Amosando publicacións coa etiqueta EU-IU. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EU-IU. Amosar todas as publicacións

luns, agosto 02, 2010

Demandas do Grupo Municipal de Esquerda Unida á Xunta de Goberno do Concello de Ferrol

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA QUE SE PROCEDA Á ELABORACIÓN DUN PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA

PROPICIAR UNHA MEIRANDE PROTECCIÓN INTEGRAL Á INFANCIA E DESENVOLVER CANLES AXEITADAS PARA A PARTICIPACIÓN DAS NENAS E NENOS E ADOLESCENTES NA VIDA DA CIDADE, OBXECTIVOS DO PLAN

O Grupo Municipal de Esquerda Unida reclama a elaboración do Plan de Infancia e Adolescencia, resultado dun acordo plenario de xuño de 2009 a raíz dunha moción presentada polo noso Grupo Municipal. Plan integral que faga unha análise da poboación infantil e adolescente e en particular dos sectores dela que se atopan en situación de risco social; que planifique as políticas dirixidas cara a ela, xunto coa sistematización das políticas das outras administracións públicas; e que contemple a dotación dos recursos axeitados para a satisfacción das diversas problemáticas e maila coordinación dos recursos humanos e materiais das diferentes administracións.

A nosa organización lamenta que vencido xa un ano dende a aprobación da moción nada se teña feito polo Goberno Municipal para abordar esta acción, que o noso entender supón un chanzo de actuación fundamental para atender as problemáticas da infancia e a adolescencia. Unha vez máis amosa o Goberno Municipal a súa incapacidade para aplicar as ideas e propostas acordadas no Pleno.

Esquerda Unida demanda xunto coa elaboración do devandito Plan, a constitución dun Consello Municipal da Infancia que propicie e favoreza a participación das nenas e nenos nas súas problemáticas xunto coas distintas entidades e asociacións que traballan nelas.

Esquerda Unida defende que a nosa cidade se integre na rede de Cidades Amigas da Infancia, que auspiciado polo organismo internacional da UNICEF ten como obxectivo pular pola aplicación no eido local da Convención dos Dereitos da Infancia.

Coñecer a situación real da infancia na nosa cidade a partires da realidade da falla de datos desagregados para analisar pormenorizadamente as súas necesidades semella unha primeira acción a acometer.

Inafancia que cómpre subliñar é suxeita de dereitos. Suxeito que necesita de espazos de participación nos que ir gañando a práctica de exercer responsabilidades, asemade da pedagoxía para convivir nos valores da solidariedade e a liberdade.

As nenas e nenos, as e os adolescentes son dos colectivos máis atacados polas políticas neoliberais a causa da súa febleza e, xa que logo, a nosa sociedade ten que producir espazos para a súa implicación nos diferentes programas municipais que os atinxen, na educación, na vivenda, na educación vial, etc.

Porque son o futuro temos unha especial obriga para atender e prover o seu avenir.

Ferrol, luns 2 de agosto de 2010


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA LA ELABORACIÓN DUN CENSO DOS LUGARES ONDE SE EMPREGARON OS ÁRIDOS NON INERTIZADOS

ROBERTO ARTABE CONSIDERA NECESARIO A REALIZACIÓN DE CATAS NOS DIFERENTES LUGARES ONDE SE UTILIZARON PARA COÑECER A SÚA COMPOSICIÓN E PREVIR OS POSIBLES RISCOS PARA A SAÚDE PÚBLICA

O Grupo Municipal de Esquerda Unida formulou nas últimas Comisións informativas de Medio Ambiente unha dupla demanda en relación cos áridos non inertizados chegados de Holanda. Materiais que segundo o informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental presentan riscos a causa das altas concentracións de betúns e xofre ao non terse sometido os tratamentos precisos para eliminar ditas substancias. Tan é a sí que a súa definición precisa é a de residuo e non a de árido reciclado.

O concelleiro Roberto Artabe vén formulando nas últimas Comisións a demanda de que se proceda a elaborar un censo que catalogue os diferentes sitios onde se utilizou este material. Xunto a isto, o concelleiro de Esquerda Unida, considera necesario que se realicen catas nos lugares onde se utilizaron para coñecer a súa composición e delimitar os riscos, toda vez que os lixiviados poden permanecer activos até medio século.

A reclamación que efectúa o Grupo Municipal de Esquerda Unida semella congruente cunha política de saúde pública que atenda o principio de prevención de riscos. O devandito informe da Secretaría Xeral xa alertaba dunha serie de riscos:
  • Risco que está en relación co uso que se faga do devandito material de residuo e a posibilidade de que se atope en exposición co ser humano e o propio medio ambiente.
  • Risco de afectación ás canles e medios próximos o seren os hidrocarburos aromáticos policíclicos substancias perigosas para o medio físico e que poden chegar ás persoas ao través da cadea alimentaria.

Xa que logo, o Grupo Municipal de EU reclama do Goberno Municipal que proceda a elaboración dese censo de lugares onde se teñen utilizado estes materiais e logo disto, proceda á realización dunha serie de catas para coñecer o estado e composición destes residuos.

Ferrol, venres 30 de xullo de 2010

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
2 de agosto de 2010 12:30


Prezad@s amig@s: achegamos dúas Informacións do Grupo Municipal de EU. Un primeiro formula a demanda de elaboración dun Plan de Infancia e Adolescencia, que se aprobou no Pleno de hai 13 meses a instancias dunha moción presentada polo noso Grupo.


Un segundo Infromacións reclama, en aplicación do principio de prevención no eido da saúde pública, a elaboración dun censo dos sitios onde se empregaron os áridos non inertizados e a realización de catas para coñecer estado e composición. Todo elo atendendo aos riscos que se poidan derivar para persoas e medio físico, segundo se recolle nun informe da Secretaría Xeral da Xunta de Calidade e Avaliación Ambiental.


Saúdos, Ramiro Marier
___________________

xoves, xullo 15, 2010

Ferrol no 125 cabodano do pasamento da poetisa Rosalía de Castro

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA DAS CONCELLERÍAS DE CULTURA E MULLER A ORGANIZACIÓN DUN CONXUNTO ARTICULADO DE ACTIVIDADES PARA CELEBRAR O 125 CABODANO DO PASAMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO

EU CONSIDERA NECESARIO QUE O CONCELLO DE FERROL ASUMA UN PAPEL PROTAGONISTA NA EXALTACIÓN DUNHA DAS FIGURAS SENLLEIRAS DAS LETRAS E CULTURA GALEGAS

O Grupo Municipal de EU insta ao Goberno Municipal a planificar unha serie de actividades que se sumen ás que polo país se van producir no 125 cabodano do pasamento da poetisa Rosalía de Castro. Temos que lamentar a inacción e a falla de iniciativa que, unha vez máis, amosa o Goberno de Irisarri.

Yolanda Díaz subliña que a nosa cidade non pode ficar allea as conmemoracións que percorren o país exaltando a obra dunha figura senlleira, da matriarca das letras galegas. Cómpre desenvolver un bloque de actividades que espallen na nosa veciñanza o valor da súa escrita. Entre outros, o profesor Xesús Alonso Montero, director do Centro de Estudos Rosalianos ten dado boa conta do incomensurable valor da súa escrita, que fai dela fautora do noso Rexurdimento.

A nosa lingua e cultura deféndense todos os días e en poucas ocasións imos ter unha razón tan fermosa e poderosa como a de lembrar e achegar a nosa sociedade o valor da obra rosaliana. Mais, diante da inaudita sistemática de ataques a lingua galega que está a desenvolver o Goberno da Xunta de Galicia.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera necesario que de maneira urxente, para colmar o baleiro de planificación neste eido, se elabore de maneira participada, co tecido cultural e feminista da nosa cidade, un conxunto de actividades que sirvan ao interese xeral, na medida en que divulguen e acheguen a obra rosaliana e supoñan unha plataforma de acción na defensa da cultura e lingua galegas.

As actividades desenvolvidas na nosa cidade até o de agora en relación con este aniversario teñen que acadar un meirande relevo e extensión, que debe vir da man da participación activa do tecido asociativo da cidade. Para isto demandamos unha presenza activo do Goberno Municipal.

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
15 de julho de 2010 15:27
Benquerid@s amig@s: achegamos un Informacións do Grupo onde demnadamos que se elabore un programa de actividades para conmemorar o 125 cabodano da poetisa Rosalía de Castro. Programa participado e no que colaboren as concellerías de cultura e muller. Un saúdo, Ramiro Marier
_________________________

sábado, xullo 10, 2010

Mentiras mediáticas da Consellaría de Sanidade, que se adxudica un programa de probas rápidas de detección do VIH, no que non aporta nen un euro e que van desenvolver e financiar as entidadaes sociais que no país atenden esta doenza


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A FALSEDADE DAS MEDIDAS ANUNCIADAS POR SANIDADE NO QUE ATINXE AS PROBAS RÁPIDAS DO VIH

EN FERROL, SERÁ A ASOCIACIÓN LAZOS A QUE COSTEARÁ INTEGRAMENTE AS PROBAS, ÁS QUE A CONSELLARÍA DE SANIDADE NON ADICA UN PESO

ROBERTO ARTABE DENUNCIA O DESINTERESE E A HIPOCRISÍA DA CONSELLEIRA FARJAS

O Grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia o desinterese e maila hipocrisía da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia diante do anuncio feita pola mesma conselleira acerca da realización das probas rápidas do VIH, un test que permite obter un primeiro resultado nuns poucos minutos.

Roberto Artabe denuncia a realidade moi outra que acontece na nosa cidade. En Ferrol, as asociacións que a realicen terán que custear de maneira íntegra o custo do reactivo para a realización da devandita proba sobre o virus de inmunodeficiencia adquirida. Hai que salientar que os custos da proba rápida non se cinguen só o feito físico da realización da proba, porque o proceso esixe contar cunha persoa que dea a información e o asesoramento no proceso (counselling VIH, ou o soporte psicosocial ás persoas que realizan a devandita proba rápida ). Para nada disto contempla a Consellaría dotar económicamente o programa

Non semella moi ético presumir diante dunha medida na que a Consellaría de Sanidade non fai nada, e que recae de maneira integra nas entidades que están a desenvolver, cunha crónica precariedade de medios materiais e de plantilla, unha loita sanitaria e social de primeira magnitude.

A Xunta do PP volve a retratarse ao atribuírse unha medida da que non ten mérito algún e para a que non dispón un só euro. A Xunta do PP expresa pola vía dos feitos, non no fume mediático, o seu verdadeiro desinterese polo afortalamento do sistema público de saúde galego e a súa aposta pola concepción da saúde pública como unha oportunidade de negocio privado.

Pilar Farjas tenta reducir un dereito fundamental recollido na Constitución e no Estatuto nunha mercaduría. O noso Grupo quere denunciar esta situación.

Ferrol, venres 9 de xullo de 2010

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
9 de julho de 2010 14:16


Prezad@s amig@s: achegamos un Informacións do Grupo Municipal denunciando as mentiras mediáticas da Consellaría de Sanidade, que se adxudica un programa de probas rápidas de detección do VIH, no que non aporta nen un euro e que van desenvolver e financiar as entidadaes sociais que no país atenden esta doenza. Grazas pola vosa atención. Saúdos, Ramiro Marier
___________________

xoves, xullo 08, 2010

Reclaman un conxunto de medidas adicionais para eliminar os riscos para a saúde pública derivados da utilización de residuos asfálticos


O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA MEDIDAS ADICIONAIS PARA ELIMINAR OS RISCOS PARA A SAÚDE PÚBLICA DERIVADOS DOS ÁRIDOS NON INERTIZADOS

ROBERTO ARTABE ESIXE UN PAPEL ACTIVO DO GOBERNO MUNICIPAL E DA AUTORIDADE PORTUARIA PARA FACER CUMPRIR AS MEDIDAS ADICIONAIS RECLAMADAS

O Grupo Municipal de Esquerda Unida reclama un conxunto de medidas adicionais para eliminar os riscos para a saúde pública derivados da utilización de residuos asfálticos de fresado de estradas procedentes de Holanda cun alto contido en betúns (entre o 4% e o 7%) e de xofre (0,0182%), contidos que forzan a súa caracterización como un residuos sen tratar, non como áridos reciclados.

Para Esquerda Unida non cabe facer deixación das responsabilidades por parte dos poderes públicos cando hai un posible risco para a saúde pública como é o caso. No caso do Porto de Ferrol, unha análise feita por Augas de Galicia sobre mostras de auga empozada ao pé da acumulación dos devanditos áridos bituminosos arroxou concentracións superiores aos límites de detección, no que fai aos hidrocarburos aromáticos policíclicos, que son produtos canceríxenos, mutóxenos (que producen mutacións xenéticas) e teratóxenos, susceptibles de producir malformacións fetais.

Esquerda Unida quere lembrar que estes feitos tiveron unhas dilixencias preprocesuais incoadas pola Fiscalía da Coruña arquivadas ao final por considerar que non se produce delito ambiental. Agora ben, as dilixencias recoñecen varias circunstancias perigosas:

  • A mostra de áridos obxecto da análise non foi sometida a procesos de valorización mediante calor.
  • A presenza de contaminantes implica un risco en función do uso que se faga do devandito material ante a posibilidade de exposición sobre as persoas e no medio ambiente.
  • Existe un risco de afectación ás canles e medios próximos, xa que os hidrocarburos aromáticos policíclicos son substancias perigosas para o medio ambiente e incluso para as persoas ao traverso da cadea alimentaria.

Xa que logo, o noso Grupo Municipal reclama que se apliquen as medidas necesarias para descartar calquera risco tanto no que atinxe tanto ao almacenaxe como o emprego do material bituminoso:

- A almacenaxe dos áridos bituminosos tense que facer en superficies impermeabilizadas e baixo cuberta e cun sistema perimetral de recollida de augas para que non se vertan nas augas superficiais.

* No que atinxe ao seu emprego como recheo hai que facer unha valoración de riscos na zona de uso ao abeiro do que recolle o RD 9/2005 que relaciona as actividades potencialmente contaminantes do solo. Emprego que cando se faga en asociación con outros materiais esixirá unha garantía de estabilización do material e de non produción de lixiviados.

Esquerda Unida demanda do Goberno Municipal e da Autoridade Portuaria que fagan cumprir os protocolos adicionais de seguridade que reclamamos.

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
7 de julho de 2010 14:15


Prezad@s amig@s: achegamos Informacións do Grupo Municipal onde propoñemos a aplicación dunha serie de medidas de prevención no almacenamento e emprego dos áridos no porto, para evitar os riscos que estes materiais teñen para a sáude pública, ao volatilizarse no ambiente, filtrarse as augas e poderse incorporar á cadea trófica. Grazas polo voso interese. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________________________

sábado, abril 24, 2010

Esquerda Unida e a Manifestación deste sábado 24 de Abril "a prol da xustiza universal e as vítimas do franquismo"


  • O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA APOIA A MOBILIZACIÓN POLA XUSTIZA UNIVERSAL E CONTRA A IMPUNIDADE DO FRANQUISMO
  • EU ESIXE QUE CESE A PERSECUCIÓN CONTRA O XUÍZ GARZÓN POLO SEU AUTO PARA ESCLARECER OS CRIMES DA DITADURA

O Consello comarcal de Esquerda Unida manifesta o seu respaldo a mobilización convocada para mañá sábado, ás 12:00 horas , na Praza de Armas, para esixir a xustiza universal e a reparación ás vítimas da ditadura.

Esquerda Unida fai un chamado á cidadanía progresista e de esquerdas a non deixar de participar nesta acción colectiva e cívica para esixir o que na Europa democrática é unha normalidade instaurada hai máis de 60 anos.

Semella inconcebible que nun Estado democrático se poida sentar nun banquillo a un xuíz por tentar esclarecer os milleiros de crimes da ditadura que aínda hoxendía restan sen esclarecer en fosas anónimas. O auto de Garzón é unha peza xurídica que nos devolve unha parte da dignidade que como sociedade aínda nos resta por recuperar namentras non haxa unha reparación plena para todas as vítimas do franquismo.

