xoves, abril 07, 2022

Xustiza e Inxustiza, ... Por Amadeo Varela


Por Amadeo Varela [*]
07.04.2022


Estes dous termos, con significados opostos, paréceme que ademais, son excluíntes, ou sexa, sen un non podería existir o outro. É dicir, se non existise a Xustiza non podería haber Inxustiza. Isto en teoría, porque na realidade, a inxustiza prodúcese precisamente, pola falta de Xustiza. Por outra banda, pódese entender que haxa graos na inxustiza, que pode ser maior ou menor, pero, pódese entender que haxa graos na Xustiza?  Semella que non. Mais xa que logo, por que hai “Tribunais superiores de Xustiza”. Xa sei, xa sei. Diráseme que a diferenza está nos tribunais, o que significa que cada tribunal entenderá a Xustiza como lle pareza, e sempre prevalecerá o de maior grao, de xeito que a tribunal de maior grao, correspóndelle unha Xustiza maior, ou non é? E no caso da Inxustiza, tamén será de maior grao a que proceda dun tribunal maior, ou non?  Eu non sei, porque isto parece un trabalinguas. De calquera xeito, que a ninguén se lle ocorra pensar que a Xustiza en España é un “cachondeo” e se alguén o pensa, que non se lle ocorra dicilo, pois xa houbo quen o dixo, e foille moita hora. Lembrades?

E falando de Inxustizas, poderíamos expoñer algunha a xeito de exemplo: Supoñamos a historia dun cidadán que vive nun concello “pirata” –como os que había antes– e que sentíndose estafado polo concello, presenta unha petición por escrito, reclamando o que pensa que lle pertence. A súa reclamación é rexeitada polo pleno, sen permitirlle expoñer as súas razóns. Xa que logo, presenta unha demanda xudicial que é admitida a trámite e que o representante da Xustiza resolve a favor do peticionario, obrigando ao concello a que escoite os seus razoamentos;  mais o concello, desoíndo a ese tribunal,  recorre a un tribunal superior, que, sen escoitar ao demandante, resolve a favor do Concello, desautorizando á anterior representación xudicial e impedindo un novo recurso por parte de peticionario. Isto, contado así, parece indicar que neste país non hai Xustiza, pero non é así, pois dise que hai leis que protexen aos cidadáns, malia que o deus de Curros dixera que esas leis “non valen tres pitos”. Ademais, resulta que a xustiza é cara aínda que digan que hai gratuidade para os pobres. Pero se non es pobre de todo, e te metes nun lío de xustiza, ao final, pase o que pase, si que rematarás pobre de todo. Lembremos a maldición aquela : “Pleitos teñas e os gañes” Pois si.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Forma parte do Colectivo Ártabra 21.
Artigos de Amadeo Varela no xornal comarcal Diario de Ferrol. | Ir á Web.

Enviado por:
Amadeo Varela
-avarela36@mundo-r.com-
7 de abril de 2022 10:56

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon