: seguindo o modelo do Banco Mundial e a OCDE, apóstase por impulsar a implantación efectiva de plans complementarios de empresa. As pensións de empresa consisten nun compromiso de realizar pensións privadas para todos os membros dunha empresa, de adscrición individual.
Até o de agora, para estimular as pensións privadas o Goberno concedía unha desgravación fiscal no IRPF que podía chegar até os 8.000 euros ao ano para as persoas que contratasen un plan de pensións privado. Os pensionistas debateron moito sobre estas desgravacións, rexeitándoas. Actualmente o Informe recomenda diminuír as desgravacións por pensións individuais (prevese que do máximo de 8.000 a 2.000 euros), pero... van aumentar os estímulos nas pensións colectivas de empresa até os 10.000 euros. Se non queres caldo, dúas cuncas! O obxectivo é que nunha década o 80% dos traballadores teñan un plan de pensións privado con esta fórmula.
Isto supón avanzar descaradamente cara á privatización das pensións, seguindo as recomendacións do Banco Mundial e a OCDE que queren que as pensións públicas contributivas diminúan e aumenten as da base privada que, ademais, recomendan sexa obrigatoria (o que chaman segundo base).
Ademais, as achegas a estas pensións privadas normalmente corren a cargo do empregador e empregado a partes iguais (seguro que este financiamento non se ten en conta despois nas negociacións dos convenios?). É dicir, estimúlase os traballadores que dediquen parte dos salarios (ou dos aforros) a contratar pensións privadas. Xa son numerosas en Euscadi como Entidades de Previsión Social Voluntaria (EPSV).
Se logran que unha maioría de traballadores teña pensións privadas é probábel que diminúan as reivindicacións para as públicas e, ademais, aumentará a división entre os traballadores; entre os que teñan postos de traballo e salarios decentes e poidan optar a pensións privadas e todos os demais -precarios e temporais sobre todo-, que deberán quedar coas mínimas pensións públicas.
Todo isto supón estimular moi fortemente o establecemento de pensións privadas para os traballadores asalariados. Permite ver que o tema da chamada crise das pensións públicas cómpre situalo nos intereses financeiros que queren aproveitar as grandes masas de diñeiro que se moven coas pensións para obteren máis beneficios privados.
Non é verdade que non existe diñeiro para as pensións públicas. E, ademais, quen garante que existen para as privadas? Non hai moitos bancos que crebaron e deixaron os seus depositantes sen pensións? Merece máis crédito a sostibilidade dun banco privado que as finanzas estatais? As pensións deben financiarse por medio do erario público como se financian todos os demais gastos sociais (educación, sanidade, exército, monarquía, infraestruturas, etc.), por que deben financiarse de xeito diferente as pensións? A verdadeira razón para a chamada “crise das pensións públicas” non é outra que o feito de que existe moito diñeiro para os entes financeiros, que buscan xestionar por todos os medios.
Aínda que non é o obxectivo deste artigo, cómpre referirse ao desastre que son as pensións privadas para os pensionistas (moi arriscadas, con perdas pola inflación e moi caras), o que mostra que quen as ve positivas está a aceptar que as públicas non son suficientes e é necesario realizar pensións privadas. Estas pensións “complementarias” consisten en que os pensionistas contraten plans de pensións privados coas institucións financeiras, privadas tamén. É unha brutal privatización das pensións.
Para os entes financeiros é moi conveniente conseguir que se leven a cabo pensións de grandes empresas para todo o persoal, que se establecen polo xeral a través de convenios colectivos, en lugar de ter que conseguir un gran número de pólizas individuais. Nestes convenios, os sindicatos teñen sempre un importante papel. Isto significa que, cando os sindicatos aceptan esta práctica, se converten en cómplices da privatización das pensións (levan varios anos asinando convenios con este sistema), e as desgravacións sinaladas aumentan a súa importancia. Os sindicatos propóñense seguir estimulando as pensións privadas, atrévense a impulsar abertamente a privatización das pensións? É bastante triste contemplar sindicatos importantes vinculados á privatización dun dereito social tan necesario, cómplices dos intereses dos entes financeiros.
En definitiva, aproveitarase a que chaman "a reforma das pensións" para facilitar e estimular a privatización das pensións.
Deterioración das condicións para as xubilacións anticipadas. Deberiámonos referir tamén á deterioración que se propón para as xubilacións anticipadas, o que supón de novo ignorar as condicións do mercado de traballo que conducen a elas, pero non podemos seguir por razóns de espazo.
Con todo, é imposíbel eludir mencionar o importante papel da Unión Europea en todo este proceso, xa que a reforma das pensións (diminuílas e privatizalas) é unha das condicións impostas pola Unión para poder acceder aos mesmos fondos europeos para a reconstrución, dos que tanto se espera. Así mesmo, a UE elaborou recentemente o proxecto PEPP, Proposta sobre un Proxecto Paneuropeo de Pensións Individuais, co que se pretende reunir até 700.000 millóns de euros de depósitos e para o que está disposto a participar no orzamento con sumas importantes. Como poden dicir que non hai diñeiro para as pensións públicas, pero estar disposto a apoiar as privadas?
Isto mostra claramente o enorme poder do sistema financeiro global para asegurar o apoio dos entes públicos internacionais.
En resumo, as reivindicacións dos pensionistas lograron conquistar algúns aspectos importantes, mostrando que a loita é necesaria e útil. Isto supón que é necesario seguir loitando polas pensións e a sociedade que se desexa.
Os pensionistas son persoas cidadás como as demais e os seus dereitos deben financiarse con impostos se as contribucións non son suficientes. As pensións serán financiadas por toda a sociedade e non só polos traballadores activos. Doutra forma, é unha subvención “oculta” aos beneficios e ao capital, que non paga polo mantemento dos pensionistas.
Pero non se trata de quedar aí. Os pensionistas tamén queren participar en todas as loitas por unha sociedade xusta e equitativa. Saben que os procesos sociais son modificábeis. Os pensionistas ven e aceptan a necesidade de modificar o discurso e os sistemas de dereitos sociais -entre eles, as pensións-, e máis nunha época na que cada día hai menos emprego e é máis precaria. É necesario considerar que a pensión é un dereito de cidadanía. É necesario pasar de ver a pensión como un salario diferido por traballar para vela como dereito de cidadanía. A reforma necesaria debe modificar o sistema de pensións cara a un sistema público, universal e non vinculado ao exercicio do traballo. Existen varias fórmulas para iso.
Os pensionistas saben o que queren. estiveron sempre activos e continuarano estando. Nin a COVID nin as reformas impedirán que sigan a loitar por unha sociedade xusta e feliz para todos.
[*] Miren Etxezarreta Zubizarreta, doutora en Economía pola London School of Economics e a Universdad Autónoma de Barcelona, actualmente é catedrática emérita de Economía aplicada na UAB e membro do grupo de Economistas Europeos por unha Política Económica Alternativa e do Seminario de Economía Crítica Taifa.
[Artigo tirado do sitio web catalán La Directa, do 2 de novembro de 2021]
Fonte: Avantar. | 8 de novembro de 2021
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon