Amosando publicacións coa etiqueta Iolanda Teixeiro Rei. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iolanda Teixeiro Rei. Amosar todas as publicacións

xoves, abril 28, 2022

A palavra adoquinada, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Iolanda Teixeiro Rei [*]
29.04.2022


A PALAVRA ADOQUINADA

Descarbonizando a praza do Carbón, peonalizando a praza do Callao en cuxos altos loce o monumento ao almirante vigués Méndez Núñez, (un dos heroes da batalla do Callao) o governo municipal cambia os vedraños adoquíns de granito do país polo horrendo formigón. Reclama ser Ferrol Patrimonio Mundial e, a un tempo, deixa nas cobizosas mans dos construtores de tixolo e cemento o enfeitizo dunha cidade ilustrada. Na praza do Callao, da verba celta caliavo, que provén de kal, isto é pedra ou callau, praia de cantos rodados, como os fermosos pavimentos das belidas cidades portuguesas, nos Açores, Madeira ou no Languedoc francés. Como os fermosos adoquíns que loce a cidade tan premiada de Victoria, artellados alí polos canteiros artesáns pontevedreses, como Karlotti me comentava onte, un dos artelladores da Palavra Encarnada, da Poesía salvaxe, a adoquinar de versos livres as rúas e as prazas da cidade racionalista durante tres longos lustros. Na praza do Callao a verba dos arxinas que Ferreiro cantara, a pedra de granito lavrada por canteiros, o addukkín que fai das rúas espellos de ríos grisallos por onde a auga lúe sen apozar, por onde o paseante camiña sen esvarar. O empedrado ferrolán patrimonial que devera ser mimado como os abraiantes mosaicos dos irmaos portugueses. O adoquín lambonada ou carambelo. O adoquín político, torpura dos diñeiros públicos que escorregan polas arcas do formigón armado. O adoquín-cubo de xelo con azucre para as bebidas do Callao peruano. As pedras escadradas dos antigos romanos, lindas e rexas, como radiantes versos de luz ecoados nos espellos das brancas galerías. Pedra-osamenta da terra nai. Adoquín da revolta no maio francés, baixo o teito de pedra, pavimento de areais contra as cargas policiais nas primaveras. Adoquim do Brasil, zona policiada. Pedra de escândalo, Palavra encarnada, cerco de pedra en que a verba encarna para curar ao sol. Versos nas calzadas. Silenciada arma carregada de futuro. Encarnada nas tascas e mercados, entre o viño e a cebada, no mar de dentro e no de fóra, nos Ateneos abertos, entre cuncas e linguas de cor e lume, nos ancos sombrizos da cadrícula ferrolana. Pedra de amolar, para aguzar as facas. Pedra de xelo, saraiva nos cravos de abril, festexando a revolución guiada outrora por Saraiva de Carvalho.

A Palavra Encarnada a empedrar as rúas de Ferrol. Bardos do povo, desmercantilizando a beleza, convocando a voz, compangando o pan, sementando as leiras, afiuzando na colleita e na sazón. Sen curiais nen dezmos. Poetas, pedra a pedra, erguéndose en encostas. Consagradores da pedra infernal que há corroer as nauseabundas espullas do Mercado. Pedra-adoquín, fita nas verbas, liberando a cidade dos valados.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
27 de abril de 2022 20:14

_______

xoves, abril 07, 2022

Cortando chapa para a guerra, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
07.04.2022


CORTANDO CHAPA PARA GUERRA

Ferrol amenceu hoxe entre tambores procesionais e forzas de seguridade. O presidente do governo central e unha recua de autoridades, entre as que se atopava a vicepresidenta ferrolana, Yolanda Díaz, viñeron, ao fin, a cortar a chapa da fragata. Prometen sete mil postos de traballo e falan do que levan falando desde que teño memoria, de diversificar mercados. Prometen na cidade da reconversión pantasma. Prometen na comarca das promesas. Falan da eólica mariña como a panacea universal esquecendo os ecosistemas mariños, o sector pesqueiro e marisqueiro e a escaseza de enerxía e materiais para os construír. Veñen a nos enlear coa dixitalización de todos os procesos produtivos mentres eu leo Thanatia. Los límites minerais del planeta dos enxeñeiros termodinámicos Antonio e Alicia Valero. Falan da industria auxiliar aqueles que destruíron os empregos navais de calidade e agora veñen a agasallarnos coas migallas dun precariado perpetuo. Prometen encadearmonos á industria militar de por vida mentres reciben os aplausos ou os silenzos dos que berran Non á guerra e mudan en pacifistas no reconto de ucranianos mortos do telexornal.

Contan co silenzo cómplice dos sindicatos da súa corda e coas protestas ocas dos demais. Hai moito moito tempo, que o sindicalismo acostumouse a arredar a loita política da loita sindical, situándose dentro do sistema capitalista. Como di Antoni Doménech en El eclipse de la fraternidad. Una revisión republicana de la tradición socialista, os sindicatos socialdemócratas entendíanse xa primordialmente como meras organizacións de defensa dos dereitos dos traballadores en canto vendedores da forza de traballo.

Cortar chapa para poder comer, cortar chapa e baixar a cabeza ou mirar ao outro lado agochándonos no falso relato de que as fragatas constrúense para axuda humanitaria e que a industria militar non é máis do que a ONG do Estado. Cortar chapa porque non hai outra que cortar, desafiando o perigo de ser albo fácil dos mísiles rusos contra a OTAN.

Carlos Taibo aponta no artigo GUERRA, ecofascismo, colapso: intuicións, a posibilidade de ecofascismos previos ao colapso cunha confrontación entre elites no medio dun panorama de creba dos circuítos económicos, financeiros e comerciais, de problemas crecentes no subministro de materias primas enerxéticas, de encarecemento abraiante nos costos de transporte e desbocadas operacións especulativas. Amais do globo sonda austríaco dun exército teimando en perfilar unha plena autonomía en materia de enerxía e auga nos cuarteis para socorrer a unha desvalida povoación civil, vítima imprevista dun apagón xeral.

Xunto a isto, di Taibo, o afortalamento da OTAN coa promesa dun horizonte inquietante de militarización, autoritarismo, intervencionismo, inxerencias e represión das disidencia. Nada difícil recén chegados da servidume voluntaria dunha pandemia.

Todo isto cando celebramos o medio século da publicación de Os límites do crecemento e a cuestión ambiental ocupa todos os cabezallos, mais desligada da crítica ao modelo económico de crecemento exponencial e infindo que provoca a crise global na loita polos derradeiros recursos do planeta, como nos lembra Jorge Paços no Galiza livre.

E mentres uns andan cortando chapa para a guerra, Ferrol prepárase para a Semana Santa pintando os bancos da cuadrícula por onde as bandas desfilan recendendo o aire con incensos relixiosos e bélicos tambores, nun arrepiante recordo doutros tempos. No alto das prazas, os grandes cartaces da concellalía de Benestar animal advirten que Un pis límpase nun plis, nunha cidade sen un mísero urinario público.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
6 de abril de 2022 23:06

_______

luns, marzo 21, 2022

Non á guerra e... a seguir crecendo, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
21.03.2022


NON Á GUERRA E... A SEGUIR CRECENDO

Estes días veñen de se organizar por algunhas organizacións, concentracións contra a guerra en Ucraína. O lema é Non á guerra.

É doado apuntarse á paz e ser solidarios na distancia, sobre de todo cando a nova ameaza vírica é atopar os andeis baleiros dos supermercados. É a moina destes tempos de indefinición. Quen vai querer que se derrame o sangue do povo ucraíno ou de calquera outro povo?

Pero non sería ben máis efectivo defender políticas enerxéticas transparentes? Quen lideran estas concentracións teñen o afouto de sair do PIB como leme dunha economía desexavel? Ninguén pode xa ignorar o efecto bolboreta do capitalismo asasino da globalización.

É de recibo berrar na ágora Non á guerra desentendéndose da descarbonización, mudando as políticas de redución enerxética e de consumo polo trapelo da  paradoxal eficiencia? Pódese facer política curtopracista en defensa da instalación ou permanencia de calquera industria malia que destrúa as posibilidades de desenvolvemento territorial respectuoso co ecosistema, apostar polo produtivismo e teimar no mantra dun modelo crecentista, coñecendo o despilfarro da enerxía que iso supón e as guerras que iso causa?

Non saben eses artelladores do Non á guerra que iso implica políticas radicais de esquerda non-produtivista de Non ao saqueo territorial?. Políticas que ningún deles defende.

Acaso non é a guerra de Ucraína, entre outras cousas, unha guerra pola dominación dos escasos recursos enerxéticos nun mundo que abanea entre o despilfarro e a pobreza enerxética? Acaso non é o gas imprescindible para a nosa sustentavel transición enerxética? Lembremos que no 2014, o gas xa estava na cobiza pola hexemonía de occidente, naquela Estratexia Europea da Seguridade Enerxética onde se falava das estratexias contra a hexemonía enerxética rusa.

Como ben aponta Carlos Taibo, Rusia tería mordido o anzó que lle tenderan as potencias occidentais co fin de finiquitar a era Putin para beneficio de EEUU que, sempre na lonxanía, non vería con malos ollos dividir á Unión Europea, sabido de que o fracking é un ridículo amaño para manter o pozo sen fondo do modo de vida americano.

Por outra banda, Fernández Durán e González Reyes no manual clásico En la espiral de la energía xa apontavan no apartado Auxe de novos fascismo e do patriarcado como paradigma do colapso social, que unha das posibilidades do ascenso do fascismo sería orquestrar movilizacións populares ou insurreccións como a de Ucraína para tornar en autoritario, un governo saído das urnas, en resposta á presión popular.

Por iso, as concentracións de Non á guerra tiñan que vir acompañadas dun programa transparente de pedagoxía política do colapso. Clarexar que fai, por exemplo, o grupo Wagner, compañía militar privada rusa en África tanto como  esmiuzar as paixóns/birras entre Marrocos-Sáhara-Arxelia-España e a súa relación co gas e os fosfatos na dictadura dos supermercados e a agroindustria. Ou, amais de demonizar a Putin e censurar Russian Todays e Sputnik, recordar o acordo da Unión Europea para construir un megasoducto desde Azerbaiyán até Italia, unha vía terrestre contra a hexemonía rusa do gas, sen lles importar os máis de 50 presos políticos azeríes.

Foron moitos dos que agora orquestran o pacifismo que aplausaron a instalación de plantas de gas contra toda a legalidade, eses que saben que os cartos que deverían adicarse á resiliencia, a relocalización, á soberanía enerxética e alimentar para un mundo posfosilista, morren en investimentos de Proxectos de Interese Común en novas regasificadoras ou en ampliar perigosamente a capacidade das vellas.

Eu pergúntome a cotío onde é que vai a esquerda. Onde é que se concentran aqueles marxistas que, como o filósofo Manuel Sacristán, lonxe da esquerda crescentista de hoxe, suliñava a necesidade de contribuir á diminución do consumo no modelo social, así como á eliminación da producción nociva e superflua. Aqueles que sabían que a liña vermella do internacionalismo obreiro e a solidariedade norde-sur era algo máis que defender calquera industria só computando os postos de traballo a crear, sen computar os destruídos ou sen analisar as consecuencias territoriais nun programa que abranga as xeracións futuras.

Onde está logo esa esquerda que sobarde as mezquiñas aspiracións pequenoburguesas?

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
20 de março de 2022 21:29

_______

Foto de José Martín. | Desabastecemento - Carnicería de Gadis en catabois (Ferrol) 21.03.2022
_______

xoves, febreiro 24, 2022

Falsos amigos, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
24.02.2022


Os lingüistas falan dos falsos amigos, aquelas palavras da mesma factura que, porén, teñen significados moi diverxentes. Fernando Venâncio,no seu interesante livro Así naceu unha lingua. Sobre as orixes do portugués, desvélanos a verba logro como exemplo de falsos amigos entre portugués e español. Logro, proveniente do latín lucro, que tamén deu lucro, en español significa éxito mentres que en portugués é fraude.

Impresiona especialmente o exemplo do latín plicare, eis dobrar. Del derivan o portugués e galego chegar e o español llegar. Parece q a explicación é que, ao se acadar o porto de destino, se dava a orde Plicare! para dobrar as velas. Só que, no romanés, o mesmo verbo deu pleca co significado de partir.

Namentres eu ilustrávame con estes falsos amigos, a televisión seguía instalada no monotema da semana, ese que é quen de apagar o galanteo leonés entre os populares e os ultras de Vox. Ámbolosdous veñen de acadar o logro/lucro nas elecións. Deixo á escolla do lector ficar coa versión española de éxito ou a portuguesa de fraude. De calquera xeito o estourido leonés chegou ao cerne da bicefalia popular central facendo que outros falsos amigos ergan as vellas liortas polo poder, unha escusada man interna remexa documentos dobrados, do latín plicare que como xa dixemos é chegar en galego e llegar en español.

O tándem Casado-Ayuso deixa de pedalear xunto e entra nunha batalla de logros coa versión portuguesa de fraude da mascarada do irmán da presi madrileña ou coa versión española de éxito do capitán Casado, aínda asegurado no leme da nao.

Ninguén ventava hai uns días que aquel presi do noroeste, sempre tan renegado da capital do reino, aquel das sonadas fotos naqueloutra nao co narco Marcial Dorado, dera a orde de plicare, de dobrar as velas, quen sabe se para chegar ou se para partir. Ao fin, todo depende dende onde se albisque o panorama político.
Xa en política, xa en lingüística, abrollan sempre os falsos amigos.


[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
23 de fevereiro de 2022 19:15

_______

mércores, febreiro 09, 2022

Ferrol dende un balcón, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
09.02.2022


FERROL DENDE UN BALCÓN DE SOL

Debruzo na varanda desta rúa triste e sombriza, esta rúa onde o sol asoma temesiño luíndo a penas, coas súas febles raiolas invernizas, as galerías outas e pares da outra veirarrúa.

Ninguén que me poida lembrar se houvo sol noutrora ou se o nome é somentes unha brincadeira, como eses alcumes que tantas veces salientan xustamente aquilo do que a persoa carece.

Mais, magoada polo trafego rodado, a longa e rectilínea serpe de Sol é cobizada como lugar de estacionamento nunha cuadrícula desbordada polos vehículos, eses usurpadores do espazo público á cidadanía, no centro dunha cidade racionalista que fora deseñada para camiñar con folgar.

De fronte a tristura o espírito unha vedraña vivenda de baixo e dous andares coroada dunha bufarda que asoma polo tellado con dous ollos valeiros como unha velliña cega que malia non ter xa pisca de luz, parece fitarte coa olladela fría e esquecida de todos os ollos que a habitaron.

A casa non ten número mais no seu día deveu ser de boa traza. Aínda conserva a pedra en bon estado e as albas galerías de madeira apodrecida lucen, porén, uns releves de motivo vexetal. Leva un mundo apuntalada de arriba abaixo como quen non quere matala nin deixala vivir. Os puntais, xa enferruxados, atravesan os restos do que foi o toldo dun negocio no baixo. Na banda dereita da derradeira galería, unha gran chapa metálica semella evitar que se veña abaixo. Nunha das portas, tapiadas con tixolo e cemento, alguén deixou escrita a pintada: El de Tanger traición. E como toda tragedia ten a súa faciana cómica, na parede do balcón luce unha chapa branca moi nova, negro sobre branco: seguros mutuos ferrol. Como guinda, érguese no tellado erváceo unha longa antena pola caluga da bufarda,  símbolo dun progreso calcado sobre as ruínas dunha cidade que fuxe da súa propia historia.

Ao seu carón, a súa vivenda veciña, de mesma traza, non resistiu as bategadas do tempo e do esquecemento. Só fica o baixo apuntalado no que alguén molestouse en pintar unha fouce e un martelo vermellos. En riba, a beleza decrépita do que foi a saída a un balcón como unha pequena porta dun irrisorio triunfo, coa mesma chapa de seguros mutuos, protexe os sangumiños do que foi un fogar, a rexa osamenta dunhas vellas trabes aínda termando das galerías parellas.
Só as pombas e as gueivotas devecen por estas xoias do pasado.

As xentes pasan polas veirarrúas coas súas angueiras sen reparar no cotiá. Na beleza e sabencia que se perde, no pasado e futuro como dous siameses inseparaveis. A perda de identidade, a miseria, a usura e a tolemia. Os maiores cos seus carros do mercado, atafegados por chegar a casa cismando na encosta que queda por salvar. A mocidade en pandas coas súas mochilas e os seus risos e berros demorándose por non chegar a casa nin a ese mañá agoreiro. Os miúdos brincando e contando ás súas nais o conto do día ao saires da escola, inocentes ao devalo dun mundo.

Desde o balcón até raiar a tardiña flúe un balbordo leve e discontinuo, comedido como as augas dun río vertolán. Un home mira cara arriba, mais a meirande parte ollan ao horizonte ou ás pantallas dos seus móbiles. É a lóxica dos tempos, a velocidade que nos fai cegos ao próximo.

Dende o balcón, boto en falla o verde do campo aberto do meu antigo barrio, o alto de Chamorro, o souto e o Val de Pazos, vagarento en se espreguizar da mesta brétema nas mañás. Aquí albisco unha palmeira esguía que me reconforta e trae á miña memoria a da horta dos meus avós na rúa do Hospital, baixo a que xoguei na neneza. Agora acena coas súas palmas a este ceo estrano sen rastro de nubeiro. A súa sombra pinta un ave fénix no muro branco.  A palmeira dos indianos traída á península por Abderramán I no século VIII, disque unha das árvores máis antigas que chegou a aquí dende o Cretácico. Símbolo da inmortalidade e da abundancia. A súa variedade Phoenix deu nome a Fenicia e á lendaria ave fénix.

Dende o balcón, debruzada na balconada, abranguendo a cidade ao lonxe, pergúntome se será quen de rexurdir tamén, como a fénix, das súas cinzas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
8 de fevereiro de 2022 18:42

_______

Foto de Victor.
_______

luns, decembro 13, 2021

Presentación do libro 'Decrecemento. Construíndo Alternativa', este venres 17 de decembro, ás 19:30 h no Ateneo Ferrolán, con Miguel Anxo Abraira, Iago Pérez e Iolanda Teixeiro


Presentación do libro e charla da Rede para o Decrecemento

DECRECEMENTO
CONSTRUÍNDO ALTERNATIVA


Salón de Plenos do Ateneo Ferrolán
Venres, 17 de Decembro, ás 19:30 h

Interveñen:

MIGUEL ANXO ABRAIRA e IAGO PÉREZ

Presenta:

IOLANDA TEIXEIRO

Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo

https://www.facebook.com/rededecrecemento/


https://redeparaodecrecemento.wordpress.com/


Enviado por:
Rede para o Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo
-redeparaodecrecemento@gmail.com-
12 de dezembro de 2021 17:29

_______

martes, novembro 02, 2021

A Galiza profunda, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


A GALIZA PROFUNDA

Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
02.11.2021


Ao que parece o esperpento segue a ser o espello deformante con que adoitan nos ollar dende España. Cando xa nos estavamos a repor da aldraxe dese sonado programa televisivo de cociña onde botaron man dos eternos tópicos e do noso acento, sae unha sentenza dunha xuíza de Marbella que retira a custodia do seu fillo dun ano a unha muller por vivir na Galiza profunda, onde seica non há múltiples posibilidades para o adecuado desenvolvemento da personalidade dun neno e para que medre nun ambiente feliz. O neno fica co pai en Marbella por ser unha cidade cosmopolita con infraestruturas, un bon hospital e todo tipo de colexios, públicos e privados. Segundo a xuíza, a Galiza profunda cae nunha zona da ría de Muros e Noia lonxe de todo e sen opcións laborais.

Pode que a xuíza non ande tan descamiñada co de situar a Galiza profunda en Noia pois de todos é sabido que esa vetusta vila foi fundada por Noé, o da arca, en recuados tempos, que a súa igrexa principal fica inconclusa e que alberga unha maldición. Tamén saberá a xuíza que acó está o conxunto de lápidas máis importante de Europa, co perigo que isto supón para unha criatura, a Feira medieval máis fetén e a mellor empanada de berberechos do mundo, despois da de Ferrolterra. Curiosidades ancestrais dun mundo atrasado. E anque está tan perto de Coruña e de Santiago, todos coñecemos que era terra de zapateiros e ben sabemos que o tronante e o demo frecuentavan ese oficio. Que oportunidades educativas e laborais vai ter un pequeno de un ano no que foi un dos portos máis importantes do Atlántico? Imos privar ao pequecho de chegar a ser o rei do tixolo ou o xeque da noite marbellí para rematar sendo un pobre mariscador que malvenda o ouro da ría a calquera restaurante malagueño? E anque Noia tivo tres antigos hospitais no medievo cando Marbella aínda non fora reconquistada, agora havería que trasladar ao pequeno ao hospital de Santiago de se dar unha urxencia, dionolo queira, iso si, por unha autoestrada noviña. Por riba está esa torre inacabada coa lenda negra de que quen a rematara correría un destino fatal. E así foi cun cineasta que nos anos 70, elevou unha torre de cartón pedra para a rodaxe de A campá do inferno, precipitándose accidentalmente da torre e morrendo.

Que vai facer unha crianza entre a Cova da Moura e a Cascada de Argalo senón se criar coma un selvaxe megalítico ou se dourar ao sol, espido, no Castro de Baroña? Condearemos ao cativo a vivir coa súa nai como un simples muradán, exposto a esquecer a lingua de Cervantes, ese escritor castelán de apelidos galegos, por un galego con gheadas, poidendo ser políglota marbellí a facer negocios no Bounty Beach? Poidendo vivir co seu pai nunha cidade cosmopolita de próspera industria hoteleira e golfista no paraíso da España seca, deixaremos que a crianza viva coa nai que o pariu nunha terra de bruxas, perigosas sereas que de xeito vertolán afogan mariñeiros para levalos aos seus leitos mariños, maroutallos, serpes voadoras, urcos que agoiran morte, destripadores de antano, malos ollos, compañas, tangaraños, terroríficas lamias e lurpias, lavandeiras da noite que nos reclaman torcerlle as roupas dos defuntos, pedras abaladoiras, sortilexios e pentáculos do Ciprianillo, revoltas priscilianistas, santuarios de morte, ondas fecundadoras, rapas das bestas, krakens e congros xigantes?. É de recibo acaso privar a un neno de se desenvolver en medio de urbanizacións de turistas torrados ao sol que máis quenta en areais de grava ou de ter lecer no parque comercial de La Cañada con cen mil metros cadrados de tenda para os escasos días de chuvia non máis que para o meter nunha profunda ría onde a brétema pare pantasmas e chove que non escampara?

Que xuíza nos seus cabales, cambiaría o luxo asiático e chic de Puerto Banús onde nos seus restaurantes VIP se pode desfrutar dun centolo por un ollo da cara ou os dous pola mar brava do porto de Muros ou Noia?.

Ben pensado e deixando a chacota, magoa que unha letrada non saiba que Noia estivo sempre ben comunicada, pola pedreira e vedraña Ponte Nafonso por onde ían e viñan persoas e mercadorías cara as bisbarras de Outes e pola Ponte de Traba, na antiga calzada romana, camiño  da tan galega Braga. Pero aínda magoa máis que se lixe a palavra profunda para se referir ao mundo rural ou vilego como sinónimo de carente de cultura ou posibilidades de se desenvolver unha crianza no paraíso da Iberia vaciada.

Se a xuíza marbellí reparara no inferno que vai supor a suba da temperatura e das augas polo cambio climático libraría ao neno daquel clima abafante.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
25 de outubro de 2021 21:53

_______

Foto: Cascada de Argalo.
_______