Amosando publicacións coa etiqueta Colectivo Terra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Colectivo Terra. Amosar todas as publicacións

mércores, xuño 09, 2021

Já estamos de volta!!! - Um fim de semana inaugurando o novo local do Colectivo Terra, em Pontedeume - A sexta-feira, 11 de junho, com Miguel RodrÍguez Carnota: O galego no estudantado - O sábado dia 12, umha jornada de convívio e pintaram um mural


Já estamos de volta!!!

Depois de meses aguardando para poder anunciá-lo, com umha pandemia polo meio, temos muita ganha de ensinar-vos o nosso novo local social.

O próximo fim de semana faremos a inauguraçom. Serám pequenas atividades e cumprindo todas as medidas sanitárias. É por isso que o aforo será limitado e será necessário anotar-se previamente.

A sexta-feira (venres) dia 11 de Junho, às 20:30 teremos a Miguel Rodríguez Carnota falando-nos sobre a situaçom do galego no estudantado, apresentando a sua tese doutoral.

O sábado dia 12 de junho, faremos umha jornada de convívio. Desde as 12:30h estaremos pintando um mural no exterior do centro social e depois jantaremos todas juntas.

Novo local na Avenida d'A Cohunha, 17. Pontedeume

Necesário confirmar asistencia no correio
colectivoterra@gmail.com,
mediante as nossas redes sociais ou com caquera das responsáveis.

Aforo limitado, mascara obrigatória, distancia de seguridade

Colectivo Terra
colectivoterra@gmail.com
www.colectivoterra.gal
Avenida d'A Cohunha, 17
15600 - Pontedeume

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
9 de junho de 2021 08:26

_______

xoves, xaneiro 09, 2020

O Colectivo Terra, reclama ao Concello de Pontedeume, a retirada dos contentores de recollida de roupa de Humana instalados na vila - Tras esta organización agóchase o entramado financiero da seita Tvind, que xa foi condenada por enriquecimento ilícito e branqueo


O COLECTIVO TERRA RECLAMA A RETIRADA DOS CONTEDORES HUMANA INSTALADOS EN PONTEDEUME


Tras esta organización agóchase o entramado financiero da seita Tvind, que xa foi condenada por enriquecimento ilícito e branqueo. Con sede en Dinamarca, mais con presenza en paraísos fiscais, o seu fundador está sendo buscado pola Interpol. A empresa Humana vende a roupa en tendas de segunda man en multitude de países. Coa doazón de roupa nestes contedores, fornecemos de balde a     materia prima do seu lucrativo negocio, ficando    a multinacional    co 91% dos beneficios.

O Colectivo Terra, reclama ao Concello de Pontedeume, a retirada dos contentores de recollida de roupa de Humana instalados na vila Apresentou a proposta no rexistro do Concello, así como ás organizacións políticas con representación municipal, para o seu debate no Pleno.

Documento apresentado no rexistro e aos grupos municipais. | Acceder/Baixar.

Colectivo Terra

http://www.colectivoterra.gal/


Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
3 de janeiro de 2020 15:54

__________________

mércores, xuño 19, 2019

A Biblioteca municipal de Pontedeume acollerá o venres 21 de xuño, ás 8 da tarde, a presentación do libro ilustrado 'Rosalía de festa, unha viaxe ao Seixo do século XIX', de Anxos García Fonte, ilustrado por Carlos Sardiña


Rosalía de Castro, convidada de honor na biblioteca de Pontedeume


A Biblioteca municipal de Pontedeume acollerá o venres 21 de xuño ás 8 da tarde a presentación do libro ilustrado Rosalía de festa, unha viaxe ao Seixo do século XIX. Escrito por Anxos García Fonte e ilustrado por Carlos Sardiña, trátase dun relato gráfico que explica a conexión de Rosalía de Castro e O Seixo (Mugardos) e as razóns que levaron á famosa autora de Cantares gallegos a escribir un poema dedicado “á festa do Seixo na beira do mar”. Os autores explicarán as circunstancias que rodearon a publicación deste poema e as implicacións que pode ter no coñecemento da vida e obra de Rosalía de Castro. Ademais, mostrarán os desafíos que atoparon  durante o proceso de creación da parte artística do libro.

http://www.colectivoterra.gal/

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
19 de junho de 2019 09:27

____________

martes, maio 08, 2018

Palestra e debate aberto sobre o tren de proximidade, na Casa da Cultura de Pontedeume: #QueremnosTren - Venres 11 de maio ás 8 da tarde - Manifesto da Plataforma en Defensa do Tren - Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol...


Palestra_debate sobre o tren de proximidade

O tren é un medio de transporte vital para o noso concello e comarca. No Colectivo Terra somos conscientes da súa importancia para o desenvolvemento  social e económico. O Plan de Racionalización de servizos ferroviarios supón unha seria ameaza para o raquítico servizo que ven prestando Renfe.

O próximo venres 11 de maio visitarannos membros da Plataforma en defensa do tren para informar e debater sobre o futuro deste sistema de transporte. A cita será na Casa da Cultura ás 20:00.

A continuación deixámosvos o manifesto de dita plataforma.

MANIFESTO

A chegada do tren a Galiza foi recibida pola sociedade de finais do século XIX como un símbolo de progreso e modernización fronte ao atraso, marxinación e illamento no que estaba sumido o país. Durante o século XX, con moito atraso sobre outras zonas do estado español, fóronse construíndo novas liñas de ferrocarril que ampliaban a rede e servían para paliar a precariedade que presentaban outras vías de comunicación. Con todo, o trazado presentaba unha eiva aínda existente: o deseño do camiño de ferro primou a comunicación con Madrid e non a articulación da comunicación interna entre as poboacións e comarcas do país.

A pesar da súa importancia, durante as últimas décadas o tren convencional deixou de estar nas prioridades dos sucesivos gobernos autonómicos e do estado. Non se investiu en mellorar os servizos e as infraestruturas ata que foron deixando de ser operativas. A existencia do tren en Galiza desenvólvese nun círculo vicioso onde a redución de frecuencias e o desmantelamento de liñas e estacións ven provocando unha paulatina perda de viaxeiros/as que se utiliza como argumento para xustificar a eliminación de máis servizos no canto do investimento en melloras que o farían perfectamente viábel, como acontece coas melloras -aínda que matizábeis pola redución de servizos para poboacións intermedias- realizadas na liña A Coruña-Santiago, reformada tras unha intensa demanda social.

Así as cousas, o Ministerio de Fomento ven de presentar o Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia. Este plan é un ataque que ameaza gravemente o noso sistema ferroviario. Contempla a desaparición de estacións con baixos índices de utilización e a redución de servizos noutras ata o punto de facer inviábel a súa utilización práctica. No caso do servizo entre A Coruña e Ferrol pon en cuestión a propia existencia futura do servizo. A medición da rendibilidade do tren con criterios exclusivamente económicos -e metodoloxicamente discutíbeis- e as progresivas actuacións que apuntan a unha intención privatizadora do ferrocarril significarán, de non haber un posicionamento e unha resposta popular contundente, a desaparición do ferrocarril público e social.

>>> Por este motivo, as persoas e colectivos asinantes deste manifesto DICIMOS:

>>> O ferrocarril debe seguir sendo un servizo público de propiedade pública, no que debe primar, por riba doutras consideracións económicas ou de intereses particulares, o beneficio social que este medio de transporte supón para o conxunto da comunidade.

>>> A planificación e o servizo ferroviario deben ser unha unidade integrada que responda da infraestrutura, do transporte, do mantemento e do seu patrimonio de xeito que permita a súa viabilidade e a súa vocación de servizo público.

>>> O ferrocarril convencional é o medio de transporte social por excelencia, que presta un servizo ao alcance de toda a sociedade. É respectuoso co medio natural e favorece a integración e vertebración territorial.

>>> Débense realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados), modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas; rexeitando a política que impón o modelo AVE en detrimento do ferrocarril convencional -de maior potencialidade, funcionalidade e utilidade para as maiorías sociais e factor de desenvolvemento social e económico.

>>> Esiximos que os gobernos central e autonómico fagan forza ante a Unión Europea para que proceda ao desenvolvemento das nosas conexións por ferrocarril no marco do eixo atlántico de transportes que nos vincula con Europa e Lisboa, ao mesmo nivel que os eixos central e mediterráneo.

>>> O traspaso ao ferrocarril das mercadorías transportadas por estrada alí onde é posíbel posibilitaría o desbloqueo do colapso físico, de consumo enerxético e degradación ambiental que provoca, así como un aforro que non se adoita computar cando se fala da rendibilidade do tren.

>>> É necesario favorecer a intermodalidade do transporte público, principalmente a complementariedade entre o ferrocarril e o transporte público colectivo por estrada a todos os niveis (compatibilidade horaria, percorridos complementares, estacións ou billete único).

>>> O uso do tren e do transporte público é a mellor alternativa á saturación das infraestruturas propias e o alto impacto ambiental negativo que provoca a promoción do vehículo privado como principal medio de desprazamento entre os concellos da comarca da Coruña e das Mariñas.

Por todas estas razóns, declarámonos firmemente contrarios e reclamamos a anulación das medidas adoptadas polo goberno no Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia conducentes á eliminación total de servizos nalgunhas estacións (p.ex. Franza) ou a súa drástica redución ata o punto de supor a súa inutilidade práctica nas liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo.

Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol mediante a implantación dun tren de cadencia que aumente os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendíbel e economicamente viábel como único xeito de consolidar unha liña actualmente ameazada e que deberá dar servizo de calidade a zonas densamente poboadas como O Burgo, Cambre, Betanzos, Pontedeume, etc. Este tipo de servizos veñen funcionando perfectamente en áreas incluso menos poboadas noutras zonas do estado como Santander, Cádiz, ou Donostia.

Pedimos que se acometan melloras no servizo A Coruña-Lugo de xeito que dea servizo e conexión das cidades coas localidades interiores para acadar a máxima vertebración posíbel e rendemento económico e social para localidades como Oza, Cesuras, Piñoi, Curtis, Teixeiro, Guitiriz, Parga, Baamonde, Begonte, Rábade, Lugo, etc., e non un modelo no que só se contemple a conexión entre as cidades.

É necesario dotar de conexión ferroviaria puntos como o aeroporto de Alvedro, Campus, zona sanitaria e, xeito especial e urxente, o porto exterior de Punta Langosteira.

Débese proceder á construción de novas estacións naquelas poboacións da comarca onde o crecemento demográfico que se produciu o xustifica para seren utilizadas como servizo de proximidade (A Barcala, As Xubias, Guísamo).

Solicitamos unha política de prezos que favoreza a utilización do servizo por parte de persoas con diversidade funcional, en situación de desemprego, pensionistas ou estudantes.

Débense acometer nun futuro próximo a construción de novas infraestruturas que completen o mapa do ferrocarril galego como, na nosa zona, a liña A Coruña-Arteixo-Carballo.

Ademais, rexeitamos que os recortes en materia ferroviaria, así como a precarización e destrución de empregos no sector van ter como consecuencia directa o deterioro do servizo e a diminución da seguridade, polo que consideramos de interese xeral a existencia dun marco laboral común e cohesionado que garanta as condicións e postos de traballo dos traballadores e traballadoras.

QUEREMOS UN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL E DE CALIDADE. O TREN É DO POBO PORQUE FOMOS NÓS OS QUE O CREAMOS E MANTIVEMOS, E NINGUÉN TEN DEREITO A ARREBATARNOS O QUE NOS PERTENCE.

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
8 de maio de 2018 08:45

______________

luns, abril 30, 2018

A primavera tamén é tempo de cogumelos. Nesta nova edición das xornadas micolóxicas de Pontedeume aprenderemos a cultivar varios tipos de cogumelos en troncos e borras de café - X Xornadas micolóxicas de primavera en Pontedeume, o 5 e 6 de maio


Xornadas micolóxicas de primavera

Pontedeume, o 5 e 6 de maio de 2018

A primavera tamén é tempo de cogumelos. Nesta nova edición das xornadas micolóxicas de Pontedeume aprenderemos a cultivar varios tipos de cogumelos en troncos e borras de café. Para ter conta da xente e adaptar millor os grupos, deberás apuntarte no correo aavendoa@gmail.com ou no número que aparece no cartaz. Ademais contaremos coa actuación de Magín Blanco, dado que é unha actividade que perfectamente poden facer as crianzas. Para este concerto, ao cal podes asistir malia non ir ás xornadas, non é preciso anotarse.
Vémonos!

Evento no facebook.

Dentro das actividades do noso X aniversario, este ano tamén organizaremos unhas xornadas de primavera.

Haberà obradoiro, saìdas o monte e xantar.

Nos vindeiros dìas informaremos de toda a programaciòn definitiva.

Sàbado 5 de maio

18:00h. Obradoiro

Aprenderemos a inocular en troncos e borras de café de man dos amigos da Asociación Micolóxica Viriato. Useremos micelio de 'Pleurotus ostreatus' e 'Hypsizigus ulmarinus'.

Domingo 6 de maio

10:30h. Saìda as Fragas do eume. Estarán con nòs, Marcote e Costa da A.A.M.M. Pan de raposo de Cee e Moncho Pato. Esta ruta, sinxela pero moi rica, é apropiada para os nenos.

14:30h. Xantar no Restaurante Andarubel (prezo 25€ por persoa).

17:30h.Saída o pinar de Cabanas cos micòlogos Marcote e Costa.

18:00h.Concerto na Casa da Cultura de Magín Blanco presentando o seu novo traballo "Camiños". Para aqueles nenos que queiran descansar do paseo matutino.

PONTEDEUME
COLECTIVO TERRA
Un espazo onde facer visíbel a creatividade do país, onde preservar a nosa identidade como pobo, onde defender a língua, o noso símbolo máis internaciona...

colectivoterra.gal

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
30 de abril de 2018 08:50

___________________

martes, novembro 07, 2017

IX Xornadas Micolóxicas de Pontedeume, que terán lugar entre o 10 e o 12 de novembro


IX Xornadas Micolóxicas


Dende o Colectivo Terra promovemos as IX Xornadas Micolóxicas de Pontedeume, que terán lugar entre o 10 e o 12 de novembro.  A inscrición ten un prezo de 6€ e podes anotarte no correo electrónico aavendoa@gmail.com.

VENRES 10: 09:30h Varias persoas da organización das xornadas sairemos na procura de cogumelos para a posterior clasificación e exposición. Podes acompanharnos! Quedaremos ás 09:30h no aparcadoiro que está ao carón da gasolineira de pontedeume:

19:30h Vémonos na casa da cultura de Pontedeume para clasificar os cogumelos recollidos pola manhá e para preparar a exposición.

SÁBADO 11: Metémonos en faena ás 09:00h e quedaremos tamén no aparcadoiro ao carón da gasolineira de pontedeume para facer unha saída á serra do forgoselo. O obxectivo principal é aprender, non ir a enchelo cesto. A media manhá faremos un descanso onde degustaremos un petisco (tamén vegano)

14:30h Xantar micolóxico no BAR O TRASTEIRO. Non está incluído no prezo

18:00h Palestra na Casa da Cultura a cargo de José María Costa Lago, que ofrecerá unha introdución ao mundo da micoloxía para despois visitar tamén na Casa da Cultura a exposición de cogumelos.

Pola noite a cea é libre. Cadaquén que se administre o seu tempo. Nós proponhémosche que nos seguintes bares asociados degustes un petisco micolóxico: O Varadoiro (na parte alta da rúa Real de Pontedeume). No Trasteiro (na zona do muelle ao pé do torreón dos Andrade) e na Casa de la Abuela, (rúa Chafarís, 1, ao carón da Casa da Cultura).

DOMINGO 12: Non vos recollades moi tarde ;) porque o domingo tamén hai actividade. Ás 10:00h quedaremos novamente no aparcadoiro ao carón da gasolineira de Pontedeume para sair todas xuntas ás Fragas do Eume. Logo ás 14:30h xantar de confraternización na parrillada o pedrexal (Churrasco de Sambollo).

As xornadas todavía non están pechadas, atenta ás modificación que fagamos nas redes soiais, dado que poderiamos incorporar algunha palestra máis específica. Hai un evento creado no Facebook que leva por nome IX Xornadas Micolóxicas de Pontedeume

ANOTARSE: aavendoa@gmail.com.

Colectivo Terra - Xornadas Micolóxicas

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
7 de novembro de 2017 19:48

_______

xoves, abril 07, 2016

En Pontedeume unha fin de semana chea de actividade, di o Colectivo Terra: O Sábado unha Gastrofesta e Gabriel Tizón e Rocío Botana ofrecerán un coloquio-exposición fotográfica que nos transportará ás fronteiras de arame de espiño que está construíndo Europa - E o Domingo, unha actuación de Fran Amil que presenta o seu disco "A Voz do Vento", unha homenaxe a Manuel María


Actividades fin de semana

Temos unha fin de semana chea de actividade. 


O vindeiro sábado 9 de abril argallamos unha nova Gastrofesta co fin de prestar axuda na medida das nosas posibilidades ás refuxiadas que cada día tentan atravesar as fronteiras de Europa.

Levaremos a cabo un pequeno festival con maxia, música e contos onde os beneficios da barra e da cea (menú árabe a base de hummus, falafel e harise) irán destinados de xeito íntegro á Asociación Causas Comúns.

Dúas crianzas morren ao día tentando chegar ás costas de Europa. Pode soar simple, pero a foto de Aylan, o meniño sirio que nos sobrecolleu a todas, non é consecuencia dunha crise migratoria. Esta traxedia é consecuencia directa do sistema capitalista. Siria, último Estado que levantou (con erros e acertos) as bandeiras do nacionalismo árabe, que non ten débeda externa con organismos internacionais, rico en recursos naturais e, casualidade, que defende a causa palestina, é agora o epicentro das políticas de exterminio desenroladas por EEUU, o Sionismo e a OTAN.

Fotografías como idioma universal. Gabriel Tizón e Rocío Botana ofrecerán un coloquio-exposición fotográfica que nos transportará ás fronteiras de arame de espiño que está construíndo Europa. O imperialismo queda retratado unha vez máis neste drama. Lembrade o inicio de todo. O punto de partida. Por exemplo, un serán nas Azores. A fotografía. Idioma universal.

O Domingo 10 de abril contaremos no Terra coa actuación de Fran Amil que ven a presentar o seu disco 'A Voz do Vento', unha homenaxe a Manuel María, recoñecido poeta e incansábel activista a prol da lingua a quen este ano se lle adican as Letras Galegas. Será ás 17:30h no local do Colectivo Terra. Agardamos por vos!

Agardámosvos a tod@s!!!

#RefuxiadasBenvidas

http://colectivoterra.gal


Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
6 de abril de 2016 08:31

______________

venres, xaneiro 22, 2016

GastroFesta no Terra (Pontedeume), os protagonistas nos fogóns serán os callos, este sábado 23 de Xaneiro, coa música e cancións de Sanjurjo&Dopico


O Colectivo Terra presenta un novo ciclo de actividades onde a comida e a música serán as protagonistas. Iniciamos así unha serie de concertos cun trasfondo gastronómico onde degustaremos as receitas máis tradicionais da nosa cociña ao tempo que desfrutamos da música do País.

Nesta primeira xornada os protagonistas nos fogóns serán os callos, símbolo gastronómico das nosas festas e o exemplo máis claro e rotundo de que, por moitas prédicas globalizadoras que se fagan en prol da dieta mediterránea, non che hai patrón en Galiza que non comece cunha boa cunca de callos. Pero antes, os encargados de encher de son o local do Terra serán SANJURJO & DOPICO, apoteósico dueto formado por Martín Sanjurjo (Saraibas, Balakandra) e Manolo Dopico (A Roda, Leixaprén, Balakandra), unindo forzas neste novo proxecto acústico, no que revisitan cancións das súas bandas e versionan clásicos que xa forman parte da historia da canción galega.

Sábado 23 de xaneiro. Apertura de portas 20:00h. Concerto 20:30h.

Blog: http://colectivo-terra.blogspot.com.es/
Facebook: https://www.facebook.com/colectivo.terrapontedeume
Twitter: https://twitter.com/colectivo_terra
Correo-e: colectivoterra@gmail.com
Local Social do Colectivo Terra
Boa Vista 8 Baixo. Pontedeume. GZ



Enviado por:

Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
21 de janeiro de 2016 20:28
_____________

martes, novembro 03, 2015

Xornada solidaria con Aarom, Atanes e Mario - Este sábado 7 de novembro en Pontedeume, concentración ás 7 da tarde


Xornada solidaria con Aarom, Atanes e Mario


Como sabedes, o vindeiro 10 de Novembro o noso compañeiro Aarom vai ser, xunto outros dous estudantes, xulgado por defender un ensino público, galego e non patriarcal.

Hai máis dun ano estes tres estudantes participaban nunha protesta contra a LOMCE. O seu delito foi atreverse a intentar ser escoitados na visita que Feijoo e o Conselleiro de Ensino realizaban a facultade de Matemáticas. Ao intentar achegarse a estes ilustres persoeiros, foron interceptados por cinco persoas que @s empurran e @s agreden. Despois dun mes, a policía española realiza unha detención-espectáculo, deténdoos e acusándoos de atentado á autoridade.

Por estes feitos pídenlles 9 anos de cadea e unha multa en concepto de indemnización.

Non podemos ficar calad@s, e por iso convocamos para o próximo sábado 7 de novembro unha Xornada de solidariedade.
 
19:00 Concentración na Praza do Convento de Pontedeume
21:00 Cea Solidaria no Terra (prezo 5€) Podedes apuntarvos neste enderezo ou chamando ao 645951343

ABSOLUCIÓN PARA AAROM, ATANES E MARIO!!!

Blog: http://colectivo-terra.blogspot.com.es/
Facebook: https://www.facebook.com/colectivo.terrapontedeume
Twitter: https://twitter.com/colectivo_terra
Correo-e: colectivoterra@gmail.com
Local Social do Colectivo Terra
Boa Vista 8 Baixo. Pontedeume. GZ

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
3 de novembro de 2015 16:26

______________

luns, maio 25, 2015

Renovar para crecer: Colectivo Terra


Renovar para crecer


Hoxe é un día de estreo no Colectivo Terra.

Despois de moito traballo durante os últimos meses, por fin estreamos o novo logotipo, co que lle queremos dar unha imaxe de renovación á asociación.

Baseado na cuberta do xornal "A Nosa Terra", órgano de expresión das Irmandades da Fala, e acompañado dunha simboloxía que conxugase movementos de esquerdas e feministas, será a imaxe que nos defina durante moito tempo.

Contamos tamén co estreo dun novo fondo para as redes sociais (Facebook: Colectivo Terra; Twitter, colectivo_terra).

Substituiremos o antigo blogue pola nova páxina web (www.colectivoterra.gal), a cal será a canle principal de comunicación a través da rede.

Xa por último, estreamos tamén unha segunda campaña de captación de soci@s. Como promoción e para captar a cant@s máis xente mellor, por cada persoa que xa o sexa ou se faga agora e consiga unha nova alta, contará co agasallo unha camisola. Os trípticos poderanse recoller no noso local, no Bar Futbolín e na Biblioteca Municipal.

Compartide e axudade a continuar facendo unha asoción de tod@s e para tod@s!


Blog: http://colectivo-terra.blogspot.com.es/
Facebook: https://www.facebook.com/colectivo.terrapontedeume
Twitter: https://twitter.com/colectivo_terra
Correo-e: colectivoterra@gmail.com
Local Social do Colectivo Terra
Boa Vista 8 Baixo. Pontedeume. GZ

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
25 de maio de 2015 17:30

_____________

martes, maio 05, 2015

Comeza a revoluzón enerxética cidadá, o próximo mércores día 6 de maio ás 7 da tarde estrea-se en Pontedeume o documentario #OligopolyOFF


O próximo mércores día 6 de maio ás 19:00 presentaremos no noso local o documentario " #OligopolyOFF comeza a revoluzón enerxética cidadá".

Está escrito e dirixido por Alba del Campo e producido pola Plataforma por un novo modelo enerxético.

Sinopse: Preocupada polo tremendo aumento da pobreza enerxética no Estado español, as contínuas subidas das facturas da luz e o gas e os recortes ás renovables, a Plataforma por un Nuevo Modelo Energético presenta neste documental unha mirada da situación da enerxía que move este estado e dunha política enerxética hoxe hipotecada baixo os intereses das empresas do oligopolio enerxético fósil.

Conscientes de que son estas empresas as que presionan aos sucesivos gobernos para asegurar os seus beneficios, en lugar de que se protexa o dereito á enerxía de toda a poboación, así como de emprender unha política enerxética sensata para evitar un cambio climático devastador, o propio título do documental é unha declaración de intencións: #OligopolyOFF.

30 anos de compromisos insuficientes contra o cambio climático evidencian que non estamos ante un problema técnico ou tecnolóxico, senón ante o imperio dunhas compañías que, como di o cantante Kiko Veneno no documental, son capaces de destruír o planeta con tal de seguir sendo as súas propietarias.

#OligopolyOFF divídese en tres capítulos. Viaxa desde o problema da pobreza enerxética, a través dos distintos conflitos que xera a actual política enerxética no territorio español, ás alternativas cidadás que están a traballar por avanzar na necesaria transición renovable e na democratización da enerxía. Ambas van da mao.

As prospeccións de Canarias, o fracking, a construción dun cementerio nuclear en Villar de Cañas, Cuenca, os recortes ás renovables, o proxecto Castor en Castellón ou o regalo de 3.400 millóns ás eléctricas por parte do PP e do PSOE, puxeron a política enerxética sobre a mesa. E alí onde as empresas de hidrocarburos ven “oportunidades de negocio”, ou as eléctricas defenden os seus “beneficios lexítimos” a cidadanía ve como perigan a auga potable, a calidade da súa terra, o aire, o seu acceso á enerxía, o seu emprego, a viabilidade dos seus negocios… A luz sube para todas, mais para unhas máis que para outras.

En #OligopolyOFF vemos como as loitas contra unha política enerxética destructiva convertiu a defensa do territorio en loitas pola dignidade dos pobos de todo o estado. A alternativa é clara, alí onde se berra petróleo NON, a aposta da cidadanía é: RENOVABLES SI.

Todas estas loitas conflúen en #OligopolyOFF e enlázanse cun camiño non só desexable ou posible, senón que ademais é máis económico para as consumidoras. Si, é máis económico e isto hai que repetilo tantas veces como faga falla, porque estas empresas invisten cantidades indecentes de diñeiro en facernos crer o contrario. E é que, como vai ser máis eficiente quentar a auga da ducha con gas que ven de 4.500km, que co sol e unha placa que estea a 5 metros da túa ducha?, pregunta Manel Rivero ao alumnado do instituto. “Encargáronse de vendernos un modelo que xera beneficios multimillonarios para unhas poucas empresas. Mais hai outros modelos”, engade.

Por iso, o terceiro capítulo está dedicado a eses outros modelos, exemplos de cambio, de transición enerxética, nos que a cidadanía decide e é parte de cooperativas de consumidoras ou propietarias de empresas que xeran a electricidade ou a calor para a calefacción, cooperativas enerxéticas verdes, proxectos de autonomía enerxética renovable, proxectos de aforro a nivel municipal… Proxectos limpos nos que a enerxía está en mans da xente.

Blog: http://colectivo-terra.blogspot.com.es/
Facebook: https://www.facebook.com/colectivo.terrapontedeume
Twitter: https://twitter.com/colectivo_terra
Correo-e: colectivoterra@gmail.com
Local Social do Colectivo Terra
Boa Vista 8 Baixo. Pontedeume. GZ

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
5 de maio de 2015 08:46
__________________

mércores, marzo 11, 2015

Actividades fin de semana en Pontedeume do Colectivo Terra - Venres 13 de marzo: Mesa redonda sobre a xestión dos nosos montes - Sábado 14 de marzo: Actuación do cantante de Limodre Roger de Flor, con novos temas


Actividades fin de semana en Pontedeume do Colectivo Terra

Venres 13 de marzo:
"A xestión dos nosos montes: Problemática e alternativas" tres relatores tentarán aclararnos diferentes cuestións que afectan aos nosos montes como a eucaliptización, situación na Galiza, problemáticas,...

Sábado 14 de marzo:
Actuación do cantante de Limodre Roger de Flor, con novos temas.

Esta próxima fin de semana o Colectivo Terra realiza dúas actividades

A primeira será o venres 13 de marzo ás 20:00 na Casa da Cultura. Baixo o título "A xestión dos nosos montes: Problemática e alternativas" tres relatores tentarán aclararnos diferentes cuestións que afectan aos nosos montes como a eucaliptización, situación na Galiza, problemáticas,... Opcións, cultivos alternativos, exemplos reais, beneficios,... Ademais da situación das axudas, viabilidade económica,... Haberá tempo para o debate e tentarase aclarar as diferentes dúbidas que xurdan.

A segunda actividade da fin de semana será un concerto o sábado 14 ás 20:30 no noso local (Rúa Boa Vista, 8). Visitaranos o cantante de Limodre Roger de Flor. Presentaranos novos temas así como os máis clásicos do seu repertorio. Non podedes faltar a esta cita. A entrada será de balde e pasarase a gorra ao final da actuación.

Roger de Flor (vídeo):
https://www.youtube.com/user/videosrogerdeflor

Colectivo Terra (Pontedeume).
Correo-e:
colectivoterra@gmail.com
Blogue do Colectivo:
http://colectivo-terra.blogspot.com.es/


Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
10 de março de 2015 20:19
_______________

mércores, maio 07, 2014

Presentazón, en Pontedeume, do libro "A batalla polas pensións (1981-2013) - De como a clase capitalista quere privatizar os bens comúns e de como as clases traballadoras se opoñen ...", de Xabier Pérez Dávila

Presentazón do libro "A batalla polas pensións..."

O próximo venres 9 de maio ás 20:00h, teremos no local a presentazón do libro A BATALLA POLAS PENSIÓNS (1981-2013) De como a clase capitalista quere privatizar os bens comúns e de como as clases traballadoras se opoñen, de Xabier Pérez Dávila.

Local do Colectivo Terra |
Boa Vista 8 Baixo. Pontedeume. GZ

Os medios de persuasión de masas difunden sen descanso a verdade incontestável. As sociedades europeas non se poden permitir o mantemento de onerosos sistemas de protección social.

No entanto, existe unha narración alternativa. Os sistemas de protección social, como o recoñecemento dos dereitos das mulleres, ou como a acumulación do coñecemento científico, son conquistas da civilización humana, irrenunciábeis, que deben ser estendidas a toda humanidade. A capacidade produtiva das sociedades humanas é incomparabelmente superior á de ningunha outra época. Porén, é o capitalismo financeirizado o que ameaza a viabilidade dos sistemas de pensións públicos. É o capitalismo financeirizado o que aumenta de xeito exponencial a inestabilidade dos sistema económico someténdoo a recorrentes crises financeiras. Estabelecer o benestar común é posíbel, mais incompatíbel coa financeirización. E, tendencialmente, tamén incompatível co capitalismo.

Neste enlace podes ler unha entrevista ao autor  http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2014/02/26/nadie-cabales-cree-le-garantizar/974721.HTML

Agardamos a túa presenza.

Saúde.

Colectivo Terra

http://colectivo-terra.blogspot.com.es/
https://gl-es.facebook.com/colectivo.terrapontedeume

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
6 de maio de 2014 09:23
__________________

mércores, setembro 04, 2013

O Colectivo Terra de Pontedeume comeza as actividades da nova tempada con Mofa e Befa representando "Cociña económica"


Actividades Colectivo Terra

Xa pasaron as ferias e toca volver á actividade!!! Xa vos iremos informando dos cursos que teremos a partires de outubro (haberá novidades). Polo de agora imos comezar por duas actividades os dias 7 e 8 de setembro. Nós tamén estamos de festas!!!. O sábado  7 de Setembro, ás 21:30hs teremos a Mofa e Befa representando "Cociña económica". O espectáculo terá unha entrada de 5€ polo que se recomenda reservar entradas no correo colectivoterra@gmail.com . O domingo 8 de setembro, tamén ás 21:30, Jose Esteban, Nando Vila, Xulio Varela e máis amigos farán unha Jam session, quen queira poderá unirse e tocar.

Colectivo Terra
Boa Vista, 8 baixo
Pontedeume
http://colectivo-terra.blogspot.com.es/



Enviado por:

Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
3 de setembro de 2013 16:17
____________

xoves, xullo 18, 2013

Festa da Pátria en Pontedeume

Mais um ano achega-se o dia da Pátria, e desde o Colectivo Terra queremos aportar o nosso grao de areia a todos os atos que se venhem celebrando por todo o Pais arredor desta data.

Por isto é que celebramos a terceira ediçom da nossa Festa da Pátria que esta ano terá lugar o 26 de julho no nosso local social.

Ainda estamos confirmando algumha atividade/atuaçom mas já podemos confirmar o seguinte programa:
  • 19:00 - Campeonato de matraquilhos. Inscripçom gratuita e com prémio para os ganhadores ou ganhadoras. Podes apontar a tua parelha por umha mensagem privada a traves do facebook ou respostando a este correio.
  • 20:00 - A partir desta hora e até o final das atuaçons poderás degustar o nosso churrasco. Se tes pensado vir aponta-te por umha mensagem privada no facebook, no correio eletrónico ou chamando ao 628405871. O preço será de 7€ acompanhado de patacas e pam!
  • 21:00 - Monólogo a cargo dumha aluna e um aluno do IES Breamo.
  • 21:30 - Atuaçom por confirmar.
Nos vindouros dias iremos confirmando mais cousas por medio detes evento!

Sem mais, agardamos ver-te por ali!!

http://colectivo-terra.blogspot.com.es/

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
17 de julho de 2013 21:00

________