Amosando publicacións coa etiqueta Ortegal di Non. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ortegal di Non. Amosar todas as publicacións

domingo, febreiro 05, 2023

Tiveron lugar en Pontevedra as Xornadas Temos Alternativas: Eólica Así Non ! - Tecer un modelo enerxético alternativo fronte ao espolio da especulación das macro-eléctricas


Xornadas Temos Alternativas

Esta fin de semana tiveron lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra as Xornadas Temos Alternativas organizadas pola Coordinadora Eólica Así Non á que pertence Ortegal di Non.

As xornadas xurdiron para poder reforzar o tecido creado polas plataformas que se están levantando ao longo do territorio galego, como ferramenta e intercambio de coñecementos onde profesionais de distintos ámbitos intentaron dar luz sobre este cambio de modelo enerxético e onde se deron alternativas ao mesmo.

Os 28 poñentes que colaboraron trataron a situación actual enerxética, a eólica mariña e hidroeléctricas, o contexto xurídico-legal, o autoconsumo e comunidades enerxéticas e ata as alternativas enerxéticas no mundo entre outros temas.

O conxunto dos máis de 200 asistentes considera que estas xornadas foron un éxito rotundo e felicitan á organización por un evento tan necesario dado o panorama actual onde as plataformas e asociacións sentimos que a administración favorece os lobis das enerxéticas e o sentimento de indefensión e cada vez máis latente na cidadanía.

Programa das Xornadas | Baixar/Acceder.




Luka, Ortegal di Non

Enviado por:
Ortegal Di Non
-ortegaldinon@gmail.com-
5 de fevereiro de 2023 às 20:52

_______

martes, decembro 14, 2021

A Xunta confirma que o 30% de Galicia quedará afectada polos eólicos


A Xunta confirma que o 30% de Galicia quedará afectada polos eólicos

·  Afectados e afectadas esixen que a moratoria inclúa os centos de proxectos en trámite e non só a solicitudes de 2022

·  A planificación de parques por todo o territorio fará que Galicia perda riqueza natural, económica e mesmo a súa identidade

·  Galicia xa xera enerxía eólica para exportar cos actuais parques


A coordinadora de plataformas  Aldeas Libres de Macroeólicos esixe á Xunta de Galicia que paralice os trámites dos centos de proxectos eólicos solicitados na nosa Comunidade, toda vez que a conselleira de Medioambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, confirmou onte aos medios de comunicación que o 30% do territorio quedará afectado por xeradores de enerxía.

A coordinadora lembra á Xunta de Galicia a súa responsabilidade na protección do patrimonio natural galego e insta a que a moratoria anunciada para 2022 comece neste mesmo intre ata que se elabore un plan de desenvolvemento enerxético equilibrado entre as necesidades enerxéticas e o medioambiente.

Aldeas Libres de Macroeólicos advirte que de continuar o plan sectorial actual a desfeita das nosas paraxes suporá, ademais da perda de riqueza e benestar para os galegos e galegas,  o borrado dunha gran sinal de identidade da nosa Comunidade. Así mesmo sinala que, como a propia conselleira explicou, Galicia se sacrificará para responder ás necesidades enerxéticas de Europa en beneficio das grandes compañías produtoras, xa que actualmente na nosa terra xa se produce máis enerxía da que precisamos e a compensación polos danos das empresas que explotan o territorio é insignificante, máis tendo en conta que os parques construídos hai 15 ou 20 anos amosan que non xeran nin postos de traballo nin dinamizan a zona, senón todo o contrario, levan perda de poboación.

