martes, febreiro 01, 2022

Plantación de frondosas no Monte do Chá - Debido á extensión a repoboar estimamos que serán necesarias dúas xornadas, polo que convocamos para o 5 e 12 de febreiro


Plantación de frondosas

Dende a directiva da Asociación Comuneiros do Chá dirixímonos a vós, entidades e persoas afíns, para convocarvos a dúas xornadas de plantación de frondosas no Monte do Chá.

A través dunha subvención da Xunta a empresa Foresga vai plantar 7 has de piñeiros e 12 de frondosas (bidueiros, carballos e castiñeiros), para o que xa fixeron os furados antes do nadal, comezarán esta semana a poñer as árbores.

Pero a maiores temos previsto plantar aproximadamente dúas has no entorno da batalla de Brión, cunha maior variedade de árbores (freixos, amieiros, pradairos, carballos, bidueiros, castiñeiros, sobreiras e piñeiros do país entre outras especies) e un marco de plantación máis amplo (7x7). Esta plantación queremos facela con voluntariado ambiental, de modo que a veciñanza poidamos encontrarnos dando vida o noso monte, compartindo unha xornada de traballo e conviviu coas persoas voluntarias que poidan vir doutras organizacións afíns ou a título particular.

O terreo é chan e foi previamente desbrozado (mando anexa unha foto) polo que o traballo é accesible para todo tipo de voluntariado incluíndo crianzas. Debido á extensión a repoboar estimamos que serán necesarias dúas xornadas, polo que convocamos para o 5 e 12 de febreiro (a ver se nunha damos feito) ;).

O punto de encontro será diante da AAVV Castelao de Brión ás 9:00 h da mañá

https://www.google.com/maps/@43.4830336,-8.2685272,18z

Para apuntarse é imprescindible mandar confirmación (individualmente ou ben que cada asociación faga reconto de cantas persoas virían da súa base social, como prefirades); ó correo comunidademontesdocha@gmail.com antes do 4 de febreiro (ou o 10 se vides só á 2ª xornada) para facilitar a coordinación e o xantar, indicando o día que participades.

Aproveitamos para darvos a coñecer o novo correo comunidademontesdocha@gmail.com (optamos por gmail por ser máis operativo); o vello correo comunidade-montesdocha@hotmail.com [1] vai seguir activo sobre todo para trámites administrativos e por suposto podedes seguir facendo uso del para comunicarvos con nós.

As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e luvas de traballo, a ferramenta a usar será o sacho, agradécese a quen poida que traia o propio aínda que a organización disporá dalgúns para quen non teña.

Tras a actuación sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo, para iso e por motivos covid cada persoa deberá traer o seu propio vaso, prato e cubertos, quen teña algún tipo de restrición alimentaria que avise no correo no momento de apuntarse.

Despois do xantar se hai ganas poderase participar nun roteiro polas mámoas e miradoiros do monte así como falar acerca dos diferentes proxectos de recuperación do Monte do Chá xa en marcha.

Agradécese a difusión entre a vosa base social e persoas afíns que poidan estar interesadas.

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
28 de janeiro de 2022 00:54

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon