sábado, xaneiro 22, 2022

Non á fraude da nova reforma laboral - A CIG convoca 11 mobilizacións o domingo 30 de xaneiro para esixir a derrogación real das reformas laborais - En Ferrol ás 12 do mediodía en Esteiro

A CIG, como xa anunciara a pasada semana, convoca unha xornada de mobilizacións nas sete cidades e en Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Cee para o domingo 30 de xaneiro, en rexeitamento á fraude que supón a nova reforma laboral e para esixir a derrogación das reformas impostas dende o ano 2010. Ademais, o día que se celebre o Pleno do Congreso no que se convalide o RD/lei 32/2021, que previsibelmente será o 3 de febreiro, a CIG tamén se concentrará diante Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo.

Ademais, esta xornada de mobilizacións do domingo 30 vaise desenvolver de xeito conxunto en Galiza, Euskal Herria e Catalunya en resposta ao novo ataque á clase traballadora que supón esta reforma laboral que significa maior precariedade e o aumento da centralización da negociación colectiva.

Non á fraude da nova reforma laboral

Coa aprobación do RD/Lei 32/2021, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos incumpriu a promesa que tantas veces anunciara, posto que non se derroga a reforma laboral de 2012 imposta polo PP.

No acordo do “diálogo social” do que emana esta nova normativa, tanto o Goberno como UGT e CCOO pregáronse aos intereses da patronal. O pacto social evidénciase unha vez máis como o enterrador dos dereitos dos traballadores e das traballadoras. O texto desta nova reforma, ademais de manter as medidas máis lesivas da do PP, incorpora outras novas que favorecen o empresariado á conta, outra vez, da clase obreira:

✔ O despedimento segue a ser igual de fácil e barato e mantense a barra libre das empresas para os despedimentos colectivos.

✔ Non se recuperan os salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.

✔ Non se recupera a nulidade dos despedimentos en fraude de lei.
   
✔ Segue en vigor o 10% da desregulación da xornada laboral.
   
✔ Incorpóranse novos contratos de formación e temporais, e modalidades de ERTE, que afondarán na precariedade. Ademais, créase unha nova modalidade de traballador/a precario/a baixo o novo contrato fixo-descontinuo.

✔ A nova modalidade de ERTE facilita o traspaso de cartos públicos a través das bonificacións nas cotas a Seguridade Social, mentres argumentan que a caixa das pensións está quebrada.

✔ Mantense a prevalencia do convenio estatal fronte aos convenios galegos e provinciais, e tamén que os convenios de empresa poidan empeorar os convenios sectoriais, agás nos salarios

Nin pacto social, nin reforma laboral!

Domingo 30 de xaneiro, mobilízate coa CIG!

Horas e lugares das mobilizacións:

    ✔ A Coruña: ás 12h, na Praza de Vigo.
    ✔ Ferrol: ás 12h, no local sindical CIG na Avda. do Esteiro.
    ✔ Lugo: ás 12h, no Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
    ✔ Ourense: ás 11.30h, no Edificio Sindical (Parque de San Lázaro).
    ✔ Pontevedra: ás 12h, na Praza da Ferrería.
    ✔ Santiago de Compostela: ás 11.30h, na Praza Roxa.
    ✔ Vigo: ás 12h, desde a Dobrada.
    ✔ Vilagarcía: ás 12h, na Casa do Mar.
    ✔ Viveiro: ás 12h, na Praza do Concello.
    ✔ Ribeira: ás 12h, na Praza do Concello.
    ✔ Cee: ás 12h, diante do Concello

Fonte: Avantar - 17.01.2022

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
22 de janeiro de 2022 8:46

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon