Amosando publicacións coa etiqueta Pablo Vaamonde. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pablo Vaamonde. Amosar todas as publicacións

mércores, agosto 01, 2012

Outro interesante artigo de Pablo Vaamode "A contrarreforma sanitaria"

A crise económica é utilizada como escusa polo actual goberno (e polas autonomías afíns) para realizar profundos recortes na sanidade pública que están a producir un impacto notable na calidade asistencial e nas condicións laborais dos sanitarios. O obxectivo real non é reducir o gasto público senon conseguir o desvío de parte dos orzamentos cara petos privados. Non tratan de procurar a eficiencia nin de garantir a continuidade do sistema, como afirman de forma enganosa; o que pretenden é crear espazos de negocio que permitan xerar ganancias a expensas do diñeiro público.

Xa decía Naomi Klein (“La doctrina del shock”) que cómpre debuxar escenarios de catástrofe –reais ou imaxinarios- que provoquen o pánico colectivo e que permitan adoptar medidas prexudiciais para amplias maiorías sen que éstas ofrezan resistencia, paralizadas polo temor e a desunión. O medo a un futuro peor e a imposición da política de recortes como única posible produce un efecto anestésico que aborta a reacción popular. O pensamento ultraliberal elaborado en diversas factorías (FMI, Faes, Fundación Idis, Fundación Bamberg etc) e divulgado polos medios de comunicación afíns –a inmensa maioría-, é asumido pola poboación de xeito resignado, como unha verdade absoluta. 

No terreo sanitario presentan un argumentario tan simple como falso. Baséanse en dúas falacias:  que o actual sistema sanitario é insustentable (non é certo: a porcentaxe de PIB adicada á sanidade é das máis baixas do mundo) e que a xestión sanitaria privada é mellor que a pública (hai estudios que certifican o contrario: Sally Ruane, Vicenç Navarro, Sánchez Bayle etc). Afirman que a crise obriga a realizar recortes; por eso cómpre eliminar servizos públicos, reducir o estado de benestar, precarizar o emprego e limitar ao mínimo os dereitos laborais. Estas medidas, aplicadas con dilixencia (e mesmo con crueldade) polo actual goberno non conducen á saída da crise senon ao seu agravamento. Mentres tanto, as quenllas da economía especulativa seguen a engordar os seus patrimonios persoais. 

 

O que precisa a sanidade en momentos de crise non é reducir presupostos, persoal,  servizos e calidade asistencial. Pola contra, deberían reforzar o sistema público -priorizando a Atención Primaria- para garantir unha correcta atención aos sectores sociais máis castigados pola precariedade económica. Pero non é así: hai unha estratexia global que pretende degradar o actual sistema sanitario (recoñecido como ún dos mellores do mundo) para crear espazos de negocio: a privatización do aseguramento, a construcción e xestión dos hospitais, a tecnoloxía sanitaria, os servizos informáticos etc.

O Real Decreto Ley 16/2012, aprobado polo goberno de Rajoy por vía de urxencia, furtando o debate parlamentario, supón un auténtico atentado contra do actual sistema sanitario, unha bomba en plena liña de flotación. De xeito hipócrita sinalan que son medidas urxentes para “garantizar la sostenibilidad del Sistema Nacional de Salud (SNS)”. Trátase de todo o contrario. Ademáis de obrigar ao copagamento nas medicinas e noutras prestacións (próteses, transporte sanitario etc), esta lei introduce cambios que representan unha auténtica contrarreforma sanitaria. Vexamos algúns contidos desta norma.
-A saúde como un dereito dos cidadáns quedou estabelecido na Lei Xeral de Sanidade en 1986. Iniciouse un longo camiño para dar cobertura sanitaria a diversos colectivos daquela desprotexidos, coa pretensión de universalizar a atención sanitaria a todos os habitantes do Estado español. Agora esta lei recupera a figura do “asegurado” que será quen teña dereito aos servizos sanitarios. Deste xeito as persoas que non coticen á Seguridade Social quedarán sen protección. Esto é unha volta ao pasado e significa a perda dun dereito que considerabamos sólido e definitivo. Agora deixan sen cobertura aos inmigrantes sen papeis, o que representa un atentado contra dos dereitos humanos e un serio problema para a saúde pública. Outros colectivos poderán quedar tamén sen dereito á atención sanitaria: os mozos maiores de 26 anos que xa non poden figurar como beneficiarios na tarxeta dos pais, os divorciados/-as que non teñan cotizado etc. 

-Esta lei tamén estabelece tres niveis na carteira de servizos do SNS: básico, suplementario e accesorio. Ata o momento a relación dos servizos asistenciais ofrecidos polo sistema público era única e xeralizada para todo o Estado, sen chanzos diferenciados. Esta nova catalogación vai no camiño de que o sistema público quede, no seu momento, como provisor dos servizos básicos, deixando os outros niveis como optativos para aqueles cidadáns que contraten unha póliza privada para cubrir ditas prestacións. Só lles queda por aprobar a desgravación fiscal dos seguros privados (que reclaman con insistencia as aseguradoras) para redondear o negocio, e para volver á sanidade dualizada (porta para os ricos, porta para os pobres). 
Esta é a sociedade que está a construir este goberno capitaneado por Rajoy. Non é a crise a responsable deste porvir ameazante, son as decisións políticas do grupo gobernante as que nos condenan a este futuro. A ideoloxía ultraliberal e supremacista que inspira estas normas está a provocar o regreso a un pasado que criamos vencido e sen retorno. Haberá que facer todo o posible para desvialos deste camiño.

Pablo Vaamonde: Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||| ||||| ||| || |

martes, xullo 10, 2012

Rajoy e a desigualdade ... por Pablo Vaamonde

As medidas adoptadas polo goberno para afrontar a crise converteron a España no país da eurozona con maiores desigualdades de renda. Así o afirma Fernando Salgado nun artigo (La Voz, 01-07-12): “o custe da recesión recae sobre o lombo dos traballadores asalariados e das capas máis humildes da sociedade”. Somos campións de Europa no fútbol mais tamén somos os primeiros noutra clasificación: España é o país da zona euro con maior distancia entre os máis ricos e os máis pobres, o máis desigual dos 17 países que comparten moeda única.  

Este país está nunha situación económica moi delicada. Con 5.6 millóns de parados e case dous millóns de fogares con todos os seus membros sen traballo as familias teñen que botar man dos aforros para afrontar os gastos correntes: o consumo familiar xa supera, por primeira vez, á renda. Máis dramática é a situación dos mozos: o 52 % dos menores de 25 anos non teñen traballo, a mesma porcentaxe que en Grecia. 

Na vez de mirar para o norte de Europa estamos a seguir a senda de EEUU que ten, segundo Joseph Stiglitz, o nivel de desigualdade máis alta de calquera dos países avanzados. Afirma que na actualidade o soño americano é un mito e “hai unha clara tendencia á concentración de ingresos e riqueza na cima, ao valeiramento das capas medias e a un severo aumento da pobreza”. Recorda que, nos anos 2009 e 2010, o 1% dos estadounidenses con maiores ingresos quedouse co 93% do aumento da renda. Ademáis, durante a recesión, os banqueiros, que arruinaron aos pobres mediante préstamos predatorios e prácticas abusivas e levaron a economía mundial e as propias empresas á ruína, recibiron xenerosas bonificacións. 

Vicenç Navarro entende que cando son os moi ricos os que deciden como se utiliza a riqueza, a sociedade ten  problemas graves, porque non invirten para crear emprego senon para conseguir máis diñeiro, “e como se poden sacar máis cartos das actividades especulativas que das inversións productivas resulta que se crea moi pouco emprego”. Quen debe guiar a utilización da riqueza, evitando os seus usos non sociais, é a cidadanía a través do Estado. Cando o capital estivo regulado e as diferenzas de renda eran menores que agora (1945-1980) o benestar social medrou máis que no período neoliberal (1980-2011), no que o capital puido facer o que quixo. A actual crise é o resultado.
Por eso Stiglitz cuestiona a peculiar “teoría do derramo”, moi extendida nos anos noventa, a cal  defende que enriquecer aos de arriba redunda en beneficio de todos. Segundo esta teoría os bos resultados macroeconómicos favorecen en primeiro lugar aos máis ricos para, posteriormente, ir derramándose ao resto da sociedade. A realidade en América Latina, nos EEUU e agora no sur de Europa demostra ben ás claras que o crecemento económico, por sí só, non mellora as condicións de toda a sociedade senon que mesmo pode afondar nas desigualdades.  

Estas teorías, que son difundidas como verdades científicas, pretenden xustificar o inxustificable: a acumulación obscena da riqueza en poucas mans, a explotación dos traballadores e dos pobres e o saqueo das arcas públicas coa complicidade de certa clase política. Estas aseveracións non son froito da ciencia senon da ideoloxía. O que hai detrás é un xeito de entender a vida, as relacións entre as persoas e organización social. Porque hai unha facción da sociedade situada ideolóxicamente nun momento histórico previo á revolución francesa (“liberté, egalité, fraternité”) que defende a desigualdade dos seres humanos. Teñen nostalxia daqueles tempos en que a sociedade estaba perfectamente clasificada: amos e criados, señores e servos, poderosos e súbditos.
 
Os franquistas Luis Moure Mariño e Gonzalo Fernández de la Mora defenderon a súa posición supremacista, que negaba a igualdade entre as persoas, en dous libros publicados nos anos oitenta (“La desigualdad humana”, “La envidia igualitaria”). Mariano Rajoy (un mozo de trinta anos  que comezaba a súa carreira política) publicou dous artigos en El Faro de Vigo (1983 e 1984), nos que reseñaba eloxiosamente estes textos. Lonxe da ambiguedade na que se instalou máis tarde aquí deixa ben clara a súa interpretación do mundo e revela as liñas mestras do seu ideario. Son as mesmas ideas que inspiran agora a súa actuación política. No primeiro dos artigos o actual presidente do goberno afirma textualmente:

“Este libro constituye una prueba irrefutable de la falsedad de la afirmación de que todos los hombres son iguales (…) La estirpe determina al hombre y es un hecho objetivo que los hijos de ´buena estirpe` superan a los demás (…). La desigualdad natural del hombre viene escrita en el código genético (…). La búsqueda de la desigualdad tiene múltiples manifestaciones: en el ansia de ganar, en la lucha por el poder, en la disputa por la obtención de premios, honores, condecoraciones, títulos nobiliarios (…). Todo ello constituye la demostración matemática de que el hombre no se conforma con su realidad. Es la lucha por desigualarse. Todos los modelos que predican la igualdad (…) son radicalmente contrarios a la esencia misma del hombre, y suprimen el natural instinto a desigualarse, que es el que ha enriquecido al mundo y elevado el nivel de vida de los pueblos (…) La imposición de la igualdad privaría a los más capaces de esa iniciativa más provechosa para todos que la igualdad en la miseria, que es la única que hasta la fecha han logrado imponer”. 

Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña