mércores, novembro 03, 2021

O aumento de buques gaseiros que van a descargar a Reganosa, tamén aumenta o perigo para a poboación que mora na contorna da Ría de Ferrol, por mor da inadecuada localización da planta de gas en Mugardos - Hoxe está descargando no peirao de Mugardos, o 'LNG Adventure', que fai o buque número 308 desde a accidentada entrada do 'LNG Galicia Spirit' en maio de 2007


O aumento de buques gaseiros, con decenas de miles de toneladas de GNL nos seus tanques, que descargan en Reganosa, por mor da crise xerada polo peche do gasoduto "Durán Farrell" (Maghreb-Europa), tamén supón un aumento do perigo para a poboación que mora na contorna da Ría de Ferrol, por mor da inadecuada localización da planta de gas en Mugardos. Un perigo que aumenta exponencialmente, ao xa de por si que ten a planta regasificadora construída en Punta Promontorio, a poucos metros de núcleos de poboación e ao lado do complexo petroquímico, onde están presentes sustancias perigosas, inflamábeis e tóxicas, para as persoas e para os organismos e animais mariños. Un complexo conformado por Forestal del Atlántico e Imegasa, afectadas ambas as dúas (como Reganosa), polas disposicións do Real decreto 840/2015, de 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan sustancias perigosas; sumado ás cisternas de Reganosa cargando GNL e ás de Forestal cargando fuel-óleo, metanol e formol. Somado aos buques desgasificando ou a quimiqueiros que cargan/descargan no peirao de Forestal, ás veces simultaneamente a menos de 100 metros dos gaseiros, como así ten denunciado o Comíté Cidadán de Emerxencia en numerosas ocasións. Mais non só iso senón que se encontra a moi pouca distancia da vila de Mugardos, os estaleiros (Navantia), o Arsenal Militar (actual base das fragatas F-100) e a Estación Naval d'A Graña. Ademais dos buque militares, das diversas infraestruturas militares e civís, son decenas de miles as persoas ameazadas as que moran na contorna da Ría.

Hoxe está descargando no peirao de Mugardos, o "LNG Adventure", que fai o buque número 308 desde a accidentada entrada do "LNG Galicia Spirit" en maio de 2007. O "LNG Adventure" é un recentemente construído (2021) buque gaseiro que navega baixo pavillón francés, de grande porte, 293 metros de eslora e 46 de manga, procedente do porto de Lake Charles, do estado de Lusiana (USA), onde cargou GNL extraído polo método tan pernicioso para a saúde e o medio ambiente, como é o fracking (fracturación hidráulica), unha grande contradición co que están acordando hoxe, respecto ao metano, no cume do clima da ONU en Glasgow.

Ao día de hoxe, Reganosa é a matriz dun holding corporativo da enerxía que opera en diferentes estados, aumentando o seu volume de negocio e afianzando o seu poder de influencia política. Só así se entende a favorábel campaña mediática e os continuos reportaxes que lle dedica a TVG nos seus telexornais destes días. A crise xerada polo peche do gasoduto "Durán Farrell" (Maghreb-Europa), veu-lle como anel ao dedo. Pois Reganosa, na maior parte da súa vida operativa estivo, apenas de media, ao 30% da súa capacidade, variando a súa situación apenas hai dou anos coa caída do carbón. Unha planta de gas construída ao amparo da corrupción política, con sospeitoso apoio mediático, con mentiras e manobras, corroboraras por cinco sentenzas do Tribunal Supremo que viñeron dar a razón ao denunciado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Mais os promotores de Reganosa (Grupo Tojeiro), practicaron a política de feitos consumados, cunha regasificadora construída e en funcionamento que conseguiu os permisos 17 anos despois de comezar-se a construír e 14 despois de comezar a funcionar, despois de ter que pasar por unha avaliación ambiental feita á medida da súa localización ilegal xa consumada e 301 gaseiros descargados. Permisos que o Comité Cidadán de Emerxencia volveu a recorrer, continuando a loita contra este despropósito gasista.

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon