Amosando publicacións coa etiqueta Pallasos en Rebeldia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pallasos en Rebeldia. Amosar todas as publicacións

domingo, maio 03, 2009

Crónica de Iván Prado viaxando a Palestina: De cando os apelidos son sinónimo de terrorista

Primeira crónica de Pallasos en Rebeldía dende Palestina
CARAVANA A PALESTINA · PALLASOS EN REBELDÍA 2009
Por Iván Prado [*]
30.04.2009

Despois de 12 horas de viaxe, parada incluída en Estambul, chistes, moitas risas, certos nervios e bastantes preguntas chegamos a Tel Aviv, cansos e cheos de sono. Aínda así non perdiamos a alegría, xa que estabamos cerca de Palestina e pronto empezaría a nosa aventura, pero démonos de fuciños contra o valado, non o físico que atravesa Cisxordania ignominiosamente, senón o valado da represión sistematizada, a incompresión e o terrorismo de estado.

No aeroporto de Ben Gurion, deteñen a Laila pola súa ascendencia palestina. O seu apelido fai sospeitar á xudia de cor que se atopa metida nesa garita tuneada coa que xa te humillan nada máis chegar a Isarel. Lévana á parte cando se enteran de que o seu pai naceu en Yenin e a nós déixannos marchar, pero Edu e eu decidimos que un de nós fica na antesala do inferno para non deixar soa a Laila, así que me armo de valentía ignorante e, co meu inglés do Porriño, voume para enriba dun armario con patas e traxe de torturador e pregunto pola miña amiga.

Total, que me quitan o pasaporte e me meten nunha saliña pola que van pasando, como no bar intergaláctico de "La guerra de las galaxias" todo tipo de especímenes, desde mexicanos de camiño a Xerusalén en santa peregrinación ata árabes con pintas de dedicarse ao tráfico de armas e outras especies. Ninguén me explica nada pero eu tamén estou retido, non entendo o dioma do país e non teño papeis. Agora comprendo un chisco máis os africanos que chegan ás nosas costas.

Laila vai entrando e saíndo de varios interrogatorios e de vez en cando déixana vir conmigo, así ata que na quinta visita ao kafkiano aparato sionista, obrígana a abrir o seu correo e descobren ao que realmente vimos, momento no que nos amezan con botarnos do pais e obríganme a entrar na sala de interrogatorios.

Eu canso, farto e de mala hostia, decido que se me van botar polo menos que sexa con clase. Mensaxes e chamadas ao consulado e a Edu, que está fóra esperándonos coas maletas, aos primeiros para pedirlles axuda (cousa que non serviu para nada) e ao segundo para que fuxa e se esconda (cousa que tampouco funcionou porque el decidiu que, se nos botan, solidariamente, regresa con nós).

Total, que entro e decido sentarme nunha cadeira que queda baleira, iso si, está ao fondo e na esquina do cuartucho, cousa que cabrea moito a señora e nun inglés vomitado bótame unha berradura e dime que me arrime, ao que eu lle contesto coa miña estudada frase "sorri ai an non espikin inglis". A señora -de mala hostia- responde que non me preocupe, que ela sabe español, pero eu entendo o contrario e respondo que "eso yes is a problem", e a señora responde que o problem o teño eu e moi big, vamos que Faemino e Cansado estarían felices de copiar estes diálogos.

Logo mándame buscar o billete de volta en papel, cousa moi anticuada porque xa fai tempo que todo isto funciona por Internet. Dígollo e ameaza con botarme do país. Ademais empeza a berrar que non temos billete, e eu a dicirlle que si, que está en Internet, e ela a dicir que non temos billete e que nos bota. Despois dun anaco de ping - pong finalmente mándame mirar o meu correo, así que movo a pantalla para min e a paisana móvea para ela, eu para min ela para ela, e a quinta vez deste valse dos idotas cabréase tanto que nos bota da habitación. Home, era o que faltaba que fora eu abrir alí diante desa represora o meu correo.

Cinco horas despois da nosa chegada, estabamos libres. Isarel é un estado ilegal e ademais maleducado que non entende que as persoas somos seres vivos e non pezas dunha cadea de montaxe. Se chegan a saber que eu me apelido Fernández e que, posiblemente, algún antergo meu lle prendeu lume a algunha casa de xudeos no Medievo español, ao mellor aínda seguiamos alí encerrrados.

Na porta hai un enorme cartel que pon "Welcome a Isarel", e eu penso que deberían engadir: "As autoridades isarelís infroman que ser persoa neste país prexudica seriamente a súa estadía nel".


[*] Iván Prado (Lugo, 1974) saíu da súa cidade natal aos 18 anos para marchar a Cuba. Esa foi a súa primeira gran viaxe e desde entón non parou. Guatemala, Nicaragua, Chiapas ou Palestina son algúns dos lugares polos que pasou tentando poñer unha nota de humor e facendo ver que outro mundo é posible. [En Galiciaé]
_____________________

domingo, xaneiro 04, 2009

Pallasos en Rebeldía no Primeiro Festival Mundial da Digna Rabia

De: comunicacion@coperactiva.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 3 de janeiro de 2009 01:48
Asunto: Primeiras crónicas de Iván Prado dende Chiapas - Pallasos en Rebeldía


Primeiras crónicas de Iván Prado dende Chiapas - Pallasos en Rebeldía
Sábado, 3 de Xaneiro de 2009

Pallasos en Rebeldía no Primeiro Festival Mundial da Digna Rabia

O colectivo galego Pallasos en Rebeldía participa no Primeiro Festival Mundial da Digna Rabia convocado polo EZLN, evento que se está a celebrar en México dende o 26 de decembro ata o 5 de xaneiro. Despois de celebrar os 15 anos de resistencia zapatista, a dita asociación impartirá formación durante dez días a novos equipos de pallasos zapatistas dos municipios do V Caracol, Roberto Barrios e iniciará unha nova xira de actuacións por comunidades zapatistas.

Clica aquí para ler as crónicas enviadas por Iván Prado

www.culturactiva.org
___________________