A cidadanía galega esixe que os plans estratéxicos dos Gobernos autonómico e Estatal sexan complementarios para evitar unha sobreexplotación e que se reactive o plan da Rede Natura 2000 de protección dos nosos espazos, xa que Galicia é unha das Comunidades Autónomas con menos das súas paraxes protexidas, motivo polo cal xa recibiu unha multa da Unión Europea e recentemente, este mesmo 2021 un novo apercibimiento do ente internacional.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2021

https://aldeaslibresdemacroeolicos.com

Contacto:
ortegaldinon@gmail.com

Enviado por:
Ortegal Di Non
-ortegaldinon@gmail.com-
12 de dezembro de 2021 13:40

_______

sábado, decembro 11, 2021

Gran participación na mobilización que tivo lugar esta mañá en Ferrol baixo o lema 'Eólica así Non'











Gran participación na mobilización que tivo lugar esta mañá en Ferrol baixo o lema "Eólica así Non"

Facéndoo coincidir co Día das Montañas as distintas plataformas, veciños e asociacións percorreron as rúas ferrolás dende a estación de tren ata o concello, onde os organizadores agardaban cun chocolate quente aos asistentes ao acto.

A morte do rural foi representada nesta andaina, mesturada co son das gaitas e os cánticos dos veciños en protesta por esta inversión eólica.

Unha vez na Praza de Amboaxe pasouse a ler o manifesto e o poema de Darío Xohán Cabana "Venceredes vós".

A continuación facémosvos chegar a nota de prensa oficial da coordinadora "Eólicas así Non".

Atentamente,

Luka, Ortegal di Non

 VID-20211211-WA0038.mp4

 VID-20211211-WA0071.mp4

 VID-20211211-WA0037.mp4


MÁIS DE 5000 PERSOAS SAÍMOS HOXE Á RÚA NA DEFENSA DAS MONTAÑAS GALEGAS FRONTE A INVASIÓN EÓLICA


Galiza, Días da Montañas, a 11 de decembro de 2021


Hoxe sábado, 11 de decembro, Galiza mobilizouse masivamente a prol das montañas e do rural galego e en contra da actual invasión eólica que ameaza o noso territorio. Mais de 5000 persoas participaron nas 22 mobilizacións convocadas en toda Galiza pola coordinadora galega “Eólica Así Non” para este Día mundial das Montañas co gallo de reivindicar diante das administracións públicas a preservación destes ecosistemas fronte a actual vaga eólica, baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”.

Como xa acontecera o pasado 5 de xuño na Praza do Obardoiro de Santiago de Compostela, a resposta da sociedade galega foi contundente. A multitude congredada desta volta en diferentes localidades do país volveu reclamar á Xunta a paralización urxente, real e efectiva dos case 300 parques eólicos que se atopan actualmente en tramitación e que se prevén instalar no noso país. Máis de 170 entidades que fan parte da coordinadora, entre colectivos e plataformas veciñais, de afectados/as, ecoloxistas, culturais, sociais ou políticas, rexeitan a falaz e inútil moratoria anunciada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo, por non ter ningún efecto sobre os actuais proxectos en tramitación e que só pretende confundir a opinión pública e desmobilizar a sociedade. Porén, o goberno da Xunta non conseguiu desmotivarnos. Agora máis que nunca reivindicamos a derrogación do desfasado Plan eólico de Galiza e das “leis de depredación” da Xunta (Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais e Lei de simplificación administrativa) de cara a deseñar unha nova planificación eólica, participada pola sociedade galega, xusta coas persoas e respectuosa co rural e co medio ambiente galego. Doutro xeito, estaríamos deixando en mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio.

Desde a Coordinadora Eolica Así Non entendemos que o éxito desta gran mobilización debe obrigar á Xunta a reconsiderar un cambio no modelo de implantación eólica e, por extensión, un cambio de modelo enerxético, no que se aposte polas enerxías renovábeis, pero non co fin de satisfacer as ansias especulativas do lobby enerxético e á costa de sacrificar o noso territorio, senón pensando no interese xeral. O novo modelo de implantación da enerxía eólica debería estar fundamentado na soberanía enerxética, no fomento do aforro e da eficiencia enerxética, no autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega. Tamén se fixo fincapé sobre o irreparábel impacto que estes preto de 300 proxectos eólicos, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, terían sobre a rede de montañas galegas. Estes ecosistemas, que constitúen o principal obxectivo de ocupación das promotoras eólicas, representan un papel fundamental no desenvolvemento e resiliencia da nosa sociedade. As montañas son a nosa principal fonte de auga e de alimento, son refuxio das especies e hábitats de maior interese para facer fronte ao quecemento global, regulan o clima e controlan a erosión do solo, son paisaxe e reservorios do noso patrimonio cultural,... En definitiva, son unha peza clave para o equilibrio ecolóxico de Galiza, polo que a súa destrución estaría poñendo en risco o noso futuro e o das vindeiras xeracións.

Diversidade de actos na defensa das montañas

Nesta xornada de defensa das montañas, a Coordinadora “Eólica Así Non” convocou a sociedade galega en 22 enclaves xeográficos repartidos nas catro provincias galegas: Bembibre-Val do Dubra, Carral, Coristanco, Ferrol,  Mazaricos (provincia A Coruña);  Antas de Ulla, Becerreá, Chantada, O Courel, Foz, Lugo, Meira, Vilalba (provincia de Lugo); A Lama, Bueu, Cerdedo, Gondomar, Marín, Pontevedra, Vila de Cruces (provincia de Pontevedra); Castro Caldelas e Laza (provincia de Ourense).

Algunhas das consignas máis proclamadas nesta xornada de concentracións foron “Eólicos si, pero non así”, “Montañas sagradas, aldeas habitadas”, “O Capital bótanos do rural”, “Non, non, non a esta invasión; non, non, non á colonización”, “Que nos escoiten, queremos vivo o monte” ou “Non ao espolio do noso Patrimonio”...

A meirande parte dos actos celebrados nesta xornada discorreron en forma de concentración reivindicativa na que se leu o manifesto “Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non”. Porén, nalgúns casos, como o de Bembibre (Val do Dubra), Ferrol, Cerdedo ou Antas de Ulla houbo manifestacións ou percorridos a pé que cortaron o tráfico de varias estradas. Nas mobilizacións convocadas para A Lama, Mazaricos, Marín e Gondomar realizáronse subidas aos montes ou montañas máis emblemáticos destas áreas en cuxos cumios se prodeceu á lectura do manifesto. As mobilizacións máis concorridas foron as de Bembibre (Val Do Dubra), Ferrol, Marín, Gondomar, seguidas de Pontevedra, Lugo, Foz, Vila de Cruces, Cerdedo, Carral e Meira.

En Lugo, Foz e Vilalba os actos estiveron acompañadas polo son das gaitas tradicionais e tamén se  fixeron recitais poéticos, e en Castro Caldelas amenizouse a xornada reivindicativa cunha chocolatada. Na concentración de Becerreá leu o manifesto o veciño da Fonsagrada e protagonista de “O que Arde”, Amador Arias, e en Pontevedra sumouse á mobilización o alcalde da cidade. Na andaina polo monte de Gondomar houbo unha especial presenza dos clubes de montaña. Na península do Morrazo, os actos terán lugar ao longo de toda a xornada, completándose a andaina de pola mañá no concello de Marín, cunha palestra e magosto pola tarde en Bueu. E no concello de Laza celebraranse en sesión de tarde, a partir das 16 horas. A última hora, tívose que desconvocar a concentración en Seoane do Courel por motivos de prevención fronte a incidencia da Covid-19.

Ao longo desta semana tamén amosaron o seu apoio ás mobilizacións convocadas pola Coordinador Eólica Así Non persoas recoñecidas da cultura galega como Miguel de Lira, Xurxo Souto, a Banda da Loba, Adela Figueroa, Lois Pérez ou Benedita Sánchez, entre outras.

Álbum de imaxes:
https://bit.ly/3yl8NT8

Cartaz Mobilización 11D:
https://bit.ly/3IAkERV

Manifesto NA DEFENSA DAS MONTAÑAS. EOLICA ASÍ NON: https://bit.ly/3lOvhXD

Listado colectivos EÓLICA ASÍ NON:
https://bit.ly/3xo57PT

Enviado por:
Ortegal Di Non
-ortegaldinon@gmail.com-
11 de dezembro de 2021 17:05

_______