Amosando publicacións coa etiqueta Xoán Rubia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xoán Rubia. Amosar todas as publicacións

martes, decembro 21, 2021

'Pasaba por alí e quedei un intre', de Xoán Rubia Alejos, o mércores 22 de decembro no Casino de Mugardos




O pasado venres foi un día especial para min. Presentábase en Ferrol o meu libro “Pasaba por alí-e quedei un intreeditado por Galaxia. Sempre hai máis incerteza a primeira vez, pero debo dicir que a acollida foi estupenda e non puiden quedar máis satisfeito baixo o acubillo de tanta xente á que cantei algunha canción como ilustración á presentación. Aí van dúas fotos para levantar acta: sentada á miña dereita Tati Mancebo, directora comercial de Galaxia, e a miña esquerda o escritor Xavier Alcalá, e Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa de Ferrol. Na outra un instante da ilustración musical acompañado polo excelente guitarrista e amigo Daniel Adzemian. Grazas a todos pola vosa xenerosidade. E o vindeiro mércores día 22 en...MUGARDOS.

Recordade, mércores, 22 de decembro, ás 19.30 no Casino Mugardés, Xoán Rubia Alejos preséntanos o seu libro "Pasaba por alí e quedei un intre". Quedades convidados/as. A entrada é libre e aberta a todo o público. Respectaranse escrupulosamente as medidas sanitarias vixentes.

Facebook


Galaxia publica a autobiografía musical de Xoán Rubia

A Editorial Galaxia publica, na colección Reportaxe, un libro arredor da traxectoria de Xoán Rubia, "Pasaba por alí. E quedei un intre".

Considerado un dos nomes máis importantes da música galega e autor de longa traxectoria, é unha das voces de referencia dende finais dos anos sesenta.

En palabras de Xavier Alcalá, autor do prólogo “Rubia é un home valente e coherente que soubo extraer o imprescindible da súa 'existencia musical' e escolleu sonoros riscos de humor para amenizar o discurso”. Neste libro, e da súa propia man do músico de Ferrol, as lectoras e lectores acompañarán ao artista nun percorrido pola súa vida. Unha voz comprometida coa lingua galega que, a través dun grandísimo talento, creou temas que todas as persoas coñecen e que, algunha vez, tamén cantaron.

Dicía miña nai que recordar é volver vivir, e eu, arestora, estou niso, a vivir rebobinando e logo dándolle ao play da casete da miña vida en relación coa 'Canción Galega' para lembrar e contárllelo aos que poidan sentir algunha curiosidade”. Toda unha declaración de intencións por parte de Xoán Rubia que son só unha afirmación de todo o que virá despois.

Este libro recopila, dende a memoria do seu autor, primeiros pasos, evolución… con fotografías e documentos, a vida dun artista que marcou un antes e un despois no panorama musical galego. Non só é o seu relato, se non o relato de toda unha época.

Un libro imprescindible que xa está chegando a todas as librarías de Galicia.

Xoán Rubia (Mugardos, 1947) comezou os seus estudos de música na súa vila natal. En 1968, en Santiago de Compostela, entra en contacto co movemento da Nova Canción Galega, representado daquela polo colectivo Voces Ceibes.

Gravou os seus primeiros traballos discográficos en 1969 coa compañía Edigsa, en Barcelona, logo con Philips e, máis tarde, con Zafiro-Novola.

Dende a fundación do Diario de Ferrol colabora semanalmente con artigos de opinión, ademais de con Galicia Digital e outras publicacións.

Fonte: blog da Editorial Galaxia.
_______

luns, decembro 19, 2011

Simulacro, ... Por Xoán Rubia

Por Xoán Rubia [*]
19.12.2011

Coma vostedes saberán, dende sempre mantiven unha opinión belixerante respecto da localización dunha planta de gas preto do núcleo de poboación onde vivo. A miña oposición non foi nin moito menos caprichosa, senón baseada noutras procedentes de voces autorizadas, cando menos tanto como as que dende o principio promulgaron a súa inocuidade. Non obstante un illado parecer non ten maior importancia se este non vai seguido doutros na mesma dirección e a verdade foi que o gas e demais produtos enerxéticos inflamables están aí porque así o decidiron aqueles que tiñan facultade para facelo: os políticos de quenda que non tiveron en conta a opinión dunha parte da poboación que, polo que se viu, semellou feble diante dunha grande maioría silenciosa. Xa é sabido que “quen cala outorga” e nesas estamos.

Non pretendo, lástima fora, erixirme en portavoz de nada e de ninguén, pero estou seguro de que case tódolos que estivemos no seu momento en contra da presenza dunha industria destas características pegada as nosas casas nunca puxemos en cuestión a necesidade estratéxica do gas coma importante elemento enerxético, nin discutímo-los beneficios que reporta para o desenvolvemento económico do noso país. Ata aquí non hai discusión. So cuestionamos a súa localización baseándonos nos posibles factores de risco que unha industria así podería reportar á poboación próxima a súa área de influenza. Nin máis nin menos. Apostabamos pola premisa da seguridade diante dos beneficios a calquera prezo.

Aqueles que viron nesta industria a táboa de salvación para un pobo coma Mugardos que sofre, coma os do resto da comarca, a lacra da destrución de postos de traballo e xa que logo un elevado índice de desemprego, a recibiron cos brazos abertos. Obviaron os posibles riscos en aras da alternativa dunha importante oferta de emprego que suporía un avance substancial na mellora do nivel de vida dunha parte relevante da poboación.

Ao día de hoxe, vostedes dirán se eses degoros cumpríronse ou non.

Certo perigo semella que flota no ambiente cando anúnciase un simulacro co gallo de ca xente estea alerta perante calquera eventualidade non de-sexable que se produza dentro do recinto empresarial. Bombeiros, Protección Civil, Policía Local, 061 e demais persoal sanitario atentos para actuar se as cousas non van ben. Certo que se avisou á xente de que este operativo non vai afectar ó desenvolvemento das súas actividades cotiás xa que neste caso so se trata dunha simulación. Diante de todo isto cabe pensar que aqueles que manifestamos no seu momento a nosa preocupación polo risco potencial que supuña ter miles de metros cúbicos de gas preto do núcleo de poboación estabamos no certo. Cando o simulacro transcende dos propios lindes da empresa e afecta á xente que nada ten que ver con ela, a cousa da que pensar. Aquelas recomendacións de se meter na casa cando soen as sinais acústicas, sintonizar a RGA ou RNE para segui-las instrucións, non prende-las luces, nin os mixtos, non fumar, pecha-las fiestras e esperar aí ata que pase o perigo, non as saco da chistera, están nos manuais de emerxencias e nas hemerotecas e posiblemente, andando o tempo, serán argumento de próximos simulacros.

Hoxe, cando escribo isto, ía se-lo día pero o operativo anulouse pola ameaza de temporal, un temporal que xa se nota aí fora cun vento que zoa con grande forza acompañado dunha chuvia torrencial. Isto non é unha simulación; é real e a xente corre para se poñer a bo recado, tanto que xa nin se ve un alma pola rúa. Observando a furia con que arremete o vento e a auga pensei no difícil que é evita-los desastres naturais (tempestades, terremotos, erupcións volcánicas, etc.) e ao tempo reflexionei sobre o fácil que sería controlar aquelas que pode provoca-lo ser humano. Oxalá que este simulacro e os que veñan, polo ben de todos, se queden neso: en simulacros. Si.

Publicado este Domingo, 18 de Decembro de 2011 no Diario de Ferrol.

[*] Xoán Rubia Alejos -Mugardos 1947, é escritor e artista galego.

A súa famosa canción "Fala pobo", de 1978 sería empregada como parte da banda sonora do conxunto de curtametraxes Hai que botalos,


_____________________