martes, decembro 21, 2021

Marcha atrás, ... Por Amadeo Varela


Por Amadeo Varela Rodríguez [*]
21.12.2021


Fai algúns días, alguén cuestionou a plenitude da Democracia en España. Eu non sei o que haberá de certo nesa dúbida, con todo, en Ferrol, o problema non é a plenitude, pois aquí, no que se refire ao noso Concello, parece que a Democracia vai marcha atrás e costa abaixo, a xulgar polas numerosas queixas de diferentes grupos, plataformas, asociacións e cidadáns en xeral, que cualifican ao Concello como estafador, entre outras cousas, polo tema do consumo do auga, pola xestión da depuración, polo tema das vivendas de Recimil, polo incumprimento sistemático de acordos plenarios unánimes e por algún outro tema máis, como o caso omiso do Regulamento de Participación Cidadá e o desprezo que se fai a certas asociacións veciñais, en concreto á de San Fernando de Recimil, (a este barrio cáenlle todas), que é unha asociación fundada en 1997, que cumpre todos os requisitos legais e da cal son o actual presidente. Pola miña banda, quero denunciar que, sendo un representante veciñal con máis de 30 anos de dedicación a esta dura loita, habendo ocupado antes a presidencia e outros cargos na asociación veciñal de Recimil "El Pilar", fun recibido e escoitado por todos os alcaldes sen excepción, desde don Rogelio Cenalmor ata don Vicente Irisarri; con todo agora, levo case 12 anos sen poder expoñer os nosos problemas, relacionados coa posíbel estafa cometida contra os adxudicatarios orixinais das Vivendas Protexidas, porque malia os meus intentos, non fun atendido por ningún dos tres últimos gobernos municipais, polo que me sento desprezado, humillado e ofendido. A primeira ollada, pode parecer que "todos son iguais, aínda que uns máis que outros", como diría o porco Napoleón da granxa de Orwell. Por certo que hai quen pensa que estou "na lista negra", como castigo por haberlles estragado o pretendido negocio que querían facer coa derriba do o meu barrio. Será verdade? Eu non sei si crelo, pero xa se sabe que "na viña do Señor hai de todo" e polo tanto...

Presidente da Asociación San Fernando
(nacida para defender o Patrimonio Histórico do Barrio ferrolán de Recimil)

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Forma parte do Colectivo Ártabra 21.
Artigos de Amadeo Varela no xornal comarcal Diario de Ferrol. | Ir á Web.

Enviado por:
Amadeo Varela
-avarela36@mundo-r.com-
21 de dezembro de 2021 19:27

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon