Amosando publicacións coa etiqueta Covid-19. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Covid-19. Amosar todas as publicacións

martes, novembro 03, 2020

Autónomos e pandemia, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Asistimos estes días a algo insólito, a concentración de autónomos nas prazas públicas do país reclamando políticas de apoio


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
03.11.2020


AUTÓNOMOS E PANDEMIA

Asistimos estes días a algo insólito, a concentración de autónomos nas prazas públicas do país reclamando políticas de apoio. Nas últimas décadas eles pecharan comercios e bares ao paso das mobilizacións do naval en solidariedade cos obreiros, no que parecía un recoñecemento mutuo, ao fin, de seren clase traballadora.

Mais a pandemia veu abrir a fenda novamente e arredar traballadores por conta propia de traballadores por conta allea. (Cando hoxe hai tantos minijobs por conta allea como propia. Divide e vencerás). E botouse de menos a solidariedade de clase. Si, digo de clase, organizacións de esquerda de unha e outra fasquía; porque a maioría dos autónomos do noso país non son grandes empresarios senón micro-pymes, con máis pé ca eme. Onde estades, esquerdas de governo e oposición, que non se vos escoita, apoiando as súas xustas reivindicacións?. É o voso silenzo que esterca o campo populista da extrema dereita.

Porque os verdadeiros governos de esquerdas non poden resgatar bancos ou ser consentidores dos abusos das grandes compañías elétricas ou dos lobbies da auga. Bancos e compañías que inflan as facturas dos autónomos máis pequenos que, porén, son quen artellan a vida dos nosos barrios nas vilas e cidades. E agora véñenlles paliar as doenzas graves e crónicas con panos quentes. Ofertando pacatas axudas como a POECATA, unha prestación compativel coa actividade. Con que actividade no 50% dunha terraza formada por tres mesas? Que xa hai que ter amor á arte e ser poeta de baiuca para pagar luz e auga servindo mesa e media ate o toque de queda. Axudas que non acadan o mileurismo. E a maioría cobrará só a metade da base mínima por real decreto. Iso sen contar gastos de impostos, hipoteca, facturas de luz, auga e alugueiro. Por non falar dos autónomos de temporada que non cobrarán prestación.

Navegar polas procelosas augas en tempos de incertidume vírica non é tarefa doada para os autónomos. Hai algún peixe grande, mais maiormente trátase de bancos de peixes moi pequenos, desde freelancer que prestan servizos a outras empresas nos máis diversos sectores (comercio, deporte, xornalismo...), até traballo a toque de contrato a falsos autónomos, traballadores por horas que venden a súa forza de traballo a distintas empresas ou que traballan para unha gran multinacional de venda online que á volta da esquina se desprende deles, deixandoos hipotecados ate a terceira xeración.

Como país especializado na creación de traballos en sectores de baixo valor engadido, en turismo de sol e praia, cunha precarización laboral das máis altas de Europa, a meirande parte dos autónomos adícanse á hostalaría ou o pequeno comercio. Coa eiva engadida da estacionalidade, en moitos casos, o 85,6% dos autónomos persoa física cotiza pola base mínima. Por tanto, non falamos de grandes empresarios, senón de traballadores. Cómpre, pois, solidarizarmonos con eles nun momento en que a estes sectores, xa moi febles polas sucesivas crises sistémicas, se lles está a aplicar coa pandemia, unha economía de guerra, obrigándolles a pechar por decreto, culpabilizando a este sector da situación. Parece que se hai contaxios é por culpa de ter ir tomar un café ou unha cerveixa e non por ter ido nun bus ateigado de xente, ao super ou ao traballo e, nese caso, cómpre pechar o negocio. Os que non se pechan son os grandes, cando nen sequera pagan impostos aquí, mentres os comercios de barrio son pequenas empresas que si os pagan. E a Xunta a privilexiar cun horario máis amplo a casinos e apostas alegando que esa clientela non interactúa. Toda unha declaración lapelada da orientación ideolóxica desta pandemia.

Desde a organización política Ligando, defensores acérrimos da economía local e do comercio de proximidade, queremos amosar a nosa solidariedade cos traballadores autónomos. Non comprendemos onde está esa esquerda, que agora cogoverna co Psoe ou esoutra chamada esquerda nacionalista. Porque milleiros de autónomos pertencen a un sector económico que se ve obrigado a pechar por motivos de Saúde Pública. Este colectivo merece todo o apoio da sociedade o mesmo que os demais sectores afectados. Non pode ser que se vaian aprobar uns orzamentos para o 2021 sen contemplar medidas para os rescatar. Onde está a esquerda cando os plans de recuperación económica dos governos contemplan subvencionar a megaempresas como Zara, esquecendo a eses autónomos dos que dependen tantas familias? Agora non é o mesmo que coa crise de 2008. Agora é o governo quen decide por decreto que pechen, total ou parcialmente, o negocio dous millóns de autónomo/as mentres que soben os gastos por salarios aos funcionarios e persoal laboral. Chegados a este ponto: Teremos que sospeitar que está en marcha unha reconversión encuberta do sector da hostalería turística que beneficia ás grandes empresas de distribución de alimentos, dado que o que se deixa de consumir na hostalería e que levan adiante distribuidoras pequenas, pasaría a mans de supermercados, que son grandes corporacións a nível de estado. Estaremos asistindo ao banquete do peixe grande a engulir ao banco de peixes chicos ao abeiro do mar proceloso da pandemia?

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
3 de novembro de 2020 13:45

_______

martes, outubro 27, 2020

Nós Diario: O Goberno español decreta o estado de alarma, prorrogábel até 9 de maio - Todas as novas medidas do estado de alarma: que podes facer e que non


O Goberno español decreta o estado de alarma, prorrogábel até 9 de maio

Haberá restricións á mobilidade, confinamentos entre as 23 horas e as seis da madrugada e limitaranse as reunións a un máximo de seis persoas.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo na roda posterior ao Consello de Ministras extraordinario, a aprobación do estado de alarma para todo Estado español, que entrará en vigor esta tarde. O seu obxectivo é que esta situación sexa prolongada polas Cortes Xerais durante seis meses, até 9 de maio.

O decerto aprobado hoxe estabelece un confinamento desde as 23 horas até as seis da madrugada, aínda que poderá ser modulado por cada territorio cunha marxe dunha hora (adiantándoo ás 22 horas ou ben retrasándoo até a medianoite). Tamén o poden modificar para que finalice ás cinco ou as sete da madrugada. O mesmo ocorre coas reunións, que como norma xeral non poderán superar as seis persoas.

Os presidentes, o da Xunta no caso da Galiza, serán a autoridade delegada nos seus territorios e terán potestade para decretar confinamentos totais ou parciais. Así, Feixoo poderá limitar a entrada e saída dos seus territorio, é dicir, o peche perimetral do conxunto do país ou unha parte do seu territorio, aínda que haberá tamén excepcións como asistencia a centros sanitarios, acudir a centros educativos ou razóns laborais, entre outras.
Sánchez pide apoios

Sánchez recalcou que a duración deste estado de alarma "non é inamovíbel" e pode levantarse se se supera a situación, aínda que agregou que eses seis meses de duración é o prazo que aconsellan as persoas expertas para superar non só esta segunda onda, senón a etapa "máis dañiña" da Covid-19. "Os expertos din que as razóns están plenamente xustificadas", remachou Sánchez para solicitar formalmente a todos os grupos parlamentarios do Congreso das Deputadas que dean o seu "apoio abafador" á prórroga do estado de alarma, dado que haberá rendición de contas continúa sobre a súa aplicación.

De feito, revelou que conversou de modo "cordial" co líder do PP, Pablo Casado, para poder contar co seu apoio para habilitar este mecanismo "eficaz para conter e manter a raia o virus", tanto no plano da actuación contra a enfermidade como desde o plano constitucional. "Entendo que é unha cuestión de Estado e os partidos que se consideran de Estado deberían apoiar esta medida tan extraordinaria", remachou para asegurar que tampouco alberga dúbidas de que no Consello Interterritorial aumentaranse ou relaxarán as medidas se así o require a situación.


Todas as novas medidas do estado de alarma: que podes facer e que non

É un estado de alarma descentralizado e cada comunidade ten o poder de aplicar medidas en función das súas necesidades.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo na roda posterior ao Consello de Ministras extraordinario, a aprobación do estado de alarma para todo Estado español, que entou en vigor esa mesma tarde. O seu obxectivo é que esta situación sexa prolongada polas Cortes Xerais durante seis meses, até 9 de maio.

Confinamento nocturno


Entrou en vigor ás 23:00 horas e prolongarase todos os días ata as 6.00 horas, agás Canarias, onde non se fai efectivo este toque de recollemento. Este é o marco xeral aprobado polo Goberno español e que cada territorio pode agora ‘modular’ unha hora ao principio e outra ao final para axustar o confinamento. Así, en Catalunya rexe desde as 22:00, non desde as 23:00.

Hai excepcións nas que si se pode sair á rúa durante ese confinamento e que aparecen recollidos no artigo 5 (Limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno) do decreto publicado no BOE este domingo:

a) Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.

b) Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

c) Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.

d) Cumprimento de obrigacións laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.

e) Retorno ao lugar de residencia habitual tras realizar algunhas das actividades previstas neste apartado.

f) Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables

g) Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

h) Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

i) Reposición en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.
15 días

O estado de alarma estará vixente polo menos durante 15 días, mais o Goberno quere que as Cortes aproben unha ampliación até o 9 de maio
Confinamento territorial

Os gobernos autonómicos poderán limitar o movemento no seu territorio, impedindo entradas e saídas no mesmo ou ben en determinadas comarcas, cidades, vilas... Nestas restricións á mobilidade fican á marxe aquelas aquelas que sexan por motivos laborais, sanitarios, asistencias ou docentes.
Xuntanzas

O estado de alarma fixa un máximo de 6 non convivintes como o máximo que pode estar reunido. Na Galiza o criterio é máis restritivo, son 5 o máximo, e nalgunhas zonas do noso país, por exemplo Ourense ou Compostela, só se permiten xuntanzas de convivintes.

Publicado en Nós Diario. | 15:24 do 25 de outubro de 2020 |
09:54 do 26 de outubro de 2020.

✏ Real Decreto 926/2020, de 25 de octubre, por el que se declara el estado de alarma para contener la propagación de infecciones causadas por el SARS-CoV-2. | Acceder/Baixar.
_______