martes, decembro 21, 2021

'Pasaba por alí e quedei un intre', de Xoán Rubia Alejos, o mércores 22 de decembro no Casino de Mugardos




O pasado venres foi un día especial para min. Presentábase en Ferrol o meu libro “Pasaba por alí-e quedei un intreeditado por Galaxia. Sempre hai máis incerteza a primeira vez, pero debo dicir que a acollida foi estupenda e non puiden quedar máis satisfeito baixo o acubillo de tanta xente á que cantei algunha canción como ilustración á presentación. Aí van dúas fotos para levantar acta: sentada á miña dereita Tati Mancebo, directora comercial de Galaxia, e a miña esquerda o escritor Xavier Alcalá, e Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa de Ferrol. Na outra un instante da ilustración musical acompañado polo excelente guitarrista e amigo Daniel Adzemian. Grazas a todos pola vosa xenerosidade. E o vindeiro mércores día 22 en...MUGARDOS.

Recordade, mércores, 22 de decembro, ás 19.30 no Casino Mugardés, Xoán Rubia Alejos preséntanos o seu libro "Pasaba por alí e quedei un intre". Quedades convidados/as. A entrada é libre e aberta a todo o público. Respectaranse escrupulosamente as medidas sanitarias vixentes.

Facebook


Galaxia publica a autobiografía musical de Xoán Rubia

A Editorial Galaxia publica, na colección Reportaxe, un libro arredor da traxectoria de Xoán Rubia, "Pasaba por alí. E quedei un intre".

Considerado un dos nomes máis importantes da música galega e autor de longa traxectoria, é unha das voces de referencia dende finais dos anos sesenta.

En palabras de Xavier Alcalá, autor do prólogo “Rubia é un home valente e coherente que soubo extraer o imprescindible da súa 'existencia musical' e escolleu sonoros riscos de humor para amenizar o discurso”. Neste libro, e da súa propia man do músico de Ferrol, as lectoras e lectores acompañarán ao artista nun percorrido pola súa vida. Unha voz comprometida coa lingua galega que, a través dun grandísimo talento, creou temas que todas as persoas coñecen e que, algunha vez, tamén cantaron.

Dicía miña nai que recordar é volver vivir, e eu, arestora, estou niso, a vivir rebobinando e logo dándolle ao play da casete da miña vida en relación coa 'Canción Galega' para lembrar e contárllelo aos que poidan sentir algunha curiosidade”. Toda unha declaración de intencións por parte de Xoán Rubia que son só unha afirmación de todo o que virá despois.

Este libro recopila, dende a memoria do seu autor, primeiros pasos, evolución… con fotografías e documentos, a vida dun artista que marcou un antes e un despois no panorama musical galego. Non só é o seu relato, se non o relato de toda unha época.

Un libro imprescindible que xa está chegando a todas as librarías de Galicia.

Xoán Rubia (Mugardos, 1947) comezou os seus estudos de música na súa vila natal. En 1968, en Santiago de Compostela, entra en contacto co movemento da Nova Canción Galega, representado daquela polo colectivo Voces Ceibes.

Gravou os seus primeiros traballos discográficos en 1969 coa compañía Edigsa, en Barcelona, logo con Philips e, máis tarde, con Zafiro-Novola.

Dende a fundación do Diario de Ferrol colabora semanalmente con artigos de opinión, ademais de con Galicia Digital e outras publicacións.

Fonte: blog da Editorial Galaxia.
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon