martes, maio 10, 2022

A dor allea non nos debe ser indiferente, ... Por Celso Posada Fernández


Por Celso Posada Fernández [*]
10.05.2022


A DOR ALLEA NON NOS DEBE SER INDIFERENTE


Vivimos tempos de salvaxe ditadura do capital, de hexemonía do Neoliberalismo no que cada día se concentra máis e máis a riqueza, os privilexios e o poder nas mans dunha minoría privilexiada a costa do recorte dos dereitos, da dignidade, dos salarios da clase traballadora e das maiorías sociais. E todo isto debe-se a decisións políticas tomadas por organizacións políticas e por gobernos que actúan como esbirros e lacaios, como o brazo executor das políticas neoliberais e de salvaxes recortes ditadas ao servizo das elites económicas e financeiras e das grandes trasnacionais.

Ante isto e ante o perigoso e preocupante avance da ultradereita e o fascismo tanto no estado español, como na Europa e no mundo toca organizarse social, sindical e politicamente, dar a batalla cultural e ideolóxica dende unha pedagoxía democrática e antifascista, crear comunidade e moverse polos principios e valores do apoio mutuo, da solidariedade internacionalista, pola empatía e pola colectividade construída dende abaixo e de forma transversal e democrática.

Hai que dar unha resposta política e loitar fronte os valores neoliberais como son: o individualismo salvaxe, o consumismo exacerbado de bens innecesarios e a competitividade extrema e de fomentar valores como son: os do compañeirismo, a igualdade, a solidariedade, a colectividade e loita polo ben común e pola defensa do público, da democracia e das liberdades tanto colectivas como individuais.

Non hai democracia cando a riqueza e o poder están concentrados nunha plutocracia que vive a todo luxo a costa do recorte de dereitos, dos salarios, da dignidade e da liberdade da clase traballadora e das maiorías sociais.

Toca pasar a acción política e o compromiso social e político que a cidadanía e a sociedade civil se organicen en todos os ámbitos (sociais, políticos, culturais, veciñais, sindicais, estudantís,...) tanto dende os movementos sociais, como nas asociacións culturais, veciñais, no movemento ecoloxista, feminista, nos sindicatos de clase, nas plataformas na defensa da sanidade e do ensino público, na defensa das pensións e dos servizos públicos, nas PAHS e Stop Desafiuzamentos, nos centros sociais, nas radios libres e comunitarias, nas organizacións políticas de esquerdas.

Son tempos nos que as nosas liberdades e os nosos dereitos están seriamente ameazados pola ultradereita e por organizacións políticas racistas, machistas, clasistas, fascistas, lgtbifóbicas que enfrentan o último co penúltimo pra defender os privilexios dos seus amos a elites económicas.

Non deixemos que a resignación, a apatía, o medo, a represión nos desmobilicen e nos fagan persoas egoístas, individualistas e alleas o sufrimento, a dor e as inxustizas alleas, xa que nos afectan directamente tamén a nós mesm@s xa que MORREMOS CANDO GARDAMOS SILENCIO FRONTE AS INXUSTIZAS.

ANTE ELAS EMPATÍA, SOLIDARIEDADE, COLECTIVIDADE, COMUNIDADE, APOIO MUTUO, LOITA, ORGANIZACIÓN E MOBILIZACIÓN COLECTIVA.

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. É un activista en diferentes movementos sociais de Ferrolterra. Militante do BNG e a UPG. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre.| No Facebook. | En Twitter. | Artigos en: Nós Diario, Diario de Ferrol, Galicia Confidencial, Ferrol 360, GalizaLivre, Praza Pública, El Comunista e Ártabra 21.

Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
9 de maio de 2022 12:00

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon