domingo, agosto 07, 2022

Vergoña de Praia de Oza Adaptada, ... Por Xaquín Campo Freire


Por Xaquín Campo Freire [*]
17.08.2022


CARTA ABERTA E SOLIDARIA PARA O AMIGO IAGO SANTALLA

Hai días, 03-08-2022, recibín no facebook esta denuncia social do noso benquerido amigo Iago Santalla e interpeloume persoalmente. Algo así como: non fiques calado! Únete ao seu grito de dor e de rebeldía absolutamente xusta. Se fico calado eu tamén son responsábel do abandono e dos desprezos aos débiles.

O texto dicía así:

Iago Santalla.- “Vergoña de Praia de Oza Adaptada. Dous anos levan unhas pasarelas adaptadas, compradas polo Concello da Coruña, metidas nunha caseta e sen usar. Pasarelas que facilitan o acceso a auga polo areal coa silla de rodas. Sufrimolo tod@s os que imos en silla e os que pagamos impostos”. Facebook, 03-08-2022.

Antes de nada, todo o afecto e solidariedade contigo, querido Iago. E, en ti, tamén con todas as máis diversas persoas dos máis variados casos nos que se ven afectados ou teñen dificultade en todos os tipos de discapacidades: visuais, mentais, auditivas, afectivas, soidades, desprezos, depresións, inmobilidades diversas, etc.

E aquí estamos todos implicados. Non vale apuntar co dedo cara ao outro ou pórme da parte dos bonitos, “dos que todo o facemos ben”. Todos, eu tamén, somos responsábeis. Que ninguén se bote da parte de fóra. É un problema persoal e colectivo. De todos os sitios: campo e cidade. Non estamos a facer as cidades ou as aldeas para as persoas.

Non damos a preferencia debida a quen menos pode, tiramos lixo onde logo hai un perigo serio para a saúde pública ou para a mobilidade de nenos e maiores, derrubamos os contedores comúns, escachamos vidro ou espallamos moreas de porcalladas. Os restos máis diversos dos botellóns fican a cotío estrados perigosamente para todos polas rúas, nos bancos, no campo ou nos portais.

Pensemos nos incendios, na eucaliptización salvaxe ou na explotación irracional do mundo que nos toca vivir. Na destrución da sanidade pública ou da axuda social ou na degradación sistemática do sistema xeral educativo, etc.

No ben común e na “res pública” estamos toda a cidadanía: Estruturas e sistemas; familia, escola, autoridades e os individuos. E aí estamos todos. No dano e no mal que facemos as cousas, tamén. Non vale dicir: “A mi nadie me tiene que venir a indicar cómo o con quién tengo que beber o comportarme en la calle a la hora que a mi me convenga y como me plazca”. Suavicei a cita do señor que a proferiu xa que na súa literalidade era moito máis desprezativa, chulesca e irreverente.
Semella que unha educación cívica, en novos e maiores, está en regresión e é deficiente. Mesmo cando facemos unha obra calquera miramos máis para a nosa idea e comodidade. Porén, como queda todo ou onde o imos tirar os refugallos? É un problema de cidadanía.

Parecía como que tiñamos moito adiantado. Pero volven a xeneralizarse os malos hábitos e medra o descenso da conciencia común de respecto ao outro e ao de todos.

Con actitudes e soflamas coma as da Señora Ayuso, invitando a unha liberdade de facer o que mellor me pete e me veña en ganas en cada momento non se axuda en nada. E cito a esa señora por ser unha autoridade moi significativa dunha gran comunidade. Dáme igual do lado que sexa. É unha autoridade, que manda e goberna, e debe cumprir unha función de exemplaridade social. Como que o faga Putin ou os negacionistas da vacinas anti Covid, ou os que gobernan os Xeriátricos onde apodrecen anciáns e escravizan aos traballadores e tratan aos familiares daquela maneira. Parece que o importante é só o máximo lucro.

Xa sei que a pandemia fixo moito dano psicolóxico e alterou moito as formas de vivir e aumentou os desesperos ante a vida. Estannos avisando da grande necesidade da axuda de psicólogos e psiquiatras que nos axuden a reestruturar de novo as persoas e as comunidades. Incluso medran os riscos de suicidio desde idades moi temperás. Estamos todos moi necesitados dunha grande sanazón persoal e colectiva. E cómpre tomar conciencia. Vainos niso a vida.

Pero estou profundamente contigo, Iago. Porque, logo, a vida dáse na realidade concreta de cada intre. E ademais do quefacer institucional, hai que baixar á realidade e denunciar publicamente os casos concretos. Porque é aí, no concreto, onde sofren as persoas e tamén onde se dan solucións. Porque os que non sufrimos esa necesidade miramos para o outro lado. E non sempre por malicia. Simplemente porque “non me apreta o zapato” ou porque vivo máis cómodo así, ou ...  E o que non se di non se sabe. Pero o problema segue aí para todos e segue sendo esencialmente estrutural e iso xa é político, de todos os partidos e ideas. A casa común é unha causa común.

Unha aperta, meu benquerido amigo, noso estimado Iago. A túa denuncia xa deu algo de froito. Non desesperes. Mira cantos e cantas nos solidarizamos contigo e con todo o que estás a denunciar.

Dicía Castelao: Petar na i-alma do povo ata conquerir un estado de conciencia colectiva revolucionaria e de necesidade cambio. Ti xa o fixeches, amigo. E fixéchelo para beneficio de todos. Aí está o teu gran valor.
 
GRAZAS, IAGO. Ti sempre tan positivo e colaborador. Sempre fuches un grandísimo e eficaz educador. GRAZAS.

Con todo afecto e respecto de  Xaquín de Roca.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
4 de agosto de 2022 20:05

_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon