domingo, maio 03, 2009

Crónica de Iván Prado viaxando a Palestina: De cando os apelidos son sinónimo de terrorista

Primeira crónica de Pallasos en Rebeldía dende Palestina
CARAVANA A PALESTINA · PALLASOS EN REBELDÍA 2009
Por Iván Prado [*]
30.04.2009

Despois de 12 horas de viaxe, parada incluída en Estambul, chistes, moitas risas, certos nervios e bastantes preguntas chegamos a Tel Aviv, cansos e cheos de sono. Aínda así non perdiamos a alegría, xa que estabamos cerca de Palestina e pronto empezaría a nosa aventura, pero démonos de fuciños contra o valado, non o físico que atravesa Cisxordania ignominiosamente, senón o valado da represión sistematizada, a incompresión e o terrorismo de estado.

No aeroporto de Ben Gurion, deteñen a Laila pola súa ascendencia palestina. O seu apelido fai sospeitar á xudia de cor que se atopa metida nesa garita tuneada coa que xa te humillan nada máis chegar a Isarel. Lévana á parte cando se enteran de que o seu pai naceu en Yenin e a nós déixannos marchar, pero Edu e eu decidimos que un de nós fica na antesala do inferno para non deixar soa a Laila, así que me armo de valentía ignorante e, co meu inglés do Porriño, voume para enriba dun armario con patas e traxe de torturador e pregunto pola miña amiga.

Total, que me quitan o pasaporte e me meten nunha saliña pola que van pasando, como no bar intergaláctico de "La guerra de las galaxias" todo tipo de especímenes, desde mexicanos de camiño a Xerusalén en santa peregrinación ata árabes con pintas de dedicarse ao tráfico de armas e outras especies. Ninguén me explica nada pero eu tamén estou retido, non entendo o dioma do país e non teño papeis. Agora comprendo un chisco máis os africanos que chegan ás nosas costas.

Laila vai entrando e saíndo de varios interrogatorios e de vez en cando déixana vir conmigo, así ata que na quinta visita ao kafkiano aparato sionista, obrígana a abrir o seu correo e descobren ao que realmente vimos, momento no que nos amezan con botarnos do pais e obríganme a entrar na sala de interrogatorios.

Eu canso, farto e de mala hostia, decido que se me van botar polo menos que sexa con clase. Mensaxes e chamadas ao consulado e a Edu, que está fóra esperándonos coas maletas, aos primeiros para pedirlles axuda (cousa que non serviu para nada) e ao segundo para que fuxa e se esconda (cousa que tampouco funcionou porque el decidiu que, se nos botan, solidariamente, regresa con nós).

Total, que entro e decido sentarme nunha cadeira que queda baleira, iso si, está ao fondo e na esquina do cuartucho, cousa que cabrea moito a señora e nun inglés vomitado bótame unha berradura e dime que me arrime, ao que eu lle contesto coa miña estudada frase "sorri ai an non espikin inglis". A señora -de mala hostia- responde que non me preocupe, que ela sabe español, pero eu entendo o contrario e respondo que "eso yes is a problem", e a señora responde que o problem o teño eu e moi big, vamos que Faemino e Cansado estarían felices de copiar estes diálogos.

Logo mándame buscar o billete de volta en papel, cousa moi anticuada porque xa fai tempo que todo isto funciona por Internet. Dígollo e ameaza con botarme do país. Ademais empeza a berrar que non temos billete, e eu a dicirlle que si, que está en Internet, e ela a dicir que non temos billete e que nos bota. Despois dun anaco de ping - pong finalmente mándame mirar o meu correo, así que movo a pantalla para min e a paisana móvea para ela, eu para min ela para ela, e a quinta vez deste valse dos idotas cabréase tanto que nos bota da habitación. Home, era o que faltaba que fora eu abrir alí diante desa represora o meu correo.

Cinco horas despois da nosa chegada, estabamos libres. Isarel é un estado ilegal e ademais maleducado que non entende que as persoas somos seres vivos e non pezas dunha cadea de montaxe. Se chegan a saber que eu me apelido Fernández e que, posiblemente, algún antergo meu lle prendeu lume a algunha casa de xudeos no Medievo español, ao mellor aínda seguiamos alí encerrrados.

Na porta hai un enorme cartel que pon "Welcome a Isarel", e eu penso que deberían engadir: "As autoridades isarelís infroman que ser persoa neste país prexudica seriamente a súa estadía nel".


[*] Iván Prado (Lugo, 1974) saíu da súa cidade natal aos 18 anos para marchar a Cuba. Esa foi a súa primeira gran viaxe e desde entón non parou. Guatemala, Nicaragua, Chiapas ou Palestina son algúns dos lugares polos que pasou tentando poñer unha nota de humor e facendo ver que outro mundo é posible. [En Galiciaé]
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon