xoves, abril 07, 2022

Cortando chapa para a guerra, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
07.04.2022


CORTANDO CHAPA PARA GUERRA

Ferrol amenceu hoxe entre tambores procesionais e forzas de seguridade. O presidente do governo central e unha recua de autoridades, entre as que se atopava a vicepresidenta ferrolana, Yolanda Díaz, viñeron, ao fin, a cortar a chapa da fragata. Prometen sete mil postos de traballo e falan do que levan falando desde que teño memoria, de diversificar mercados. Prometen na cidade da reconversión pantasma. Prometen na comarca das promesas. Falan da eólica mariña como a panacea universal esquecendo os ecosistemas mariños, o sector pesqueiro e marisqueiro e a escaseza de enerxía e materiais para os construír. Veñen a nos enlear coa dixitalización de todos os procesos produtivos mentres eu leo Thanatia. Los límites minerais del planeta dos enxeñeiros termodinámicos Antonio e Alicia Valero. Falan da industria auxiliar aqueles que destruíron os empregos navais de calidade e agora veñen a agasallarnos coas migallas dun precariado perpetuo. Prometen encadearmonos á industria militar de por vida mentres reciben os aplausos ou os silenzos dos que berran Non á guerra e mudan en pacifistas no reconto de ucranianos mortos do telexornal.

Contan co silenzo cómplice dos sindicatos da súa corda e coas protestas ocas dos demais. Hai moito moito tempo, que o sindicalismo acostumouse a arredar a loita política da loita sindical, situándose dentro do sistema capitalista. Como di Antoni Doménech en El eclipse de la fraternidad. Una revisión republicana de la tradición socialista, os sindicatos socialdemócratas entendíanse xa primordialmente como meras organizacións de defensa dos dereitos dos traballadores en canto vendedores da forza de traballo.

Cortar chapa para poder comer, cortar chapa e baixar a cabeza ou mirar ao outro lado agochándonos no falso relato de que as fragatas constrúense para axuda humanitaria e que a industria militar non é máis do que a ONG do Estado. Cortar chapa porque non hai outra que cortar, desafiando o perigo de ser albo fácil dos mísiles rusos contra a OTAN.

Carlos Taibo aponta no artigo GUERRA, ecofascismo, colapso: intuicións, a posibilidade de ecofascismos previos ao colapso cunha confrontación entre elites no medio dun panorama de creba dos circuítos económicos, financeiros e comerciais, de problemas crecentes no subministro de materias primas enerxéticas, de encarecemento abraiante nos costos de transporte e desbocadas operacións especulativas. Amais do globo sonda austríaco dun exército teimando en perfilar unha plena autonomía en materia de enerxía e auga nos cuarteis para socorrer a unha desvalida povoación civil, vítima imprevista dun apagón xeral.

Xunto a isto, di Taibo, o afortalamento da OTAN coa promesa dun horizonte inquietante de militarización, autoritarismo, intervencionismo, inxerencias e represión das disidencia. Nada difícil recén chegados da servidume voluntaria dunha pandemia.

Todo isto cando celebramos o medio século da publicación de Os límites do crecemento e a cuestión ambiental ocupa todos os cabezallos, mais desligada da crítica ao modelo económico de crecemento exponencial e infindo que provoca a crise global na loita polos derradeiros recursos do planeta, como nos lembra Jorge Paços no Galiza livre.

E mentres uns andan cortando chapa para a guerra, Ferrol prepárase para a Semana Santa pintando os bancos da cuadrícula por onde as bandas desfilan recendendo o aire con incensos relixiosos e bélicos tambores, nun arrepiante recordo doutros tempos. No alto das prazas, os grandes cartaces da concellalía de Benestar animal advirten que Un pis límpase nun plis, nunha cidade sen un mísero urinario público.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
6 de abril de 2022 23:06

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon