Amosando publicacións coa etiqueta Non á Privatización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Non á Privatización. Amosar todas as publicacións

sábado, marzo 24, 2012

Queren privatizar organismos públicos e enterrar 800.000 euros na Praza de España - Comunicado da Asociación Veciñal de Esteiro

MANIFESTAMOS a total oposición da AV de Esteiro a que se privaticen os Padroados de Música, Deportes e, de maneira máis rotunda, o INFACOFE, o que supón a privatización da xestión e recadación dos tributos que pagamos os cidadáns. O máis grave e a situación na que queda o persoal laboral deses tres organismos, non son funcionarios, que non teñen o seu futuro laboral asegurado.

Estas privatización non van supoñer ningún aforro para a Facenda Municipal e o que son e unha mostra máis da política de recorte de dereitos e de servizos que pretende o actual Goberno Municipal, como acabamos de ver no peche do Consultorio da Graña, sen que o Alcalde da cidade, Sr Rey Varela, movese un só dedo para impedilo, exercendo como presidente local do Partido Popular antes que cumprir coas súas obrigas como Alcalde de todo Ferrol defendendo diante da Consellería de Sanidade a continuidade da instalación sanitaria.

Mentres se pretenden privatizar organismos públicos coa omnipresente e falsa excusa de aforrar cartos, se pretenden enterrar 800.000 euros nunha nova ocorrencia do Sr. Evia na Praza de España, e moitos miles de euros máis noutra ocorrencia para o Parque Municipal.

Desde a AV de Esteiro chamamos a todo o tecido asociativo e á cidadanía en xeral a mobilizarse en contra da perda de dereitos e da privatización de servizos e convocamos a todos a Asemblea Cidadá que se vai celebrar o martes día 27 de Marzo ás 19:30 horas na Praza de España, para impedir que se gaste o diñeiro público en obras absolutamente innecesarias e que van prexudicar, unha vez maís, os comerciantes da Praza de España e proximidades e a toda a cidadanía de Ferrol, que ve como se pechan comedores sociais que estaban en funcionamento, non se fan os que estaban comprometidos, se recortan axudas a entidades socio sanitarias sen ánimo de lucro, pero se está disposto a tirar 800.000 euros nunha obra que non ten xustificación

Xunta Directiva da AV de Esteiro

Local Veciñal:
Rúa Fernando VI,
Bloque I baixo
Ferrol -15403
Telef. 981933223
avesteiro@galicia.com
http://avesteiro.blogspot.com/


Enviado por:

avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
24 de março de 2012 11:56
________________________

xoves, novembro 18, 2010

Concurrida manifestación en Compostela contra a privatización do "Souto de Leixa" - Este Sábado 20 de Novembro, a manifestación será en Ferrol


As traballadoras e traballadores do "Terra de Ferrol" - "Souto de Leixa", acudiron, o 18 de Novembro, diante do edificio de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, para mostrar o seu rechazo ao proceso privatizador que sofre o seu centro. Contaron co arroupe das compañeiras e compañeiros do centro "Santiago Apostolo" d'A Coruña, que tamén loitan contra a súa privatización. As familias de usuari@s, activistas das centrais sindicais, membros dalgúns partidos políticos, e traballadoras e traballadores doutros centros públicos de Ferrol, enchian a comitiva que se desprazou á cidade compostelá.

Ás 11 da mañá partía unha numerosa marcha até a esplanada diante do Edificio Administrativo de San Caetano que reune as administracións centralizadas das diferentes consellarías. Os lemas escritos nas faixas, identificaban ben a loita contra a privatización da xestión do centro, que a Xunta pretende dar a unha empresa privada, para facer da xestión un negocio.

A manifestación tivo un carácter moi reivindicativo, con forza e convencimento berraba-se contra a privatización, a favor da xestión pública.

As traballadoras e traballadores en loita, manteñen unha intensa actividade na defensa dos postos de traballo e contra a privatización dos servizos públicos. Recolleron, e seguen a recoller, miles de firmas en apoio das súas reivindicacións; manteñen entrevistas con cargos públicos e presentan as súas demandas ante as autoridades da Xunta. Ademais, manteñen as manifestacións diarias en Catabois, o peche indefinido no Concello de Ferrol, concentracións na praza do Concello, e ante-onte estiveron manifestado a súa protesta no CIS d'A Cabana, onde se atopaba o Conselleiro de Presidencia, ... Sr. Rueda, contando-nos "milongas" de cumprimentos e compromisos de creación de postos e traballo a través do Plano Ferrol.

As centrais sindicais e os sectores da esquerda política e social de Ferrol e Comarca, teñen enfrente un combate práctico contra a formulación efectiva das políticas neoliberais de entrega ao Capital dos servizos públicos. Até pode que o asunto colla un cariz máis forte, a nivel ideolóxico, pois parece  ser que unha das empresas privadas que optan a conseguir a concesión, está ligada ao integrismo católico. Hai que redobrar esforzos, tomar conciencia de que podemos cambiar a situación e impedir que se leve adiante a privatización do CAPD "Souto de Leixa". Mobilicemo-nos.

O Comité de Empresa e familiares de usuari@s, apoiados polas Centrais Sindicais, convocaron unha manifestación este Sábado, 20 de Novembro, con saída ás 12 do mediodía da Porta Nova [Praza de España], fagamos todo o posíbel para que sexa todo un suceso.

Vídeos da manifestación, en Compostela, do 17 de Novembro de 2010.






____________________________

Eume - A Xunta prevé deixar en mans privadas a xestión das sete reservas naturais


A Xunta de Galicia trata de desvincularse da xestión dos sete parques -seis naturais e un nacional- que existen na Comunidade por entender que hai outras fórmulas que poden ser máis rendibles. De feito, a administración galega ultima o prego de condicións que cambiará a forma de interpretar as reservas naturais en cuestións como mantemento, visitas guiadas ou servizos de atención ao viaxeiro. Un concurso único é a idea sobre a que se traballa para "tratar de rendibilizar o investimento en función dos recursos", tal e como se apuntou desde a Consellería de Medio Rural.

A convocatoria prográmase de face ao próximo exercicio e resulta bastante nova, por canto unha ou varias empresas poderán intervir na explotación dun mesmo parque ou, pola contra, facerse coa xestión dun único servizo que extrapolará a todas as reservas naturais.

A Xunta entende que esta fórmula, ademais de aforrar diñeiro -"gastar o mínimo ou menos" é consígnaa- contribuirá a dinamizar uns espazos que tamén serven de reclamo de face ao visitante. De feito, o ano pasado un total de 656.406 persoas aproveitaron as posibilidades que ofrecen estes espazos naturais para coñecelos un pouco máis de cerca. Segundo a información facilitada pola Consellería de Medio Rural o parque de Baixa Limia-Serra de Xurés recibiu a visita de 23.780 persoas. As dunas de Corrubedo e a lagoa de Carregal suscitaron o interese de 300.000 viaxeiros, mentres que o centro de interpretación das Fragas do Eume atendeu a 43.570 visitantes.

No caso da reserva de Enciñas de Lastra, o número de viaxeiros aproximouse aos 7.600 e, pola súa banda, o Monte Aloia pechou o exercicio sumando 90.000 novos turistas.

O balance do parque O Invernadeiro, ao redor de 1.500 visitantes ao longo do pasado ano, contrasta cos case 200.000 que recibiu durante 2009 o único parque nacional que a día de hoxe existe na Comunidade galega, o denominado Illas Atlánticas de Galicia, que é tamén o último en sumarse a unha política ambiental que arrincou no ano 1978 coa declaración do parque do Monte de Aloia. Na actualidade, máis de 49.000 hectáreas de montes, praias e paisaxes distribuídas polas catro provincias garanten a conservación daqueles valores naturais que sitúan a Galicia entre as comunidades máis implicadas co medio ambiente, polo menos, sobre o terreo. Cabe pensar que o concurso único previsto virá sumar eficacia e rendibilidade a uns espazos con infinitos recursos e posibilidades, tanto desde o punto de vista ambiental como económico.

Publicado, por P.C.C.no xorbnal comarcal Diario de Ferrol - 17.11.2010

Enviado por:
To G.C.
-fusquenlla@sospontedeume.com-
17 de novembro de 2010 19:27
______________________

Enlace relacionado:

http://mediorural.xunta.es/areas/conservacion/espazos_protexidos/
____________________

luns, novembro 15, 2010

Manifestación en Compostela, o 17 de Novembro, contra a privatización do "Souto de Leixa"


Mobilizacións contra a privatización do Centro "Souto de Leixa"

O vindeiro Mércores, 17 de Novembro de 2010, ás 11:00 hs, en San Caetano - diante dos Edificios Centrais da Administarción Autonómica, en Santiago de Compostela, está convocada unha manifestación , contra a política privatizadora da Xunta de Galicia, en defensa dos postos de traballo e para que o centro "Souto de Leixa" siga sendo público.

Desde Ferrol haberá autobuses que sairán ás 9 da mañá de enfrente aos propios centros de "Terra de Ferrol" e "Souto de Leixa" [Telefono de contacto 696191701]

Na actualidade hai 118 personas traballando no Centro de Educación Especial "Terra de Ferrol", dos cales 55 son postos vacantes, coñecidos como interinos, o resto dos postos están ocupados por persoal laboral fixo.

O pasado 13 de Outubro, nunha rolda de prensa onde estaba o Delegado Territorial, Diego Calvo, mais os Secretarios Xerais das Consellarías de Educación e Traballo, anunciaban a xestión privada do "Souto de Leixa".

Isto ten un só significado o desmantelamento por parte da Xunta de Galiza dos servizos públicos esenciais e básicos para este tipo de usuari@s dependentes e semidependentes. Os traballadores e as traballadorasas entendemos que esta política que está a empregar a Xunta, non só significa a eliminación do persoal laboral senón unha mingua xeneralizada na calidade asistencial aos usuari@s. Como por exemplo menos talleres ocupacionais, menos persoal de atención directa, menos persoal de servizos, menos persoal de enfermería e médicos, ...

Instamos á Xunta de Galicia a garantir o mantemento da xestión pública do centro "Souto de Leixa" no proceso de segregación e posta en funcionamento mantendo os postos de traballo da totalidade da plantilla hoxe adscrita ao CEE "Terra de Ferrol", na súa condición de empregados públicos, garantindo a calidade asistencial desenvolta ao día de hoxe.

IMPORTANTE O APOIO DE TOD@S, CÓMO USUARI@S E TRABALLADORAS E TRABALLADORES!

O Sábado 20 de Novembro, está convocada unha manifestación en Ferrol
[Por confirmar lugar de saída e hora]

Información baseada na publicada no sitio web da CIG-Saúde.
_________________________

Enlaces relacionados:
________________________________

Privatización ao pé da casa



En moitas ocasións temos escoitado e reproducido o discurso das organizacións políticas, sindicais e sociais de esquerda en relación á vontade privatizadora dos servizos públicos por parte dos gobernos da dereita. Este discurso enmarcou desde sempre esta ansia privatizadora, na necesidade do capital financieiro de expandir a súa actividade a aqueles ámbitos da vida que teñen recoñecida a calificación, na nosa sociedade, de dereitos básicos, como son a saúde e a educación.

Nos últimos anos, con reivindicación e moito esforzo, o dereito á asistencia para todas aquelas persoas que presentan diversidade funcional, ou dependencia, comezou a estar recoñecido, aínda que sen chegar aos niveis que acadaron o dereito á saúde e á educación. Aínda que os servizos creados para atender estas necesidades non chegaron a ser nunca universais, si cubrían as necesidades básicas e teñen convertido aos servizos públicos dos que disfrutamos nun referente mundial, un modelo a seguir e conquistar por moitos outros países dos distintos continentes.

Este discurso que alertou sempre do perigo das privatizacións, foi moitas veces asimilado máis como un referente a ter en conta que como unha realidade. As privatizacións, entre outras, da construción e xestión de futuros hospitais e centros de saúde por parte da actual Consellería de Sanidade mobilizou miles de persoas e anunciaba un novo tempo onde a protección dos servizos públicos quedaba desconectada. Mais é agora, cos plans de privatización por vía de urxencia do centro “Souto de Leixa”, que vemos ao pé da casa que o tsunami privatizador está a piques de barrer todo o noso sistema de protección social.

A crise económica provocada, entre outros factores, pola desordeada, irresponsábel e codiciosa actuación do capital financieiro, está servindo de coartada, curiosamente, para que estes mesmos irresponsábeis, codiciosos e arroutados, comecen a xogar no seu casino das finanzas cos nosos servizos públicos, estes que temos ao pé da casa, e como é o caso deste centro, atendeu até agora a 200 usuari@s cunha plantilla de 118 traballadores e traballadoras, como cómpre a un servizo asistencial de calidade e que custeabamos entre todos e todas dun xeito solidario a través dos orzamentos públicos. Agora pretenden que unha empresa privada opte a un concurso público por vía de urxencia, e se encargue de xestionalo, engadindo o factor “beneficio privado”, ao espazo onde concorrían solidariedade compartida no mantemento do servizo público, e dereitos garantidos para usuarios e usuarias, para as súas familias, e para os traballadores e traballadoras públicos que os atendían ata agora.

É por iso que as persoas que asinamos estas reflexións, pertencentes a diferentes correntes sindicais e políticas, vemos a necesidade de converter a luita dos traballadores e traballadoras do “Souto de Leixa”, nunha loita político-sindical onde se impliquen todos os sectores laborais e sociais, construíndo un verdadeiro dique de contención, que nos defenda da tempestade privatizadora que comeza a mostrar a súa face máis virulenta neste centro educativo-asistencial, pero que sabemos ten como obxectivo a destrución do noso sistema público garante de dereitos básicos, e de protección social.

E son, precisamente, os sindicatos os que poden e deben desenvolver a solidariedade de clase con estas compañeiras e compañeiros.

Por Inácio Martínez Orero (CIG), Lupe Cés Riobóo (CIG), Manuel Cendán Dopico (UGT), Alejandro Sevilla Rodríguez (UGT), José M. Martín Rodríguez (CCOO) e Rafael Pillado Lista (CCOO)
_______________________

martes, novembro 09, 2010

Solidariedade da CIG Aministración - Ferrol co persoal do "Terra de Ferrol" - "Souto de Leixa" e alerta sobre a vaga de privatizacións desenvolvidas e na axenda do Partido Popular

A Executiva comarcal de CIG Administración Pública de Ferrol quere mostrar a súa solidariedade e apoio á loita dos traballadores e traballadoras do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol, contra a privatización e pala defensa dos seus postos de traballo.

Tomamos a decisión de enviar aos nosos servizos xurídicos a Orde do día 29 de outubro na que se contrata a xestión da atención residencial e diurna para persoas con discapacidade intelectual. Unha orde de tramitación urxente, con prazos mínimos e sen garantía provisoria, que ten toda a aparencia de encubrir a concesión a unha empresa privada amiga para que faga o negocio co futuro dos nosos discapacitados/as.

Asistimos á apropiación polo empresa privada dun espazo e usos públicos no que o Partido Popular dá un paso cualitativo e pasa a mans privadas a parte asistencial das persoas discapacitadas maiores de 21 anos, e deixa sen ocupación aos empregados/as públicos.

É o mesmo caso que se anuncia para as oficinas do Igape no estranxeiro, cedidas a unha asociación patronal ou, na nosa cidade, as instalacións da casa do Mar, cedidas a unha asociación asistencial.

Estamos diante dunha actitude de eliminación permanente de servizos públicos e de converter a actividade que se estaba a desenvolver desde a Administración nun negocio. Así se fixo co servizo de comedores escolares, despedindo a traballadoras/es eventuais, ofrecendo o negocio a 'catterings' privados e abandonando a poboación escolar de Moeche, As Somozas, Cerdido, Mañón e outros concellos da nasa comarca; negándose a cubrir as demandas dos pais e nais do Colexio Atios de Valdoviño, a pesar de ter un posto de traballo creado e a unha traballadora sen posto asignado, nunha manifestación de malgasto da fondos públicos.

Os traballadores e traballadoras do Terra da Ferrol teñen todos os motivos do mundo para estaren preocupados pola súa estabilidade e o seu futuro laboral, vendo como esta Administración decide trasladar con carácter forzoso ao persoal de cociña saltándose o previsto no Convenio e actuando nos organismos sen ningún ánimo negociador, impoñendo a súa vontade. As consecuencias legais de todo isto veranse no futuro.

O Partido Popular ten atopado a fórmula para desmantelar os servizos públicos, con unha estratexia que desde logo non ten nada de oculta. A paralización de toda a administración autonómica é palpábel, non hai máis que ver o DOG, convertido día a día nun raquítico boletín que volve ter contidos mínimos que non se daban desde os primeiros anos 80, ao principio da autonomía. Logo, cunha hábil campaña a través de algúns medios amigos, minusvalorízase o público e véndese a idea de privatizar. Por último, aparecen empresas xestoras cuxas características e fins podemos ver en sumarios coma o Gürtel.

En Ferrol temos casos escandalosos, como que as persoas que solicitan unha minusvalía teñen que agardar máis de 18 meses para ser atendidas, con só un equipo de valoración para máis de 150.000 persoas (a media son de 6 a 9 meses de espera no resto de Galiza). Hai servizos que non dan chegado á cidade aínda que necesitarían unha dotación mínima. Pola contra, vanse gastar 600,000 € en reformas interiores dun edificio, o da Xunta de Galiza na cidade, que ten menos de dez anos de funcionamento.

Agora cedemos para o negocio privado a atención ás persoas discapacitadas psíquicas. A mentira e o engano preceden tamén a este atropelo. O mesmo Diego Calvo, en entrevista con este sindicato ao principio do seu mandato, asegurábanos que, en todo caso, as privatizacións nunca afectarían a centros e instalacións existentes.

Todo indica que o seguinte obxectivo da especulación vai ser o centro de maiores de Caranza. É necesario, pois, a unidade dentro dos colectivos laborais e ampla difusión entre a cidadanía do que nos estamos a xogar.

Esther Leira Penabad

Secretaria Comarcal de CIG-Administración

09.11.2010

Fonte: Avantar
____________________________

xoves, novembro 04, 2010

Non á privatización do Centro "Souto de Leixa" - Os servizos públicos non deben ser un negocio


No Centro de Educación Especial "Terra de Ferrol" [*], para persoas con discapacidade intelectual e outras discapacidades asociadas, traballan 117 persoas que atenden a máis de 200 alumn@s. Este centro que depende da Consellería de Educación, en Abril de 2009 divideu-se formalmente en dous, constituíndo-se o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade "Souto de Leixa", para atender aos alumn@s maiores de 21 anos, e o CEE "Terra de Ferrol", que vai atender aos menores de 21. Foi en  2005 cando comezaron as obras para dividir o centro e a construción, no mesmo recinto, dun novo edificio que albergaría novas dependencias residenciais,  que posibilitou, en Abril de 2009, a separación física, non orgánica nen xurídica, dos dous centros. Agora a Xunta acordou segregar este último e traspasa-lo a Consellería de Traballo e Benestar, que decide privatizar a súa xestión, anunciado isto en rolda de prensa celebrada o pasado 13 de Outubro deste ano, 15 días antes de saír publicada, no DOG, a resolución.

Un novo centro para asistir a 172 persoas

Nas instalacións do CEE "Terra de Ferrol" seguirán as alumnas e alumnos menores de 21 anos. Máis os alumn@s maiores de 21 anos, pasarán a depender do novo centro -CAPD "Souto de Leixa"- con capacidade para asistir a 172 persoas [25 prazas en réxime residencial para persoas con discapacidade gravemente afectadas, 68 prazas en réxime residencial para persoas con discapacidade con certa autonomía, 47 prazas en centro de día e 32 prazas de centro ocupacional], construído, como xa mencionamos, dentro do recinto do CEE "Terra de Ferrol".

A privatización

Mais a cousa no queda aí, pois a Xunta acordou, na aplicación das políticas neoliberais, privatizar a xestión do novo centro-residencia para atender ás persoas con discapacidade intelectual e outras asociadas que necesiten este servizo público asistencial-ocupacional. Con esta medida a Xunta non só pon en perigo un importante número de postos de traballo, senón que rebaixa a calidade asistencial, tira por terra anos de traballo e ensino, entregando un servizo público moi necesario a unha empresa para que faga negocio coas nosas necesidades asistenciais e protección social ás persoas dependentes.

Un mero negocio

Teoricamente a segregación e a construción dun novo centro residencial-asistencial tería que supoñer unha mellora substancial da capacidade e calidade asistencial, máis coa privatización da xestión, o que tería que ser un avance na protección social dos máis débiles, converte-se nun negocio para unha empresa privada sustentada con diñeiro público, co diñeiro de tod@s nós.

Perdida de postos de traballo

Coa segregación do Centro e a súa privatización, segundo fontes sindicais, o "Terra de Ferrol" só atendería sobre 50 alumn@s, co que a súa plantilla [117 persoas] quedaría moi sobredimensionada, ao pasar a xestión privada, o resto do alumnado maior de 21 anos, que serían atendidos no "Souto de Leixa". Condénase ao paro a máis de 50 persoas e a outras a ser trasladadas despois de máis de 20 ou 30 anos de servizo. E todo isto nunha comarca en declive, cuxa taxa de paro que supera á media estatal.

Uns 6,7 millóns de euros para a xestión privada

Todo isto vai moi acelerado, foi o 13 de Outubro, ainda non hai un mes, cando se soubo da intención da Xunta de privatizar estes servizos, máis sen escoitar nen valorar a opinión das organizacións sociais, sindicais, veciñais,  de familiares de usuari@s e Comité de Empresa. O pasado 29 de Outubro, pasaba á execución do seu acordo, pois o DOG publicaba unha Resolución do 21 de Outubro de 2010, da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se anunciaba a "contratación da xestión, en réxime de concesión, de prazas de atención residencial e atención diúrna para persoas con discapacidade intelectual e/ou outras discapacidades asociadas, no centro de atención á discapacidade Souto de Leixa-Ferrol, polo procedemento aberto e tramitación urxente". O concurso fixa un importe de 6,7 millóns de euros [7.732.061,68 € con IVE] para a xestión privada do centro até o 2013.

As mobilizacións

Unha vez que se soubo da resolución da Xunta de privatizar o novo Centro, as traballadoras e traballadores do CEE "Terra de Ferrol" comezaron as mobilizacións, colocaron varias faixas reivindicativas nas portas do Centro, comezaron a manifestar-se todos os días pola zona da Rotonda de Catabois e Hospital Arquitecto Marcide, solicitaron apoio dos grupos municipais do Concello, desprazáronse a diferentes barrios da Comarca para recabar apoio, e están recollendo sinaturas da cidadanía en apoio as súas reivindicacións e contra a privatización do servizo público. Paralelamente, fixeron chegar información aos grupos parlamentarios e as asembleas da inmensa maioría de Nais e Pais de Usuari@s pronunciaronse contra a privatización.

Peche no Concello de Ferrol

A comunidade educativa e asistencial decidiu comezar hoxe un peche indefinido contra a privatización do "Souto de Leixa", no Pazo Municipal do Concello de Ferrol. Desde Ártabra 21 facemos un chamado á cidadanía para que mostre a súa solidariedade, non só cos trabalhadores e traballadoras, senon como un xeito de mostrar o noso rechazo á privatización dos servizos públicos.

A sospeita

Por outra banda, o escaso prazo de tempo, desde que se publicou no DOG a resolución [29.10.2010] e a data de finalización do prazo [Data e hora 06-11-2010 14:00] para presentar as propostas para facer-se coa concesión, sexa tan escaso, tan só de 8 días, no medio dunha ponte de "defuntos" -Sábado 30, Domingo 31 e Luns 1 de Novembro, fai pensar que este asunto está máis que masticado e que o concurso é un mero trámite e que, na práctica, a concesión xa está adxudicada.

Os servizos públicos non deben ser un negocio. Desde o movimento social, sindical e veciñal, debemos esixir uns servizos públicos de calidade, en contra das privatizacións e en defensa do emprego público.

Desde Ártabra 21 queremos amosar o noso apoio e solidariedade a esta loita.

Enlaces de interese:

Aqui pode-se acceder ao DOG referenciado, ás condicións administrativas e tecnicas esixidas, aos prazos e aos modelos de solicitudes:

http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=15302

Aquí pode-se acceder ao sitio web da CIG-Administración Autonómica con abundante documentación:

http://autonomica.cigadmon.org/sitio2009/

[*] O Centro de Educación Especial "Terra de Ferrol" é o antigo "Carmen Polo" que levaba o nome da muller do ditador e xenocida Francisco Franco, que cambiou de nome en aplicación da Lei da Memoria Histórica. O Centro, foi inaugurado en 1971 e está situado en San Pedro de Leixa, na Rúa Irmandade de Donantes Ferrol Terra, no concello de Ferrol, nas inmediacións do Hospital Arquitecto Marcide.
_____________________