Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida Narón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida Narón. Amosar todas as publicacións

xoves, xuño 28, 2018

O concelleiro da esquerda André Abeledo 'acusa' a Augas de Galicia de irresponsable ao non asumir as súas funcións para dar unha saída ao 'conflito' do saneamento da marxe norte da Ría


André Abeledo acusa a Augas de Galicia de irresponsable, e tamén de non cumprir coas súas funcións como responsable máximo do saneamento da ría e da EDAR.

Insistimos en que debe ser Augas de Galicia a mediadora a hora de buscar solucións, e tamén quen debe facer un estudo para que se coñeza cal e o custo real do servizo.

O Concello de Narón non ten porque presupoñer que os datos dados por unha empresa como EMAFESA sexan os correctos, debe ser a Xunta de Galicia a que supervise e busque unha solución a unha situación que en gran parte esta provocada pola irresponsabilidade e a inoperancia de Augas de Galicia.

Entendemos que o Concello de Narón non ten, nin debe ter ninguha vinculación con EMAFESA, e que tanto a depuración como a EDAR son responsabilidade de Augas de Galicia que debe ser quen cobre ao noso Concello por este servizo directamente.

Continuamos a defender que a concesión do servizo de depuración a nivel supramunicipal non pode ser dada a dedo a EMAFESA.

Recordemos que as instalacións da EDAR teñen un carácter supramunicipal, son de titularidade da administración estatal, e dependen da Xunta de Galicia (Augas de Galicia) e non son propiedade de ningún Concello ou empresa.

Abeledo defende que os Concelleiros e Concelleiras de Narón temos a obriga de defender os intereses da nosa veciñanza. Por este motivo apoiaremos a "Proposta de Alcaldia" ao Pleno de mañá Xoves día 28 de Xuño.

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
27 de junho de 2018 16:17

________________________

martes, xuño 19, 2018

Posición de Esquerda Unida Narón sobre o 'Piñeiral d'A Gándara' - Abeledo insiste en que debemos traballar por construír unha cidade máis humana


Abeledo insiste en que debemos traballar por construír unha cidade máis humana, dentro deste modelo que vimos defendendo dende fai anos, dende EU entendemos que xunto coa accesibilidade universal, a potenciación do transporte público, e outra serie de medidas, un dos alicerces deste modelo humanizador é a existencia de zonas verdes na zona urbana de Narón, cantas máis mellor, para mellorar a calidade do aire respirado pola veciñanza e crear zonas de esparexemento e recreo para as naronesas e naroneses.

Ven é certo que no caso do piñeiral da Estrada da Gándara a obrigada  aplicación da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; e a la Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, obrigan a cortar unha parte importante das arbores deste “pulmón verde de Narón”.

No caso destas arbores, falamos de pinos e eucaliptos, a lexislación marca que deben manter unha distancia de 50 metros coas vivendas para evitar o perigo en caso de incendio, por este motivo dende EU entendemos que debemos buscar unha alternativa que por unha banda permitan cumprir a lei, eviten perigos, pero a súa vez manteñan o modelo de “cidade verde” que dende EU propoñemos.

Abeledo propón que a parte do piñeiral que pertence o Concello sexa repoboada con especies autóctonas, posto que algunha desas especies só esixen unha distancia de 15 metros cosas vivendas, conseguindo así por unha banda manter para o futuro este “pulmón verde” para a veciñanza de A Gándara, e por outro potenciar as especies autóctonas da Galiza.

Tamén indica que unha parte da veciñanza entende que pode ser o momento para adecuar a zona para o recreo e o esparexemento poñendo bancos e mesas que permitan desfrutar da zona cando chegue o bo tempo.

Así mesmo Abeledo empraza ao Goberno Local a abrir un dialogo coa veciñanza neste sentido, para que sexa participe deste proxecto de futuro.

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
19 de junho de 2018 12:19

_______________

domingo, xuño 10, 2018

Esquerda Unida apoia a loita contra o proxecto da Mina de Touro - O Pino - André Abeledo rexistrará unha Moción onde solicitará a participación do resto dos Grupos Políticos do Consistorio de Narón en apoio a esta loita


EU NARÓN apoia a loita contra o proxecto da  Mina de Touro - O Pino.


O pobo galego unha vez máis toma as rúas para defender o futuro da nosa terra, esta vez contra o proxecto da  Mina de Touro - O Pino. GALIZA DÍ NON A DEPREDACIÓN do noso entorno e a Praza do Obradoiro quedouse pequena ante a resposta popular este Domingo día 10 de Xuño.

André Abeledo rexistrará unha Moción onde solicitará a participación do resto dos Grupos Políticos do Consistorio de Narón en apoio a esta loita.

Texto da Moción:

Sobre a importancia do sector do mar de Arousa na economía local.

O sector primario do mar de Arousa é estratéxico na economía local, polo emprego directo que xera; mariscadoras a pe, bateeiros, mariñeiros, mariscadores a flote, etc. constitúen un amplísimo colectivo que ten o seu medio de vida no mar. Este sector xera empregos estables, tamén en épocas de crise, en comparación con outras actividades xa que este sector resiste mellor os vaivéns do ciclo económico, como se veu demostrando nos últimos anos. En cifras, este sector representa o 1,33% da produción total da economía galega, achega o 33% do valor engadido xerado no conxunto do sector a nivel galego e dá traballo, directo ou indirecto, a miles de familias.

No ano 2016, traballan na ría o 44% das mariscadoras/es a pé, mais do 41% das embarcacións de artes menores e o 68,7% das bateas de mexillón de Galicia. Nas lonxas arousáns poxáronse 38.329.584 kg de produtos da pesca e do marisqueo que se traduciron en 91.301.357 euros. E nas augas de Arousa colleitáronse 174.497.538 kg de mexillón (máis 70% do mexillón producido en Galicia), cun valor de 77.999.843 euros.

A frota pesqueira de Arousa está composta por 1.709 buques de pesca e 842 auxiliares de pesca e acuicultura, respectivamente o 38,6% e o 69,9% do total de Galicia.

De feito o sector primario do mar en Arousa é un sector estratéxico na economía dos nosos pobos e vilas pola riqueza e emprego que induce ademais en diversas actividades en terra:
  • empresas destinatarias dos nosos produtos (depuradoras de moluscos, cocedoiros, conserveiras, centros de conxelación e pasteurización, procesadores, comercializadores)
  • empresas provedoras de servizos e subministracións (estaleiros, cordoarías, carpintaría, montaxes e maquinaria)
  • actividades auxiliares e de apoio, como transportes, centros de investigación, formación e control do medio mariño, etc.
Á importancia económica derivada do sector primario do mar arousán únese o valor social que adquire nos municipios costeiros, onde irradia beneficios socioeconómicos entre amplas capas da poboación, converténdose nun importantísimo mecanismo de distribución e reparto de riqueza no entorno local que incentiva a implantación de actividades e pequenos negocios.

Asemade, este conxunto de actividades do mar teñen un importante valor dende o punto de vista etnográfico e gastronómico, o que aporta trazos de identidade propia e de diferenciación a través da calidade do local que son aproveitados por un dos sectores que actualmente presenta un maior desenvolvemento económico, o turismo. Así, o turismo en Arousa susténtase sobre catro piares: a calidade das augas e dos produtos que saen delas, a singularidade etnográfica ligada ao mar, a beleza da paisaxe costeira e unha gastronomía que ten como emblema os produtos do mar locais.

Este forte vencello entre as actividades primarias e o entorno onde se desenvolve singulariza a paisaxe da ría de Arousa que é única, coa actividade das bateas, as embarcacións de pesca artesanal e o marisqueo. Todos eles producindo peixes e mariscos de calidade, aos que os consumidores outorgan alta estima e prestixio. Todo elo suma e atrae cada ano a un número maior de turistas que sustentan un volume crecente de negocios, grandes e pequenos, nas localidades arousáns.

Pero todo isto pode verse en risco se se compromete a calidade das augas da ría; tamén augas arriba as do río Ulla, o máis caudaloso e longo dos que alimentan a ría de Arousa.

Sobre a importancia ambiental do Río Ulla e da ría de Arousa.

A riqueza pesqueira  e mariñeira que se resaltou na primeira exposición de motivos deste documento descansa sobre a riqueza ambiental existente na ría de Arousa e os ríos que nela desembocan, onde a saúde do río Ulla ten un papel fundamental, xa que alimenta dun xeito moi importante de sedimentos e nutrintes á ría.

Esta riqueza ambiental está amplamente recoñecida, non so por publicacións científicas, senon pola propia lexislación ambiental. A ese respecto cabe destacar a declaración de varios Espazos Protexidos, como son:
  • O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (declarado o 1 xullo de 2002, mediante a lei 15/2002). Este Parque inclue 4 arquipélagos e o mar que os rodea, entre os que se atopa o de Cortegada, na desembocadura do río Ulla, e a illa de Sálvora, na zona exterior da ría de Arousa. Este Parque Nacional, (unha das figuras de protección máis restrictivas que se poden aplicar sobre un espazo natural) declarouse polas especial riqueza ambinetal dos seus fondos mariños e  debe velar pola súa conservación.
  • A Zona de Especial Conservación Ulla-Deza, (declarado o 31 de marzo de 2014, polo Decreto 37/2014) que protexe a maior parte do río Ulla ata Rianxo. Dito río ten gran importancia ambiental onde destaca a presenza de peixes como lamprea e salmón, especies moi sensibles á contaminación das augas.
Así mesmo a ría de Arousa, xa na parte exterior acolle o ZEC Ons-O Grove e o Parque Natural do complexo dunar de  Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan, que ten zona mariña dentro da súa superficie protexida.

A ría de Arousa é unha unidade ecolóxica que non se pode desligar dos ríos que a alimentan, e os 4 espazos protexidos que esta ría acolle é un bo indicador da inmensa riqueza ambiental que posue e que por lei debe ser amparada.

A administración debe velar pola conservación dos espazos protexidos da ría de Arousa. A reactivación da mina de Touro aumentará a drenaxe de contaminantes hacia a cunca do Ulla, afectando irremisiblemente á riqueza ambiental da ría, e consecuentemente á riqueza económica que sustenta.

Sobre o proxecto de explotación da mina de cobre San Rafael sita nos concellos de Touro e o Pino.

O pasado 25 de agosto saíu a exposición pública o proxecto da explotación mineira de cobre San Rafael, nº 2946, sita nos concellos de Touro e O Pino, na canle media do río Ulla.

Este xacemento foi anteriormente explotado entre 1970 e 1986; a partir desta data abandonouse a explotación deste mineral deixando unha grande superficie cuberta por entullos, balsas de lodos, etc. Trinta e un anos despois aínda non se restauraron todas as superficies afectadas.

Isto provocou no entorno unha forte contaminación dos solos e das augas, tanto das superficiais como das soterradas. Augas de drenaxe hiperacedas con concentracións altas de metais que contaminaron varios afluentes do río Ulla. A contaminación actual do estuario do río ten unha relación directa con esta mina.

Agora queren reactivar e ampliar esta concesión, coa participación do grupo multinacional Atalaya Mining, como consecuencia dos altos prezos do cobre estimulados pola demanda do mercado.

Inicialmente van a actuar durante dezaseis anos e medio sobre 689,65 hectáreas das 1.827 que ocupa a concesión, en dez ocos mineiros a ceo aberto dos que se prevé extraer 267,1 millóns de toneladas de materiais; 102,74 millóns de toneladas de mineral de cobre. Para extraer os materiais realizarán 6 voaduras diarias (cada unha con entre 9 e 16 toneladas de explosivos) o que producirá microterremotos que afectarán á estabilidade dos diques de contención das balsas de lodos.

O proxecto estima que durante os tres primeiros anos vanse verter ata mil millóns de litros anuais de augas que, despois de ser utilizada no tratamento químico necesario para precipitar os metais, será vertida ao Dominio Público Hidráulico.

Os lodos do proceso almacenaranse en dúas balsas: (i) unha auxiliar cunha capacidade de almacenamento de 34 millóns de toneladas estará contida por un muro de mais de 3 km de lonxitude e unha altura de ata 81 metros, e (ii) unha balsa permanente formada entre as cortas de Arindeiro e Viveiro (chamada lagoa de Arinteiro e Vieiro) cunha capacidade de almacenamento de 69 millóns de toneladas estará contida por un muro de case 3 km de lonxitude e unha altura de entre 55 e 74 m.

Debido a que estes son os residuos máis perigosos, por ser xeradores de drenaxes acedas mobilizadoras de metais, está previsto almacenalos en depósitos impermeabilizados mediante xeomembrana PEAD e xeotéxtil. Estas balsas, que conterán a maiores os restos non degradados dos compostos químicos empregados na separación do cobre (algún sospeitoso de causar cancro), van ocupar unha superficie total de 269 hectáreas, o que nos dá idea do enorme volume de residuos perigosos almacenados.

Ademais se proxecta unha entulleira de estériles potencialmente xeradores de ácidos cunha capacidade de 58 millóns de toneladas que ocupará unha superficie de 484.000 m2, e diversas entulleiras para os estériles non inertes con menor capacidade de mobilización de metais.

Ante os previsibles efectos prexudiciais que todos estes materiais van ter na calidade das augas dos afluentes do río Ulla, a empresa prevé o impermeabilizado e clausura destes materiais ao final do proxecto, sen ter en conta que os impermeabilizantes degrádanse e caducan co tempo polo que se verá incrementada a contaminación das augas proporcionalmente ao volume de residuos perigosos almacenados.

Por todo o expresado anteriormente, a empresa non garante dabondo que os metais tóxicos, os reactivos das augas do proceso, os lixiviados das cortas e das entulleiras non vaian  afectar ás augas e sedimentos do río Ulla.

Os concellos situados río abaixo da mina poden verse afectados pola contaminación das augas do río nas captacións de auga potable.

A experiencia previa constatou o importante dano ambiental que esta explotación mineira orixinou e segue orixinando na cunca do principal río que desemboca na ría de Arousa. De feito na actualidade o rego de Pucheiras -afluente do Ulla- tras estar en contacto coa zona de explotación abandonada amosa niveis de cadmio e de mercurio moi superiores aos máximos legais permitidos.

A execución deste novo macro-proxecto de explotación mineira na cunca do Ulla pon en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a ría de Arousa. Por tanto as administracións deberían aplicar o “principio de precaución” para protexer as actividades de pesca, marisqueo e cultivo de mexillón que se realizan nesta ría.

A execución deste macro-proxecto tamén pon en risco as captacións de auga potable de concellos de Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa.

A execución deste macro-proxecto tamén pon en risco os valores naturais protexidos como o ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza, as especies ameazadas (nomeadamente o mexillón de río, Margaritifera margaritifera e a toupa de río, Galemys pyrenaicus) e o Humidal Ramsar Complexo intermareal Umia-Grove-Carreirón.

Por todo isto, os distintos sectores do mar de Arousa temos solicitado á Consellería do Mar e á Consellería de Economía, Emprego e Industria a retirada do proxecto de explotación da mina de San Rafael de Touro-O Pino e

propoñemos que o Pleno Municipal acorde:
  1. Instar ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e  Industria que se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos ESO14PEAEGAL-19, ESO14PEAEGAL-18/02 e ESO1429.
  2. Instar á Xunta de Galicia para que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados, para como mínimo asegurar que esta explotación non compromete a calidade ambiental do río Ulla e da ría de Arousa.
  3. Remitir o texto do acordo acadado polo Pleno Municipal a
PLATAFORMA EN DEFENSA DA RÍA DE AROUSA (PDRA), Avda. Dr. Tourón nº 44 -entrechán, C.P. 36600, correo-electrónico: pdrarousa@gmail.com

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
10 de junho de 2018 16:02

__________

venres, xuño 08, 2018

André Abeledo, actual concelleiro, encabeza a única candidatura que se presenta en Narón as primarias abertas para a elección de candidatos de EU cara as eleccións municipais de 2019 - Unha candidatura paritaria e plural onde afiliadas e simpatizantes, mulleres e homes participan para seguir traballando por una Narón pola esquerda


André Abeledo encabeza a única candidatura que se presenta en Narón as primarias abertas para a elección de candidatos de EU cara as eleccións municipais de 2019

Unha candidatura paritaria e plural onde afiliadas e simpatizantes, mulleres e homes participan para seguir traballando por una Narón pola esquerda.

A candidatura que se presenta a estas primarias abertas de EU Narón é a seguinte:

01.- André Abeledo Fernández (Concelleiro de EU Narón)
02.- Mª Belén Aneiros López (Coordinadora Local)
03.- Roberto Villasuso Vázquez (Secretario de Organización)
04.- Tamara López Díaz (Simpatizante)
05.- Argemiro Montero Martiño (Secretario de Finanzas)
06.- Manuela Dolores López García (Afiliada)
07.- Luis Miguel García Pita (Afiliado)
08.- Lorena Bermúdez Doce (Simpatizante)
09.- Jorge Torres Machado (Afiliado)
10.- María Luisa Agra Parada (Afiliada)
11.- Rubén Méndez Otero (Simpatizante)
12.- Nuria Fernández Sánchez (Simpatizante).


ESQUERDA UNIDA DE NARÓN

Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter. | Achegate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.


Enviado por:
Naron Esquerda Unida

-eu-naron@esquerdaunida.org-
5 de junho de 2018 21:27
_____________________

luns, maio 28, 2018

O concelleiro da esquerda de Narón desenvolve, estes días, unha grande actividade institucional: sobre os intereses da veciñanza de O Val que se ve afectada polo trazado da senda peonil e ciclista; sobre a moción para rebaixar o período mínimo de empadroamento para solicitar axudas sociais e sobre a necesidade de que a Xunta de Galicia se tome en serio o problema cos xabarís na zona



Abeledo defende a necesidade de defender os intereses da veciñanza de O Val que se ve afectada polo trazado da senda peonil e ciclista.

André Abeledo defendeu a necesidade de defender os intereses da veciñanza de O Val que se ve afectada polo trazado da senda peonil e ciclista proposto pola Xunta de Galicia.

Abeledo entende que unha Declaración Institucional é a mellor ferramenta, posto que é unha mostra unánime de todos os Grupos Municipais de apoio a veciñanza afectada.

André Abeledo defende que os Grupos Políticos do consistorio debemos esixir a Xunta de Galicia que se abran contactos coas veciñas e veciños afectados para que o trazado sexa o mais consensuado posible.

Nese sentido no Pleno deste Xoves EU Narón compartirá Moción con aqueles Grupos Municipais que apoien a Declaración Institucional.

A Moción propón instar á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a abrir un diálogo cos veciños de O Val afectados pola senda peonil ciclista das vías AC-116 e AC-114 para diminuír a afección do proxecto,e remitir esta Moción a todos os partidos con representación parlamentaria na Xunta de Galicia.


Apoio maioritario a Moción de EU Narón para rebaixar o período mínimo de empadroamento para solicitar axudas sociais.

André Abeledo amosa a súa satisfacción polo apoio maioritario dos Grupos Municipais do Consistorio a Moción para rebaixar o período mínimo de empadroamento para solicitar axudas sociais no noso concello de seis a tres meses.

A Moción será aprobada no Pleno Ordinario deste mes de Maio.

"Sen dubida esta é unha medida que vai a beneficiar a moitas familias que están a pasar por un mal momento, é unha medida xusta, é un avance social para Narón".

Abeledo insiste en que dende EU Narón seguiremos aportando ideas, seguiremos traballando para mellorar a vidas das naronesas e naroneses. Temos un proxecto de cidade e un modelo de sociedade e traballamos para que cada Moción e cada iniciativa de EU Narón sexan útiles para a veciñanza


André Abeledo insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia se tome en serio o problema cos xabarís na zona.

Abeledo advirte que o atropelo dunha cría de xabaril no Polígono do rio do Pozo nestes días e os danos que continúan a sufrir as plantacións na zona rural, son os síntomas visibles dun problema que continua e seguirá medrando si non se comeza a trazar un plan a medio e longo prazo.

André Abeledo
insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia se tome en serio este problema antes de que a situación se torne aínda máis complicada.

André Abeledo e Antón Sánchez mantiveron unha reunión cos labregos de Narón o pasado 15 de Xullo do 2017 para falar deste problema.

Naquela xuntanza os afectados denunciaron ademais a falla de control que ten o Goberno galego que non ten nin datos sobre a poboación do xabaril e “veñen a preguntarnos o número de xabarís que hai no monte” asegurou un deles. Destacaron ademais que o problema do xabaril agrava aínda máis o abandono das terras xa que “ninguén vai querer traballar e investir na terra para que veña despois o xabaril a esnaquizar todo o plantado sen que ninguén faga nada por evitalo”.

Xa entón a veciñanza de Narón denunciou importantes perdas nalgúns casos con colleitas de case unha hectárea estragadas a causa destes ataques. Por este motivo reclamaron a busca de solucións de xeito urxente para este problema que na zona de Ferrolterra onde aseguran “nunca houbo tanto xabaril”.

A diminución da superficie agraria, o abandono do rural, o incremento da superficie de plantación de eucaliptos, a falla dunha política real orientada a loitar polo rural están a provocar que o xabaril se convertera nun grave problema para os veciños e veciñas como sinalou o vicevoceiro no Parlamento, Antón Sánchez.

Lembramos que a raíz daquela reunión en Narón, En Marea levou entón ao Parlamento de Galicia diversas iniciativas nas que se pedirán explicacións ao Goberno galego ante a súa total falla de interese por este problema que afecta de xeito moi importante ao rural. O grupo parlamentario presentou unha proposición non de Lei na que se presentarán medidas reais que o Goberno galego debería impulsar para dar solución a corto prazo compensando polos danos ocasionados polo xabaril, e a medio e longo prazo, controlando a poboación da especie e traballando por recuperar o equilibrio no monte galego.

Así, tanto En Marea na Xunta de Galicia como o concelleiro de EU Narón André Abeledo no Concello a través dunha Moción solicitaron as seguintes medidas a Xunta de Galicia:
* Garantir as indemnizacións que cubran a totalidade de danos causados polos xabarís e predadores en explotacións agrícolas, así como implantar un maior control destas especies.
*  Afondar e estabilizar das estratexias de prevención de danos causados por predadores e xabarís nas ganderías.
*  Impulsar o diálogo entre os actores involucrados.
*  Convocar e facilitar mesas de diálogo intersectorial, como pode ser a Mesa do Lobo.
*  Mellorar o deseño, axilizar e simplificar as indemnizacións.
*  E por ultimo, estudar e impulsar estratexias de prevención.

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
28 de maio de 2018 11:36
28 de maio de 2018 12:06

_________________________
_______

martes, maio 22, 2018

Construíndo Unidade Popular en Narón, acto político este xoves 24 de Maio as 19:30hs no Café Teatro do Pazo de Cultura, coa participación de Antón Sánchez, Eva Solla, Marta Lois, Sabela Pérez e André Abeledo


Construíndo Unidade Popular en Narón, acto político este xoves 24 de Maio as 19:30hs no Café Teatro do Pazo de Cultura, coa participación do Concelleiro de EU Narón André Abeledo acompañado por Antón Sánchez (Voceiro Nacional de ANOVA), Eva Solla (Coordinadora Nacional de EU), Marta Lois (Concelleira de Compostela Aberta), e Sabela Pérez (Voceira de Marea Atlántica), participará no acto "Construíndo Unidade Popular en Narón".

Abeledo defende a necesidade da unidade da esquerda para construír entre todas e todos unha sociedade máis xusta e unha cidade máis humana. A Unidade Popular debe ser o camiño da transformación social que debemos comezar a andar en Narón.

O traballo feito dende a oposición polo Grupo Municipal de EU Narón, dende unha oposición que sempre pretendeu construír e tender pontes, propoñer e dar ideas, para mellorar a vida das veciñas e veciños da nosa cidade, vai na liña desta Unidade Popular da xente e para a xente, que entre todas e todos tentamos construír.

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN 

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
22 de maio de 2018 11:50

_________________

mércores, maio 16, 2018

Segundo partido de fútbol sala solidario co Pobo Saharauí do Concello de Narón, celebrarase o próximo Domingo día 20 de Maio as 12:00 no Pavillón de A Gándara - Como o ano pasado neste partido solidario participaran concelleiros de Narón xunto a alcaldes, dirixentes sindicais, saharauís e familias acolledoras do noso Concello


Segundo partido solidario co pobo saharauí do Concello de Narón


O partido de fútbol sala solidario co pobo saharauí celebrarase o próximo Domingo día 20 de Maio as 12:00 no Pavillón de A Gándara. Como o ano pasado neste partido solidario participaran concelleiros de Narón xunto a alcaldes, dirixentes sindicais, saharauís e familias acolledoras do noso Concello. 

A entrada/donativo terá un prezo de 3 euros.

A intención é conseguir recadar fondos para mercar o material necesario para paliar as difíciles condicións de vida nos campamentos.

Tamén buscamos a concienciación da cidadanía e que mais familias da nosa cidade se animen a acoller no verán a unha nena ou neno saharauí durante o verán.  

Unha vez máis dende EU Narón animamos a veciñanza a participar e colaborar nos actos solidarios co pobo saharauí que estanse a celebrar no Concello de Narón.

André Abeledo indica que estes actos son unha mostra máis da solidariedade das naronesas e naroneses que sempre están a altura cando é preciso.

Dende EU Narón queremos amosar o noso agradecemento aos participantes na “masterclass” celebrada o día 12 de Maio no Pavillón de a Gándara. E ao ximnasio Beni Gym de Narón pola organización deste acto solidario.

Narón, 14 de maio de 2018

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Foto da “marterclass” solidaria celebrada este día 12 de maio no Pavillón de A Gándara, (Narón).

Enviado por.
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
14 de maio de 2018 12:34

_________