A nosa organización vai participar activamente nesta mobilización como o vimos facendo na súa preparación, ao obxecto de sumar forzas para acadar a fin da persecución a un xuíz. Temos que facer unha fonda crítica da acción da fiscalía que ao opoñerse a acción investigadora do xuíz abriu á porta a denuncia de organizacións de nula calidade democrática.

Ferrol, Venres 23 de abril de 2010
Comunicado do Consello Comarcal de EU

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
23 de abril de 2010 15:20
Ola amig@s: remitimos un comunicado do Consello Comarcal de EU chamando á cidadanía a participar na concentración que haberá mañá sábado, ás 12:00 horas, en Armas, a prol da xustiza universal e as vítimas do franquismo e para esixir que cese o acoso ao xuíz Garzón pola súa actuación no auto no que tenta abrir a investigacións dos crimes do franquismo. Un saúdo, Ramiro Marier
___________________

martes, abril 13, 2010

Esquerda Unida crítica, de novo, o atraso na aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil, e noutro asunto saúda a nova edición da Poesía Salvaxe.

Informacións do Grupo Municipal Esquerda Unida

  • ESQUERDA UNIDA CRITICA O NOVO ATRASO NA APROBACIÓN DO REGULAMENTO DAS VIVENDAS DE RECIMIL
  • A VOCEIRA DO GRUPO MUNICIPAL, YOLANDA DÍAZ, ESIXE CELERIDADE DO GOBERNO MUNICIPAL PARA PÓR EN VIGOR A INICIATIVA DO NOSO GRUPO

O Grupo Municipal de Esquerda Unida ten que criticar o novo atraso na aprobación do regulamento das vivendas de Recimil. Na convocatoria da Comisión de Benestar para o vindeiro xoves, 15 de abril, non se contempla na orde do día a aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil. Morren semanas e meses sen que se produzan resultados positivos neste campo.

Foi unha proposta do noso Grupo Municipal a elaboración dun regulamento para a adxudicación das vivendas municipais. Con esta medida pretendemos garantir a meirande transparencia e obxectividade na concesión duns bens públicos de propiedade municipal. Esquerda Unida está certa do enorme potencial social que posúe o parque de vivenda municipal de Recimil e considera indispensable a súa ordenación e regulamento.

Lamentamos que unha vez máis se adíe levar a Comisión o texto do regulamento. Lamentamos a tardanza e lle preguntamos ao Goberno acerca das razóns da mesma. O Noso Grupo considera que o Goberno Municipal está a desatender esta fronte social e a deixar que a situación no barrio se degrade a causa da súa inacción e tardanza.

O noso Grupo Municipal achegou a proposta de elaboración dun novo regulamento e ten presentado no proceso unha serie de emendas para mellorar o contido final da proposta. Non entendemos que na actual situación de crise económica e social, este Goberno non acelere o remate do documento e a súa entrada en vigor.

Son moitas as necesidades sociais, demasiados os anos de abandono por parte do Goberno Municipal neste eido, e para Esquerda Unida é unha cuestión urxente e importante, que merece un tratamento prioritario polo Goberno Municipal. Xa que logo, a Voceira do Grupo Municipal de EU, Yolanda Díaz, reclama do Goberno celeridade para pór en vigor esta iniciativa.


  • O GRUPO MUNICIPAL DE EU SÁUDA UNHA NOVA EDICIÓN DA POESÍA SALVAXE
  • ESTA ANOVADORA FÓRMULA CULTURAL CHEGOU DA MAN DE ESQUERDA UNIDA ÁS RÚAS DE FERROL NO ANO 2008

O Grupo Municipal de EU quere manifestar a súa ledicia pola nova edición, a terceira xa, da poesía salvaxe, que se vai celebrar esta semana nas rúas da nosa cidade. Esta iniciativa anovadora no eido cultural comezou no 2008 da man da anterior responsable da concellería de cultura, Yolanda Díaz, en consonancia co programa de renovación do panorama de actividades culturais do noso concello emprendido entón.

Achegar á rúa as expresións da cultura, erguer voces veraces e ceibes no espazo onde vivimos as persoas, sacar á poesía dos redutos pechados, foron a motivación central para comezar esta xeira, que felizmente se mantén e consolida co paso das edicións, poética que imos gozar nestas datas.

Esta semana vanse misturar nas rúas de Ferrol a celebración insubmisa da palabra poética coa evocación dun porvir republicano ao redor do 14 de abril. Para Esquerda Unida non é casual aventurar poesía e república no abril ferrolá, senón que ambos elementos conxugan a determinación e esperanza nun abrente creador de liberdade e igualdade.

Esquerda Unida anima á cidadanía a gozar dos encontros súbitos coas palabras feraces, nun abril poético e republicano, porque lingua e pobo conforman un todo creador invencible. Máis que nunca a poesía semella necesaria para resistir aos bárbaros que agreden, parapetados nas institucións da Xunta de Galicia, a nosa cultura, cultura universal a pesares da ollada prexuízosa coa que é maltratada polo PP.

Ferrol, 13 de Abril de 2010
Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
Grupo Municipal Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
13 de abril de 2010 15:11
Benquerid@s amig@s: achegamos dous Informacións do Grupo Municipal de EU. Nun primeiro Informacións facemos a crítica do novo atraso na aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil, que se está a elaborar a proposta de EU e que acumula un retraso
inaceptable. O segundo Informacións saúda a nova edición, xa a terceira, da Poesía Salvaxe, anovadora iniciativa cultural que naceu no ano 2008 coa anterior responsable de cultura, Yolanda Díaz. Esquerda Unida vos anima a participar nela nestes días tinguidos de palabras veraces e ceos de tres cores, na conxunción afortunada que xungue Poesía e República, abrentes dun porvir emancipado. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Os días 14,15,16 e 17 Abril 2010: Terceira Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol
_______________

mércores, marzo 24, 2010

Un ano de Goberno e tempo dabondo para comprobar que a Xunta do PP está a desenvolver en Galicia un modelo económico xerador de inxustizas ...


  • ESQUERDA UNIDA DENUNCIA QUE O GOBERNO DO PP ESTÁ A DESENVOLVER UN MODELO ECONÓMICO INSUSTENTABLE SOCIAL E MEDIOAMBIENTALMENTE QUE PROFUNDIZA NO PRODUTIVISMO
  • O CONSELLO COMARCAL DE EU PULA POLA CONSECUCIÓN DUN SISTEMA ECONÓMICO BASEADO NO DECRECEMENTO SOSTIBLE QUE PONGA AS PERSOAS E O MEDIOAMBIENTE POR ENRIBA DOS INTERESES DO CAPITAL
  • ESQUERDA UNIDA PARTICIPOU ACTIVAMENTE NA MANIFESTACIÓN CONVOCADA POR GALIZA NON SE VENDE

Un ano de Goberno e tempo dabondo para comprobar que a Xunta do PP está a desenvolver en Galicia un modelo económico xerador de inxustizas asemade depredador do territorio, un modelo ao cabo insustentable social e medioambientalmente.

Esquerda Unida, que participou activamente na manifestación do pasado domingo, saúda a iniciativa desenvolvida por Galiza Non Se Vende, pois compartimos a importancia que ten que a sociedade responda na rúa ás políticas depredadoras do medio natural que o Goberno do PP está a desenvolver.

A Xunta do PP empéñase en manter un modelo económico caduco e ineficaz que profundiza no produtivismo, algo que Esquerda Unida rexeita radicalmente pois, non cabe dúbida, que resulta imposible manter un crecemento constante cando os recursos son limitados. E por iso que Esquerda Unida pula pola consecución dun sistema económico baseado no decrecemento sostible.

O actual sistema económico e insustentable medioambientalmente, xa que logo, estamos a saturar a capacidade do noso planeta. Segundo datos da pegada ecolóxica necesitaríamos 3 planetas para manter no tempo o noso nivel de produción, nembargantes o sistema obriga a manter o crecemento continuo e aínda así atopámonos nunha crise sen precedentes. Ademais o sistema e insustentable socialmente pois é xerador de inxustizas como demostra o dato que un 20% da poboación consume o 80% dos recursos.

Semella inaceptable que o Goberno do PP pretenda manter un modelo económico que pon os intereses económicos privados duns poucos por enriba da cidadanía e do medio natural, un modelo que como a actual crise ten demostrado amósase incapaz pois non é quen de distribuír o producido para cubrir as necesidades básicas da poboación, a pesares de producir moito máis do necesario.

A Xunta do PP aposta por poñer os recursos naturais ao servizo dos intereses económicos, entregando o litoral á especulación inmobilizaría, mostrando permisividade coas empresas contaminantes que verten nos nosos acuíferos, favorecendo a construción de recheos mentres as nosas rías acreditan niveis de contaminación escandalosos, perpetuando agresións sobre espazos senlleiros integrados na Rede Natura como a Serra do Courel ou os Canóns do Sil, mantendo o urbanismo caótico e especulativo, ou mesmo entregando zonas costeiras as multinacionais piscícolas como se desprende do plan acuícola, no cal ábrese máis a man do que xa a tiña o bipartito.

Por outra banda a inexistente ordenación do territorio está a producir enormes diferenzas entre a costa e o interior, asemade do despoboamento do rural debido a unha errática política forestal onde se promove a reforestación con especies alóctonas, e unha nula planificación agraria-gandeira que deixa o noso agro nas mans dos intermediarios que están a actuar como auténticos usureiros provocando o abandono masivo do agro. Esquerda Unida considera o sector agro-gandeiro como un sector primario estratéxico para o noso pais xa que cobre a necesidade básica e fundamental da poboación, a alimentación, polo que pula pola súa posta en valor, dignificando o traballo de gandeiros e agricultores, asemade da planificación da explotación agraria mediante a creación de empresas públicas de distribución e asistencia técnica que impidan a actual ditadura dos intermediarios, facilitando así a soberanía alimentaria, a redución da pegada ecolóxica, a creación de emprego de calidade e, por conseguinte, a repoboación do rural e o fortalecemento da nosa economía.

O Goberno do PP amosa unha política de infraestruturas irracional que acumula dous portos exteriores e tres aeroportos, pon a énfase no trasporte individual fronte o colectivo e nas infraestruturas viarias e da alta velocidade en prexuízo do ferrocarril de proximidade, o que só contribúe a facer o noso modo de vida máis insustentable, e a desartellar o territorio e afondar nas desigualdades rural-urbanas, desmantelando estacións intermedias que fixaban hábitos de mobilidades tradicionais e asemade sustentables.

A reviravolta eólica supón empeorar a proposta do bipartito e, xa que logo, a posición de Esquerda Unida está marcada pola consideración da enerxía como un sector estratéxico da nosa economía que ten que estar baixo a dirección pública na procura da soberanía enerxética e que ten que empregarse como ferramenta para crear emprego estable e con dereitos.

Por último, e non por elo menos importante, a Xunta do PP está a entregar os Servizos públicos ao capital privado, Sanidade, Servizos Sociais, Educación, Servizos de Emerxencias ou a mesma externalización masiva dos Servizos Administrativos son un bo exemplo do dano que o Goberno do PP está a facer no noso país, baixo a falaz premisa de que a xestión privada é menos custosa, cando a realidade se empeña en demostrar que a privatización a longo prazo non só e máis custosa senón que ademais reduce a calidade do servizo. Esquerda Unida rexeita con rotundidade a privatización e aposta por relanzar o público desenvolvendo políticas que permitan mellorar os servizos públicos e a súa eficacia, xusto o contrario que está a desenvolver o PP para dar crédito a súa política privatizadora baseada tan só en intereses espurios.

Consello Comarcal de EU
Ferrol, 23 Marzo 2010

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
23 de março de 2010 14:36
Estimad@s amig@s: trasladamos un comunicado do Consello comarcal coa valoración do ano de goberno do PP na Xunta de Galicia. Recibide un saúdo. Consello comarcal EU Ferrolterra
_______________________